Na auga de Ferrol mandan os cartos (e paga a veciñanza)
A empresa que comparte co concello a xestión da depuradora vén de conseguir que un xuíz lle dea a razón na reclamación de cantidades atrasadas por un servizo que non funcionaba, malia que non funcionaba.
Jorge Guzmán | Texto e fotos | Ferrol, 9 de xuño. En maio de 2014 comezou a guerra pola remunicipalización do servizo de augas en Ferrol. O PP aprobou a entrega da xestión da depuradora do Cabo Prioriño á empresa mixta Emafesa até o 2030. Foi un acordo rápido, que non deixou apenas tempo de estudo ao resto dos grupos municipais. O Concello mantén o 51%, e Socamex, o resto.
En xuño dese ano, o Concello de Narón levou aos tribunais ao municipio de Ferrol, co que comparte o servizo. As razóns: que legalmente non se podía entregar o servizo público a unha empresa con parte de capital privado; e que o incremento do custe anual, 76 euros, distaba moito dos cálculos dun estudo que eles tiñan encargado á empresa de augas de Narón, que o fixara en 57,53 euros.
En paralelo, en Ferrol, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, da que por aquel entón facía parte o actual alcalde, Jorge Suárez, comezou a mobilizarse contra a suba da taxa. Case un ano despois, en xuño do 2015, Ferrol en Común gaña as eleccións e Suárez asume a alcaldía e no pleno ordinario de setembro, acórdase a suspensión da taxa. A depuradora non estaba a funcionar, e varios informes municipais indicaron que se cobraba por un servizo inexistente.
“A impulsora traía augas fecais que ían ao mar e os interceptores non funcionaban porque estaban sen rematar. Na depuradora non había nin contrato eléctrico nin persoal contratado. Simplemente había unha persoa de seguridade e un operario que nin sequera deixou pasar o alcalde nin a comitiva que ía a ve-la depuradora en agosto de 2015”, lembra Fernando Ramos, membro da Plataforma, este xoves despois dunha concentración na praza de Armas.
A Plataforma volveu convocar onte á veciñanza para denunciar que o abuso continúa. A loita por unha auga limpa e barata prosegue en Ferrol. “No seu momento xa advertimos que na concesión a Emafesa podía haber unha fraude, era unha manobra para facer cartos”, lembra Ignacio Martínez, outro dos membros do colectivo veciñal que exhibe unha faixa na que se le: “A estafa continúa! Defende os teus dereitos”. Na praza, fala Alexandre Carrodeguas, le uns papeis no que volve dar conta de todo o traballo de resistencia e de como están as cousas. Mal, pese ao cambio no goberno municipal e pese a que os sucesivos estudos din que o que se cobra pola auga non se corresponde cos custes reais do servizo.
Idas
Aquel acordo plenario de setembro de 2015 foi contestado pola empresa recorrendo ás directivas europeas para obrigar ao Concello a recoñecer unha débeda de 2,5 millóns de euros por cada ano que mantivera paralizado o servizo. O alcalde non conseguiu en sucesivas votacións, por desacordos políticos no grupo de goberno, rebaixar a taxa. O PP impediuno, mentres o Bloque reclama que sexa Augas de Galicia quen se faga cargo da depuración.
A Plataforma coloca habitualmente unha mesa diante do Concello para recoller firmas contra a taxa, e láiase da incapacidade de Suárez para topar unha saída. Agora a oposición veciñal é aberta. “O alcalde rompeu connosco cando firmou un convenio con Augas de Galicia para entregar a depurada a Emafesa. Perdeu a ocasión de devolver a depuradora ao público, porque agora tería tamén que renunciar a ese convenio”, di Ramos.
En outubro do ano pasado, Suárez asumiu que non tiña máis remedio que manter a taxa, que Socamex ameazaba con disolver a sociedade se non se volvía cobrar, e que o saneamento funcionaba con normalidade desde abril. O alcalde confesou que debía aceptar a derrota diante da falta de apoios na corporación. E Socamex deulle un ultimato para repoñer a taxa se non quere que leven a disolución aos tribunais. A taxa entra en vigor en novembro, con cobros retroactivos desde abril de 2017.
“Os procesos de remunicipalización son moi complexos, requiren dun consenso social e político amplísimo. Así que é imprescindible seguir os trámites legais oportunos e non dar pasos en falso. Estamos a loitar contra grandes aparatos empresariais, multinacionais, que teñen respaldo político en altas esferas. Se miramos a outras cidades, os procesos levan cinco, seis anos. Hai que ter paciencia”, explica Jorge Suárez este mesmo xoves.
E voltas
Nas semanas seguintes tanto a Plataforma como o BNG e o PSOE instaron os veciños a recorrer a taxa. Algúns veciños incluso comezan a denunciar medidas coercitivas por parte da empresa mixta. O goberno anuncia que encargará un novo estudo a unha auditoría externa para determina-lo custo real do servizo e así axustar o prezo para os veciños. Narón encarga o seu propio estudo e fai público en febreiro de 2018 que o prezo debería moi inferior ao que pretende cobrar Emafesa. Ferrol presenta en abril os resultados dun informe feito por Eudita. Son similares os do concello veciño, e recomenda que sexan descontados custes de instalación e obras que non lle corresponde pagar aos veciños.
O 19 de marzo pasado, a Plataforma acode aos tribunais e denuncia ao alcalde por prevaricación e un presunto delito de estafa. O consistorio responde cunha demanda por inxurias (mesmo afirma que a demanda da Plataforma confunde os nomes das empresas implicada). A Plataforma recúa e di que a denuncia non ía contra o alcalde coma persoa física. A situación pareceu calmarse, pero ninguén renunciou ás súas posturas. A Plataforma, o PSOE e o BNG, contrarios a taxa; o equipo de goberno, asumíndoa; o PP e Socamex, celebrándoa. Pero estes días a cousa deu un novo xiro, por iso a Plataforma volve meter ruído.
A semana pasada coñeceuse unha sentencia xudicial, en resposta a unha reclamación de Socamex, que determina que o servizo, inda sen estar en funcionamento, debe pagarse con carácter retroactivo desde a súa firma no ano 2014.
O alcalde dixo que haberá que ir até o Tribunal Supremo. A veciñanza segue pagando.
#Ferrol
Ferrol, unha balea varada nunha praia
Outras novas
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Nace Estreleira.gal e inza o país de bandeiras
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas