Memoria discreta: en Neda discuten se retirar ou non a cruz
Unha comisión municipal estuda que facer co memorial franquista, levantado a principios dos cincuenta e no que aínda se ven flores de cando en cando.
Redacción adiante | Neda, 14 de agosto. Ás veces aparecen flores ao pé da cruz dos caídos en Neda. A cruz de cemento cunha mordida do tempo porque todo se esfarela. A cruz que se eleva sobre un cenotafio a modo de arca cunha exclamación marcial, “Presentes”, gravada entre dúas datas, o 18 de xullo e o 1 de abril. Do 36 ao 39. A infamia que perpetúa a cruz, que honra o primeiro a José Antonio, en grandes caracteres, e máis pequenos, a trinta e un nomes, os caídos de Neda. Algún deles aínda recibe flores sesenta e pico anos despois de que se levantara o memorial na estrada que conduce a Ferrol, a prolongación do que foi a Avenida General Mola, orientado ao oeste, cara o sol, e como marco, ás costas, a ría.
Hoxe loce menos a cruz, desgastada e desenfocada entre as árbores do xardín do Coto e as casas que non deixan ver a ría. A mesma ría que se atravesa aínda hoxe seguindo a estrada pola ponte do Xubia. O camiño doutros caídos, dos silenciados. Mil vítimas da represión, a cifra que veñen de establecer os historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez en Ferrolterra. Convocado o primeiro polo goberno municipal de Neda para unha comisión que determinará que facer con esa cruz na que aínda hoxe aparecen flores, malia o tempo, o desgaste e unhas pintadas na base: “Fóra!” e “Antifascista”, que reclaman outra memoria.
O historiador rescata do BOE un decreto do 1 de abril de 1940, un ano despois da Victoria fascista no que se define como ha ser o monumento dos monumentos, en Cuelgamuros (Madrid), o que se discute estes días no Estado e por iso volvemos mirar para as cruces franquistas no país.
“La dimensión de nuestra Cruzada, los heroicos sacrificios que la victoria encierra y la trascendencia que ha tenido para el futuro de España esta epopeya, no pueden quedar perpetuados por los sencillos monumentos con los que suelen conmemorarse en villas y ciudades los hechos salientes de nuestra Historia y los episodios glorios de sus hijos”, comeza o decreto do 1-IV.
Perpetuar, velaí a cousa. Gravar con sangue na memoria colectiva e gravar na pedra que todo o resiste. Por iso a outra memoria, a dos silenciados, ten aínda tan difícil espertar. En Neda, por exemplo, a memoria é tan discreta que non se coñecen as filiacións todas dos 31 nomes que alí se honran, ademais das honras a José Antonio e por elipse ao Caudillo. E hai quen opina que non todos os mortos alí homenaxeados eran franquistas e por iso o memorial poderíase reconverter.
“A miña recomendación é converter a base nun monumento á concordia, poñendo por orde alfabética a lista de vítimas mortais nedense de 1936 en diante, partido entre outras cousas de que moitos dos mortos ‘Por Dios y por España’ eran soldados de reemplazo e entre eles varios afiliados a organizacións de esquerdas”, sinala Bernardo Máiz, quen indica que a cruz foi levantada entre o 52 e o 53.
“A historia da cruz está en estudo na comisión”, explica Ana Rosa Pena, concelleira do PSOE en Neda, que esta mañá de agosto substitúe ao alcalde. “Parece que entre os nomes tamén hai republicanos, o que lle daría un carácter algo distinto a esta cruz”, di, e apunta que a Lei de Memoria Histórica obriga a derruír os monumentos que construíron coa súas propias mans os represaliados, “e este parece que non é o caso”.
Ana Rosa Pena, bisneta de republicanos, pensa que os traballos da comisión conducirán a un memorial á concordia, segundo a idea de Máiz, mais ela é partidaria de eliminar a cruz… ou non, segundo se poñan as cousas porque en Neda a memoria quere ser discreta.
“Eu teño un bisavó na fosa común de Serantes. Son partidaria da concordia, pero sen esquecemento. Non pedín que o sacaran porque penso que está cos seus… non sería o mesmo se estivera no Valle de los Caídos, claro. Persoalmente prefiro que se retire a cruz, non me molesta se aquilo recoñece a todas as vítimas, pero penso que hai outros símbolos por riba da cruz que representarían mellor esa idea. Agora, se retirar a cruz vai xerar un conflito, pois tampouco pasaría nada, porque en Neda ese monumento tomouse como algo propio e mesmo hai xente de ideas socialistas ou republicanas que o respecta”, di Pena.
A comisión naceu en abril do ano pasado, de todas as asociacións convidadas, só as asociacións de veciños do Roxal e a de Ancos acudiron a convocatoria. Outra historiadora, Manuela Santalla foi proposta. Os traballos comezaron xa a finais de ano. E en maio pasado, tomáronse algúns acordos: substituír tres placas que conservan os nomes de rúas cambiados xa antes da entrada en vigor da Lei da Memoria, e iniciar a sensibilización e divulgación da historia local.
“Nin é un monumento relixioso nin un cruceiro nin ten valor artístico algún”, di a concelleira nacionalista, Cristina Bouza (BNG), responsábel de cultura no goberno municipal. “Pode ser que cando se retire, se abran algunhas feridas e haxa certo debate na vila, pero nós estamos por tirar a cruz e eliminar todo e substituílo, si, por un memorial á concordia. Claro que hai outras opcións, unha é deixar todo como está e cambiar só a placa para incluír aos mortos dos dous bandos… Veremos”.
No decreto do 1 de abril de 1940, o que se prescribe é outra cousa: un desafío a tempo e ao esquecemento: “Es necesario que las piedras que se levanten tengan la grandeza de los monumentos antiguos, que desafíen al tiempo y al olvido, y que constituyan lugar de meditación y de reposo en que las generaciones futuras rindan triubuto de admiración a los que les legaron una España mejor”.
O incipiente Estado fascista construíu con paciencia os seus símbolos. Refire Máiz dous decretos anteriores, un de 1938 polo que se crea “unha comisión de estilo para os monumentos da Patria, cun estilo moi influído polos monumentos fascistas e nazis”, e outro de novembro de 1939 que recomenda colocar as listas de caídos ‘Por Dios y por España’ nos muros das igrexas e no que se volve subliñar a unidade de estilo das cruces dos caídos. Despois veu o decreto para Cuelgamuros, o Valle de los Caídos, no que oitenta anos despois e unha Lei de Memoria discreta polo medio, o Estado democrático, o novo goberno socialista, vai con tento. Como non ir co mesmo coidado en Neda, onde de cando en cando alguén deixa flores aos mortos?
“En Neda a cousa vai adiante, haberá reticencias. E noutros concellos, depende sempre da cor do goberno, poden ir máis ou menos lentas as cousas… pero en Neda non hai nada artístico nin relixioso que conservar, como din que pasa noutros sitios. En Neda é escandaloso que a día de hoxe iso continúe en pé”, di a concelleira nacionalista de cultura, que comprende o significado do desafío “al tiempo y al olvido” do decreto de 1940 e a capacidade das leis para perpetuar unha memoria contra outra.
#memoria
Memoria imposta: a cruz do Castro en Vigo
Memoria indecisa: cruces franquistas de quita e pon
Memoria Histórica, nin está nin se lle espera
outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Precariedade institucionalizada nas bibliotecas públicas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas