O 17, día de Carvalho Calero

A primeira descuberta (1910-1928)

Bernardo Máiz Vázquez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Non somos alleos ao lugar no que medramos, e característica de Ferrolterra, a máis da forte pegada militar-naval, é levar virada cara a esquerda case dous séculos, consecuencia do continxente proletario dos Arsenais e do cosmopolitismo propio da fluencia das comunicacións marítimas. Dende 1856 o republicanismo, dende 1868 o socialismo, especialmente o sindicalismo dende 1871, a pouco o agrarismo na bisbarra (a sociedade agraria de Cervás, Ares, foi a decana das da provincia da Coruña), gañaron presenza en toda a área, conquistando o Partido Socialista en 1905 unha praza de concelleiro en Ferrol das tres acadadas polo PSOE en todo o estado español.

Nos anos de infancia de Ricardo Carvalho Calero o rexionalismo galego cambiara de proxección pública. Aínda nos comezos do século XX a galeguidade ía pouco máis alá que do paisaxístico, arqueolóxico, lírico e folclórico, representado en Ferrolterra por meritorios artículos en prensa de Manuel Comellas, Aurelio Ribalta, Rodrigo Sanz, Emiliano Balás…, as máis das veces en español. Ben máis éxito na creación de conciencia de nós apreciamos no labor do coro Toxos e Froles (fundado no 1914), nos pequenos e celebrados xoguetes teatrais costumistas en galego de Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida e nos contactos de Rodrigo Sanz co agrarismo, achegamento que callou na experiencia política de Solidaridad Gallega (conxunción de republicanos, carlistas, galeguistas, agraristas) que obtivo representación en Ferrolterra (Neda, Ares, Mugardos) nas eleccións municipais de 1909 a 1912, ata que rompeu, comesta por arribismos, caciquismos e manipulación dos grandes partidos no sistema da Restauración.

No 1916 naceu Coruña o senlleiro fenómeno das Irmandades da Fala, a de Ferrol no 1917. Nesta estaban, con outros, Xaime Quintanilla, Juan García Niebla, Fernández Barreiro, Horacio Fernández, Comellas Coimbra, Cabo Pastor, o citado Eugenio Charlón Árias e outros. Definidas as Irmandades como nacionalistas na Asemblea de Lugo de 1918, abanearon nos anos seguintes nun difícil equilibrio entre os tradicionalistas como Risco e os progresistas como Villar Ponte, este visitante habitual das sociedades de Ferrolterra e colaborador de Xaime Quintanilla na editorial Céltiga, creada en 1921 e desaparecida en 1923.

Houbo persecución dos galeguistas de 1923 a 1930, tempo do goberno ditatorial do xeneral Primo de Rivera? Si, en aspectos políticos despois de 1925, con prohibición de certas actividades de propaganda, censura de publicacións, mais pouco perceptible noutros eidos, nomeadamente nos folclóricos e culturais: as gaitas soaban nas romarías, a letra íntegra do Himno Galego estaba impresa nos programas de man e carteis de moitas festas patronais, e foi esta a xeira na que o galeguismo das Irmandades derivou cara ao Seminario de Estudos Galegos (1923), o tempo da brillante Xeración Nós, nela non só literatos ou arqueólogos, senón outros que na súa condición de estudosos e divulgadores científicos, teimaban polo erguemento político de Galiza. Por certo, en 1929 e a proposta do propio ditador, entraron na RAE escritores en catalán, vasco e galego, neste caso Cotarelo Valledor e Ramón Cabanillas.

En Ferrol, paralizado o vello Ateneo en 1917, destacaban as actividades do Centro Obrero de Cultura, fundado en 1913, con magnífica biblioteca, cursos e ciclos de conferencias. Precisamente, Ricardo Carvalho, nado no 1910, dende 1926 foi participante activo no Centro, destacando unha súa conferencia o 13 de xullo do 1928 titulada Las ideas comunistas de Platón, que, editada en folleto e prologada por Joaquín Vázquez Galán, presidente do Centro Obrero e militante socialista, foi seguramente a súa primeira publicación ensaística.

Naqueles intres Carvalho tiña só 18 anos, unha gran formación no tratamento do tema. Para coñecer a súa ideoloxía, abonda ler o final do estudo, onde di: “Para terminar (…) hacer votos porque la gran obra socialista, bloque ingente en el que han puesto sus manos de colosos Platón, Marx y Lenin (…) llegue a imponerse a todas las conciencias. (…) El día que aquello suceda podremos saludar jubilosos la llegada de un alba nueva que inaugurará una nueva etapa social en la que bajo la égida augusta del trabajo, los gloriosos principios de Libertad y de Igualdad, brillarán verdaderos y esplendorosos, fundidos en una síntesis superior de Justicia”.

“Que la gran obra socialista, bloque ingente en el que han puesto sus manos de colosos Platón, Marx y Lenin llegue a imponerse a todas las conciencias”, escribía Carvalho con 18 anos.

Quen estudaron a obra e a vida de Ricardo Carvalho Calero detivéronse no seu inxel compromiso con Galiza, na súa obra de creación literaria, no seu labor de investigador, mais este aspecto que veño de subliñar, a súa ética persoal e a súa ideoloxía de amante da liberdade e da igualdade, principios que impregnan o galeguismo de Carvalho e que -obviamente- alicerzan a vida e obra dunha persoa, apenas foi citado (e aínda menos estudado) por quen analizaron a obra literaria, ensaística, lingüística de Carvalho Calero. Digo eu que, como acontece co poemario Trinitarias (1928), esa ignorancia será por ser obra xuvenil ou por estar escrito en español.

Ferrolterra, 17 de xullo.

Bernardo Máiz Vázquez

Bernardo Máiz Vázquez

Ferrol, 1950. Doutor en Historia. Entre as súas últimas publicacións están Castelo de San Felipe: cárcere e morte (2010), O Seixo, na Outra Banda da banda de Ferrol (2016) e Amada García e os seus arredores (2017). Pioneiro na investigación sobre os movimentos sociais e a represión franquista en Galiza, ten realizado numerosas achegas no coñecimento do mundo do mar, con libros como Nautilus (1994) ou As embarcacións de pasaxe das rías galegas (2000), destacando o seu compromiso coa recuperación da cultura marítima tradicional. Foi distinguido co Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico.

Deixe um comentário

Deixe um comentário