Ningún demócrata nega xa o espolio de Meirás

Carlos Babío

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A loita pola devolución do Pazo de Meirás non é asunto novo. A represión e os abusos do proceso que serviu para aumentar o patrimonio persoal dun ditador xenocida ficaron gravados a lume na poboación galega que o sufriu. A pesares do medo que imbuíu aquel réxime, dos silencios impostos por supervivencia, do atado e ben atado e da ocultación da verdade, a Memoria colectiva transmitiuse.

A versión franquista do espolio –un agasallo das galegas e galegos que mercaron o Pazo de Meirás por subscrición popular para entregarllo a Franco– era outro alarde de inventiva do réxime que contrastaba coa Memoria da poboación represaliada. Esta mentira servía unicamente para por en decencia o indecente e ocultar os procesos administrativos corruptos que engordaban día a día o patrimonio persoal do tirano en Meirás. Tamén procuraba amparar ás elites sociais e económicas protagonistas daquel espolio do que se beneficiaron a través dun réxime de favores mutuos que durou o suficiente para se asentar na sociedade.

Abusos que non rematarían coa morte física do ditador. Todo o contrario. A mal chamada transición converteu o Pazo de Meirás a través da xefatura do estado imposta por Franco en símbolo de “etapa gloriosa de España” simplemente porque o ditador convertera aquela finca en residencia “oficial” de verán. Así, o espolio non quedaba só na impunidade, senón que ademais acadaba o rango de nobreza ao se crear o “Señorío de Meirás” con rango de “Grandeza de España” e outorgándose á figura de Carmen Polo, viúva do ditador.

Porén, non só falamos de títulos nobiliarios. As propiedades de Meirás quedaban en mans dos herdeiros do ditador. A finca principal e outras 3 máis foron adquiridas pola “Junta Provincial Pro Pazo del Caudillo” e sufragadas mediante derivación de recursos públicos e abusos e coaccións sobre a poboación, outras 17 fincas e unha casa foron roubadas aos labregos de Meirás, outras tres fincas e unha casa máis localizadas na contorna do Pazo foron pagadas polo erario público, as infraestruturas e melloras do Pazo de Meirás que incluía até un acuartelamento do Ministerio del Ejército e dúas estradas da Deputación Provincial de Coruña eran inscritas no rexistro da propiedade como bens da familia Franco. E, por suposto, o espolio da Casa Cornide, emanado desde Meirás, e unha finca con casa na praia de Bastiagueiro, entre outras algueiradas.

Os herdeiros, fieis coa tradición do seu mentor, sempre concibiron Meirás como fonte de enriquecemento particular e non tardarían en dar mostras disto, sempre co apoio activo ou pasivo dos poderes públicos e administrativos das elites que, non esquezamos, pilotaron aquel proceso mal chamado transición democrática.

Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío, hai un ano, nos días que presentaron o seu ensaio.

Así, en 1978 o Pazo de Meirás arde en estrañas circunstancias. A causa oficial un “curtocircuíto” producido en tres puntos diferentes das Torres ao mesmo tempo e cando o Garda Civil –aínda daquela ás ordes dos Franco en Meirás– declara que o subministro de enerxía eléctrica estaba cortado á hora que se produciu o incendio. Catro anos despois, os Franco pretenderon monetizar aquelas Torres moi danadas polo incendio, entrando de cheo nun debate absolutamente envelenado polas elites coruñesas sobre a capitalidade de Galiza que serviría tamén como escusa para apartar da alcaldía unha persoa coma Domingos Merino, de esquerdas, republicano e nacionalista.

A idea era converter o Pazo de Meirás en sede do goberno galego previo pagamento á familia Franco de 180 millóns de pesetas (de 1982), ao que se sumaría o orzamento da correspondente reforma. Unha negociación levada na sombra pola elites coruñesas que a prensa local, igual que fixera en 1938 con motivo da entrega do Pazo a Franco, amplificou con argumentos sobre o beneficio social da proposta.

“Esquerda Galega presentou en marzo de 1982 unha moción no pleno da Coruña reclamando a constitución dunha comisión cidadá que traballase para a recuperación gratuíta do Pazo.”

Non obstante, a Memoria colectiva e a sociedade dos barrios da Coruña estiveron alí para denunciar a manobra especulativa que afondaba na impunidade franquista. Así o denunciou un concelleiro do BN-PG nunha reunión da permanente municipal un 9 de marzo de 1982. Ao día seguinte, outro edil de Esquerda Galega anunciaba a presentación dunha moción ao pleno onde reclamaba a constitución dunha comisión cidadá Pro-Devolución que traballase para a devolución gratuíta do Pazo de Meirás por ser “moralmente o seu lexítimo dono”. Ao tempo, iniciara unha campaña de recollida de sinaturas en toda a cidade pola devolución de Meirás.

Un día despois, a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña –formada polas asociacións de veciñas da Agra do Orzán, Os Mallos-Sagrada Familia-Estación, Santa Margarida-O Parque, Monelos, Castrillón Urbanización Soto, A Gaiteira-Os Castros, Eirís e As Xubias– xunto outras organizacións sociais, sindicais e políticas convocan unha caravana de protesta contra a proposta de “recompra” do Pazo de Meirás que se celebra o 24 de marzo baixo lemas como Compra do Pazo non; devolución.

O alcalde da Coruña e as forzas políticas conservadoras fan esforzos para explicar nos medios locais os supostos beneficios da operación. Francisco Vázquez chega a calificala de “muy oportuna, por cuanto sería recuperar un patrimonio importante para La Coruña y Galicia”. A pesares disto, a operación fracasa. E fracasa polo desencanto social, pola súa mobilización radicada na Memoria colectiva.

“Asociacións de veciñas e veciños da Coruña, sindicatos e partidos convocaron o 24 de marzo de 1982 unha marcha contra a proposta de recompra baixo o lema: ‘Compra do Pazo non; devolución’.”

A devolución de Meirás vaise reclamar a partir dese momento de maneira constante. Un ano despois, en 1983, a corporación municipal da Coruña aprobará unha moción de Esquerda Galega no que se solicita a reversión da propiedade de Meirás ao patrimonio público “facéndose chegar ao Goberno (do Estado) os antecedentes da entrega do Pazo ao anterior Xefe do Estado e facendo fincapé na consideración que o Concello lle merece de Patrimonio do Estado, e desexando reverta no patrimonio municipal”.

Babío e Pérez Lorenzo, na presentación do libro, xunto co presidente da FGS, editora da obra.

Tres anos despois, en 1986, o PSG-EG reclamaba a creación do ente Pro-Devolución do Pazo de Meirás e o compromiso decidido do Concello da Coruña para traballar na recuperación gratuíta do Pazo. A esta iniciativa seguiranlle moitas outras de diferentes actores e presentadas en diferentes institucións nas que se reclamaba a devolución do ben ou se denunciaban os abusos dos Franco en Meirás polo seu nulo respecto ao patrimonio histórico-artístico que representa a finca e Torres deseñadas pola escritora Emilia Pardo Bazán. Tamén denunciaban a especulación urbanística na que se mergullaron os Franco en Meirás durante o final da década dos 80, cando venderon terreos que no seu día foran adquiridos con fondos públicos dos orzamentos xerais do Estado e inscritos a nome do ditador, ampliando propiedades particulares en Meirás. Isto acontecía previa recalificación, claro está, dos usos do solo que lles facilitaron as administracións tardofranquistas do PP, presididas en Sada por Ramón Rodríguez Ares e en Santiago por Manuel Fraga Iribarne.

Porén, a pesares do nulo compromiso xeral das institucións públicas en todo este proceso, a reivindicación sobre a devolución de Meirás mantívose viva. Foi avanzando. Primeiro, na reivindicación social que encarnaría a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, facendo da “batalla de Meirás” a principal loita do movemento memorístico. Despois, coa declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural promovido no ano 2007 polo Concello de Sada tras a constitución dun goberno presidido por Abel López Soto e conformado por unha coalición do BNG-PSOE que tiña tamén a súa réplica no goberno galego.

A publicación do volume Meirás. Un Pazo, un Caudillo, un Espolio tamén reconstrúe e documenta o proceso de como ese Pazo chega a mans de Franco e o uso posterior que se lle dá, coma se dunha residencia publica se tratase. O libro avanzou no coñecemento da verdade, fundamental para loitar contra a impunidade e na normalidade democrática. Todo isto en conxunto serviu para afastar do debate social o argumento interesado e creado polo propio franquismo.  Aquel que identificaba o Pazo de Meirás cun “agasallo”, non cos abusos que se deron realmente. O que ligaba “beneficios colectivos” cos intereses espurios das elites e a corrupción dun réxime fascista.

Ningún demócrata nega xa o espolio. O debate pasou ao eido das estratexias xurídicas, que partindo da normativa existente –herdada en boa medida do propio franquismo– recupere Meirás para o Patrimonio Público. Pasou tamén ás institucións públicas. A primeira, a Deputación da Coruña que a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín constituíu aquel órgano colectivo que Esquerda Galega propuxera na corporación municipal da Coruña 36 anos antes, proposta que formulou a través da CRMH da Coruña, Manuel Monge. Os seus traballos foron os primeiros en establecer unha estratexia xurídica a través de informes que demostran o espolio franquista. A estes informes sumáronse as conclusións dunha Comisión de Expertos ao abeiro da unanimidade do Parlamento galego que confirmaban o espolio e os abusos e establecían tamén unha nova estratexia xurídica.

“O debate pasou ao eido das estratexias, e a Deputación da Coruña constituíu finalmente aquel órgano colectivo que Esquerda Galega propuxera na corporación municipal da Coruña 36 anos antes.”

O traballo foi incansable, de moita xente en institucións como o da Deputación, o Concello de Sada, o apoio do Concello da Coruña ou mesmo no Parlamento Europeo a través da eurodeputada do BNG Ana Miranda, que non escatima esforzos en Bruxelas ante a anormalidade democrática que representa na actualidade o Pazo de Meirás. A lista das persoas que defenden a devolución de Meirás somos a inmensa maioría. Somos as demócratas como as xa coñecidas como as 19 de Meirás que cun acto reivindicativo e simbólico conseguiron pór nos medios de comunicación internacionais a vergoña impune que significa hoxe a ostentación desa propiedade polos Franco. E por iso que os Franco piden multas e penas de cadea sorprendentes. Ese é o motivo e non outro.

Porque saben que hoxe temos unidade social, estratexia e determinación para rematar coa impunidade na que viven. Porque eles saben tamén que o Pazo foi espoliado. Porque saben que pasaron boa parte das súas vidas a conta do erario público ao que lle pasaban desde o espolio dun palacete ate as “tiritas” e a “agua oxigenada para los nietos de SSEE”, como fixeron mediante orde emitida por exemplo o 7 de agosto de 1975 desde o Pazo de Meirás por valor de 66 pesetas.

Hoxe estamos en condicións de demostrar que viviron unha vida de luxo a conta do erario público en propiedades roubadas. Mediante un réxime xenocida que asasinaba e coartaba liberdades. E que a día de hoxe gozan das propiedades e privilexios emanados da corrupción. Un mal exemplo para o mundo democrático que precisa de normalidade. Porque recuperar Meirás non só significa rematar coa impunidade. Debe servir tamén para afastar o franquismo que aínda sobrevive. Neste franquismo sen Franco que permanece na sociedade e nas institucións.

O sábado 10 de novembro daremos un novo paso na reivindicación da Memoria Galega Democrática e Antifascista. As entidades que fai 36 anos protagonizaron e convocaron unha caravana na Coruña contra a compra de Meirás e pola súa devolución ao Patrimonio Publico volven a convocarnos xunto a outras moitas mais para acadar o obxectivo de que o Pazo de Meirás sexa reintegrado ao seu lexitimo dono. O pobo galego.

Sada, 8 de novembro.

Carlos Babío

Carlos Babío

A Coruña, 1967. Investigador e membro da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC). Co-autor, xunto a Manuel Pérez Lorenzo, de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017). É fillo en neto das propietarias dunha casa que foi empregada para aumentar o patrimonio do ditador Franco en Meirás.

Deixe um comentário

Deixe um comentário