Mutilacións sexy

Ignacio Castro Rey

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A pesares dos ríos de tinta vertidos, pouco se pode dicir que estea á altura dos praceres da carne, as súas mil delicias compartidas. Mesmo no onanismo o suxeito atopa unha vía para conectar coa calor dunha comunidade posible, que antes e despois dese acto pode cambiar as nosas relacións na vida real. Isto non é un atranco para que o sexo, como gran tema rei, se teña transformado nun complemento indispensable nunha profunda des-erotización dos nosos costumes, un sucedáneo ideal para compensar perdas dramáticas na cultura dos sentidos. O suxeito estresado da sociedade contemporánea, endebedado mental e economicamente ata as cellas, atopa na obscenidade que invade o social un modo de alivio sen o cal acabaría estalando. E talvez non deberiamos excluír desa obscenidade reinante a caza do home que os medios, como modo de branqueo anímico de cada un de nós, teñen desatado en múltiples direccións. A antiga loita de clases parece terse ampliado nunha rivalidade interminable que inunda os nosos escenarios, da escola á televisión, da empresa ás redes sociais.

Neste aspecto o sexo é, sobra dicilo, unha concesión privada que os poderes públicos fan encantados a un individuo por todas partes acosado. Serás un escravo de por vida, dísenos sen palabras, pero a cambio poderás expandir a febre da túa imaxinación sexual e masturbarte a gusto. Mesmo poderás multiplicar a promiscuidade, as túas imaxes obscenas e os teus contactos. Este aliviadoiro narcisista é unha das motivacións de fondo para entender o cambio dun tipo de moralidade represiva a outra produtiva, como sinalaba Foucault hai case corenta anos. Traballamos dixitalmente como consumidores, tamén sexuais, na mesma medida na que se nos quitaron cadeas de ferro como traballadores analóxicos. O traballo manual decae de paso que medra a dependencia mental.

Non esquezamos ademais, e sobre isto temos reflexionado pouco, que o ascenso da temática sexual e a legalización da pornografía, a primeira en saír do armario, vai parello a un ascenso da masificación urbana e o seu correlato antropolóxico evidente: o aumento exponencial da soidade. Os excelentes analistas do presente chamados Comité Invisible -antes Tiqqun– contan no seu recente Ahora que é a perda dramática de comunidade o que explica que no ano 2015 as visitas a unha das páxinas raíñas de pornografía –ao redor de 5.000 millóns de horas- reborde en dúas veces e media o tempo aproximado que leva o homo sapiens sobre a terra.

O ascenso da temática sexual e a legalización da pornografía, a primeira en saír do armario, vai parello a un ascenso da masificación urbana e o seu correlato antropolóxico evidente: o aumento exponencial da soidade.

É posible en todo caso que masifiquemos os escenarios -dun modo que xa adiantaran Ortega e outros visionarios do pasado século, como Jünger- para que non haxa ningún próximo, ningunha proximidade, nada nin ninguén a quen serlle fiel até a morte. Mutatis mutandis, é posible que os corpos se multipliquen na nosa imaxinación sexual, filmada ou non, para tapar a ausencia dramática de compañía, para ocultar o simple feito de que non podemos ter parella na nosa deriva solipsista.

Este illamento individual é o que eliximos, unha conxelación sensitiva que veu do frío Norte e que atopou en Internet e nas redes un modo de expansión masivo. Cunha intelixencia cada día mais emocional por parte do sistema, o sexo converteuse hai tempo na vangarda do paquete consumista, buscando que a humanidade produtiva -e case todo o día é produción, aínda que actuemos só como “índice de audiencia”- non tolee de soidade e silencio.

Baixo a explosión contemporánea da comunicación, o ideal que triunfa é o illamento conectado. Estendeuse unha señardade vocacional, ontolóxica, sen a que non se explica esta paixón nosa polas conexións, o encontro a cegas e o sexo. A nosa tendencia instintiva ao divorcio, xa antes da primeira cita, é o que está por baixo dunha compulsión sexual que debe cubrir o deserto nihilista que creamos só os nosos pés. Vivimos lanzados á conexión grazas á separación histérica de todo o que sexan raíces, vínculos afectivos ou calquera compromiso estable. Neste aspecto a inflación posmoderna de sexualidade, pornografía incluída, veu humedecer artificialmente unha estratexia occidental de terra queimada.

A nosa tendencia instintiva ao divorcio, xa antes da primeira cita, é o que está por baixo dunha compulsión sexual que debe cubrir o deserto nihilista que creamos só os nosos pés. Vivimos lanzados á conexión grazas á separación histérica de todo o que sexan raíces, vínculos afectivos ou calquera compromiso estable.

En tal punto parecen un pouco inxenuos case todos os cantos a favor da sexualidade libre, a promiscuidade e a pornografía aberta. É certo que ao mesmo tempo asistimos ao crecemento dun moralismo patético que, en clave progresista, nada tería que envexar o vello escurantismo cristián. Pero resulta difícil compartir o entusiasmo dalgúns polo potencial de liberación que encerra unha sexualidade servida, case inxectada, a domicilio. Curiosamente, na maioría da analítica sexual está ausente a castidade como unha das opcións eróticas do individuo. Como se, por exemplo, non fose escandalosamente certa aquela afirmación dun ignorado experto nestes temas, Jean Baudrillard: “Nada hai mais afrodisíaco cá inocencia”. Na miña fame mando eu, dicía Gades. Por que non atreverse a dicir “no meu sexo mando eu”?

artes, sexo
‘O xardín das delicias’ (detalle), de Hieronymus Bosch.

Ningunha práctica sexual é per se contranatura, pecaminosa ou ofensiva, polo menos se se fai con amor, afecto ou respecto. E se isto non ocorre, e se trata de dous seres que se ignoran baixo acordo implícito, tampouco hai problema, pois entón apenas existe nada que danar. Como dicía unha amiga psicoanalista, a incomunicación dá moito morbo. Pero é coma se hoxe se tivese estendido esta práctica, en principio ocasional e minoritaria, a todo o horizonte do posible. Fódese, mellor dito, sóñase con foder, na mesma medida en que non hai practicamente ninguén con quen falar.

Non só -como a veces se lembra de pasada- a lectura se converteu nun recurso residual, senón que se converteu en residual o simple esforzo sensitivo e muscular por comprender o contorno mundano que nos envolve. Non se entenderían unha infinidade de síndromes do suxeito contemporáneo -da metástase ás alerxias, da fatiga crónica á depresión larvada-, sen unha caída en picado, non xa dunha lectura que sempre foi un modo de soletrear os perfís do real, senón do contacto sensitivo cos mil matices desta terra mortal. Non asistimos a unha “crise do papel”, senón a unha auténtica crise da pel, de calquera clase de presenza ou encontro real, co conseguinte correlato de illamento analóxico. O Sexo Rei cobre despois esta castración anímica e corporal. As conexións multiplícanse, pero sobre vidas cada día máis illadas do fondo sombrío das súas raíces. A empresa do Eu, e as súas embaixadas sexuais, cobre unha impotencia crecente ante as ambigüidades da existencia. É isto o que significa tamén a palabra “cobertura”?

Todos os síntomas dun insólito recorte vital, cristalizado nesta anémica e espectacular cultura angloamericana que nos invade, están detrás da nosa aversión ao abstracto e complexo, ao lento e antigo, así como á sobriedade de sentir e pensar. O medo a vivir que atravesa esta sociedade senil explica á vez a súa renovada adoración polo mito da eterna xuventude.

Todos os síntomas dun insólito recorte vital, cristalizado nesta anémica e espectacular cultura angloamericana que nos invade, están detrás da nosa aversión ao abstracto e complexo, ao lento e antigo, así como á sobriedade de sentir e pensar.

En concreto, a obsesión pola penetración e por ser penetrados -sexa por outro, un animal ou calquera clase de obxecto- sobrevén nunha cultura onde o individuo deveu impermeable, sen atender outra cousa que non sexa a xélida estratexia da identidade. A caída tendencial das taxas de natalidade nos chamados países avanzados -se as axudas estatais non a atenúan- só é un síntoma externo máis deste proceso de insularidade do individuo occidental. Ninguén quere descender, apearse da seguridade da elevación ou sacrificar o seu benestar por outro ser que veña, e que ademais non ofrece garantías. Por iso temos, a cambio, a inflación da solidariedade a distancia, as ONGs e a axuda civil. Sobre as vidas encriptadas téndense as mil conexións de tarifa plana. Tan plana coma os nosos nervios e sentidos sedados.

Así pois, unha das cousas que xa non se poden compartir é a ilusión dun enfrontamento potencial da explosión sexual co poder. Habería que pensar máis ben en dirección contraria. A nosa orde social é sexy e pornográfica ao cen por cen, pois, para fuxir das preguntas máis íntimas, non lle queda outro camiño que a sobre-exposición. Estando atados de mans na acción non queda outro alivio que a expresión, á forza descarada e obscena. A unha cultura que literalmente non pode afirmar nada, posto que lle teme á vida espida coma á peste, só lle queda a exhibición do seu baleiro, convertendo o seu nihilismo en espectáculo.

artes, sexo
‘O gran masturbador’, de Dalí.

Esta é a nosa obscenidade de base: a necesidade de expoñelo todo -o medio é a mensaxe-, posto que non hai nada vital que dicir. De aí que romper tabús -de Almodóvar e Lady Ga Ga a D. Trump- se convertese na regra, practicamente obrigatoria para todos os que non queiran ser socialmente excluídos. O temor á marxinalidade social, auténtico demo da época, empúxanos á pornografía. Por esta vía dentro de pouco, insistiu Baudrillard, todos estaremos integrados. Non haberá entón máis que pantasmas, zombis asistidos, excluídos dunha carne vital que xamais se poderá pregar ao ideal neo-puritano da transparencia, á homologación e á homoxeneidade. Mesmo a nosa homosexualidade masculina e feminina, co seu crecente poder social, está posta ao servizo deste ideal democraticamente totalitario de disolución da existencia na cobertura técnica. E o sexo consuma libidinalmente a tecnoloxía.

Estando atados de mans na acción non queda outro alivio que a expresión, á forza descarada e obscena. A unha cultura que literalmente non pode afirmar nada, posto que lle teme á vida espida coma á peste, só lle queda a exhibición do seu baleiro, convertendo o seu nihilismo en espectáculo.

Pode moi ben ser falso que, como se adoita comentar, estas multitudes solitarias das redes teman de verdade a perda de espazo privado a mans do saqueo electrónico. Máis ben parece que a grande esperanza metafísica dos nativos dixitais é que as redes nos permitan flotar sen que ningunha vida pese, sen ningún eixo opaco e intransferible de referencia.

Non se pode deixar de notar, aínda que habitualmente obviamos este dato, a orixe e a lóxica puritana da actual explosión de sexualidade, insinuando que existe a posibilidade xeneralizada dun contacto carnal sen implicación afectiva. É exactamente o ideal do neoliberalismo levado á carne, insistindo -ao xeito de Milton Friedman- en que o mercado pon en contacto a milleiros de persoas sen que se teñan que coñecer nin comprometerse persoalmente en nada.

É certo que un prexuízo progresista ás veces parece ameazar con ocupar o lugar, pero case redobrado, do vello moralismo patriarcal. Xa sabemos, polo demais, que as nais non foron menos castradoras cós pais. Pero non debemos crer a idea de que vivimos nunha sociedade plural avanzada. Aínda que teñamos reservas ante Freud, sen embargo convén escoitalo cando di que non existen nin existirán nunca sociedades non represivas. Ningunha sociedade, tampouco a nosa, pode ver os prexuízos que lle permiten ver e manter a súa posición de forza no mundo. De aí que tamén esta sociedade tema o individuo, e as comunidades ocasionais que este poida fundar, en virtude xustamente da súa potencia mortal.

Neste punto, coma en case todos, non parece inactual repetir a intuición de que a muller sempre foi “superior”, de aí a desconfianza, as sospeitas e a veces o odio social que xera. A muller sempre tivo armas terrenais que lle custan ao home, por iso o medo secular da virilidade. Antes queimábanse as mulleres por bruxas, agora quérese disolvelas no líquido da transparencia social. Sería moi divertido analizar o papel de certo feminismo da igualdade neste labor de liquidación da diferencia existencial feminina, que o varón sempre sentiu coma unha ameaza. Agora uniuse a ese medo tradicional un poder social horizontal, polimorfo e que prefire utilizar vías teimosas de infiltración e colonización antes que o enfrontamento directo, a berros, propio de tempos máis inxenuos. Neste punto, acerca das novas armas femininas e xuvenís do noso capitalismo de dispersión, convén lembrar que existe un texto modélico e profético de Deleuze, o Postscriptum sobre las sociedades de control, que constitúe toda unha advertencia sobre o poder inigualable da participación, a interactividade e os sorrisos.

Picón, 14 de agosto. 

Ignacio Castro Rey

Ignacio Castro Rey

Santiago de Compostela, 1952. Filósofo, escritor e crítico de cine e arte. É autor, entre outros, dos ensaios La explotación de los cuerpos (2002), Votos de riqueza (2007), Sociedad y Barbarie (2012) e Ética del desorden (2017).

Para unha metafísica animal do maltrato humano

Un suceso: a desaparición dun ancián no concello coruñés do Pino, desencadea esta reflexión do autor sobre o noso tempo e a actitude vital dun animal reconciliado coa traxicomedia de vivir, mais refractario “á depilación total”.

Crítica ensaio

Nas esquinas perdidas e deprimidas das periferias

Festa do pensamento con acento galego en ‘Ética del desorden’. Ignacio Castro Rey (Santiago, 1952) fai tremer os alicerces do armazón filosófico académico. E pon en cuestión de xeito radical os nomes máis representativos que o sosteñen.

2 comentários em “Mutilacións sexy”

  1. Querido Ignacio; como sé que te encanta Rilke, voy a citar algo relacionado con lo que tú has expuesto: “… cuando esta fuerza, ruidosa, atraviesa todo su ser, llegando a la sexualidad, no encuentra una persona tan pura como precisa. No encuentra un mundo sexual maduro y puro, sino uno que no es lo bastante humano, que sólo es masculino, que es celo, embriaguez y desasosiego, cargado de los viejos prejuicios y soberbias con que el hombre ha desfigurado y abrumado el amor. Porque sólo ama como hombre y no como persona, su percepción sexual tiene algo de estrecho, al parecer salvaje, hostil, temporal, transitorio, que aminora su arte y lo hace ambiguo y dudoso”.
    Querido y admirado Ignacio, como siempre es un placer leerte.
    Besiños palmeiráns.

Deixe um comentário

2 comentários em “Mutilacións sexy”

  1. Querido Ignacio; como sé que te encanta Rilke, voy a citar algo relacionado con lo que tú has expuesto: “… cuando esta fuerza, ruidosa, atraviesa todo su ser, llegando a la sexualidad, no encuentra una persona tan pura como precisa. No encuentra un mundo sexual maduro y puro, sino uno que no es lo bastante humano, que sólo es masculino, que es celo, embriaguez y desasosiego, cargado de los viejos prejuicios y soberbias con que el hombre ha desfigurado y abrumado el amor. Porque sólo ama como hombre y no como persona, su percepción sexual tiene algo de estrecho, al parecer salvaje, hostil, temporal, transitorio, que aminora su arte y lo hace ambiguo y dudoso”.
    Querido y admirado Ignacio, como siempre es un placer leerte.
    Besiños palmeiráns.

Deixe um comentário