"O descoñecemento que Sanidade ten das residencias dificulta que entendan a realidade da situación"

ENTREVISTA | Miguel Ángel Vázquez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 22 de marzo. Miguel Ángel Vázquez foi relevado hoxe como director do centro intermedio de Baños de Molgas (Ourense), un dos dous que a Xunta de Galicia puxo en funcionamento o 24 de marzo para acoller casos de positivos de covid19 procedentes das residencias de maiores. Catro profesionais que pertencen á xunta directiva da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría puxéronse ao mando dos centros de Baños e Santiago de Compostela, que ían dar servizo respectivamente ás necesidades de traslado das residencias do sur e do norte do país. Unha semana despois, o colapso de ducias de residencias en toda Galiza invalidou esta estratexia.

“Todo é experimental. En Baños de Molgas establecemos catro niveis de risco para determinar a protección necesaria coa que debía intervir o persoal e o protocolo a seguir. Ao principio houbo dificultades para poñelo en marcha. Por exemplo, tivemos que substituír ao persoal de cociña e de limpeza porque os primeiros saíron correndo… Temos tres equipos, cada un con médico e enfermeiras e auxiliares. Traballan unha semana e descansan dúas. Traballan 12 horas durante 7 días. É duro e con moita tensión. Pero a resposta de todas as traballadoras foi impresionante. É difícil de describir as emocións, porque esta xente sabe que pasará semanas sen poder abrazar os fillos nin as parellas…”

A entrevista realizouse en dúas partes. A primeira, o pasado día 10 de abril, cando o centro xa recibira afectados das residencias que entraron en colapso e apenas dous días antes de que volveran para Celanova 18 pacientes despois de dar negativo na segunda proba. Na semana seguinte, habilitouse o Hospital de Piñor, onde se derivou persoal e os afectados que chegaban das residencias ourensás empezaron a repartirse entre Piñor e Baños. A segunda parte da entrevista realizouse este mesmo mércores despois de que se coñecera a noticia do relevo de Vázquez.

Cales foron as razóns da súa destitución?

Non é exactamente unha destitución. Isto pasa a mans do SERGAS. Política Social xa non o leva. O persoal segue, o psicólogo, a traballadora social… Saímos só as dúas persoas que dependiamos de Política Social.

Pasa o mesmo en Compostela, no outro centro que se abriu ao tempo que o de Baños de Molgas?

Pois non o sei. Alí había dous compañeiros da Sociedade Galega de Xeriatría. Un deles, Chema Pazos, o director, está hospitalizado precisamente por covid.

Que sucedeu para que o SERGAS tomase o control?

Isto decidiuse nun acordo o sábado con Política Social. A verdade que estaba sendo difícil a coordinación. Iso foi o que lle dixemos a Política Social. E optouse porque o SERGAS se faga cargo directamente do centro a través da Área Sanitaria de Ourense.

Haberá cambios na atención?

Nós o que pensamos é que agora mesmo a xestión en Baños de Molgas ten máis que ver co asunto sanitario que cunha xestión asistencial. Política Social puxo en marcha o centro e había coordinación con Sanidade. Agora xa é un asunto máis sanitario que social. Polo demais, creo que a atención que se viña prestando e como se viña prestando non cambiará moito e seguirá sendo un centro intermedio.

Como chegaron a facerse cargo do centro intermedio de Baños de Molgas?

Desde a Asociación Española de Geriatría y Gerontología contactamos primeiro co Ministerio de Consumo. As cifras que chegaban nese momento da China e de Italia dicían que entre o 11 e o 14% dos maiores de 89 anos contaxiados por covid19 morrían. Elaboraron un protocolo, revisámolo un equipo técnico e penso que se publicou o 6 de marzo. Desde Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría publicamos o 18 de marzo unha declaración na que suxeriamos o diagnóstico precoz e inmediato do covid19 nas residencias. Estabamos en contacto co departamento de Política Social da Xunta e tamén enviamos unha carta á Consellería de Sanidade, pero Sanidade non respondeu. Non había ninguén para dirixir estes centros e xente da directiva da Sociedade Galega ofrecémonos. Catro xestores da sociedade galega estamos aquí porque estamos convencidos de que podemos facer algo bo.

Por que un centro como este?

