Memoria humillada: o Ducado de Franco e o Señorío de Meirás
En maio pasado, mentres no Congreso se discutía a moción de censura, o ministro de Xustiza emitía unha orde para garantir a sucesión dun dos títulos nobiliarios da familia Franco.
Federico Giordano Mederos | A Coruña, 20 de setembro. No Congreso dos Deputados debátese a moción de censura contra o goberno de Mariano Rajoy presentada seis días antes polo PSOE. É xoves 31 de maio. A aparencia de calma no Executivo dos primeiros momentos foise esvaecendo. Nesta altura parece posíbel o triunfo da moción. Sánchez pode ser presidente.
A maquinaria do goberno do PP acelera trámites. Intentaba deixar resoltas cuestións pendentes. Hai unha herdanza política que protexer. Ese mesmo xoves, o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, asina trece ordes de concesión de títulos nobiliarios. Entre elas, a orde JUS/708/2018 que garante a sucesión do Ducado de Franco na persoa de Carmen Martínez de Bordiu, neta do ditador. Fiel ao seu estilo dende o seu primeiro día como ministro, Catalá fai oídos xordos ás voces que se opoñen á continuidade dun ducado que honra a memoria do ditador. É o derradeiro acto de Catalá como responsable de Xustiza: a humillación da memoria das vítimas do franquismo (unha máis).
Entre os anos 1948 e 1975 un total de trinta e seis títulos, entre eles o Ducado de Primo de Rivera e o Marquesado de San Leonardo de Yagüe, foron concedidos -mesmo durante os primeiros días de reinado de Juan Carlos de Borbón. Tendo en conta a ascendencia de quen ostentan tales distincións e polo contexto no que se sancionaron, o Ducado de Franco e o Señorío de Meirás son os dous que máis discordia teñen xerado dende a súa creación en 1975. Corenta e tres anos despois, un ministro do goberno do PP seguía protexendo os intereses dos Franco.
27 de novembro de 1975
O título do Señorío de Meirás foi creado polo rei Juan Carlos I trala morte do ditador coa publicación do Decreto-Ley 18/1975, polo que se concedeu a Merced Nobiliaria do Señorío de Meirás a Carmen Polo de Franco, viúva do ditador. O decreto foi publicado no BOE do 27 de novembro de 1975, sete días despois da morte de Franco. O monarca afirmaba que quería dar unha mostra do seu “real aprecio” e “testemuñar os sentimentos de afecto e admiración á egrexia figura de Doña Carmen Polo de Franco, de singular relevo nunha gloriosa etapa histórica da nosa patria”. Deste xeito o Xefe do Estado premiaba á consorte do ditador cun título nobiliario que levaba o nome do pazo que fora propiedade de Emilia Pardo-Bazán e que fora usurpado pola familia Franco no ano 1938.
A creación do Ducado de Franco sancionouse o mesmo día ca publicación do Decreto 3028/1975 polo que se concedía o título de Duquesa de Franco con Grandeza de España a Carmen Franco Polo, filla do ditador “en atención ás excepcionais circunstancias e merecementos que nela concorren”. Así agasallaba o Rei á familia do ditador falecido.
Seis anos atrás, en xullo de 1969, Franco designara a Juan Carlos de Borbón y Borbón como sucesor a título de rei, co título de príncipe de España, saltándose a liña sucesoria e subliñando na norma legal que a nova monarquía non era unha restauración, senón unha instauración. O daquela Príncipe xurou lealdade ao Xefe do Estado e “fidelidade” aos Principios do Movemento e ás Leis Fundamentais. En 1975, investido Rey, estaba a cumprir unha débeda coa familia que o elevou ao trono.
A lexislación que regula a concesión de títulos nobiliarios en España foi modificada en diversas ocasións no século XX. A primeira lei é o Real decreto sobre concesión e rehabilitación de Títulos e Grandezas de España, publicada o 29 de maio de 1912. Nela establecíanse os parámetros xerais que regularían a concesión de títulos e se estipulaba que era potestade do Rey a concesión dos títulos nobiliarios e as Grandezas de España. Tamén ditaba os parámetros a cumprimentar para que o rexistro destas concesións fose válido e establecía os criterios na sucesión dos títulos. A lei non incluíu artigo algún que falase da suspensión ou privación dos títulos. Máis adiante a lei modificaríase cun Real Decreto publicado o 8 de xullo de 1922; pero a posibilidade da supresión de títulos seguiría sen ser recollida.
A Constitución da Segunda República de 1931 aboliu os privilexios nobiliarios. No artigo 25 do Capítulo I, a Carta Magna decretaba que “non poderán ser fundamento de privilexio xurídico: a natureza, a filiación, o sexo, a clase social, a riqueza, as ideas políticas nin as crenzas relixiosas”. O Estado non recoñecía distincións nin títulos nobiliarios.
5 de maio de 1948
Mais esta foi derrogada co triunfo dos golpistas na Guerra Civil durante o establecemento do Estado franquista. Así, no BOE 126 do 5 de maio de 1948 publica unha lei co obxectivo de “restablecer a legalidade vixente o 14 de abril de 1931 nas Grandezas e Títulos do Reino“. Permitía rescatar a lexislación establecida no 1912 e a súa modificación de 1922, á vez que substituía a figura do Rey pola do Xefe do Estado, o que daba a Franco a potestade para conceder os títulos e honras. Unha diferenza coa lei anterior foi o recoñecemento dos títulos concedidos por monarcas da rama tradicionalista, é dicir, os títulos carlistas. O franquismo premiaba aos seus aliados coa lexitimación e validación dos seus títulos nobiliarios, previamente non recoñecidos polos monarcas borbóns.
No preámbulo da lei dise que “os títulos e dignidades nobiliarios téñense respectado e conservado secularmente, pois o pobo español (…) en ningún momento deixou de recoñecer e identificar aos seus titulares coas dignidades que ostentaban”. E segue: “tan só nos períodos demagóxicos, que pretenden fundar no xeneral rebaixamento de igualdade común aos cidadáns, prohibiuse o uso de ditos títulos”. O texto, que define o alzamento militar e a posterior guerra civil como unha “Cruzada” e que fala dos anos republicanos como anos de “dominio roxo”, foi no Juan Carlos de Borbón, sucesor de Franco na xefatura do Estado, se apoiaría 27 anos despois para crear o Ducado de Franco e o Señorío de Meirás.
Xa en democracia, o artigo 62 do título II da Constitución de 1978 outorga a potestade de concesión de títulos nobiliarios ao Rey, con arreglo a las leyes. No ano 1988 a lei actualizaríase coa publicación do Real Decreto 222/1988 do 11 de marzo, publicado no BOE número 67, mais non sufriu ningunha modificación substancial e o sentido xeral das leis de 1912 e 1948 mantívose.
A derradeira modificación no réxime dos títulos nobiliarios fíxose no ano 2006 coa promulgación da Lei 33/2006, de 30 de outubro, sobre a igualdade do home e a muller na orde de sucesión, publicada no BOE do 31 de outubro. Foi tralo nacemento de Leonor de Borbón, primoxénita de quen entón era o Príncipe, co obxectivo de acomodar a lexislación, eliminando a primacía dos fillos homes sobre as mulleres na sucesión de títulos nobiliarios para permitir que a coroa poida recar nun futuro na cabeza de Leonor. Esta é a lexislación nobiliaria vixente na actualidade, e na que se fundamentou a orde de Catalá.
Mais o certo é que hai outra lei a ter en conta cando se trata de títulos nobiliarios do franquismo. É a Lei de Memoria Histórica, tal e como subliñan asociacións, políticos e activistas.
As sucesións
O contexto no que foron creados tanto o Ducado de Franco como o Señorío de Meirás fixo que estes pasaran en certa forma desapercibidos. Os focos deixaron de estar sobre a familia Franco, que dedicou o seu tempo a gozar da herdanza do ditador e facer medrar a súa fortuna mentres aparecían de cando en vez na portada dalgunha revista rosa.
O 6 de febreiro de 1988 faleceu Carmen Polo, consorte do ditador e primeira Señora de Meirás. Ao non ter ningún fillo varón, o seu título pasou a mans do seu neto Francisco Franco y Martínez-Bordiú, Francis, primer fillo varón de Carmen Franco y Polo e Cristobal Martínez-Bordiú, Marqués de Villaverde, título que tamén herdaría dez anos mais tarde. Se ben a primoxénita do matrimonio era Carmen Martínez-Bordiú y Franco, a lexislación vixente no momento primaba ao home fronte á muller na sucesión nobiliaria, polo que foi o irmán quen recibiu o título. Francis, primer neto do ditador, encargábase de coidar dos negocios familiares. Xa dende o nacemento do rapaz, Franco tiña decidido que el sería quen manexaría a súa herdanza, até o punto de que ordenou cambiar a orde dos seus apelidos para que o seu neto perpetuase a estirpe.
