Moza galega de rostro chinés
Xiao Hong
En Carballo vivimos 29 chineses, a maioría teñen o seu negocio. Coñezo ao dono dun bazar, sempre compro cousas na súa tenda, son baratas e teñen de todo, e tamén me gusta falar chino e facer amigos. Díxome que levan máis de cinco anos aquí e que os seus pais viñeron a vivir con eles. Os seus fillos xa naceron aquí. Na casa falan a lingua wu, que non ten nada que ver co mandarín. A tenda abre todo os días de nove a nove, mesmo os domingos de feira. Así que el di que non ten tempo a ensinarlles aos fillos falar o mandarín, e menos aínda a escribilo. Ás veces os fillos fálanlle en castelán e non os entende ben.
Hai pouco coñecín na Coruña un estudante chino que xa naceu en Galiza. Ten 17 anos e os seus país levan un restaurante. Na casa falan con el wu e mandarín. Os pais queren que aprenda cultura china e compran libros que lle mandan desde China. Pero o rapaz conta que a maioría dos seus amigos son galegos, que lle gusta o xamón, o queixo, o viño e os costumes de aquí. So foi unha vez a China. E non pensa nin vivir nin traballar alí. Ten o rostro chinés, pero por é un mozo galego.
Tamén coñezo unha muller china das clases de ioga. Ten 40 anos e vive preto de Carballo. Montou a súa propia empresa. Naceu nas Canarias, de pai chino e nai vietnamita, que chegaran a España para abrir un restaurante. Pensei en falar chino con ela, pero tampouco fala o mandarín, só cantonés, a lingua de Guangzhou e Guangdong, que é a terra do seu pai. Non nos entendemos si non é en castelán. Véxoa dúas veces por semana e sóltolle un par de palabras chinas para que aprenda, ela ri e as outras alumnas da clase míranme con curiosidade.
“A miña amiga chinesa non celebra o ano novo chino, nin o festival de outono, nin a festa da Lúa. Sabe delas, pero non as celebra. Os país sempre estaban ocupados co restaurante.”
Somos amigas. Ás veces quedamos o domingo para ir a feira e tomar un viño e conversar. É unha muller totalmente española, na forma de falar e pensar, nos xestos… a súa parella é galega e tamén todo os seus amigos. Come sen problema o churrasco, a costela de porco ou os criollos. Eu, se polo menos a metade da comida non é verdura, case non como. Non teño o meu estómago habituado a tanta carne. De comida falamos moito, porque ela quere coidar o corpo. Eu aprendín que o té é bo para despois de comer carne, aínda que aquí a maioría da xente o que toma é café e por riba con moito azucre.
A miña amiga chinesa non celebra o ano novo chino, nin o festival de outono, nin a festa da Lúa. Sabe delas, pero non as celebra. Os país sempre estaban ocupados co restaurante. Recoñece que está perdendo a cultura dos pais…
Eu vivo aquí e son a primeira da miña familia en vivir aquí. Gústame celebrar as festas chinas. Para a de ano novo, intento ir alá para estar coa familia. Axudo a nai preparar os dumplings, fago a limpeza da casa, decóroa. Quero estar na miña terra, falar cos veciños, sentir o olor da casa… e ademais aproveito para traer ingredientes para a comida que aquí non topo.
“Ela quere aprender cousas de alá, cousas que se aprenden de nena coa familia. Contoume que unha vez que foi a China, e a xente faláballe en mandarín e non entendía nada. Sentiuse estraña”
Antonte mesmo, o 24 de setembro, celebrouse a festa da Lúa en China e noutros países de Asia. O típico é comer a torta da Lúa e celebrar o día pedindo aos deuses que nos dean unha boa colleita en outono. Como aquí aínda non se vende a torta da Lúa tiven que preparala na casa. Xa lle dixen á miña amiga que lle darei un anaco. Ela quere aprender cousas de alá, cousas que se aprenden de nena coa familia. Contoume que unha vez que foi a China, e a xente faláballe en mandarín e non entendía nada. Sentiuse estraña.
A segunda xeración de chinos en Galiza está integrada, falan o español e mesmo o galego, gozan da cultura e das festas de aquí. Pero non falan o mandarín, non celebran as festas chinesas, nin seguen as normas tradicionais. Fáiseme moi raro coñecer chinos e falar con eles noutro idioma que non sexa o mandarín. Cando teña fillos, aprenderán o mandarín e a forma de vivir e como son alí as relacións sociais. Imos vivir entre China e Galiza para que os fillos poidan estar coas dúas familias. Ninguén debería esquecer quen é e de onde vén. Ter a oportunidade de aprendelo. A cultura nacional necesita ser herdada.
Carballo, 26 de setembro.
Xiao Hong Xu
Yangyuan (provincia de Hebei, China), 1986. Até o ano 2010 traballou como acróbata en varios circos chinos e internacionais. Fíxose mestra de ioga. Desde 2017 vive en Carballo, onde está casada e segue traballando como mestra de ioga. Gusta da natureza, a comida no campo, o exercicio e a meditación.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso