"O dereito a teito estase conculcando"

ENTREVISTA | Plácido Lizancos

TEIMA | As mans sobre a cidade - Capítulo 4

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 10 de setembro. “A cidade ten aquí un instrumento para pensar a cidade”, di Plácido Lizancos, un arquitecto que leva anos vivindo e observando Coruña, e que entre outros foi profesor do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, ao que acompaña este último sábado de setembro polas aulas de Empty Coruña no Centro Cívico da Cidade Vella. Empty Coruña empezou como curso de verán e esa mesma mañá acaba de ampliar miras e convértese nun proxecto de colaboración entre a UDC e o Concello. “Nós podemos achegar coñecemento. Non quere dicir que sexamos os únicos que o temos”, matiza Lizancos, “pero probabelmente estamos empezando a entender que podemos exercer o noso traballo profesional como un servizo público tamén á cidade atendendo á problemática real da nosa comunidade”.

Que foi a crise?

Se teño que resumilo en palabras claves, serían estas: opacidade e inxustiza. A crise provocou en nós a destrución do dereito á cidade. Deixamos de ser cidadáns e pasamos a ser clientes. Iso foi o que sucedeu durante a crise sen dármonos conta: eramos cidadáns con dereitos individuais e colectivos e ficamos clientes con determinada capacidade de compra.

Que foi a crise nesta cidade?

Na miña cidade, na que eu podía sentar nun banco ver pasar xente ou tomar o sol… Pois hoxe, ou deixas de facelo ou sentas e pagas por tomar unha Coca-Cola. De súpeto, nesta cidade empezouse a valorar o exclusivo e subliñábanse as diferencias sociais. Foise convertendo nunha cidade insá. E demos nunha cidade na que hai un cidadán que é o máis rico do planeta e outros que non se sabe quen son.

Houbo procesos que se sufriron de maneira especial?

Sufrimos a xentrificación e a turistificación. Pero viña de antes. Hai áreas como a da Pescadería que se deixaran xa antes do 2008, fóranse abandonado á espera de que tocaran fondo para actuar. A crise impediu que se consumara a operación. E o comercio local foi desprezado por todos. E foino en beneficio do comercio en gran escala. Iso lesionou á cidade. O tecido comercial está tronzado, pero o paradoxo é que os centros comercias acabaron tamén dando en crise porque os grandes centros precisan dunha masa crítica determinada. Sabíamos que o centro comercial no porto ía destruír a rúa San Andrés e non nos importou que alguén collera o dereito colectivo tradicional de cidade, ese dereito a relacionarnos, a convivir, a camiñar libremente… e nolos embotellaron, todos eses dereitos colectivos, dentro dunha caixa con horario comercial, con policía na porta e cámaras de seguridade, con clima controlado. Como nos roubaron iso para privatizalo? E con que descaro deixaron patente que non lle interesabamos nós, as persoas, senón os nosos cartos, que cando non puideron sacarnos máis do peto, pecharon e punto. Fóronse e quedou a cidade ferida… San Andrés, esnaquizado.

“Deixamos de ser cidadáns e pasamos a ser clientes. Iso foi o que sucedeu durante a crise. Eramos cidadáns con dereitos individuais e colectivos e ficamos clientes con determinada capacidade de compra”

De onde vén a idea de organizar Empty Coruña?

Eramos un grupo de cidadás e cidadáns que nos preguntabamos si esa escena urbana deteriorada que se observa camiñando por unha cidade tan lesionada era normal. E a cousa empeoraba. O seguinte foi preguntarnos que podíamos facer… E fixemos máis preguntas e as respostas que atopamos non foron tranquilizadoras. Reunímonos. Xente da Universidade da Coruña, xente de distintas áreas do saber: empresa, dereito, medio ambiente, urbanismo, socioloxía, cartografía… Hai unha cátedra na ETH de Zürich que estuda os asuntos sociais vinculados á arquitectura e de aí tiramos a metodoloxía para abordar este problema.

