"Se Nós TV foi progresando foi grazas ao compromiso do colectivo"

TEIMA | O xornalismo deste século - Capítulo 5

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Compostela, 7 de decembro.  Un cuarto de seu. Un espazo audiovisual propio no que situarmos un país. Un esforzo común que aparece na comarca do Deza e estende a Arzúa, Ordes, Terras de Melide, Tabeirós e Santiago. E non para aí. Nós TV chegou con forza “para cubrir unha carencia fundamental neste sector: a ausencia da lingua galega”. Con emisións en TDT nas citadas bisbarras e unha difusión dixital a través do sitio web, a canle artella unha oferta televisiva galega e en galego nun escenario de transición mediática.

Ao tempo que a televisión clásica ía esvaecendo lentamente foi xurdindo un calidoscopio de factores que modificaron o novo panorama televisivo. A introdución da Televisión Dixital Terrestre, o xurdimento do xornalismo cidadán, a hexemonía das redes sociais ou a lóxica da viralidade son só algúns dos elementos e tendencias que NÓS Televisión tivo que considerar á hora de se facer sitio. Como resolveron isto?

En declaracións a adiante.gal, a equipa –formada principalmente por xente moza– defende os eixos centrais do proxecto. A canle traballa desde unha “consciencia social, cultural e nacional galega” e unha filosofía de horizontalidade que inflúe en todos os rexistros da iniciativa. Deste xeito, a mentalidade “de abaixo cara arriba” non só afecta a coordinación e toma de decisións, senón que tamén é unha pedra angular arredor da cal organizar a información.

Unha soa ollada á portada web abonda. Persoas sen fogar, loitas veciñais, mobilizacións sindicais ou vida cultural e actualidade municipal de Compostela (e da súa área de influencia). A información próxima e local preside o medio, que leva xa máis dun lustro esperto, a camiñar con todo en contra e, aínda así, continúa a facer da máxima “xornalismo como servizo público” moito máis que unha frase de orde.

Cando e como nace Nós TV?

Nós Televisión nace no ano 2013 en Lalín, sendo filla da antiga canle Deza TV. Desde aquela, a idea primixenia, o proxecto e os seus integrantes foron mudando ata se converter nun medio cunha proxección de ámbito galego que agora mesmo está situado en Compostela.

Defendedes que se trata dun traballo cun marcado carácter colectivo.  Por que?

É un proxecto cun marcado carácter colectivo porque o medio non se podería concibir sen a xente que nela participa, ben sexa diariamente ou de xeito eventual. Resulta difícil sacar adiante un proxecto destas características se non existe implicación nas persoas que fan parte del. Hai bastante liberdade na toma de decisións, así que non hai unha figura de dirección de informativos concreta. Todas e todos aportamos. Cada quen ten as súas preferencias na elección de temas ou formatos, a súa propia sensibilidade, somos flexíbeis así que é doado entenderse. Se o medio foi progresando foi grazas ao compromiso do colectivo.

Cantas persoas traballan actualmente en Nós TV?

Aquí en Compostela estamos habitualmente cinco persoas. En Deza-Tabeirós e na Coruña hai tamén xente, mais non están todos os días.

Funcionades grazas á achega dun accionariado composto principalmente por capital privado. Como é o modelo de negocio exactamente?

Non creo negocio sexa a palabra axeitada. Unha televisión é todo menos un negocio rendíbel. Os que estamos implicados nesta aventura non estamos aquí polo negocio, senón hai tempo que o teriamos deixado… facémolo porque sentimos que é algo útil. Con todo, tratamos de facer sostíbel a estrutura facendo servizos audiovisuais ben diversos. Algo que supón un sobreesforzo, claro, porque facer información diaria é algo esgotador ás veces…pero é a fórmula que atopamos. Isto permítenos financiar o medio.

Hai algún obxectivo a longo prazo?

Ata o de agora xa vimos emitindo pola TDT na comarca do Deza-Tabeirós e na de Compostela, mais non é algo que nos obsesione, quero dicir, iso de emitir en todo o país. Honestamente non vemos futuro na TDT, xa que somos conscientes de que o tema das licenzas de emisión é algo profundamente politizado e custoso, así que non perdemos demasiado tempo niso, a nosa liña é clara. Comprobamos que é moito mais eficaz comunicar polas redes e ademais, sempre hai outras plataformas alternativas á TDT…xa veremos cara onde imos. En canto a medrar e abrir novas delegacións, non pechamos ningunha porta. Esa é a nosa ambición. Mais somos conscientes das dificultades para levalo a cabo. Polo de agora estamos centrados en consolidar esta estrutura.

“Comprobamos que é moito mais eficaz comunicar polas redes e ademais, sempre hai outras plataformas alternativas á TDT…xa veremos cara onde imos. En canto a medrar e abrir novas delegacións, non pechamos ningunha porta.”

Que supón ser un medio audiovisual web en galego e coa vosa liña editorial? Como enfocades as noticias ou a escolla da información noticiábel?

Calquera medio independente pode dicirche que non é doado. Sendo, como é o noso caso un medio audiovisual aínda é máis difícil. Tes que contar con permisos, licenzas que outros medios non precisan, nomeadamente os dixitais. Para a escolla das novas diarias centrámonos na temática social e medioambiental que é moi diversa. Aquí tamén temos a eiva de poder contar con imaxes e a dificultade de procesalas no menor tempo posíbel.

Hai tamén unha ampla rede de colaboradores, non é? Como funciona?

Entre os colaboradores máis habituais non podemos deixar de nomear a Xosé Bocixa, co que xa fixemos ata o de agora dúas pezas documentais longas, unha sobre a mina de Touro e outra sobre o futuro dos terreos do Porto da Coruña. Son audiovisuais feitos con moi pouco pero moi necesarios. En relación aos videoblogues temos moi boa relación cos medios en galego do país e logo tentamos contar con persoas de ámbitos diversos que acheguen a súa visión sobre temas variados de actualidade.

Cal é o maior fito do que máis orgullosas estades en Nós TV ao longo da vosa traxectoria? Que valoración facedes desta?

Coido que o maior fito é o de seguir informando tras estes case que seis anos. Os atrancos que neste país ten un medio alternativo e en galego son innumerábeis, a pesar diso a ilusión continúa intacta. A progresión é lenta mais constante; é agora cando comezamos a apreciar os froitos de tanto traballo.

“En relación aos ‘videoblogues’ temos moi boa relación cos medios en galego do país e logo tentamos contar con persoas de ámbitos diversos que acheguen a súa visión sobre temas variados de actualidade.”

Como notades o pulso do público? Que necesidades e demandas detectades na audiencia?

Os medios de comunicación mudaron moito nos últimos anos. A distancia entre a audiencia e nós diminuíu grazas á aparición das redes sociais. O pulso do público chega a nós a través delas, dos correos electrónicos, mesmo das conversas informais que temos cando nos paran pola rúa ou cando estamos a cubrir algunha información. A sociedade quere ser escoitada e quere altofalantes dos seus problemas. Unha grande parte das empresas xornalísticas teñen como eixo principal ser correa de transmisión das grandes corporacións privadas ou débenlle favores a determinados partidos políticos. A xente detecta isto e aí temos a oportunidade de rachar co sistema endogámico actual.

En comparación con outras realidades nacionais, é Galiza un deserto de medios na lingua propia?

Non podemos dicir que sexa un deserto nin moito menos, porque sería desmerecer o noso propio traballo e o doutras empresas que loitan día a día por saír á rúa na nosa lingua. Hai moita vida, mais resulta difícil facela visíbel e ademais, traballa en condicións de precariedade se a comparamos con medios que, co mesmo tamaño empresarial, atopamos en Euskadi ou Catalunya.

#xornalismoS.XXI

“Queremos axudar a construír un espazo galego de comunicación”

“Non queremos ser o centro, senón construírmos entre todos ese espazo galego de comunicación que agora mesmo no caso do papel non existe”, di Xoán Costa, presidente de ‘Sermos Galiza’, promotor de ‘Sermos O Diario Galego’, que anda presentando estes meses por todo o país co obxectivo de sumar, antes de final de xullo, 3.000 subscricións ao proxecto dun xornal galego en papel.

Joan Vila i Triadú. Barcelona, 1961. Xornalista.

Joan Vila: “O xornalismo debe ser un dereito social, mesmo como o dereito á vivenda”

“En realidade o xornalismo independente non existe, porque ao final rematas dependendo de alguén”. O que buscaban, e seguen nela, é depender “da xente, da cidadanía”, explica Joan Vila, un dos tres fundadores de Crític, un medio catalán de xornalismo lento que se sostén con publicidade e as achegas dunhas 1.600 subscritoras e subscritores. “Os xornalistas debemos traballar en Internet da man da sociedade, buscando o contacto coas lectoras e lectores”, di.

Deixe um comentário

Deixe um comentário