Memoria indecisa: cruces franquistas de quita e pon

Coirós retira unha cruz aos caídos, mais xa pensa onde recolocala “sen a placa”.

En Irixoa renovaron a placa, pero mantiveron a cruz que “nada ten que ver co franquismo”.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Coirós, Irixoa, 18 de xullo.  “O cura pedíunola para pór diante da Igrexa. Trasladámola, colocámola e fóra; é unha cruz normal”, di o alcalde de Coirós.

Coirós viviu mellores épocas á beira da Nacional-VI, camiño de Lugo inda sobrevive un touro de Osborne agochado entre eucaliptos. O touro era un fito da vella estrada moito máis visíbel ca unha cruz grosa de pedra parada diante da Casa do Concello, tamén ao pé da nacional. A Cruz dos Caídos, dous metros e pico de granito, chantada en memoria dos mártires franquistas a comezos dos anos corenta por un alcalde que terminou o seu breve mandato destituído polo Gobernador Civil.

A Cruz dos Caídos mantívose alí durante 75 anos, até que a principios de ano o goberno municipal deu cumprimento a un acordo plenario de 2015 para retirar a peza ao acubillo da Lei de Memoria Histórica de 2007. “Era unha petición do Bloque de hai tempo, pero é que entre problemas económicos e outras cousas tardamos un pouco. É a lei e hai executala, podes estar de acordo ou non”, di o alcalde, Francisco Quintela, do PP, que colleu o bastón en 1991. 67 anos e sete maiorías absolutas. Tanto tempo que lle costa lembrar que 2003 houbera outra moción para levantar a cruz. E non lembra. “Hai moitos anos, e non sei se era obrigatoria a retirada. Seguramente tiñamos outros problemas”.

En Coirós, a carón da nacional, a simboloxía franquista era abondosa: houbo unha Plaza del General Franco e fontes e lavadoiros co xugo e as frechas. “Non queda nada diso, polo menos en dominio público”, asegura o alcalde. A cruz, conta o investigador local Manuel Fiaño nun artigo na revista As 4 aldeas respondía “á tipoloxía marcada polo réxime, en canto a súa simpleza de liñas. [O monumento] construído en pedra do país, consiste nunha Cruz cunha placa de mármore, na que están gravados un total de 25 nomes, precedidos da seguinte inscrición: ‘Caídos por Dios, España en su Revolución Nacional Sindicalista del Ayuntamiento de Coirós’. Non conta con ningún outro símbolo como escudos ou xugo e frechas”. “Aínda quedan outros símbolos franquistas”, anota Pura Ferreño, concelleira do BNG, que no 2003 presentou a primeira iniciativa para a retirada da cruz, aquela que non lembra o alcalde.

Desta volta, retirar a cruz custou “cinco mil e pico euros, unha grúa e tres ou catro días de traballo para deixar todo asfaltado porque tamén había un pozo. Falamos co párroco por si quería a cruz. Estamos mirando do sitio”, explica Quintela con calma. Non quere fotos coa cruz, que non está en ningún almacén municipal, senón entre uns piñeiros xunto ao pavillón de deportes, segundo indica un veciño.

“En marzo de 2015 conseguimos que se aprobara por unanimidade a retirada da cruz e de toda a simboloxía franquista, especialmente este monumento aos caídos. Intentarámolo no 2003, pero daquela non había lei e o PP simplemente se negou. Pero esta vez inda tivemos que eliminar o outro punto da moción que pedía unha homenaxe para as vítimas da represión e da ditadura. A iso dixeron que non”, sinala Pura Ferreño, sentada diante da cruz, o pozo tamén está alí, e as vigas que facían de base para a cruz. O que desapareceu foi a placa, di Pura. Desapareceu antes de que retiran a cruz.

Memoria histórica, simboloxía.
Francisco Quintela, alcalde de Coirós.
Memoria histórica, simboloxía.
Retirada da cruz, e o ‘brocal’ do pozo, en Coirós.

O monumento parece que foi unha iniciativa de Manuel Barallobre, alcalde entre marzo do 42 e o 10 de marzo do 44, a data da súa destitución, “pode que por algún asunto coas contas”, di Manuel Fiaño, que explica respecto do estilo dos memoriais de conmemoración franquistas: “a Delegación Nacional de Propaganda propuxo simplificar ao máximo as liñas, reducir o monumento á existencia exclusivamente da Cruz, o nome dos ‘mártires’ e os escudos de España e do Movimiento, co fin de non distraer con outros adornos”. Fiaño non se atreve a fixar unha data, di que non topou nada nas actas dos plenos pero que algo debe haber nos arquivos do que foi o Goberno Civil, “porque todas as iniciativas tiñan que presentarse no Goberno Civil e recibir o informe a Jefatura Provincial de Propaganda, que dependía do Ministerio de Gobernación”. Os maiores en Coirós din que foi en tempos de Barallobre, e que nos anos cincuenta os escolares cantaban co mestre diante da cruz e que na festa patronal a procesión paraba alí e tocaba o himno.

“Non, non… a parada é no cruceiro que está en fronte do Concello. Nesa cruz non se facía nada”, intervén o cura, Juan Jacobo, que di que quere a cruz porque “é unha boa peza de cantería” para colocala diante da Igrexa, “non en terreos da Igrexa, pero xusto diante, por iso hai que ter o permiso municipal, e ademais habería que retirar un contedor”.

O cura non quere saber nada da polémica sobre si había que tela retirado ou deixala estar. “A min que me di? Púxoa o Estado, o Estado quitouna”.

O cura recoñece que inda non presentou “a instancia”, pero que o fará nestas próximas semanas “porque a solicitude terá que ir a pleno e logo encargaríase o Concello de traela… Estamos facendo reciclaxe”. O cura non quere saber nada da polémica sobre si había que tela retirado ou deixala estar. “A min que me di? Púxoa o Estado, o Estado quitouna”. Quintela, o alcalde, tamén se atén á materialidade das cousas: “Buscaremos o sitio idóneo. O cura di que quere que sexa alí, pois trasladámola, colocámola e fóra. Só é unha cruz, unha cruz normal. A placa roubárona, e nunca estivo na cruz, estaba na base, nas outras pedras”.

“Só é unha cruz, unha cruz normal. A placa roubárona, e nunca estivo na cruz, estaba na base, nas outras pedras”, xustifícase Quintela, o alcalde.

O artigo 15 da Lei da Memoria Histórica simplemente di que hai que retirar “escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”. Nada di sobre que facer despois con elas. “Retírase o que haxa que retirar e fóra”, conclúe o alcalde. “Eu da condena da represión e desas cousas o único que penso é que se hai unha lei, hai que cumprila; non penso no que sucedeu hai oitenta anos, iso son camisas de once varas… pola miña parte, eu cumpro a lei”.

Memoria histórica, simboloxía.
A cruz franquista de Irixoa, coa nova placa. Na imaxe da dereita, a cruz cos vellos elementos no traveseiro e a placa orixinal (foto de Google Maps).

En Irixoa a solución para cumprir a lei foi máis áxil, barata e menos estética. Unha placa de mármore por riba da anterior, o debuxo dunha pomba cunha ramiña de loureiro, unha lenda nova: “En memoria de los fallecidos en todas las guerras”.

Non se retirou a cruz, só se cambiou a placa conmemorativa. “Teño entendido que a cruz era anterior, era un cruceiro deses que hai tantos. A cruz non ten nada que ver co franquismo, penso”, di Antonio Deibe, do PP, que leva na alcaldía desde 2005. No mandato anterior o PSOE presentara unha moción pedindo o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e o goberno municipal, explica o alcalde, empezou a facer as xestións. “Preguntamos a Patrimonio, á Igrexa… porque a cruz está en terreos da Igrexa”. No 2016 o PSOE volveu urxir a retirada, e daquela o alcalde xa o tiña todo preparado. Cambiaron a placa. “Non lembro que puña a anterior, había moitos nomes, mesmo din que algúns de mortos que non eran do bando dos franquistas. A placa creo que a puxeron no 37”.

“De certo que é unha interpretación sui géneris da Lei, e tampouco se molestaron en facer unha referencia explícita á Guerra Civil, e iso que na placa anterior os nomeados eran todos mortos da contorna, do bando franquista, claro”, explica Rosa Rivas, concelleira do BNG en Irixoa.

“Polo menos, tela posto en galego, pero nin iso”. O alcalde escúsase. “Pois a verdade é que nós encargamos unha placa e ninguén reparou en dicir que se escribira en galego ou en castelán… en calquera caso, así enténdea todo o mundo, teña en conta que está nun sitio moi visíbel, na estrada que vai a Ferrol e por aquí pasa xente de toda España”. A nova placa de mármore destaca entre o gris da pedra da base da cruz, nun cruce de camiños xunto ao cemiterio e a igrexa de San Lourenzo. Para o triángulo do traveseiro –ninguén lembra a inscrición e os motivos alí gravados–, a solución foi aínda máis improvisada: un pouco de cemento e cal.

“Non vexo que haxa conciencia real de que isto sexa necesario. No PP non o vexo”, reflexiona Pura Ferreño, a concelleira de Coirós, que pasou tres anos facendo a mesma emenda aos orzamentos para que se incluíra unha partida específica para retirar aquela cruz. Finalmente conseguiuno. En febreiro de 2016 un enxeñeiro de Montes asinou o proxecto: 4.552,58 euros. Cinco mil e pico co IVE. Iso costou desmontar a cruz. De regreso a Coirós pola Nacional-VI o touro de Osborne saca a cabeza entre os eucaliptos. Os símbolos resístense a morrer ao pé da nacional, rillada polo paso do tempo e o descoido no mantemento. Unha metáfora precisa do que sucede na indecisa memoria democrática do país. O mesmo dá que sexan cidades, vilas ou aldeas. A cruz franquista máis grande do país segue en pé. Está en Vigo.

 

Deixe um comentário

Deixe um comentário