A crise resúmese en solares baleiros, edificios sen rematar, infraestruturas abandonadas e en que facer agora con iso?

Non. O problema que estamos poñendo enriba da mesa é un problema social. Os solares, os edificios baleiros, son a evidencia dunha enfermidade social; non son unha enfermidade urbanística ou arquitectónica. Non pensamos nos obxectos, pensamos nos suxeitos de dereitos. Ese é o enfoque: os dereitos. Un centro comercial abandonado, unha rúa comercial estragada, un edificio roto… non nos falan só dun problema físico ou material, do que nos falan é dunha cidade lesionada, dun dereito colectivo, o dereito á cidade, que está mancado. O dereito a teito estase conculcando.

urbanismo, arquitectura, crise, vivenda

Mais nin sequera se definiu a solución do problema material.

Aparentemente podería solucionarse con formigoneiras e escavadoras. Isto ten unha complexidade que ultrapassa o asunto material: hai asuntos legais, sociais, políticos que se entrelazan e fan que o problema non se poida resolver simplemente con proxectos de restauración ou licencias de obras. O problema está nun modelo económico que deu en crise.

Vostedes cuantificaron o baleiro, o problema material…

Unha parte, si. No traballo previo á escola de verán fixemos un estudo para determinar a ferida na cidade. Hai 2.000 elementos abandonados na área urbana da Coruña. Aquí incluímos polígonos, obras que se pararon, edificios rematados pero pechados… O primeiro foi cuantificar o fenómeno. E sorprendeunos polas dimensións e pola globalidade, polo que ten de sistemático… só hai un área da cidade na que as lesións se perciben menos, no Ensanche. Pero é especialmente intenso na Pescadería e en Monte Alto. Tamén na zona do Burgo, no Temple. Quizais porque aquela foi unha zona apetecíbel para o mercado inmobiliario, pero dunha capacidade económica baixa e polo tanto susceptíbel de sentir rapidamente os efectos da crise.

Cales son os axentes que están lesionando a cidade e conculcando ese dereito á cidade?

Todos os axentes temos as nosas responsabilidades. Naturalmente, poderíanse cuantificar. Sabemos quen son: os propietarios da tecnoloxía, os propietarios do solo, os propietarios do capital, os lexisladores… todos. Hai persoas individuais, como técnicos, usuarios, capitalistas, propietarios do solo, clientes. E hai persoas colectivas, a propia universidade, que estivo ausentes, ou colectivos profesionais que andaron no miolo da burbulla e que, por certo, agora están como ausentes. Traballamos con casos de estudos concretos, promocións inmobiliarias na cidade, por exemplo, e imos precisando que axentes interviñeron, por acción ou por omisión, cales estaban ocultos, cales desapareceron… pero non estamos buscando culpas. Iso, en calquera caso, correspóndelle á Xustiza ou ao corpo electoral. O que estamos investigando son as causas.

A crise golpeou sobre todo á cidade, pero non só ás cidades…

Si, este non é só un asunto viviendista. O máis grave de todo é a conculcación do dereito a teito, pero a crise non só provocou desafiuzamentos ou un parque residencial abandonado. A crise golpeou a todo tipo de arquitecturas: hai centros comerciais desertos, autoestradas sen coches, aeroportos sen avións, asilos a medio construír coma na Fonsagrada, estacións de autobuses nas que nunca chegou a entrar un autobús como en Celanova, unha Cidade da Cultura que revela a desconexión entre os desexos construtivistas da clase política e a realidade… un desastre. Pero o máis grave é a conculcación do dereito á vivenda.

Pero o dereito á vivenda nunca formou parte das preocupacións centrais do Estado do Benestar español, non?

Pero quen o conculca? O sistema. O sistema capitalista. É dicir, a vivenda é un dereito humano e un dereito social. Está recoñecido na Constitución. Teoricamente o Estado é o garante. Que sucedeu? Pois que a longo do tempo o dereito a teito foi deixado, por parte do Estado, en mans do capital. Isto sería largo de explicar e aínda non fai parte do noso proxecto. O Estado reservouse primeiro un 10 e despois un 20% do que chamaron vivenda social… E esta é outra! Como vivenda social? A vivenda será toda social, non? Como é social a educación, ou alimentarse, ou estar vivo… Ben, iso foi deixado en mans do mercado e o mercado converte a vivenda nunha mercancía. É certo que durante a burbulla a todos nos parecía ben que o noso piso que custara tanto, mañá pasara a custar un pouco máis e pasado mañá máis. A responsabilidade primeira é do Estado, que destruíu o dereito a vivenda, nunca un estado social tería que ter deixado en mans do mercado ese dereito. Pero non é o único dereito que se cedeu…

É irrecuperábel?

Creo que a crise tennos que ensinar cousas. A primeira é que ou somos un estado social ou somos outra cousa, o modelo americano, por exemplo. Temos que escoller. A crise é unha oportunidade para pensar se a máquina que nos trouxo até aquí debe ser a mesma que nos saque de aquí.

urbanismo, arquitectura, crise, vivenda

“As ferramentas están aí. Existen desde a mesma Constitución española, que fala do dereito á vivenda, pero non fala de que a Policía teña que protexer aos banco e non ás señoras e señores que non poden seguir pagando a hipoteca… “

Que ensinanzas tirastes en Empty Coruña de como debe ser esa máquina que nos saque de aquí?

Unha das lecturas é poñer de manifesto que o maquinista estaba profundamente equivocado. Falando do caso da Coruña. Aquí houbo un maquinista que gobernou a cidade durante vinte e pico anos e deseñou un modelo urbanístico que deu en fracaso total. Fixeron unha cidade baseada nun modelo de ocio e lecer: era a cidade do shopping, dos paseos, do tranvía, hoxe comido polas silvas, a cidade de varios palacios da ópera e congresos. Unha cidade na que o tecido produtivo enfraqueceu até case desaparecer, excepto Zara. Esa foi a primeira evidencia, que se tiña construído unha cidade neoliberal baseada no consumo. Incapaz de reaccionar.

Pero cal é a alternativa, porque os maquinistas como aquel seguen aí, mandando, non desapareceron coa crise?

Agora mesmo hai unha gran oportunidade que é que hai un goberno municipal que ten unha axenda social e esperemos que poida ser transmitida con intelixencia e honestidade. E desenvolvela a través dunha máquina que terá que ser conducida por todas e todos simultaneamente. E que hai unha meta que se chama o ben común. Estamos nun momento difícil, pero non nunha vía morta… As ferramentas están aí. Os expertos en dereito que participaron nas xornadas de Empty Coruña subliñárono: a lexislación permitiría tomar decisións que non se viñeron tomando. Existen desde a mesma Constitución española, que fala do dereito á vivenda, pero non fala de que a Policía teña que protexer aos banco e non ás señoras e señores que non poden seguir pagando a hipoteca…

Que pasará se dentro de nove meses a Marea Atlántica perde o goberno municipal?

Certas cuestións políticas deberían ultrapassar o ámbito partidista. Independentemente de quen ostente o poder no Concello da Coruña, a construción dunha cidade inclusiva, resilente e social debería estar na axenda de toda a clase política. Espero que a axenda política non partidista que consigamos construír desde Empty Coruña sexa entendida por toda a cidadanía e que todos os partidos a fagan súa.

Pero hai tempo que se demanda que empecen a cambiar as cousas e as cousas non cambian?

Queda moito tempo, se é que chega a suceder, para que teñamos unha resposta material ao escenario que nós describimos, para que a cidade poida actuar e ver como este tecido abandonado pode reactivarse como resposta a unha iniciativa social. Queda moito tempo. E aínda hai que pensar moito e con moita máis xente.

“Hai que resolver o asunto do abandono do tecido urbano antes de continuar expandindo a cidade. E se non se fai así, o dano sobre a cidade existente pode ser moi grave.”