Esta é unha enfermidade infeccioso-contaxiosa e tamén é moi infecciosa, porque o coronavirus ten un vector de contaxio pouco coñecido ata o de agora. Nas residencias non se poden ter persoas con enfermidades contaxiosas, iso é un despropósito de saúde pública, en epidemioloxía, que creo que se estudará nos libros de ciencias como o maior disparate do século XX. Deixar que unha persoa infecciosa-contaxiosa e altamente infecciosa permaneza xunto a persoas débiles, fráxiles e enfermas, significa condenar a morte aos que a rodean. E os profesionais que traballan con eles non son profesionais do sector sanitario, son xerocultores, auxiliares de enfermaría, é dicir, persoal do ámbito social que non saben manexar estas enfermidades infecciosas. Cómpre ter en conta que as enfermidades infecciosas son tratadas nos hospitais, nos servizos de medicina interna e nunha especialidade que son os internistas.

“Nas residencias non se poden ter persoas con enfermidades contaxiosas, iso é un despropósito de saúde pública, en epidemioloxía, que creo que se estudará nos libros de ciencias como o maior disparate do século XX. Deixar que unha persoa infecciosa-contaxiosa e altamente infecciosa permaneza xunto a persoas débiles, fráxiles e enfermas, significa condenar a morte aos que a rodean. “

O centro púxose a funcionar en menos dunha semana. Como foi?

Política Social tomou a decisión e chamounos. O luns 23 de marzo, ás nove da noite. O día 24 eu xa estou en Baños de Molgas. Abrimos con 11 residentes que foron trasladados desde Celanova. O máis difícil foi atopar persoal. O acordo dicía que a parte sanitaria estaba controlada polo SERGAS… médicos, enfermeiras, todo o que ten que ver coa atención sanitaria, os medicamentos. Todo o que ten a ver coa cociña, a limpeza, a atención directa, estivo en mans de Política Social. Con bo criterio decidiuse tirar de persoal que estivera nos centros de día, e creo que aquí hai que destacar o compromiso moral destes profesionais. Viñeron da Poboa do Brollón, Monforte, Ribadeo, Tomiño, Cambados…

Como vai a coordinación entre as consellerías?

Política Social e Sanidade souberon entenderse. Pero teño que dicir que imos un pouco lentos, a verdade. Van 20 días, estamos con 45 prazas ocupadas e o centro ten 90. Imos lentos porque a xente segue a morrer nas residencias. Hai que sacalos de aí e facelo rápido. E levamos unha semana sen ningún ingreso… Mobilizar a estrutura do SERGAS é moi complexo. E o descoñecemento que Sanidade ten das residencias dificulta que entendan a realidade da situación.

Quen decide os traslados?

As decisións dos ingresos aquí en Baños son tomadas pola Consellería de Sanidade, que é quen ten que tomalas, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública… porque este é un tema de saúde pública.

Que opinión lle merece que haxa residencias nas que seguen convivindo residentes que deron negativo na proba con residentes afectados?

Entendo que calquera familia mete ao seu familiar nunha residencia para que coiden del. Non para que conviva cun infecto-contaxioso que lle pode causar a morte. Polo tanto, as responsabilidades que se poden derivar de decisións como esta son extremadamente graves. Alguén pode pensar que non é momento de falar disto. Pero o meu obxectivo ao facer estas declaracións é que a xente tome conciencia de que as medidas teñen que ser moi áxiles e moi determinantes. Temos que buscar a eficiencia do sistema.

O sistema está sendo eficiente?

Entendo que si. Creo que non se produciu ningún tipo de colapso no sistema sanitario galego. Hai recursos para atender as necesidades sanitarias das persoas maiores enfermas. É preocupante que non se estea facendo todo. Por iso non me podo calar, nin como responsábel do centro de Baños nin como persoa nin como presidente da Sociedade Galega de Xeriatría.

Imaxes cedidas polo entrevistado.

“Hai recursos para atender as necesidades sanitarias das persoas maiores enfermas. É preocupante que non se estea facendo todo. Por iso non me podo calar, nin como responsábel do centro de Baños nin como persoa nin como presidente da Sociedade Galega de Xeriatría”

Mais o certo é que segue habendo enfermos de covid19 en residencias, nalgún caso estará xustificado?

En ningún caso está xustificado que un covid permaneza nunha residencia. En ningún caso. Non debe permanecer nun entorno no que poida contaxiar. A enfermidade infecta. Saque vostede de aí canto antes ao paciente que infecta. A lei é clara neste sentido, a norma de 26 de agosto de 1987, do IMSERSO [Instituto de Mayores y Servicios Sociales], establece uns criterios de ingreso e permanencia en residencias de maiores. Un deles indica que un criterio para non ingresar é padecer unha enfermidade infecto contaxiosa. E isto ficou establecido hai 33 anos… e segue vixente.

Nin sequera está xustificado no caso de grandes dependentes?

Verá, a solución de quédese vostede nun centro onde non hai médico, non hai enfermeira, a arquitectura non está adaptada non é unha boa solución. Á xente hai que lle dar a oportunidade de recuperarse.

Houbo medo por parte das autoridades sanitarias a que os ingresos de residentes afectados colapsasen os hospitais?

Non o sei. En calquera caso, iso sería tanto como negarlles un dereito fundamental, o dereito a seren atendidos por un sistema que pagaron durante toda unha vida.

Que tratamento seguiron cos residentes en Baños de Molgas?

Nós atendemos ás directrices dos equipos de infecciosos dos servizos hospitalarios en canto aos tratamentos. Van cambiando. Pero eles son os que fixan os criterios en función da fase na que estea o paciente. Non somos unha unidade de paliativos, e o persoal non está formado para adoptar decisións éticas complexas como, por exemplo, decidir cando se limita o esforzo terapéutico. Isto xerou algunha disfunción. A medida que os equipos se foron consolidando, imos tendo máis claras as cousas.

Rexistráronse algunhas mortes no centro e tamén pacientes foron derivados ao CHUO. Quen toma a decisión de derivar ou non derivar?

Iso sempre o decide o SERGAS.

“Non somos unha unidade de paliativos, e o persoal non está formado para adoptar decisións éticas complexas como, por exemplo, decidir cando se limita o esforzo terapéutico. Isto xerou algunha disfunción”

Baños de Molgas abriu para acoller pacientes da residencia de Celanova, até 33 na primeira semana. Que pasou que non acolleron todos e tiveron que deixar algúns en Celanova?

Este modelo é especialmente eficaz para atender casos como o de Celanova, residencias pequenas e sen a dotación de profesionais necesaria para manexar un caso de covid. Non poden. Nos centros grandes, con outra infraestrutura, con equipos de enfermaría as 24 horas, pois neses casos cabe rearmar todo o centro e atender nel aos covids. Pero en Celanova e en Castro Caldelas o que había que facer era sacar rápido ás infectadas. Fomos lentos. Sanidade estivo lenta. Toda esta crise, o que está pasando, fai que moitas veces as reaccións sexan lentas… En Aldán ou Vigo, cun 70% de infectados, tomouse outro camiño.

En Celanova a porcentaxe foi do 79%…

Decidiuse que había que manter alí a certos pacientes con dificultades de mobilidade ou de outro tipo. Pero habería que telos sacado. Se non podían vir para Baños de Molgas, si puideron ser derivados ao hospital onde estarían illados e con persoal médico. Os familiares tamén teñen os seus recursos, deben confiar nas autoridades e nas medidas que se toman, pero se vén que un positivo non debe estar nun centro, poden denunciar diante da xustiza.

Parece claro que se tardou en reaccionar, pero quen reaccionou máis tarde: as residencias ou Sanidade?

Inmediatamente se botou a culpa ás residencias. Pero o que non se pode facer é deixar a un infeccioso nun centro porque vai infectar. Iso pasou en Vigo, por exemplo. Digamos que é o que acontece cando non se toman medidas rápido. Ao principio, é lóxico que se tarde en reaccionar. Pero vinte días despois debiamos ser máis áxiles.

O entrevistado

Miguel Ángel Vázquez

Miguel Ángel Vázquez

Lugo, 195. É presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Foi o responsábel do centro integrado de Baños de Molgas entre o 23 de marzo e este mesmo mércores, 22 de abril. É médico especialista en xeriatría, con experiencia en atención primaria, na inspección de servizos de saúde, na atención hospitalaria e na dirección, xestión e planificación de programas en centros sociosanitarios públicos e privados. Ten traballado na docencia universitaria, sendo na actualidade profesor asociado de xeriatría, xerontoloxía e saúde na Universidade de Vigo. É consultor de Nacións Unidas, e director estratéxico de empresas sociosanitarias como socio-director de CALIGERS S.L., consultora de servizos xeriátricos.

#covid19

O entrevistado

Miguel Ángel Vázquez

Miguel Ángel Vázquez

Lugo, 195. É presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Foi o responsábel do centro integrado de Baños de Molgas entre o 23 de marzo e este mesmo mércores, 22 de abril. É médico especialista en xeriatría, con experiencia en atención primaria, na inspección de servizos de saúde, na atención hospitalaria e na dirección, xestión e planificación de programas en centros sociosanitarios públicos e privados. Ten traballado na docencia universitaria, sendo na actualidade profesor asociado de xeriatría, xerontoloxía e saúde na Universidade de Vigo. É consultor de Nacións Unidas, e director estratéxico de empresas sociosanitarias como socio-director de CALIGERS S.L., consultora de servizos xeriátricos.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário