Teima | No patio traseiro de Abel – Capítulo 1
No patio traseiro de Abel
Un de cada cinco vigueses está en risco de pobreza, hai xente sen teito e atrasos nas axudas públicas básicas, pero o alcalde segue de costas á pobreza.
Amara Añón Gándara | Vigo, 22 de outubro. A maior urbe do país, Vigo, 110 quilómetros cadrados, uns 300.000 habitantes, unha densidade de 2.775 habitantes por quilómetro cadrado, un clima agradábel (15º de temperatura media anual), un polo de inmigracións, a porta sur de Galiza, vital, industriosa, e malia a orografía, unha cidade amábel, está gobernada desde a municipalidade de costas á veciñanza que máis sufriu o golpe da crise e xa non levantará cabeza. Porén, Abel Caballero, o alcalde desde 2007, ex ministro socialista e barón galaico do partido, que chegou a ser candidato á presidencia da Xunta, pasou pola Autoridad Portuaria e escribe novelas de xénero histórico que non len os pobres, parece dirixirse como un patricio caprichoso que coloca barcos en rotondas ou enche de luces o Nadal e pasa dos problemas dos que máis problemas teñen.
Segundo o Informe O estado da pobreza en Galicia elaborado en 2017 pola Rede Galega contra a Pobreza, a finais de 2016 unas 65.000 persoas, o que representa un 22,28% das habitantes, estaban en risco de pobreza en Vigo. Das sete cidades galegas, só Ferrol supera esta taxa.
Vigo representa un terzo da poboación de Pontevedra, unha provincia que empezou en 2010 unha serie de oito anos con taxas de desemprego por riba do 16%. Un récord en Galiza e que hai apenas catro anos alcanzou o pico do 25,81% de desempregados.
En Vigo, tramítanse máis de dúas mil solicitudes da RISGA –a Renda de inclusión social de Galiza, unha axuda de 400 euros mensuais nun período dun ano–, mais a espera para recibir a prestación supera os seis meses na maioría dos casos. No concello e na Xunta bótanse as culpas uns aos outros. En Vigo, ademais de familias pasando dificultades para alimentarse, hai xente que vive na rúa.
Desde hai vinte meses, Abel Caballero ten que convivir na mesma praza a carón do Concello de Vigo cuns veciños en tendas de campaña que lle recordan cada día a emerxencia social na primeira cidade do país. Non hai outra alcaldesa ou alcalde das grandes cidades –todas con problemas de desemprego, desafiuzamentos, fame entre sectores da poboación– a quen se sinale directamente pola ausencia de políticas públicas en auxilio dos que sofren.
Juan Carollo ten 48 anos, un pasado como hostaleiro en Llodio (Biscaia). “Unha noite a finais de 2012 pechei o bar e marchei. Por razóns persoais, porque o negocio ía ben. As empregadas quedaron co bar e pasábanme algún diñeiro. Estiven un mes en Compostela e despois vin para Vigo. Fun tirando un ano e pensei en montar un negocio. Pero sen aval, no banco non me daban un peso. Chegou un momento en que xa non podía pagar o piso e saín del. Estiven na rúa cousa de mes e medio. A pan e auga, si. Pedía unha barra nalgunha panadería… Vivía na rúa, non falaba con ninguén. Pedía. Así pasaron dous anos. A min quen me axudou a saír un pouco de min mesmo foron os cidadáns, non a Administración. Foi a xente. Hoxe vou ao barrio onde pedía e falo con todo o mundo. Levo 20 meses aquí. Hai xente que pensa que a acampada quedou obsoleta ou xa non pinta nada, pero penso que mentres sigamos acollendo a persoas que van durmir na rúa estaremos cumprindo”.
“Vivía na rúa, non falaba con ninguén. Pedía. Así pasaron dous anos. A min quen me axudou a saír un pouco de min mesmo foron os cidadáns, non a Administración. Foi a xente”, di Juan.
Juan Carollo está moi só. Vinte meses desgastan calquera activismo. “O activismo é como tirar unha pedra nun estanque”, di, “ao principio fórmanse moitas ondas e expándense, pero van morrendo”. Pero as tendas na praza do Rei seguen en pé. A estatua do monarca, xunto á porta do Concello, tamén lles dá as costas. A finais de setembro, cando ten lugar a entrevista, Juan conversa entre papeis, os documentos que lle serviron para denunciar a situación do albergue nunha rolda de prensa esa mesma mañá, e mostra a fotografía das pernas inchadas dun home maior que ficou fóra do albergue por ter esgotado o período de estancia a noite anterior e que tivo que ir durmir ás tendas.