Que ten que dicir Empty Coruña do porto?

Nós temos capacidades limitadas e tivemos que limitar o noso ámbito de estudio. Aí puxemos unha fronteira. Tamén queriamos analizar outras cousas, como o tecido comercial e os baixos comerciais baleiros. Tivemos que renunciar. Neste momento, a complexidade do asunto do porto escápasenos, o mesmo ca do comercio. O porto é un área independente dentro da cidade, que se rexe por un réxime propio e que depende do goberno central de Madrid. Pero teño que dicir que non renunciamos a estudar o porto. Porque é o gran espazo baleiro da cidade. E dentro da cidade hai un gran operador, que é Puertos del Estado, que ten unha gran bolsa de solo, que ten edificios, moitos en desuso, e desenvolve unha gran actividade económica. E nese espazo estase a producir unha gran transformación, levando actividades para outro espazo, o Porto Exterior, sobre o que tamén tería algo que dicir Empty Coruña.

Até que punto o que pase co porto vai condicionar calquera estratexia da cidade para actuar sobre esta ‘cidade ferida’?

A cidade da Coruña ten que pensar que as posíbeis políticas de expansión cara o porto non poden pensarse sen resolver antes o baleiro que a propia cidade ten dentro de si mesma. Hai que resolver o asunto do abandono do tecido urbano antes de continuar expandindo a cidade. E se non se fai así, o dano sobre a cidade existente pode ser moi grave.

Din que estamos en fase de recuperación, tamén dos dereitos e das feridas da cidade?

Eu a recuperación non a mido en capacidade de compra. Son dos que penso que a prosperidade dun país ten que medirse con outros parámetros. Por exemplo, que os nosos fillos poidan desenvolver aquí a súa vida, que os nosos servizos públicos sexan gratuítos e competitivos e universais. Creo que politicamente estanse dando pasos e podemos ter certa esperanza. O principal problema que tivemos foi que pensabamos que non tiñamos un problema. Agora xa non…

O entrevistado

Plácido Lizancos

Plácido Lizancos

Caracas, 1962. Arquitecto. Profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña desde 1993. Doutorouse en 2001 coa tese As migracións na conformación da casa labrega contemporánea, dirixida por Pedro de Llano. Nestes últimos anos ten participado en intervencións como ‘Kaya Clínica: una experiencia universitaria de aprendizaje-servicio para el abordaje alternativo del derecho a techo’ e no ‘Proyecto Micasita para los sintecho’. Entre as súas publicacións máis recentes están Abordar ‘El Refugio’ desde la docencia de la Arquitectura, na obra colectiva Refugiados y desplazados: soluciones de alojamiento, coordinada por Patricia Muñoz (2016) e Revisitar Ancares. Un hábitat límite, na obra Proyectar la memoria II: compartir experiencias para la conservación del Patrimonio Cultural Iberoamericano, coordinada por Guridi, Ibáñez Montoya y Vela Cosío. (2015). É o director de Empty Coruña.

#Urbanismo

O entrevistado

Plácido Lizancos

Plácido Lizancos

Caracas, 1962. Arquitecto. Profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña desde 1993. Doutorouse en 2001 coa tese As migracións na conformación da casa labrega contemporánea, dirixida por Pedro de Llano. Nestes últimos anos ten participado en intervencións como ‘Kaya Clínica: una experiencia universitaria de aprendizaje-servicio para el abordaje alternativo del derecho a techo’ e no ‘Proyecto Micasita para los sintecho’. Entre as súas publicacións máis recentes están Abordar ‘El Refugio’ desde la docencia de la Arquitectura, na obra colectiva Refugiados y desplazados: soluciones de alojamiento, coordinada por Patricia Muñoz (2016) e Revisitar Ancares. Un hábitat límite, na obra Proyectar la memoria II: compartir experiencias para la conservación del Patrimonio Cultural Iberoamericano, coordinada por Guridi, Ibáñez Montoya y Vela Cosío. (2015). É o director de Empty Coruña.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário