O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena

'La Voz de Galicia' difunde un vídeo dun presunto debate sobre a avalancha de proxectos eólicos, "debate promovido por EDPR España", no que se reforza o discurso das corporacións enerxéticas sobre as bondades das centrais eólicas.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

redacción adiante | A Coruña | 6 de naovembro de 2021.  A fábrica de mentiras e manipulación da realidade empezou a funcionar a pleno rendemento diante da resistencia social contra a invasión eólica. O principal medio de comunicación -privado- do país, La Voz de Galicia, prestou onte o seu soporte á propaganda das grandes corporacións enerxéticas nun produto empaquetado como xornalístico, un debate no Museo do xornal en Sabón (Arteixo), o mesmo escenario que se converte cada ano en escenario de grandes proclamas sobre o rigor e a responsabilidade das empresas de información aplaudidas polas principais autoridades políticas, xudiciais, militares e académicas do país. Nese escenario, o alcalde de Cabana de Bergantiños, o presidente de la Asociación O Santiaguiño de Zas e o profesor Xavier Simón, do Observatorio Eólico de Galicia, prestáronse a desempeñar un papel de comparsas do discurso imposto polo director de Desarrollo de EDPR España, Joaquín García Boto, empresa que segundo recoñece o propio xornal, “promoveu” [suponse que con cartos, que é como se moven estas cousas] o presunto diálogo que na práctica foi un aleccionamento da audiencia sobre as bondades de encher os nosos montes cos seus aeroxeradores para que leven a enerxía do noso vento á conta de resultados das súas compañías.

“A asociación cidadá Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo traslada o malestar dos seus veciños e veciñas ante un artigo publicado no diario La Voz de Galicia. O texto titulado O rural galego fía ao sector eólico a solución á despoboación emprega o formato de nova periodística para difundir un contido “promovido” por EDPR, empresa dedicada á xeración de enerxías renovables, sen contar con ningunha testemuña ou argumento de representantes do rural contrarios á sobreexplotación de parques eólicos que ameaza Galicia”, alertou o colectivo que defende os intereses da veciñanza contra a agresión o Monte do Gato, na Coruña.

Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, que fai parte da Rede Galega Stop Eólicos, foi a primeira plataforma en reaccionar.

Participante no debate, no Museo de La Voz de Galicia.

“Consideramos que o titular é tendencioso e infundado, xa que atribúe ao colectivo rural a esperanza de que os parques eólicos eviten o baleirado poboacional, idea favorable á explotación enerxética que non foi manifestada por ningún representante de dita sociedade. Se ben o presidente da única asociación veciñal presente (O Santiaguiño de Zas) afirma que os parques eólicos enriquecen aos propietarios das terras e aos concellos e está de acordo na súa instalación, sinala que o parque eólico da súa localidade non creou máis de dous ou tres postos de traballo (min. 52’26 do vídeo) e reclama, para que a xente fique no rural, que se dean facilidades burocráticas aos emprendedores de xeito que poidan crear empresas e xerar postos de traballo”, di o colectivo.

O alcalde de Cabana de Bergantiños relata aspectos positivos dos parques eólicos, aínda que considera que para fixar poboación deben vir acompañados doutros proxectos no rural. 

“A postura do único representante da Administración local tampouco é representativa”, sinala Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, “xa que esta semana mesma saíron en medios de comunicación publicadas novas que mencionaban preocupación entre os alcaldes e alcaldesas de Galicia pola falla de información ante os centos de solicitudes de proxectos eólicos por todo o noso territorio”.

En calquera caso, a plataforma valora como positivas intervencións durante o debate do profesor Xavier Simón, que corrixiu o representante de EDPR, puntualizando que “as asociacións veciñais defendemos ‘eólicos si pero non así’ xa que estamos a favor da produción enerxética con aeroxeneradores, pero dun xeito sostible e compatible co noso patrimonio natural e estilo de vida”. Tamén destacan as activistas outra matización de Manuel Moribio ao representante da compañía ante a falsidade de que “o único impacto dos parques eólicos é visual”, “xa que o experto en ordenación territorial da Universidade de Santiago de Compostela confirmou que si hai impacto na fauna da zona (min. 36’12”)”.

Cartel da plataforma veciñal entre as sinais de tráfico nunha estrada próxima ao Monte do Gato.

A contestación social aumenta

A contestación social que fai fronte á invasión eólica en amplas áreas do rural da Galiza medra. Dúas coordinadoras de plataformas veciñais, dinamizadas por entidades ecoloxistas e sindicais, traballan arreo desde hai meses en organizar a protesta, que aínda non tivo resposta nas cidades, agás a manifestación do pasado mes de xuño en Compostela. Desde aquela, as plataformas e as accións multiplicáronse por todo o país, enfrontando os proxectos eólicos que semana a semana veñen cuspindo ás Administracións (Xunta e Estado). Só en outubro, 17 novos proxectos, un cada dous días, con potencia suficiente para lle dar servizo a unha poboación de 3 millóns de persoas, segundo denunciou esta mesma semana Bruno Centelles, un dos portavoces da Rede Galega Stop Eólicos nunha entrevista na emisora local da SER no Baixo Miño… O silencio dos medios -singularmente da CRTVG- é clamoroso. Mais a contestación antieólica non ha parar.

Nun dossier que acompaña á nota de prensa difundida este sábado por Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, os activistas advirten: existe unha “sobreplanificación” que provoca que proxectos autonómicos e nacionais se solapen e, en paralelo, a Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais “abre a porta a proxectos incluso fóra de planificación, espazo que aproveitan os proxectos tramitados dende o Ministerio”, mentres que o Plan Sectorial Eólico de Galicia, de 1997, practicamente inalterado desde a súa redacción, “converte o 20-25% do territorio galego en parques empresariais eólicos”.

Estación eléctrica de Mesón do Vento, na comarca de Ordes.

“As leis quedaron ancladas en aeroxeradores que medían 70 metros de altura, agora miden 200 metros, pero seguen a manterse as mesmas distancias mínimas esixidas (500 metros a núcleos de poboación, 200 ás casas illadas que non forman núcleo)”, denuncian ecoloxistas e veciñanza mentres as empresas agochan esta información.

A ampliación da Rede Natura está paralizada dende o 2012, subliña, “a pesares das chamadas de atención e penalizacións de Europa a España”. A ampliación protexería “a maioría dos terreos onde estes proxectos son unha seria ameaza ao Medio Ambiente e ao Patrimonio”, aseguran.

Sen información e contra a manipulación

“O desenvolvemento dos parques eólicos debe ser ben planificado, sostible e respectuoso coas persoas, os animais e o medio ambiente”, reflexionan no dossier. E quéixanse: “Dende as distintas asociacións veciñais percibimos que os concellos non teñen información ou non a suficiente para dimensionar e valorar adecuadamente os danos/beneficios na súa demarcación, iso cando a información coa que contan non sexa sesgada ou proporcionada polas propias empresas interesadas. Os propios afectados e afectadas (tanto particulares como mancomunidades) puidemos experimentar prácticas enganosas por parte das empresas de dubidosa legalidade para acadar a sinatura ou acordo da outra parte que precisan para avanzar no seu propósito”.

Á práctica do ocultamento de información súmase agora outra práctica igual de inquietante: a manipulación informativa en beneficio das grandes corporacións enerxéticas.