"Juan Carlos I nunca condenou o franquismo"

ENTREVISTA | CARLOS BABÍO

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 3 de decembro. A imaxe que encabeza esta peza está tomada nalgún punto da ruta entre Santiago de Compostela e Meirás que transitou Franco a mañá do 5 de decembro de 1938. Está tirada desde un dos coches que facía parte da comitiva do Caudillo. Ese medo durou máis de corenta anos. E nos ollos de moitos dos nenos daqueles días aínda segue.

No cronograma que hai ano e medio empezaran a debuxar Carlos Babío e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) a data do 5 de decembro de 2018, mañá, era un punto de chegada, case a meta. Hai 80 anos que Franco recibiu o Pazo. E este martes celebrarase na Coruña un acto reivindicando a devolución do Pazo ao patrimonio público. Non será o acto que soñaba Babío, as institucións públicas galegas, os partidos parlamentarios todos, molláronse na reclamación pero hai meses que deixaron calquera iniciativa nas mans dun goberno socialista en Madrid que vai perdendo empuxe. O acto de hoxe será un punto de chegada, pero a meta aínda non se ve.

“Cuando llegó al Puente del Pasaje para dirigirse de nuevo hacia el Pazo se encontró allí con una enorme multitud que le había preparado un apoteósico recibimiento. La Coruña entera se había volcado en algún lugar. Millares de personas transportadas en autocares, tranvías y turismo le esperaban impacientemente toda la mañana” (La Voz de Galicia, 6 de decembro de 1938). “Cuando el Caudillo llegó por fin a posesionarse del Pazo, todo el vecindario de la comarca, incluidos mujeres y niños, fue obligado a hacer acto de presencia. Para que el recibimiento destacase por su ‘emoción y entusiasmo’ cada manifestante había de portar un cestillo con flores en señal de saludo y ofrenda” (Nuestra Bandera, 31 de xullo de 1943). As dúas citas aparecen na mesma páxina do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio que Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo publicaron a finais do ano pasado coa intención de contrarrestar o relato oficial sobre o que aconteceu no Pazo, un relato que como ese medo nos ollos daqueles nenos aínda está vivo.

Como está resultando o libro? Vai callando ese novo relato: o do espolio?

Penso que si. Mais curiosamente temos máis audiencia a través medios de fóra do país que de medios de aquí. Por exemplo, acabamos de gravar un programa para a TV3, a canle pública catalana, na que Manuel Pérez xa estivo en directo, tamén en Catalunya Radio. Pero aquí… aínda estamos esperando que a TVG lle dedique un segundo ao libro. Nin un segundo… cando se lle fixo unha entrevista a finais do verán ao presidente da Fundación Franco. É o mundo ao revés, non? A televisión pública galega dálle voz aos herdeiros dos verdugos mentres amordaza ás vítimas. Hai certas elites que veñen do franquismo que teñen interese en que non se coñeza o que realmente pasou en Meirás, que é un símbolo doutros moitos espolios.

Como se explica ese silencio? Que cousas hai no libro que segue molestando que se saiban?

Una das cousas que están no libro, e que penso que se acreditan de xeito claro, é a vinculación de certas elites coruñesas con Franco. E parte da elite actual da cidade son os herdeiros daquelas. O caso máis notábel é Barrié de la Maza… Despois está todo o que aconteceu nos primeiros anos da nova democracia. Realmente, en Meirás non houbo transición. Vivíase nunha normalidade franquista. É un escándalo que aquel espazo se vinculara á memoria do réxime franquista, a glorificalo e elevando a rango de nobreza aos herdeiros do ditador. Interiorizamos aquilo como normal. Chama a atención que cousas coma estas non saían nos medios e se condenen.

Preparan un novo libro que sumará novas evidencias desa continuidade franquista en Meirás. Seguen investigando?

Desde que presentamos o libro hai xusto un ano, non deixamos de investigar e atopar nova documentación. E trátase nalgúns casos de documentos relevantes para apoiar esa acción xurídica que desde a Deputación da Coruña e desde o Parlamento de Galiza se vén reclamando por parte do Estado en canto ao uso de Meirás como residencia do Xefe do Estado. Tamén tentaremos ofrecer unha visión máis precisa do que pasou en Meirás durante a transición, como se mantivo esa normalidade franquista.

Realmente, en Meirás non houbo transición. Vivíase nunha normalidade franquista. É un escándalo que aquel espazo se vinculara á memoria do réxime franquista, a glorificalo e elevando a rango de nobreza aos herdeiros do ditador.

Como foi esa transición en Meirás?

No 74 Franco sofre unha tromboflebite e Juan Carlos de Borbón é, interinamente, o Xefe do Estado. Hai un Consello de Ministros en Meirás. Juan Carlos volve a Mallorca e, aos dous días, recibe unha chamada de Franco dicíndolle que xa se atopa mellor e volve asumir a Xefatura do Estado. E non a soltará até outubro de 1975. Dous días despois de morrer Franco, Juan Carlos é nomeado rei, e creará a Casa Real, liquidando a Casa Civil, a Militar e a Casa do Príncipe, subrogando ao persoal e os bens na nova casa. Hai unha continuidade, pero é difícil sinalar o que realmente acontece porque toda esa información está clasificada. Non é accesíbel. A democracia española ten baixo chave eses documentos. Os Franco, até o mesmo día da morte de Franco, tiñan persoal ao seu servizo en Meirás e ese persoal cobraba do Estado. Despois da morte de Franco, parte dese persoal seguiu en nómina… non sabemos que organismo do Estado lles pagaba. Entendo que sería a Casa Real, que tería mantido os privilexios da familia Franco.

Cal é a relación de Juan Carlos co Pazo?

O mesmo verán no que foi designado sucesor, en 1969, o daquela príncipe xa pasa uns días en Meirás acompañando a Franco. Despois, volve cada verán, no 70, no 71, no 72, no 73, no 74… até que morre Franco. Alí presidiu aquel Consello de Ministros do 74. En plena ditadura. Estivo no consello que se celebra no verán do 75 é no que se aproba o decreto lei que dá carta de natureza aos últimos fusilamentos do Réxime. Aquel verán Juan Carlos foi a Meirás dúas veces. A primeira, a de costume; a segunda, coincidindo coa crise diplomática que produciu o anuncio dos fusilamentos.

Cal é a relación da Casa Real e do Estado español con Meirás a partir da morte de Franco?

Digamos que, como mínimo, a relación é de cordialidade. A parte desas distincións de Señora de Meirás á viúva “do anterior Xefe de Estado”, nin sequera lle dicían ditador… e para a filla, o Ducado de Franco. Ambas co rango de nobreza de España. En 1976, o primeiro verán sen Franco en Meirás, Juan Carlos vén a Galiza presidir os actos do Apóstolo e despois dos actos viaxa en helicóptero a Meirás pasar a tarde presentando os seus respectos á señora. Despois seguiu estando presente en diferentes eventos cos Franco con absoluta normalidade. Non foi até moito máis tarde cando o rei empezou a afastarse da familia Franco. Pero Juan Carlos I nunca condenou o franquismo. É máis, falou de Franco e do franquismo como unha etapa positiva. O Estado, porque non podemos dicir se pagaba a Casa Real ou quen pagaba, mantivo en Meirás dous gardas civís até ben entrados os anos oitenta. E vivían en dúas casas que procedían do espolio, adquiridas, como todas as propiedades de Meirás, de forma irregular. A Comandancia da Garda Civil da Coruña mantivo un destacamento no Pazo que se foi reducindo. No ano 76 e no 77 están presentes todas as autoridades civís, eclesiásticas e militares na recepción a Carmen Polo no inicio das súas vacacións. E por suposto as elites seguían visitando Meirás. Por iso digo que a transición non se nota en Meirás. A partir de 1978, despois do incendio no Pazo, eses recibimentos vanse celebrar na Casa Cornide da Coruña.

Juan Carlos creará a Casa Real, liquidando a Casa Civil, a Militar e a Casa do Príncipe, subrogando ao persoal e os bens na nova casa. Hai unha continuidade, pero é difícil sinalar o que realmente acontece porque toda esa información está clasificada. A democracia española ten baixo chave eses documentos.

Carlos Babío, en Sada, o pasado verán.

Que foi a transición?

Un pacto entre as elites do réxime franquista coa esquerda española para reformar determinadas estruturas do réxime e converter ao Estado español nunha democracia homologábel en Europa. Pero iso fíxose mantendo os privilexios daquelas elites. O PSOE e o PCE naquela altura decidiron que non había correlación de forzas para ir cara unha ruptura e pactaron e as elites continuaron asentadas.

E que nos ensina Meirás da transición?

Pois naqueles anos Meirás ía nun camiño inverso. Carmen Polo quedou coa propiedade. O propio Xefe do Estado, o rei, íalle render visita. A versión da transición en Meirás non é a dos Pactos da Moncloa. Alí non muda nada. Hai un tardofranquista como Ramón Rodríguez Ares, o alcalde de Sada, que até o 2003 mantivo unha foto de Franco no seu despacho, no despacho da alcaldía.

En Meirás o inmediato é pedirlles contas aos Franco, pero deberían esas elites render contas por todos os espolios e negocios que fixeron en torno a Meirás?

Ese é un debate interesante, que grao de responsabilidade teñen esas elites e onde está o punto para que se cumpran as demandas de xustiza, verdade e reparación. Pero estamos moi lonxe dese debate. Polo de agora do que se trata é de afondar no coñecemento do que pasou e ver en que medida a xustiza pode utilizarse para rachar coa impunidade. Hai unha resistencia tremenda para que se dean pasos no coñecemento da verdade.

Hai risco de que a verdade se deteña na recuperación de Meirás? Sería una solución: devolven o Pazo e a reparación é completa?

Meirás foi aproveitado polas elites para ir asentándose como elites na sociedade que nacía co franquismo. Coñecendo todo o proceso de Meirás, podemos coñecer en certa medida todo o que representou o franquismo. A demanda do ben espoliado é o principal obxectivo. Pero vai máis alá: tamén coñecermos que tipo de sociedade existía. A corrupción que rodeaba o franquismo, por exemplo, para combater outro relato que tamén chegou até hoxe, o da austeridade de Franco. Desde a perspectiva de Meirás pódense analizar todos os tráficos de influencias.

No libro sosteñen a tese de que todo o asunto de Meirás se levou adiante para que determinadas persoas obtiveran beneficios. Cumpriron o obxectivo? Quen foron esas persoas?

Meirás non se entende sen personaxes como Pedro Barrié de la Maza. É quen urdiu a maneira de converter o que se chamou unha doazón nun ben privado. A doazón suporía uso do ben, pero non a súa propiedade. Barrié encargouse de iso. Recibiu todo tipo de favores. Franco dicía que a guerra fixera máis ricos aos ricos. Barrié tiña acceso libre a Meirás e despachaba calquera asunto do seu interese privado. Viviu até comezos dos setenta e beneficiouse todos eses anos. Outros personaxes, como Alfonso Molina, puideron ter chegado ao nivel de Barrié de ter vivido máis anos. Despois hai outros como Emilio Rey, da familia dos propietarios de La Voz de Galicia, que compartían ceas cos Franco e con Barrié. Armando Casteleiro recibiu a concesión no ano 41 do que hoxe a Solana para facer unha piscina. O seu irmán fora un dos membros da Junta Pro Pazo del Caudillo. Barrié e Emilio Rey recibiron concesións tamén neses terreos.

Fóra do que son as elites, aínda hai resistencia cando alguén pon en cuestión o franquismo?

Na Coruña e en Sada hai moita xente que viviu do franquismo, claro. Meirás xeraba moito movemento. Había xente en nómina da propia parroquia de Meirás para prestar servizo no Pazo. Persoal do Concello da Coruña facía horas extras en Meirás que llas pagaba o propio Concello. Hai xente moi agradecida a Franco, si.

Ese é un debate interesante, que grao de responsabilidade teñen esas elites e onde está o punto para que se cumpran as demandas de xustiza, verdade e reparación. Pero estamos moi lonxe dese debate.

Marcha a Meirás a principios de novembro.

Até cando se mantivo esa ‘normalidade franquista’ en Meirás?

A Fundación Franco creouse no 76, cando aínda nin existía a lei de fundacións. Hoxe a Fundación Franco ten a xestión de Meirás… A Fundación vén daquel contexto no que o rei estaba ennobrecendo aos Franco. Hai vodas no Pazo con autoridades civís e militares. Hai unha continuidade. As elites mantiveron as súas posicións tamén nos planos político e social. E cando pasaron cousas como que alguén como Domingos Merino chegara a alcaldía na Coruña, as elites tiñan os seus mecanismos para solucionalas.

Logo, moito non se avanzou?

Non, non… avanzouse un mundo. Por que? Porque avanzamos na verdade: agora sabemos como Meirás chegou ás mans dos Franco, como o usaron, como se apropiaron do Pazo e como a transición blindou o franquismo. Temos unha visión clara do que aconteceu e podemos facer unha análise correcta. Ademais, derivado do anterior, hai un clamor social pola devolución do Pazo. E conseguiuse que iso chegara a axenda das administracións públicas, primeiro á Deputación da Coruña e despois ao Parlamento. Deuse o salto ás institucións e por iso o asunto está na mesa do Goberno do Estado. Non se entende a demora en tomar a iniciativa que se lle pide e iniciar a demanda civil para a devolución do Pazo.

E se o Goberno do Estado non o fai?

Queda a vía da reforma da lei para responder ao que é un clamor social e democrático. Cabería explorar esa vía. Pero espero que a Avogacía do Estado actúe antes.

O entrevistado

Carlos Babío

Carlos Babío

A Coruña, 1967. Investigador e membro da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC). Co-autor, xunto a Manuel Pérez Lorenzo, de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017). É fillo en neto das propietarias dunha casa que foi empregada para aumentar o patrimonio do ditador Franco en Meirás.

#memoria

O entrevistado

Carlos Babío

Carlos Babío

A Coruña, 1967. Investigador e membro da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC). Co-autor, xunto a Manuel Pérez Lorenzo, de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017). É fillo en neto das propietarias dunha casa que foi empregada para aumentar o patrimonio do ditador Franco en Meirás.

Outras entrevistas

Deixe um comentário