Son emigrante, viaxo a ningunha parte
Un grupo de galegos e de galegas que suman anos de estadía espallados polo mundo, principalmente en Europa, confluíron en Compostela para plantar a semente de ONDA, o Observatorio da nova diáspora galega.
Redacción | Compostela, 27 de xullo. Os domingos e as periferias teñen ese nexo común de certa preguiza, de certo desarraigo. Son esas horas estrañas e eses lugares distantes á rutina viva dunha cidade. Vista Alegre, en Santiago de Compostela, segue a considerarse un barrio periférico; e alí, no novísimo Centro Cívico do Romaño, celebrouse a primeira edición de ONDA (Observatorio da nova diáspora galega), un espazo que nace para a observación, a visibilización e o encontro da nova diáspora galega. A emigración ten tamén un aquel de domingo, un aquel de non querer mirar para ela e de preferir ver tan só os restantes días da semana.
Malia o esforzo feito na cartelería e no deseño. Malia o apoio orzamentario tan importante realizado desde o Concello de Santiago e malia a situación privilexiada, cedida precisamente polo consistorio coa idea de se converter en sede fixa dos encontros de ONDA, a comunicación do evento foi mínima, a participación institucional tamén escasa ou nula e a confusión entre a cidadanía susceptible de participar máxima. O evento incluíuse na programación de Festas do Apóstolo, co conseguinte descoloque que o encaixe provoca, por tratarse do tema do que se trataba e polo overbooking de oferta de actividades para eses días. A conclusión o domingo foi obvia e unánime: no facelo coincidir máis nestas datas e conseguir unha maior implicación de determinados axentes sociais, políticos e culturais para garantir ese público obxectivo que, por exemplo, Xabier Queipo cuestionaba se existiría, se realmente habería ese interese desde dentro do país polos de fóra ou simplemente o desleixo de sempre. A resposta, sen embargo, foi tamén case unánime, habelo haino.
Dentro e fóra, a eterna dicotomía que se dá neste país, emperrado en valorar á súa xente só cando traspasan exitosamente fronteiras, aínda que estas sexan as do Padornelo.
Na súa carta de presentación, ONDA nace consciente de que a día de hoxe o fenómeno migratorio non ten nada a ver co de séculos pasados, malia que teñan como punto de encontro, normalmente, unha crise económica. A nova diáspora son os emigrantes con papeis, os membros dunha xeración que a propia sociedade expulsa ante a falta de oportunidades dentro.
A sombra da Catedral –visíbel dende case calquera punto da cidade– e da nora, que coroa sempre o ceo compostelán nas festas do 25 de xullo, impiden que perdas cento por cento a perspectiva de onde estás. Noutra circunstancia, poderíase falar de calquera lugar indeterminado de Europa. Primeiro, pola propia arquitectura do local, inaugurado hai un ano pero descoñecido para boa parte dos veciños e veciñas, que sorprende pola seu deseño e modernidade. Segundo, pola xente alí concentrada a pasada fin de semana. Xentes chegadas de Alemaña, Suíza, Bélxica, Escocia, Irlanda… que suman xa anos de estadía neses países mais partida de nacemento material e inmaterial en Galiza.
Son poucos os elixidos, os que de súpeto fanse un nome e, ademais, este nome interesa ao establishment. A realidade é que hai todo un activo e talentoso “mundo invisíbel” aí fóra, un mundo que Pepe Sendón –coordinador do proxecto– atopou. A alma máter de ONDA conta que cando empezou a facer os contactos só como tanteo ficou abraiado de como se ían concatenando historias e persoas e de aí a decisión firme de que había que facer algo. Sendón recoñece que a primeira incursión fíxoa desde un interese preferentemente artístico, mais pouco a pouco foi matinando na necesidade dunha figura como un Observatorio que abranga a realidade completa e complexa da emigración. Co obxecto de construír o discurso tan necesario sobre a nova diáspora, un discurso do que non poden quedar fóra os seus propios protagonistas.
Neste sentido, Sendón lamenta, nos documentos fundacionais da iniciativa, que esta voz fique muda ante uns argumentos por parte das Institucións, nomeadamente da Xunta, que segue reducindo aos migrantes ao folclórico, aos “casos de éxito de galegos polo mundo” ou a “regresos organizados de axencia de viaxes” que no fondo só afondan máis na caricaturización do paisano que marcha coa maleta de madeira como destino intrínseco ao noso ser.
Sendón pouco a pouco foi matinando na necesidade dunha figura como un Observatorio, co obxecto de construír o discurso tan necesario sobre a nova diáspora, un discurso do que non poden quedar fóra os seus propios protagonistas.
Mentres se andaba a argallar esta plataforma, as xentes de embaixada.gal viron a oportunidade perfecta para acabar de dar forma ao seu propio proxecto: unha iniciativa de galegos e galegas no exterior na procura dun novo asociacionismo.
A iniciativas como as da propia Embaixada ou da Rede Galega en UK (Rega-Uk), nada esta última grazas ao papel que xogan as novas tecnoloxías como outro elemento distintivo da nova emigración, sumáronse as experiencias de xente máis veterana como Xelís de Toro e Xabier Queipo. E deste cóctel multidisciplinar, multixeracional e con vocación transnacional, naceu o programa da primeira edición de ONDA.
Un programa que sintonizou en distintas frecuencias. Así, por exemplo: achegouse ao activismo da man dalgúns dos e das compoñentes e colaboradores do grupo Ialma, como Lucio ou Marisol, que puxeron voz a embaixada.gal. Tamén, grazas á presentación do ensaio de María Alonso: Transmigrantes, fillas da precariedade (Axóuxere, 2017) e da conferencia de Helena Míguelez: Formas de Volver a Casa, na que trata de desmontar o Plan de Emigración da Xunta.
ONDA fixo, así mesmo, radiografía emocional, histórico-sociolóxica e de contexto da fenómeno migratorio. A presentación do traballo de Alexandra Plaza: Se fose fácil, fáriao outro, aportou esas historias persoais, incluída a da propia autora, que conforman o novo perfil de emigrante. Xosé Manuel Núñez Seixas refrescou a memoria sobre o que foron historicamente os movementos migratorios; e Xabier Queipo, cunha palestra titulada: A desaparición do País, chamou a atención sobre a cuestión global da emigración en Europa, que se enfronta “ao reverdecer dos nacionalismos supremacistas, dos populismos máis básicos e da xenofobia”.
Un proxecto que nace orixinariamente pensando na arte da/na emigración non podía obviar a creación no seu programa. E estivo presente en imaxes, coas exposicións de Dolores Calvo e Cé Tomé. En movemento, grazas ás performances de Xelís de Toro e Riolagares. En linguaxe poética, a través da presentación do libro colectivo Onda Poética (Edicións Positivas). Na linguaxe visual, cunha escolma de documentais presentados por Galician Film Forum e na musical, grazas a Hi-Fi/Wi-Fi, electrónica orgánica composta en Bélxica e producida nas Rías Baixas, un proxecto musical de Misterchoco.
O programa foi denso e ambicioso, un pouco por ese medo a non deixarte nada, segundo coincidiron en salientar case todos os presentes na asemblea que se celebrou o domingo, como peche, para avaliar e sentar as bases do que será ONDA no futuro. A experiencia da fin de semana, concluíron, foi como a dun banco de probas, unha chuvia de ideas que serviu para plantar a semente dunha plataforma necesaria, que nace con vocación de continuidade. Enriba da mesa algunhas eivas detectadas como a da propia definición do proxecto e do público ao que se dirixe. No primeiro caso, as opcións expostas foron as de se focalizar só no artístico ou no asociativo ou en ambos. A conclusión foi que os dous son compatibles e mesmo complementarios. No que atinxe ao público obxectivo, coincidiuse en que ten a ver, obviamente, co punto anterior, pero mobilizalo depende tamén do apoio e difusión que se lle dea ao evento, que claramente fallou nesta ocasión.
ONDA é un proxecto en construción que, como afirmou unha das técnicas dos centros cívicos do concello, ten tamén un efecto “repoñedor”, do baleiro que deixan os que marchan e a fractura que se produce.
Varias ideas claras ficaron expostas para comezar a percorrer camiño: A necesidade e a fixación dunha periodicidade, que en principio se estabeleceu anual pero sen descartar algún tipo de actividade ao longo do ano. A definición mestiza de observar e visibilizar o asociativo e o artístico, transcendendo, iso si, o concepto dos de fóra, de tal xeito que haxa feedback, networking, sinerxias entre o traballo dos galegos residentes e dos ausentes e incluso dos non galegos, traballar desde a transculturalidade. A creación dunha Comisión de Traballo que asuma as distintas tarefas para coordinar áreas e iniciativas. A activación dos contidos que faltan da páxina web e a posta en marcha dun Mapa Interactivo de proxectos e xente que está a traballar en ámbitos que sexan de interese, a falta dun censo de todo este “mundo invisíbel”.
ONDA é un proxecto en construción que, como afirmou unha das técnicas dos centros cívicos do concello, ten tamén un efecto “repoñedor”, do baleiro que deixan os que marchan e a fractura “que se produce ás veces a falta deste tipo de espazos nos que poder recoñecérmonos uns cos outros”.
Un fenómeno vello, o da emigración, cun relato diferente, o da nova diáspora, con algúns puntos de confluencia. Ou dito doutro xeito, ao de Manoel Antonio, referente do Manifesto de embaixada.gal, ou Narf: “coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros camiños poden ser nosos… Son emigrante, viaxo a ningunha parte”.
#migracións
En defensa dos nosos veciños e veciñas ‘manteiras’
Son emigrante, viaxo a ningunha parte
Migrantes, alieníxenas e mundos futuros
“Toda a nosa identidade está negada”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas