Memoria imposta: a cruz do Castro en Vigo

Unha gran cruz de 12 metros presidía unha vasta planicie na que agora está a Casa do Concello. Retiráronse a maior parte dos atributos da composición orixinal, pero o gran símbolo non. O alcalde segue negando que se trate dun monumento franquista.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Eduardo Rodríguez | Vigo, 23 de xullo.  O Monte do Castro é un lugar central no imaxinario popular vigués. A camiñada pola Fortaleza é un dos paseos obrigatorios. O Castro é un miradoiro natural desde o que se olla practicamente calquera punto da cidade, e a beleza da ría. Ademais de ser o balcón de Vigo, é un enclave cultural (acolle unha fortaleza militar do século XVII e os restos musealizados dun poboado da Idade do Ferro) e ambiental (xardíns e variadas especies vexetais). Un dos reclamos turísticos da cidade… no que se conserva a memoria do horror que aínda se celebra en lugares como o Val dos Caídos.

A primeira imaxe na ruta que sobe a pé ao Castro desde o barrio histórico é a escalinata que desemboca nunha gran cruz de pedra. Nin o plano da cidade nin os folletos facilitados polas oficinas de turismo aclaran nada. Non hai nin a máis mínima referencia sobre esta construción. Unha omisión no papel, malia esa ostentación na paisaxe. Coma se silenciándoa, esa incómoda presenza se esvaera. Podería ser un símbolo relixioso máis, nun país cunha profunda herdanza relixiosa. Pero calquera cidadán do Estado español topará nesa cruz un cheiro turbador e familiar.

Esa cruz de 12 metros de alto foi construída hai 57 anos. E aí leva: 57 anos lembrando quen gañou a guerra e quen a perdeu. En setembro de 1961, Franco inaugurou a Cruz dos Caídos do Vigo (apenas dous anos antes inaugurárase o Val dos Caídos en San Lorenzo del Escorial). En Vigo non había un memorial semellante e os lugares nos que se realizaban as exaltacións ao réxime -diante da Colexiata e na Porta do Sol- xa quedaban pequenos.

O monumento foi subvencionado polo Concello a petición da Xefatura Local da Falanxe, e ía acompañado de coroas de loureiro de bronce, emblemas en bronce dos tres exércitos, heráldicas variadas (Falanxe, Requeté, escudos), ademais da inscrición de “Caídos por Dios y por España ¡Presentes! 1936-1939“.

O lugar escollido non foi froito do azar. Aos pés da cruz, no espazo hoxe ocupado polo Concello e a Praza do Rei, abríase a gran chaira do Campo de Granada. Así, a escenografía era espectacular: unha gran cruz de 12 metros para maior gloria do réxime presidindo unha vasta planicie, perfecto escenario para acoller a liturxia do franquismo. Ao fondo, a vella fortaleza militar de San Sebastián, cun uso practicamente simbólico nos anos 60. A metáfora perfecta do nacionalcatolicismo.

E aí leva: 57 anos lembrando quen gañou a guerra. O monumento foi subvencionado polo Concello a petición da Xefatura Local da Falanxe, e ía acompañado de coroas de loureiro de bronce, emblemas dos tres exércitos, heráldicas variadas…

A cruz do Castro será testemuña durante o franquismo de numerosas xornadas de glorificación do réxime. Coa transición, no ano 1981 e baixo o mandato municipal do socialista Manuel Soto, decídese que “algo hai que facer” co monumento. Seguindo a máxima dese momento de non remover demasiado a Historia, acórdase retirar a simboloxía que acompañaba ao monumento (escudos, emblemas, etcétera), para convertelo nunha homenaxe a todos os mortos na Guerra Civil. Sen distinguir bandos. Foi un lavado de cara que evidentemente deixou insatisfeitos a moitos colectivos. Suprimíase o accesorio, pero a esencia continuaba sendo a mesma: tras retiralos ornamentos que aderezaban o monumento, só queda o nacionalcatolicismo máis cru, máis severo, máis gris.

A gran esperanza chegou co goberno de Zapatero da man da lei 52/2007, coñecida popularmente como Lei de Memoria Histórica. A partir desa data, as desavinzas entre o Concello de Vigo -co socialista Abel Caballero á fronte- e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, asociación que máis duramente litiga pola retirada da cruz, foron a máis. Por unha banda, o alcalde aferrábanse a que non era necesario retirar a cruz, xa que en xullo de 1981 por unanimidade no pleno (incluídos comunistas e nacionalistas) acordouse desposuír de símbolos franquistas ao monumento. Naquelas datas manifestárase o desexo de que non existiran nin vencedores nin vencidos, e que nunca máis volvese unha guerra civil asolar o país. Dese xeito, en opinión de Caballero, quedaran eliminadas as connotacións políticas. E ficara unicamente unha cruz, un símbolo relixioso.

simboloxía, franquismo, Vigo, memoria
Fotos: Eduardo Rodríguez.

En 2013, Abel Caballero ve reforzada a súa postura novamente grazas ao respaldo do pleno municipal. En setembro dese ano, á proposta do BNG presentárase unha moción instando o goberno local a demoler a cruz. Tras o debate, rexeitouse o derrubo. Foron 11 votos en contra do PP máis 8 abstencións do PSOE (o alcalde non estivo presente na presentación desta moción, segundo recollen as actas), e 3 favorábeis do BNG.

O alcalde responde a quen o acusa de inacción fronte á Lei de Memoria Histórica alegando que baixo o seu mandato elimináronse símbolos franquistas das rúas de Vigo, déronselle nomes de rúas a represaliados (Blein Budiño, Martínez Garrido) e creouse o Xardín da Memoria Histórica no cemiterio de Pereiró.

Pero desde a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica insisten en que, malia a eliminación da maior parte dos atributos que acompañaban á composición orixinal, o gran símbolo non foi retirado. Para a Asociación non se trata só dunha cruz, metaforicamente tamén é unha espada cravada no corazón de Vigo. Chamarlle cruz significa, para este colectivo, deshonrar o símbolo cristián por excelencia. Ademais, na parte baixa da escalinata que dá acceso á cruz aínda restaban motivos relacionados coa construción orixinal, como os baixorrelevos do soldado e o mariño (cun estilo moi recoñecíbel dentro da estética franquista), e os escudos dos tres exércitos.

O colectivo memorialista denunciaba o o desprezo que sofren por parte de alcaldía, ademais das mentiras que Caballero esta a verter sobre o cumprimento da Memoria Histórica en Vigo, xa que nas rúas da cidade aínda quedan emblemas franquistas como o escudo na fachada do Instituto de Ensino Medio Santa Irene, o edificio de Aduanas, ou as abundantes placas co xugo e as frechas en edificios promovidos polo Instituto da Vivenda franquista.

A protesta intensificouse desde a aprobación da Lei de Memoria Histórica, e a partir de 2014 o conflito salta aos xulgados. Nese ano, o titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo estima o recurso interposto pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e condena ao Concello de Vigo a que proceda “de forma inmediata a adoptar as medidas oportunas” para retirar o monumento. Caballero responde dicindo que o Concello alegará, xa que en Vigo non existen símbolos franquistas. “Nin un. Todos se retiraron e rendeuse homenaxe aos represaliados”, segundo declaraba aqueles días no Faro de Vigo.

simboloxía, franquismo, Vigo, memoria

En febreiro de 2015, a resolución de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia supuxo un pau para a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica. O alto tribunal galego, coincidiu coas teses de Caballero, expuxo que a cruz xa estaba desprovista de simboloxía fascista, e que o subsistía era unicamente un símbolo relixioso. O fallo do TSXG contemplaba o voto particular da maxistrada Cristina María Paz Eiroa, quen defendía a sentenza emitida polo xulgado contencioso-administrativo de Vigo, pola que a cruz debería ser retirada en acordo coa Lei de Memoria Histórica. O último cartucho xudicial -como a propia Asociación así o definiu-, foi a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. En novembro de 2015, a Sección Primeira da Sala Primeira do Tribunal Constitucional non admitiu a trámite o recurso ao entender que non se vulneran os dereitos fundamentais que tutela ese tribunal.

E agora que? Telmo Comesaña, presidente da Asociación, comenta que tras o revés xudicial está en mans da sociedade viguesa concienciarse e cominar ao Concello para que execute a demolición. Ademais, insta os partidos políticos a que tomen unha posición clara e inclúan esta demanda nos seus programas electorais. “Mentres tanto”, di Comesaña, “a Asociación seguirá aí, afastada dos focos mediáticos, pero cun labor tan ou máis importante que a loita polo derrubo da cruz do Castro, axudando a familias de toda España na busca dos seus para tratar de construír un país máis digno e xusto”.

En canto ao Concello, agocha a súa postura actual. A oficina do alcalde non responde. Un alcalde socialista consinte a permanencia dun símbolo do nacionalcatolicismo en Vigo que se elude nas guías para os visitantes, mentres o presidente socialista do Goberno do Estado promove a retirada dos restos de Franco do Val dos Caídos, aquel túmulo desmesurado que se inaugurara só dous anos antes ca cruz do Castro. Está por ver se Caballero acompañará os movementos de Pedro Sánchez en prol da dignificación da memoria das vítimas.

Esta mañá gris de metade de xullo, unha parella de turistas tira un selfie diante do baixorrelevo co soldado e o mariño. Nun segundo plano, completan a imaxe a escalinata e a cruz do Castro. Probablemente, case ao instante, esa fotografía estará a navegar pola Rede ata aloxarse en Instagram, Twitter e Facebook. En poucos minutos haberá comentarios, likes e rechouchíos. Unha escena habitual en 2018, aínda que enmarcada nun escenario en branco e negro. Un anacronismo e unha infamia.

Deixe um comentário

Deixe um comentário