En canto ao Ducado de Franco, a polémica reabríuse no último ano. O 27 de decembro de 2017 faleceu Carmen Franco y Polo, filla do ditador, e abriuse o período de sucesión para o seu título. Podemos presentou en febreiro unha proposición non de lei para suprimir o Ducado, na que manifestaba que esta distinción choca de fronte coa Lei de Memoria Histórica e alegaba que “a mera existencia dun Ducado de Franco resulta un elemento de exaltación da persoa máis significativa da sublevación militar”. A proposta non conseguiu os apoios necesarios, e o 7 de marzo Carmen Martínez-Bordiú solicitou o título. O asunto entrou na palestra política.
A solicitude foi publicada no BOE do 26 de marzo, e o mesmo día a Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica presentou unha denuncia ante a Fiscalía que pedía a non entrega do título “ao entender que se trata dun premio a quen protagonizaron un golpe contra a democracia e supón un agravio ás vítimas do franquismo”. “Pedimos que non se renove ese título porque supón apoloxía ao franquismo”, subliñaba a ARMH.
Uns días despois, o 4 de abril, o Secretario de Xustiza e Novos Dereitos do PSOE, Andrés Perelló, presentaba unha petición no Ministerio de Xustiza na que instaba ao “Xefe do Estado S.M. o Rey Felipe VI a que ordene a anulación do Ducado de Franco e, por consecuencia, a retirada de dito título e a non continuidade do proceso sucesorio”. Perelló é hoxe embaixador diante da Unesco.
A finais de abril Esquerda Unida enviaba unha carta ao monarca na que pedía que deixara de “honrar ao ditador” e eliminase o Ducado de Franco, e lembraba o precedente da revogación do Ducado de Palma no 2015 polo propio Rey.
Pero o ministro Catalá tiña a súa propia estratexia, e, tras alegar que era un título “simplemente honorífico” que “non xera ningún privilexio”, e que a solicitude foi feita “conforme á lexislación vixente”, acabou por sancionar a sucesión. O Executivo botou balóns fora, dixo que a lexislación que imposibilita a revogación de títulos, e indicou que a Lei de Memoria Histórica non inclúe nada ao respecto de este tema.
31 de maio 2018
E así chegamos a aquel xoves do pasado mes de maio. E ao cambio de goberno trala moción de censura. O PSOE tiña sido belixerante e opuxérase á concesión do Ducado. Podíase pensar que o novo goberno daría pasos no camiño da revogación. Mais pouco se fixo durante o verán referente a este asunto. Neste mesmo mes de setembro o Executivo manifestou por fin as súas intencións ao respecto. Na resposta a unha pregunta feita polo deputado de En Común-Podem Jaume Moya que consultaba sobre a posibilidade de revogación dos títulos creados durante o franquismo, o Executivo socialista di que “o réxime de revogación non se contempla na normativa actual” polo que sería necesario facer una reforma da lexislación para poder revogar títulos nobiliarios. Neste sentido, afirmaba que a Dirección Xeral de Memoria Histórica, órgano creado en xuño, “está estudando a posibilidade de acometer a mencionada reforma”.
Agora o PSOE di que “o réxime de revogación non se contempla na normativa actual” polo que sería necesario facer una reforma da lexislación para poder revogar títulos nobiliarios.
Mais, como debe entenderse isto? Fontes do Ministerio de Xustiza afirmaron a adiante.gal que “o problema xorde ao non existir lexislación en España para a revogación dos títulos nobiliarios” e que é iso o que se está a estudar, mais que “o tema está en un estado incipente” e que só “se está a ver se hai posibilidade de facer unha reforma legal para que isto poida facerse nun futuro”.
A pregunta é se realmente o Goberno de Pedro Sánchez ten a intención de anular eses títulos. O deputado no Parlamento de Galiza polo BNG Luis Bará di que “de momento as iniciativas do goberno español sobre memoria histórica parecen máis cosméticas que accións de fondo que sirvan para cambiar o status quo da transición ao respecto do franquismo, da súa continuidade e dos privilexios que aínda goza a familia Franco”. E insiste en que “o PSOE ten que demostrar e decidir que quere ser, se quere actuar de cara aos votantes con medidas cosméticas e que intentan ás veces desviar a atención, ou se quere facer unha política pública da memoria de verdade”. Na súa opinión, “hai una certa permisividade por parte das institucións do Estado en xeral, empezando pola monarquía e acabando pola Xunta de Galiza, respecto á familia Franco, que segue gozando de privilexios que non son propios dun sistema democrático”. “Nas próximas semanas e meses veremos se realmente queren chegar ao fondo da cuestión e facer cambios realmente transcendentes, ou se van cara a anuncios propagandísticos”, conclúe.
Esa opinión é compartida por Antón Sánchez, deputado no Parlamento de Galiza por En Marea, quen considera que a revogación “dependerá da coraxe política e da posición do PSOE”. “Nós cremos que é unha forma de recoñecemento outorgada nos tempos da ditadura e que, polo tanto, entra en conflito coa Lei de Memoria Histórica e que deberían ser retirados, aínda que sabemos que xuridicamente non será unha batalla fácil”, afirma Sánchez e logo engade que “hai unha maioría no Congreso dos Deputados para reformas nun sentido progresista, e o PSOE terá que decidir se é capaz de asumir un avance importante”.
“Déronse pasos para acabar co Concordato? Non. Iniciaron procesos para xulgar os crimes do franquismo? Non. E niso coinciden o PSOE e o PP, e agora tamén Ciudadanos” (Manuel Monge, ex presidente da CRMHC)
Coincide tamén con esta visión o xurista e investigador Ernesto Vázquez-Rey, que di que “sería unha boa determinación que o Goberno decidira estudar este tema”. Aínda así, cre, en contra da opinión do Executivo actual e do anterior, que a lexislación vixente si que permite a revogación de títulos e distincións. “Se ben é certo que non hai tradición inmediata na supresión de títulos nobiliarios; tamén é certo que, tal e como dispón a Constitución española, a facultade de crear títulos nobiliarios é do rei, polo tanto el podería revocar as cartas de concesión”. Aínda que abre a porta a outras posibilidades: “se a Casa Real non quere meterse neste xardín, que evidentemente non quere, tamén pode ser que o Lexislativo creara una lei para eliminar estas distincións; ambas vías estarían amparadas dentro do marco constitucional”. Respecto da revogación do Ducado de Palma, onde hai quen ve un precedente, o investigador explica que “os membros da Casa do Rey teñen títulos que son vitalicios, o Rey non pode dar títulos que sexan herdados polos seus descendentes, e esa é a diferenza cos títulos concedidos no franquismo. Entrando no fondo, non sería o mesmo caso”.
“Algúns, que xa estamos entrados en idade, vimos moitas veces esta película e xa coñecemos o final”, di Manuel Monge, sociólogo, ensaísta e ex presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC). “Que o PSOE diga que hai que acabar cos privilexios da Igrexa Católica escoiteino mil veces nestas catro décadas, sobre todo en época electoral, pero, déronse pasos para acabar co Concordato? Non. Iniciaron procesos para xulgar os crimes do franquismo? Non. E niso coinciden o PSOE e o PP, e agora tamén Ciudadanos. Eu o que pido agora é pasar das promesas aos feitos”. Para Monge, que leva anos recompilando esquecementos da memoria das vítimas e sinalando os diferentes elementos que continúan perpetuando a memoria do franquismo, o asunto de fondo son os consensos políticos da transición entre o PSOE o PP e a Monarquía.
“Nin o PSOE nin o PP están interesados en tomar iniciativas políticas que poidan molestar á monarquía borbónica e tratar temas que poñan enriba da mesa o por que están Felipe VI e o seu pai onde están: por designación directa do ditador Franco en 1969. Levamos corenta anos de democracia e os principais partidos respectan os consensos da transición e non escoitan á cidadanía”.
Na opinión do ex presidente da CRMHC, “cando hai vontade política en quince días pódese mudar todo, mesmo a Constitución. O problema xurídico non existe cando hai vontade política, o problema de fondo non é xurídico, é político”, sentenza Monge, un dos impulsores da mesa desde a que as institucións públicas da Coruña están loitando pola recuperación do Pazo de Meirás (a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás) e por reparar esa humillación constante das vítimas que segue presente nos palacios e nas distincións.
#memoria
Apropiación simbólica do territorio: os monumentos franquistas
Memoria discreta: en Neda discuten se retirar ou non a cruz
Memoria imposta: a cruz do Castro en Vigo
Memoria indecisa: cruces franquistas de quita e pon
Memoria Histórica, nin está nin se lle espera
Opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Opinións
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos