Manifesto Rebordechao

(Macizo Central)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Dise que tan só quen esconde algo actúa pola “porta de atrás”, ás agachadas, buscando o momento propicio para dar cumprimento a obxectivos escuros, premeditados e que, obviamente, só benefician ao suxeito desta conduta, o cal actúa con “nocturnidade e aleivosía” buscando o ocultarse e a indefensión da vítima. Desta maneira, a citada vítima queda exposta e con moi poucas armas para defenderse. Esta indefensión aprendida lévaa a un comportamento de “non facer nada” e a non responder, nin sequera coas poucas armas que ten ao seu alcance, para así evitar as posibles repercusións desagradables.

ASINA O MANIFESTO -> https://salvemosomacizo.wordpress.com/apoyanos/

Galicia, e en concreto noso rural, sabe moito de indefensión aprendida ao longo da historia: Anos e anos de abandono, de emigración máis necesaria que elixida, de non investimento, de desfeita dos recursos naturais, de minería descontrolada para beneficio duns poucos… E agora, como non!, chegan os “xigantes”, amparados pola descarbonización, por unha transición enerxética inxusta que tingue de “verde” a empresas especuladoras, a antigos e novos lobbies que hai pouco apostaban pola carbonización máis salvaxe, pola explotación dos recursos naturais en aras dun progreso, no cal soamente prosperaban os seus petos.

En menos dun ano Galicia vese exposta a esta praga sen control, traída da man deses “defensores do verde” e ao amparo de gobernos e institucións monicreques, ao servizo deses lobbies.

Desta maneira, con esa “nocturnidade e aleivosía” que trae esta pandemia mundial, na que nos atopamos inmersos, tráennos ás nosas terras aos “xigantes” produtores, segundo eles, de prosperidade para o rural.

A execución do proxecto eólico Rebordechao suporía a destrucción e cambio da paisaxe tal e como a coñecemos. Captura Google Earth

O Macizo central Ourensán non queda á marxe deste espolio sen precedentes. Así é como nesta “febre dos eólicos” aterra, tamén con “nocturnidade e aleivosía”, a compañía norueguesa Statkraft para plantar a súa bandeira no corazón do Macizo Central co proxecto “Rebordechao”, formado por 28 aeroxeradores, cunha potencia de 154 MW en total.

Serra de San Mamede. Rubén Bermejo

Neste megraproxecto están afectados directa e indirectamente os concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro. A afectación deste proxecto aos nosos montes e aos pobos implicados tanto polos accesos, pistas de evacuación, estacións, aeroxeradores… é descomunal. A afectación á biodiversidade da zona, paisaxe, saúde, e mesmo economía, poden verse seriamente danadas.

E o futuro dos nosos montes, do noso rural?… Cal é o noso futuro como pobo?, da nosa xente, da nosa cultura e da nosa paisaxe?…. Quizais nos convertamos, ou xa somos, nunha “zona ou terra de sacrificio”. Non queremos desaparecer nese “progreso verde”, queremos, esiximos futuro… Futuro verde do bo, investimentos sostibles, potenciación do rural, paralización deste proxecto que só traerá destrución e doutros en toda Galicia. Inaplicación dun plan sectorial absoleto que non protexe e déixanos sen ferramentas, ampliación rede natura con criterios realistas e por zonas a protexer en función de intereses ambientais e non como un simple lavado de fronte.

Dicimos NON ao parque eólico de Reboedechau… NON ao de Barxas… NON ao de Prada… Non a Treboada… Non ao de Serra da Groba, nin aos da Costa da Morte, nin ao de Lalín, nin ao de Castro Valente… Non queremos eólicos no Courel… Nin en todas as zonas afectadas de Galicia.

Queremos e esiximos unha transición enerxética xusta. Porque non todo vale.

Renovables si pero non así!

Unha grave ameaza a fauna do Macizo Central Ourensán

A defensa do Macizo Central abrangue unha perspectiva multidisciplinar e xa se torna unha cuestión de saúde medioambiental, que forma parte interactiva da Saúde Global, concepto One Healthunha única saúde-, xunto coa saúde humana e animal. Porén hai que entender a interrelación destas tres saúdes como unha soa para abordar de forma efectiva as ameazas da acción humana nos ecosistemas.

Gran parte da biodiversidade coa perda dos hábitats vese profundamente alterada polas accións humanas. A saúde ambiental reséntese, cambia o clima, altéranse os cursos de auga e a ordenación do territorio coa apertura de pistas, deforestación e alteración dos terreos. A aparición de elementos externos, xerando ruídos, ondas de aire, etc, modifica a orde da natureza provocando por exemplo, cambios nas rutas migratorias de aves, merma de poboacións de insectos autóctonos aparecendo outros que rematan sendo pragas.

Estes “avances” rematan saíndo caros. Ó fin e ó cabo, todos estes cambios afectan ós ecosistemas, alterando a fauna e a flora, xunto cos microorganismos que habitualmente a acompañan deixando ós seres humanos expostos a novas enfermidades, sirva como exemplo a enfermidade do Sars-Covid-19.

Femia de corzo no Macizo Central Ourensán. R. Bermejo

O LIC do Macizo Central abrangue varios concellos nunha extensión nada desprezable de 469.51 quilómetros cadrados, no que se inclúe o Parque Natural do Invernadoiro.

A fauna que nos podemos atopar nesta basta extensión de terreo é moi diversa e polo tanto debería ser tida en conta á hora de alterar o seu entorno cos efectos na súa poboación e por ende na Saúde Pública.

Os artrópodos, no Macizo Central, tamén é o grupo de animais máis numeroso. Os artrópodos resultan imprescindibles para o seu ecosistema non só polo seu efecto polinizador, se non porque eliminan a suciedade transformando a materia orgánica en descomposición en fonte de alimento para eles, son base alimentaria para moitas outras especies como as aves e ademais teñen gran efecto no control de pragas, xa que axudan a controlar a superpoboación doutros artrópodos ademais de contribuír ó desenvolvemento de adaptacións evolutivas.

Temos varios exemplos como son as xoaniñas que se alimentan de pragas nocivas, os carábidos ou escaravellos, predadores comúns de pragas como os ovos de moscas e mosquitos, eirugas controlando tamén malas herbas ó comeren as súas sementes do chan, reducindo así a necesidade de herbicidas. E por suposto as abellas, base das explotacións apícolas nas que se produce o mel, de grande calidade na zoa do Macizo Central.

O gran impacto medioambiental sobre as poboacións de artrópodos xa o estamos vivindo, ben pola instauración de artrópodos non autóctonos que rematan sendo praga (Vespa cabro fronte a Vespa velutina), ben pola redución das poboacións autóctonas beneficiosas (xoaniñas ou vagalumes).

Os anfibios cumpren o seu ciclo ecolóxico vital dende o medio acuático ó terrestre. Debido a estas dúas fases (o estadío larvario, acuático e o estadio adulto, terrestre) son especialmente sensibles ás flutuacións medioambientais. A permeabilidade da súa pel fainos extraordinariamente vulnerables á contaminación do medio ambiente. Os anfibios xogan un papel fundamental no mantemento do equilibrio dos ecosistemas. Aliméntanse de outros animais, insectos maioritariamente, pero tamén algunha especie pode alimentarse de roedores. Forman á súa vez, parte da cadea trófica doutros animais. Os cágados son unha fonte importante de alimento para aves e peixes.

Ra de San Antón no Macizo Central Ourensán. R. Bermejo

A destrución, alteración ou contaminación das zoas húmidas onde medran e viven leva practicamente á desaparición destas especies. Unha ameaza que pese sobre un dos dous hábitats que precisa para vivir trae consecuencias moi graves sobre as súas poboacións. Tamén a introdución de especies invasoras prexudiciais como o cangrexo roxo reduce as poboacións de anfibios, xa moi vulnerables de por sí.

Os réptiles proporcionan unha inmensa variedade de bens ós ecosistemas. Participan da regulación das poboacións de insectos, roedores ou pequenos animais ó alimentarse deles. Forman parte activa da polinización e dispersión de sementes e regulan o solo.

Forman parte da cadea trófica ademais doutras especies predadoras como aves e outros mamíferos.

Os réptiles son particularmente sensibles á degradación dos seus hábitats pola súa baixa capacidade de dispersión, pequenas áreas de territorio que ocupan e as limitacións na súa termorregulación.

As tartarugas autóctonas, por exemplo, a Emys orbicularis ou sapoconcho galego corren un risco elevado, reflexando o alto nivel de ameaza ó que se enfronta a auga doce. En tramos do río Arnoia e algúns humidais veciños existe unha cada vez máis nutrida poboación de sapoconchos, que poden verse afectados.

As aves son unha das pezas claves no mantemento de calquera ecosistema no que habiten. Proporcionan unha chea de beneficios para o entorno, tales como a dispersión de sementes (o gaio común é un especialista) e a polinización. Nesta última labor destaca o abellaruco, ave estival que chega en abril dende África só ó sur e leste da provincia de Ourense (entre Manzaneda e Vilariño de Conso), moi eficiente na polinización dalgunhas especies autóctonas.

Pinzón vulgar no Macizo. R. Bermejo

Outra das funcións de vital importancia nas aves no medio ambiente é a de control de pragas de forma natural. As aves conteñen aspoboacións de posibles vectores de enfermidades ou pragas que afectan a cultivos. As rapaces, miñatos, gabiáns por exemplo, aliméntanse de roedores. Outras, como as andoriñas ou os vencellos, consumen cantidades inxentes de mosquitos, moscas e outros insectos transmisores de enfermidades a plantas, animais e seres humanos. Os carboeiros, por exemplo, actúan como magníficos insecticidas evitando a propagación de certos insectos que asolan cultivos leñosos coma as vides e o cuco controla as pragas de procesionaria comendo as eirugas das bolsas dos piñeiros.

As aves forman parte do acervo cultural da nosa rexión. Están presentes en ditos, refráns e contos que elaboran a nosa identidade e reforzan o sentimento de pertenza a un lugar.

A destrución do seu entorno constitúe unha ameaza ás poboacións de aves autóctonas, que se desprazan a outros lugares, ou, sinxelamente desaparecen. O ruído, a degradación do seu ecosistema, a xeración de correntes artificiais, altera as migracións e o seu asentamento nos territorios afectados. O exceso de ruído, por exemplo, provoca en certas especies de aves un descenso na súa posta xa que a capacidade de comunicación co seu canto entre individuos durante os cortexos vese mermada.

Cabe destacar que recentemente produciuse o avistamento e fotografado do voitre negro, ave de rapina catalogada como especie vulnerable na serra de Camba.

Os mamíferos, como clase alta do reino animal, anque non restando importancia ó resto de clases, fan a labor esencial de control e transformación máis visible do ambiente que os rodea. O herbívoros manteñen a flora autóctona primordial para manter as poboacións de invertebrados e pequenas especies que viven delas, co efecto directo na limpeza e desbroce que fan de xeito natural, tan só alimentándose. Estes herbívoros forman parte indispensable da cadea trófica dos carnívoros. Estes últimos, como o lobo, tan asentado no Macizo, convértense nos gardiáns da biodiversidade do ecosistema.

No último ano, un oso pardo de entre tres e cinco anos deixouse ver no Macizo Central, especie protexida dende o ano 1973 e que nestas montañas sempre tivo unha presenza histórica anque desparecida dende hai moito tempo.

A cascada trófica e os efectos directos e indirectos que ten cada especie son importantísimos. Se os grandes depredadores desaparecen (o lobo, neste caso), os mesodepredadores, como o raposo ou o gato montés aumentan, xa que se reproducen con maior facilidade. Merman as súas presas (coellos, lebres, aves…) que á súa vez farán que artrópodos ou plantas das que se alimentan crezan sen que ninguén as controle. Á súa vez, os herbívoros de gran tamaño como o cervo e o xabaril tamén aumentarán en número, e isto fará que a vexetación diminúa de forma considerable, deixando paso a outras especies “menos comestibles” que colonizan o terreo, provocando cambios na súa composición e facendo os nosos montes, por exemplo, máis sensibles a incendios.

Lobo ibérico. R. Bermejo

A responsabilidade que adquirimos preservando o ecosistema do Macizo Central vai máis aló dunha defensa ecolóxica do Medio Ambiente. Comeza por coñecer as conexións entre flora, fauna e ser humano, a importancia de conservar a saúde medioambiental dun ecosistema e nunha fauna determinados para que non repercuta negativamente na saúde humana.

O esforzo nunha única saúde é necesario e obrigatorio, xa que hai moitos microorganismos que afectan a un mesmo ecosistema que ante calquera desequilibrio supoñen un risco epidemiolóxico como o que agora estamos a sufrir. Débese promover a resposta multisectorial ós perigos que a destrución do medio ambiente, do ecosistema propio dunha zoa determinada ameazan á Saúde Pública.

A preservación do noso entorno danos a capacidade de reducir estes riscos.

Afectación á flora do Macizo Central

Este proxecto afectaría, coa apertura de pistas, liñas de derivación, instalación de plataformas para os muiños, á flora de dous espazos que están recollidos na rede natura, como é o LIC Macizo Central e o LIC Biduiral de Montederramo nos que se poden atopar especies que en maior ou menor media se comparten en toda a serra.

O LIC Macizo Central é un espazo de 46.983 ha. situado en torno ás serras centrais da provincia de Ourense, sendo as de maior relevancia a Serra da Queixa e os Montes do Invernadeiro. Unha parte deste extenso espazo posúe a declaración de Parque Natural, situada na parte Sur do LIC, incluíndo nesta algo máis de 5.000 ha, nomeándose o devandito espazo Parque Natural do Invernadeiro.

O número de Unidades Ambientais delimitadas neste espazo ascende a un total de 30, constituíndo este valor o máximo dentro do grupo de Áreas de Montaña. Destas, os grupos mellor representados son os Bosques naturais e seminaturais, con 7 tipos, destacando a presenza de Bosques de sobreiras e carballos caducifolios, Bosques de aciñeiras, Bosques de acivro. Outros grupos ben representados, con 5 unidades cada un, son os humidais continentais, e os Áreas urbanas e industriais.

Este espazo alberga un total de 30 tipos, dos que 7 son prioritarios (un 23%). Destes, cabe destacar a magnitude do grupo de bosques, que conta con 8 representacións, das que 2 son prioritarias, e entre as que cabe destacar a presenza dos tipos Sobreirais, Aciñeirais, Bosques de Ilex aquifolium e Bosques de ribeira de Salix alba e Populus alba.

Salgueiral no curso alto do Arnoia e o Alto de San Mamede de fondo. R. Bermejo

Outro grupo ben representado é o das Formacións herbosas naturais e seminaturais, que conta cun total de 6 tipos, e entre os que destaca a presenza do hábitat prioritario Formacións herbáceas con Nardus.

Tamén hai que sinalar outros hábitats como son Augas oligotróficas ou mesotróficas, Lagos e charcas distróficos naturais, Queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix, Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis e Turbeiras altas activas.

Entre a flora do LIC Macizo Central cabe sinalar a presenza de 5 taxóns como son Festuca elegans, Festuca summilusitanica ou os narcisos Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis e Narcissus asturiensis.

O LIC Bidueiral de Montederramo sitúase nas abas da Serra de San Mamede, entre os municipios de Montederramo e Vilar de Barrio, comprendendo unha superficie de 1.984 ha, atopándose en contacto co LIC Macizo Central.

No seo do LIC Bidueiral de Montederramo cartografáronse un total de 11 Unidades Ambientais, das que os grupos mellor representados é o Matogueiras e medios rochosos, cun total de 4, e o grupo Bosques naturais e seminaturais, con 3. No que respecta aos hábitats, neste espazo inventariáronse un total de 25 tipos, dos que 5 son prioritarios (un 25%). O grupo mellor representado é o de formacións herbosas naturais e seminaturais, que conta con 6 representacións, 2 destas prioritarias, e dos que é necesario subliñar a presenza do tipo Formacións herbáceas con Nardus.

Outro grupo relevante é o de Hábitats rochosos e covas, con 4 tipos. Outros hábitats sinalados son Queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix e Turbeiras altas activas.

Economía do Macizo Central

En Galicia, a enerxía eólica destaca entre as principais fontes de produción enerxética producíndose un aumento exponencial nos últimos anos ata lograr converter o mapa de Galicia nunha visión exclusiva de aeroxeradores chegando a producir máis enerxía que o consumo de total da Comunidade Autónoma.

Cuantificar o seu impacto económico é crucial, pero existen unha serie de dificultades debidas ao análise diferenciado das actividades permanentes e temporais, entre outros factores.

Durante as actividades temporais, a chegada destes proxectos implica un movemento constante de persoas proceso que require de recursos humanos directos e que detona a demanda de servizos, aloxamento, alimentos e a distribución de materiais a nivel rexional. Pero tamén teñen o seu efecto negativo xa que impedirá ou limitará, as accións turísticas, manter vivo o Camiño de Santiago, a produción de materias de primeira necesidade tanto para consumo propio como para a súa venda, como pode ser a plantación e recollida de todo tipo de vexetais, destacando por exemplo, a recolección da castaña, gran fonte de ingresos da comarca. Actualmente tamén están en pleno auxe as granxas de vacún e ovino. Todo isto verase afectado en gran medida polos traballos de instalación, coa apertura de camiños e gabias, os tendidos da liña de alta tensión, a cimentación das bases dos aeroxeradores, etc.

Macizo Central.

Durante as actividades permanentes, vámonos atopar coa prohibición de uso de todas aquelas propiedades, situadas dentro da área de influencia do muíños, dos camiños de acceso, do soterrado das liñas de evacuación da enerxía producida e da liña de alta tensión. O único permitido será o pastoreo, iso sí, tendo en conta que a maioría da zona estará asfaltada.

Por outra banda, brillan pola súa ausencia accións sociais, educativas, económicas, deportivas e culturais nas que deberían traballar as empresas que constrúen e operan plantas eólicas. Clara sinal da merma, por eles prevista ,da calidade económica e de vida deixando a toda a zona con poucas esperanzas de ingresos para a súa subsistencia.

Estudos recentes levados a cabo en Europa e en Norte América demostran un impacto negativo tamén no valor das propiedades que están dentro da zona de influencia dos parques eólicos. Partindo dunha devaluación do 10% para as propiedades máis alonxadas, este porcentaxe vaise incrementando a un ritmo dun 0.5 % según nos acercamos quilómetro a quilómetro ao parque.

O único ingreso reseñable e a parte do canon enerxético pero que non revertirá nos veciños xa que este canon corresponde proporcionalmente aos concellos efectados polo parque eólico.

Sí queda plenamente demostrado, según as estadísticas relacionadas con outros parques eólicos dentro de Galicia, o avance da despoboación pola falla de oportunidades laborais xa que todo o emprego relacionado coa natureza, ben de forma directa ou indirecta, acaba sendo practicamente inexistente.

Patrimonio Cultural Afectado

Todo o Macizo Central ten un rico patrimonio cultural, arqueolóxico e etnográfico, que debido á pouca presión urbanística e ao illamento secular da alta montaña, está moi ben conservado, fosilizado nas mesmas condicións, agás o paso do tempo, que cando se creou pola actividade humana. Pero ao mesmo tempo, e polas mesmas causas, é un patrimonio invisibilizado, moi pouco estudado e case todo sen catalogar oficialmente.

Polo tanto, o impacto de grandes obras, coma os parques eólicos sobre este territorio, é moi negativo, porque se destruirían moitos elementos etnográficos e xacementos arqueolóxicos que ainda están por investigar. Destruiríase a evidencia principal deses elementos arqueolóxicos, o subsolo, que ademáis sería unha destrucción irreversible para o futuro estudo da serra e da historia de Galicia.

Macizo Central.

Os eixos principais do patrimonio cultural no Macizo Central, son no eido arqueolóxico, as mámoas, datadas no neolítico, e a abundantísima minería antiga, romana e/ou anterior; e no eido etnográfico-antropolóxico, a preservación da memoria oral, a riqueza da microtoponimia e os elementos etnográficos construidos, produto do tránsito secular pola serra e a explotación extensiva de gandeiría bovina e caprina: camiños, curros, cabanas e refuxios de pastores, “estantes”, malladas, sesteiras, foxos de lobo, albarizas…

Cinguíndonos ao espazo que ocuparía o PE Rebordechao, só existen tres xacementos arqueolóxicos catalogados oficialmente na Xunta de Galicia:

-O xacemento medieval en torno á capela de San Mamede, no cumio da serra de San Mamede (Rebordechao-Vilar de Barrio).
-A estación de Arte Rupestre das Pisadiñas, no monte Lastredo de Laza, formada por sete rochas con petróglifos.
-A mina romana de ouro “Regueiro da Boca”, tamén no monte Lastredo de Laza, en torno ao canón da Armada.

Os dous xacementos de Laza estarían directamente afectados pola implantación dos aeroxeradores do PE Rebordechao, con destrucción da mina romana de ouro, e unha altísima afección e destrucción dos niveis arqueolóxicos do subsolo en torno aos petroglifos e a mina, que se proxectan a poucos metros das rochas con gravados.

Montes de Rebordechao. R. Bermejo

Ademáis existen na zona outros elementos de arqueoloxía industrial, como son todas as infraestructuras e historias da construcción do ferrocarril a principios do S. XX, as historias e evidencias da implantación da guerrilla antifranquista na zona, e moitísimos elementos etnográficos sen catalogar que coñecemos, producto da explotación secular gandeira, en todo o territorio ocupado polo PE Rebordechao.

O parque eólico tamén tería un impacto visual e sonoro inasumibles, sobre o rico turismo cultural, cada vez máis en alza: o paso do Camiño de Santiago “Ruta da Prata” por todo o Val de Laza e a celebración anual do valorado e catalogado Entroido de Laza.

Eólicos e saúde

Di Pablo Lobera no número 64 da revista CERNA: “Ter paisaxe é un dos compoñentes básicos da saúde, e necesitamos paisaxe aínda que só sexa unha árbore nun patio dun colexio”.

Na mesma liña José Antonio Corraliza, catedrático de Psicoloxía Ambiental da Universidade Autónoma de Madrid, define a natureza como axente antiestresor. De tal maneira, seguindo a Corraliza, existiría unha correlación entre vivir na natureza e a capacidade para afrontar unha situación estresante.

Para empezar, partimos da base dos beneficios da natureza e a paisaxe e as súas repercusións positivas sobre a saúde. A pregunta que se nos expón é que pasa cando esa contorna natural desaparece?, aínda que non nos imos a deter aquí nos múltiples estudos sobre o tema, o que si é certo é que a poboación dunha contorna rural , veríase, como pouco, sometida a un axente estresante no que a paisaxe refírese.

Se ademais desta paisaxe na mencionada contorna rural introducimos un axente contaminante, como a contaminación acústica producida por un aeroxerador eólico, as posibilidades de xerar unha resposta desadaptativa e desaxustada nas persoas expostas ao ruído incrementaríanse notablemente.

Vista desde o Macizo Central.

Non imos realizar neste apartado unha exposición longa nin unha tese, soamente basearémonos nalgúns estudos dos moitos que existen que demostran como a modificación da contorna natural combinada cunha contaminación acústica producida por instalacións eólicas, pode estar relacionada con respostas de estrés na base algunhas patoloxías.

Segundo unha investigación do Instituto de Adelaida para a saúde do soño, publicada en Journal of sleep research, conclúe que o ruído emitido por estes aeroxeradores é un ruído a baixa frecuencia que afectaría as fases do soño.

María José Aguilar García e colaboradores, do Máster de enxeñería da Universidade de Oviedo, nas súas conclusións comentan como durante o día a turbina eólica produce molestias e durante a noite a alteración do soño. Isto puidese estar detrás de enfermidades relacionadas coa estrés, con repercusións na aprendizaxe e o rendemento ou efectos sobre a presión arterial.

Seguindo con outras investigacións, Serafín Sánchez do Hospital universitario de Sevilla, afirma como o ruído a baixa frecuencia afectaría a fase REM do soño, imprescindible para ter un soño reparador. Así mesmo comenta a necesidade de vivir en ambientes nos cales o ruído non supere os 30 db para ter un descanso óptimo. A turbina dun aeroxerador alcanza un valor de 40 decibeis, isto multiplicado polo número de aeroxeradores… Non é moi difícil sacar conclusións respecto diso.

Segundo o laboratorio nacional dos Álamos e Sandía National laboratories, de Estados Unidos, os ruídos a baixa frecuencia pódense detectar a decenas de quilómetros (90) cando se dan as condicións atmosféricas adecuadas.

Quizais poderíamos seguir durante moito tempo expoñendo as repercusións sobre a saúde física e mental derivadas de instalacións eólicas, pero esta breve descrición puidese valer para que, polo menos, saibamos de verdade que estes parques en ambientes naturais non son inocuos para o ser humano, e logo decidamos se queremos, a pesar de todo, sacrificar a nosa saúde.

Por último lembrar o que a lexislación di respecto da contaminación acústica:

A contaminación acústica tratada no informe de 2005 do Defensor do Pobo é a do ruído excesivo, considerado como unha agresión continuada á calidade da vida, un dos conceptos centrais do dereito ao ambiente adecuado que proclama o artigo 45 da Constitución e principal obxetivo da poboación. Neste informe atribúese ao ruído insalubre e daniño molestias e enfermidades, e considérao como fonte frecuente de inxustiza, porque quen o produce non ten ningún dereito para producilo nin a beneficiarse á conta do padecimiento dos demais.

SALVEMOS O TÁMEGA. ADEGA – MONTERREI.
Xosé Manuel Romero | Enxeñeiro técnico agrícola. Rubén Bermejo | Guía de natureza. Maio de 2021. 

Deixe um comentário

Deixe um comentário