"Nunca pensei estar en situación de risco de colapso"

Testemuños desde a primeira liña (VI e VII)

A Consellería de Sanidade informou onte xoves de que na Galiza se levan rexistrados 1.832 casos de coronavirus. Hai 86 pacientes en UCI –o que supón que case a metade das camas de UCI habituais xa están ocupadas– e outras 499 casos positivos están hospitalizados. Os test realizados eran até onte 8.805.

Os seguintes testemuños anónimos corresponden a dúas enfermeiras. Unha delas presta os seus servizos nunha maternidade e outra nun centro oncolóxico, en ambos casos, nunha cidade galega.

O que había no meu centro até hai uns días era un cartel coas normas básicas de seguridade para o persoal: manter as distancias, lavado de mans, pouca cousa máis. Practicamente o mesmo que aparece nos medios de comunicación todos os días. [enfermeira materno]

[e. m.] O primeiro protocolo chegounos a semana pasada. Temos un correo a través da intranet, que é o que usamos, e o documento chegou polo do Sergas. Eu vino este venres, que tiven que descargar o salvoconduto para poder desprazarme ao traballo. Pasárono tamén polo grupo de Whatsapp que temos as técnicas de enfermaría. Ademais, pasáronme unha charla que deu unha doutora na que explica que hai que extremar o coidado tamén fóra do traballo, nos supermercados e na vida ordinaria.

[e. m.] Evidentemente non somos a unidade con máis complicacións do hospital neste momento. Traballamos con embarazadas, que son grupo de risco. Facemos as ecografías e tarefas asistenciais como pesar, medir, tomar a tensión… Mais o que nós ocupa máis tempo son as tarefas administrativas. Canto atendes ás mulleres, non podes gardar moita distancia de seguridade. Optamos por colocarnos as máscaras, pero son as cirúrxicas. O que se intenta é, no caso de que sexamos portadoras do virus, no llelo transmitir elas. Pero foi cousa nosa, ninguén nós dixo nada. Mesmo chegou un papeliño da Xunta que non era necesario… Non podemos separarnos á distancia recomendada das pacientes. Non se pode medir ou pesar ou colocalas nunha cama desde metro e pico de distancia. Tocamos e limpamos ecógrafos e outro material como o preciso para as citoloxías.

[enfermeira oncolóxico] As primeiras instrucións concretas desde a Xerencia chegáronos o luns día 16. Pero levabamos desde a semana anterior tomando precaucións. Utilizando as máscaras durante o servizo, porque as luvas xa as poñíamos sempre. Fixemos unha reunión no salón de actos, debeu ser o día 11, e acordamos entre todas extremar as precaucións. Aos pacientes que acoden ao hospital empezamos a proporcionarlles máscaras e normas de distanciamento, como non dar a man ou manter distancias.

[e. o.] Traballo con pacientes moi fráxiles. Temos poucos hospitalizados no centro. Reducíronse moito. A maioría dos pacientes, veñen para recibir tratamento, por exemplo, a quimioterapia, e volven para as súas casas. Avisámolos de que viñeran acompañados só si era imprescindíbel para eles e ampliamos a xornada para que non coincidira moita xente en espera.

[enfermeira materno] Penso que temos moito que aprender aquí sobre as distancias sociais. Eu farteime de estudar a proxemia, como xestionar os espazos nas interaccións con outras. Iso deberíase de respectar sempre, porque axudaría a evitar calquera contaxio, como unha simple gripe. Pero tamén serve para non intimidar os demais, non invadir os espazos persoal dos outros. Despois está a medida de lavar as mans, temos que facelo máis, non como nestes días, pero si máis… Espero que esta crise serva cando menos para que aprendamos e melloremos nestas cuestións.

[enfermeira oncolóxico] Eu traballo en consulta. Alí estamos habituadas a una relación próxima cos pacientes. Abrazámolos, falamos moito con eles… e agora debemos manter a distancia. Notámoslles o medo. É normal. Teñen medo por eles e por levar o virus para a casa. Temos que facer moita psicoloxía con eles. Intercambiamos miradas no canto de poñerlles unha man no ombreiro… esa pequenas cousas bótanse en falta.

[e. o.] Traballamos con moitos paliativos. Moi fráxiles. Sei que teño que ir traballar agora máis que nunca. Pero imos coa ansiedade que che produce pensar que teñamos un foco, alguén infectado e o que poida pasar.

[enfermeira materno] Todas estamos expostas ao virus, moi nerviosas. E fálase moito. Pero penso que o sistema está respondendo ben. E habería que lembrarlles a moitos dos que agora sacan peito que foron eles os que fixeron políticas de privatización. No noso hospital, privatizaron todo o servizo de limpeza. Todo iso quedou en mans de empresas privadas. O persoal de limpeza é moi necesario e moi importante. As enfermeiras podemos desinfectar instrumental e aparatos, pero elas limpan paredes, móbeis, solos, teitos…

[e. m.] Ha información é bastante opaca. Esa é unha das cousas da que máis nos estamos queixando. Non sabemos certo se se deu un caso de xestante con ‘covid’. En todo caso, estaría co resto dos pacientes noutra unidade. Non adoitan levalas para Infecciosos, o normal é que estivese na UCI. Estas fálanse entre o persoal, pero non nos contan todo, igual para non alarmar.

[e. m.] Eu puxen a máscara desde os primeiros días, fun unha das primeiras, e por iso tivemos algunha crítica, pero agora todas andamos con elas. Empezamos a desinfectar portas, tensiómetros, teclados dos ordenadores, todo… mesmo os móbiles de cada unha. E, cando podes, manter a distancia coas pacientes. Algunhas non o entenden. Agora chamámolas para dicirlles que non poden vir acompañadas. Unhas poucas, tampouco entenden que cantas máis persoas entren, máis posibilidades hai de que chegue alí o virus.

[enfermeira oncolóxico] O que máis me molesta é que desde arriba parece que nos ocultan información. Hai casos positivos entre as profesionais, xente ingresada, e non din nada, pero acábase sabendo. As canles que están funcionando son o comité de empresa e o comité de persoal. Temos moita xente na casa, esperemos que reformen o persoal.

[e. o.] Teño momentos de ansiedade polo que poida levar para a miña casa, a pesar de que estou separada dos país… Pero normalmente son unha persoa tranquila, intento aplicar o sentido común. Temes tamén polos pacientes. Temos moito trato con eles e acabas facendo lazos.

[enfermeira materno] Os medios andan escasos e están baixo chave. Temos certas restricións. Por exemplo, as máscaras dánolas por unidade, non por caixas. Coa solución para desinfectar as mans pasa o mesmo, tes que presentar o bote baleiro para que che dean outro. Iso véxoo totalmente lóxico. Ao principio desapareceran uns botes destes xeles, que estaban á vista…

[e. m.] Persoalmente, cada unha de nós, o obxectivo é non ter que ingresar como pacientes de covid. Hai medo, por suposto. E vemos como se dan contaxios e ingresos de compañeiros e loxicamente estamos preocupadas, alén das circunstancias que cada unha teña na casa. Polo de agora, ao persoal sanitario non lle fan a proba a non ser que estivese en contacto cun positivo ou presente síntomas. A verdade é que non había probas para todo a xente, mais agora parece que se puxeron as pilas e empezaron cos test desde o coche e hai máis probas.

[enfermeira oncolóxico] Eu vou no coche ao traballo. A roupa de traballo bótase a lavar agora todos os días. Eu uso ademais unhas zapatillas e unha suadeira que as meto nunha bolsa e van directas a lavadora cando chego a casa. Cando chego dúchome e vai todo tamén para a lavadora. Case uso só un par de pantalóns toda a semana: poñer e lavar, poñer e lavar. Despois, teño que ir algún día facela limpeza a casa dos meus pais, eles non poden. Esperan fóra mentres eu desinfecto todo.

[e. o.] Fago vida separada dos meus pais, que son moi maiores. Lévolles todos os días o pan e o xornal, teña quenda de mañá ou de tarde. E a compra estoulla levando dúas veces a semana. Déixollo todo sempre alí na porta. Falo con eles, pero non os toco.

[e. o.] Vexo á xente moi atacada. Nos grupos de Whatsapp eu sempre pido tranquilidade e cordura. Teño o convencemento de que isto nos vai tocar a todas dalgunha maneira. A ver que pasa…

[enfermeira materno] A verdade é que na Galiza fomos por diante na extensión dos test, e no asunto do material, sendo certo que faltou nalgunhas unidades, penso que na nosa área, a escaseza non foi tan grave como o que estamos vendo noutras comunidades.

[e. m.] Temos un sistema sanitario bo malia os retallos, pero ningún sistema pode estar pensado e organizado para unha crise coma esta, ten que estar ben dotado.

[enfermeira oncolóxico] Sei que no Hospital central as miñas compañeiras teñen moitísimo traballado, mirarei as listas e o que nos comenten desde o Colexio para ver se os días que libro hai que subir botar unha man na primeira liña. Espero que haxa máis información e axilidade para reclamar reforzos. No noso centro non hai listas das que tirar.

[enfermeira materno] Nos centros sanitarios, espero que pense sobre como utilizar os elevadores, por exemplo. Que tivésemos que tocar o mínimo para usalos. E xa hai tecnoloxía que está funciona. Temos posibilidade de mellorar os baños. Por exemplo, pódese abrir a billa pisando un botón no chan. Deberían instalarse eses mecanismos. Xa están nos quirófanos. A longo prazo, medidas como estas evitarían moitos problemas.

[enfermeira oncolóxico] Non sei que vai pasar. O que si digo e que se hai uns meses me contan que ía vivir unha situación así, teríame botado a rir. Nunca pensei estar en situación de risco de colapso. Non sei o que está a pasar en Madrid. A ver o que nos vén enriba…

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Sitios de interese

Ministerio de Sanidade

Guía COVID-19

Consellería de Sanidade

Como protexernos

Teléfono de información

900 400 116

Testemuños

Deixe um comentário