“Hai un par de anos decidín que había que demostrarlle ao alcalde que era unha falta de respecto dicir que en Vigo quen durme na rúa é porque quere. Entrei nun pleno e díxenllo: ‘vai ter vostede durmindo xente na rúa aquí diante’. Senteime alí un luns e sacáronme o venres. Concedéronme a axuda de emerxencia nun día e pagáronme unha habitación durante dous meses até que me chegou a RISGA, que foi outra xestión rápida porque estaban tardando uns nove meses. Daquela, está claro que se poden acelerar os trámites… Non volvín pedir na rúa. Cos catrocentos euros pagaba 200 de aloxamento e 200 para comer. Foi un ano. Agora estou coa RAI. Pode que para unha familia non sexa suficiente. Para min si. Sabes o que son as cousas cando non as tes, sabes o que é ter un baño, unha mesa, unha cadeira…?”
Mais Juan volveu acampar porque o Concello segue sen cumprir e sen recoñecer que hai xente na rúa que non quere estar na rúa. A principios deste ano comentáronlle que ían ser recibidos, por fin, por Abel Caballero. Non houbo tal. “Estou aquí porque o alcalde minte. Hai desafiuzamentos, xente na rúa, o albergue non é suficiente, o centro de inclusión funciona mal. En setembro presentámoslle ao Concello un plan de emerxencia. Pero Caballero dixo que el coa xente do barco de Coia non se reunía”. A xuntanza ía ser na comisaría de policía.
Os Ninguéns
En Vigo un dos colectivos de activismo social con maior incidencia é Os Ninguéns. Naceron hai tres anos, cando xa era evidente que a crise deixara demasiadas vítimas que non se ían recompoñer por si mesmas, para visibilizar esas persoas. Son un foro socioeducativo, un espazo de encontro e de reivindicación “para recordarlle ás institucións públicas que non deixen atrás ás persoas empobrecidas”, di Antón Bouzas, un dos seus impulsores.
Antón, educador social xubilado, explica que entre as demandas deste colectivo están a creación dun censo de persoas sen teito, a necesidade de dotar á cidade dun parque de vivendas públicas en réxime de aluguer social e o aumento de prazas no albergue municipal. Actualmente, o albergue pode acoller a 40 persoas cada día e en caso de emerxencia habilítanse cinco prazas. Desde Os Ninguéns cualifican estas cifras como insuficientes, así como a duración das estadías, que dependen do grao de saturación do centro.
Precisamente desde a acampada, Juan Carollo sinala que no primeiro semestre deste ano tiveron que acoller 651 persoas que non puideron acceder ao albergue. Nun período 173 días, a instalación municipal só puido atender toda a demanda en 20 xornadas. E mentres Abel Caballero presume de grandes partidas do orzamento municipal destinadas aos servizos sociais, os colectivos sociais din que en 2017 o orzamento do albergue aumentou en 150.000 euros respecto ao ano anterior –ao tempo que baixaron os salarios das empregadas- polo que non se entende que non houbera ampliación da capacidade do complexo.
Para paliar as carencias dos comedores moitos dos usuarios acoden aos servizos gratuítos de fundacións como Érguete, que ofrecen bocadillos na rúa.
No mesmo edificio da rúa Marques de Valterra no que se atopa o albergue municipal tamén está situado un comedor social que conta con 70 prazas no que unicamente se oferta unha comida diaria, o xantar, malia as voces que piden que se garanten as ceas, unha necesidade básica para as persoas que dormen na rúa. Vigo conta ademais con outros catro comedores sociais: Vida Digna, o da Esperanza, La Sal de la Tierra e o de La Misión del Silencio. Estes dous últimos pecharon durante os meses de verán, unha circunstancia que acrecentou a saturación que sofren durante o resto do ano. Para paliar as carencias dos comedores moitos dos usuarios acoden aos servizos gratuítos de fundacións como Érguete, que ofrecen bocadillos na rúa.
A escaseza de persoal nas Unidades de Traballo Social é outra das carencias dos servizos municipais. As funcións das UTS son informar, valorar e intervir en diferentes situacións de risco ou necesidade da poboación. Actualmente, Vigo conta só con 17 profesionais no servizos sociais de base comunitarios, ou o que é o mesmo, unha traballadora social por cada 17.000 habitantes. Segundo establece a lei galega debe haber unha traballadora por cada oito mil. Outros organismos, como o Consello Xeral de Traballo Social do Estado, son máis esixentes e recomendan unha ratio cunha profesional para atender entre 1.700 e 3.000 habitantes.
Actualmente, Vigo conta só con 17 profesionais no servizos sociais de base comunitarios, ou o que é o mesmo, unha traballadora social por cada 17.000 habitantes. Segundo establece a lei galega debe haber unha traballadora por cada oito mil.
Precisamente, un dos principais motivos polos que as cidadás acoden ás UTS é a tramitación da Renda de Integración Social. Segundo os datos do IGE, os beneficiarios da RISGA triplicáronse en Vigo entre 2008 e 2016, pasando de 851 a 2.436. O ano pasado 2.427 viguesas recibían a RISGA ou unha Axuda de Inclusión Social, das que máis de metade eran mulleres, concretamente 1.411.
Como recolle o Diagnóstico Participativo sobre o Dereito á Saúde e Vivenda con Enfoque de Xénero e Saúde Mental, elaborado por Médicos do Mundo Galicia, as entidades sociais da cidade demandan que o departamento de Benestar Social inclúa a perspectiva de xénero no tratamento coas usuarias. O informe destaca que as mulleres sen fogar están nunha situación de especial vulnerabilidade, os recursos ofertados están masculinizados e non atenden aos aspectos diferenciais na acollida ou no seguimento das afectadas.
Malia que a Xunta de Galicia é a responsable de outorgar e ingresar a RISGA, son os gobernos locais os encargados da súa tramitación. En 2017, as viguesas tiveron que agardar, de media, 190 días para a resolución desta axuda. En Pontevedra, por exemplo, a solicitude resólvese nunha media de 30 días.
“As profesionais centrámonos na cobertura das necesidades económicas básicas e na xestión das axudas deixando de lado a verdadeira labor centrada na persoa, no barrio e na comunidade”, di Estela.
Estela Rosende, tesoureira do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), explica que o Concello realiza contratacións puntuais “para aliviar a carga de traballo na tramitación das prestacións pero a realidade é que levamos anos superadas”. En Vigo, unha cidade cunha poboación maioritariamente obreira, despois da crise, os recursos non aumentaron ao ritmo preciso. As consecuencias, como argumenta Rosende, son fatais para a poboación. “As profesionais centrámonos na cobertura das necesidades económicas básicas e na xestión das axudas deixando de lado a verdadeira labor centrada na persoa, no barrio e na comunidade”. Rosende apunta como un problema fundamental que en Vigo, a diferenza de noutras cidades, son as traballadoras sociais as que soportan a carga de todos os servizos sociais de base. E iso ten consecuencias: “a ausencia dun equipo multidisciplinar dificulta unha intervención fiábel e efectiva”.
As traballadoras sociais tamén reivindican unha planificación estratéxica do departamento, alegan que a estrutura é a mesma dende hai anos e non se adapta ás necesidades actuais. Rosende mantén que só unha nova organización e unha convocatoria de prazas por parte do Concello de Vigo poden diminuír a carga de traballo e permitir que as profesionais oferten ferramentas propias ás cidadás para ser independentes das axudas económicas. O Colexio xa solicitou unha xuntanza co alcalde para trasladarlle as súas demandas e agardan por unha cita nas próximas semanas.
“O alcalde só proporciona atención e axuda monetaria aos colectivos que aplauden as súas políticas e intenta agochar a aqueles que son críticos coa súa xestión”, di Antón.
En Os Ninguéns levan máis tempo esperando por unha resposta do goberno local. Antón Bouzas asegura que en tres anos o Concello non lles contestou a ningún dos escritos, reclamas ou propostas de mocións rexistradas para levar ao pleno municipal. Nin o rexedor nin a concelleira de Benestar Social aceptaron ningunha xuntanza para falar das demandas do colectivo. “A relación entre as estruturas municipais e a sociedade empeorou cos anos, sobre todo coas sucesivas lexislaturas de Abel Caballero”. Ademais, Bouzas engade que o alcalde “só proporciona atención e axuda monetaria aos colectivos que aplauden as súas políticas e intenta agochar a aqueles que son críticos coa súa xestión”.
A semana pasada, varios colectivos, entre eles as asociacións veciñais de Coia ás que Caballero ten no albo desde a disputa polo barco que finalmente o alcalde chantou na principal rotonda do barrio malia a oposición dos activistas, empezaron unha campaña que denuncia o dispendio das luces de Nadal coma un “crime social e ambiental”.
“Alguén escoitou falar do Marisquiño despois do anuncio das luces?”, reflexiona Juan Carollo nun café diante do Concello ao que segue retando cada día. El non ten medo, e moi pouco que perder. Moitas entidades que reciben axudas municipais comparten as demandas das acampadas na praza no Rei, pero amosar un apoio público pode deixalas sen subvencións. “Ao alcalde non se lle ten respecto, ténselle medo”, sentenza Juan.
#Vigo
Memoria imposta: a cruz do Castro en Vigo
A roupa colma a paciencia das auxiliares en Vigo
Tecendo resistencias nun medio hostil
Fetichismo cultural: do Vindel ao dinoseto
Outras Teimas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Touro ábrese a un outro futuro
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
1 comentário em “No patio traseiro de Abel”
Gracias por apostar por un tema real …
Vigo leva demasiado tempo sumido no mundo virtual…
O último comunicado ao Pleno do Concello denunciaba precisamente a Aporofobia galopante da Alcaldía e de toda a Corporación Municipal…
https://i.gal/CartaNadal
VigoDenuncia INVITA á participación cidadá : https://i.gal/gamela18
Gracias por EXISTIR !