"O gran avance sería abrir rutas regulares para as migracións"
ENTREVISTA | Valeria Bello
Ivannia Salazar | Texto e fotos | A Coruña, 19 de xuño. Valeria Bello é unha socióloga política, especializada en migracións, relaciones étnicas e seguridade internacional que participou a pasada fin de semana en Acampa, na Coruña, falando do impacto do cambio climático nas migracións. Bello advirte que as previsións son bastante alarmistas. “A comezos de ano publicouse un estudo que relaciona o aumento da temperatura co aumento das peticións de asilo en Europa. No escenario máis favorable, cada ano haberá máis de 600.000 peticións máis de asilo das que xa hai debido á subida da temperatura no planeta”. Non podemos parar o cambio climatizado pero si que podemos limitalo, sinala, “hai que atopar formas de gobernar, as migracións de maneira que existan rutas regulares para os migrantes sen que se produzan crises humanitarias”.
Ningún goberno recoñeceu o dereito de refuxio debido ao cambio climático. ¿Hai algún progreso a este respecto?
O dereito de refuxio en situacións onde a xente está obrigada a migrar debe ser un dereito para todos. A Convención de Xenebra é un instrumento marabilloso que daría posibilidades a todos aqueles que están obrigados a cruzar as fronteiras a seren protexidos cando chegan a un país seguro. Por exemplo, unha inundación é unha causa climática que pode producir unha crise humanitaria, e a Convención protexería aos afectados. Necesitamos un mundo no que o ser humano sexa libre e teña opcións. O que hai que conseguir é limitar as razóns que obrigan ás persoas a deixar os seus fogares cando non queren deixalos. Pero insisto, o gran avance sería abrir rutas regulares para as migracións. Para evitar o trauma e a inseguridade, e o colapso dos sistemas de asilo e refuxio o máis sinxelo sería abrir rutas regulares.
Que significa abrir unha ruta regular?
Estímase que o custo de migrar por ruta irregulares é duns 25.000 euros. Cantas persoas poderían viaxar regularmente con ese diñeiro? Non só falamos do custe do billete de avión, o problema é o peche das fronteiras. Téñense que conceder visados para que as persoas poidan traballar. Deste xeito, as cidades non entrarían en colapso, que é onde viven os sen papeis, xa que é onde poden estar agochados. Cun billete e unha visa, as familias poderían vivir en poboacións máis pequenas, algo que en Europa nos viría tamén moi ben. Os emigrantes saben onde ir, onde colapsou o sistema e onde poden atopar traballo, porque comunícanse uns cos outros. Se deixáramos que puideran facer algo máis, teriamos solucionada a metade do problema.
Parece que con líderes como Trump ou Salvini a tendencia non é que haxa máis visados, senón políticas de portas pechadas.
Desafortunadamente cada día vemos máis racismo no discurso público, pero as migracións son un fenómeno que non se pode parar. E pensar en frealas non é bo, porque os fenómenos migratorios foron positivos ao longo da historia, levaron diversidade económica, cultural e social e fixeron medrar os países. O que non é positivo é a migración forzosa. A migración non debería ser un luxo como pasa agora, a elección de migrar debería ser unha opción.
Con todo a percepción social sobre a inmigración non parece ser moi positiva tampouco. Que lle di a quen reproduce ideas como que os inmigrantes quitan traballo, erosionan a identidade nacional, forman guetos…?
Teño estudado os prexuízos, a xenofobia e o racismo. O prexuízo é unha idea, que non é racista ou xenófoba en si mesma, de que si vén alguén diferente como consecuencia eu vou ter menos cousas. É dicir, que quen vén quítame algo do meu. É o medo a perder algo. E hai que loitar contra iso ensinando que a diversidade non quita senón que axuda. Pódese facer a través dos medios de comunicación e do ensino cun diálogo intercultural. As persoas que se moven atopan moita diversidade no camiño e esta diversidade trae creatividade e innovación. O mundo é redondo porque temos pernas para camiñalo. Estamos feitos para a mobilidade.
Os emigrantes saben onde ir, onde colapsou o sistema e onde poden atopar traballo, porque comunícanse uns cos outros. Se deixáramos que puideran facer algo máis, teriamos solucionada a metade do problema.
Son os prexuízos a orixe do racismo e da xenofobia?
A xenofobia e o racismo son diferentes do prexuízo, pero moitas veces caese neles a través deste. A xenofobia é o medo á diversidade. Non a que me quiten algo, senón á diferenza en si. Este sentimento produce inseguridade, descoñecemento do outro. E lóitase contra ela ensinando os valores interculturais. O fenómeno máis preocupante é o do racismo porque o racismo é a idea de que hai unha xerarquía entre diferentes persoas. É un valor negativo, unha convicción. Ten unha orixe profunda na educación familiar, na escolar, e é moito máis difícil de combater. Primeiro hai que combatelo nas escolas e non difundir discursos racistas na esfera pública, os líderes de opinión deberían ser moi coidadosos. O racismo non só é eticamente inhumano, tamén empobrece os valores dunha sociedade. Hai moitos mitos. Agora mesmo estou desenvolvendo un estudo que mostra como a migración non quita traballo senón que o crea, e promove a sustentabilidade si se goberna de xeito intelixente.
Cre que o racismo aumentou cos fenómenos migratorios recentes (valados de Ceuta e Melilla, caiucos). Hai un discurso racista máis forte?
O discurso racista non aumentou por mor das migracións senón pola securitización das migracións. Por securitización enténdese unha política que ve nos migrantes unha ameaza á seguridade. Este fenómeno desenvolveuse desde os anos 90, cando terminou a guerra fría e moitos dos sectores que estaban securitizados ao redor de temas políticos, sobre todo relacionados co comunismo, tivéronse que reinventar. Un nicho, e un dos sectores máis rendibles aínda que non o único, foi o das fronteiras, porque nas fronteiras necesítase un control, e máis cando o sector profesional íase unindo aos políticos e aos gobernos. Securitizando as migracións restrinxíronse as opcións de rutas regulares e creouse un negocio para os traficantes de seres humanos e os contrabandistas. Así, aumentou o negocio dos traficantes de seres humanos e dos contrabandistas e aumentou a inmigración irregular.
Irregular ou ilegal?
Ilegais son as mafias. Como consecuencia de todo o anterior, as persoas que se atopan sen documentos e cruzan a fronteira son presas, ou son ingresadas en centros de internamento de estranxeiros que se parecen moito ás prisións, e dalgunha maneira creouse unha conexión entre as migracións e a criminalidade. Cando só son persoas que están a cruzar unha fronteira e que non cometeron ningún crime. É unha condición causada pola restrición das canles regulares de migración porque é imposible para moitísimas persoas hoxe en día sacar un visado e viaxar de maneira regular. É un luxo de poucos e poucas. Isto provocou que o discurso racista aumente, ao tratar a outros seres humanos como criminais, perigosos e inferiores e é produto desta securitización das migracións. Se non fóra por isto o discurso racista non tería porqué aumentar, xa que grazas a internet e a tecnoloxía en xeral podemos coñecer a diversidade antes de atoparnos con ela. Pero o aprendido nas familias únese ao discurso público e é difícil combatelo.
Para que serven as investigacións como as súas que se fan no ámbito académico? Que resultados concretos producen e como se reflicten logo na vida real máis aló dos informes?
Na Universidade de Nacións Unidas facemos investigación coa idea de pasar información a nivel político rexional, nacional e local aos diferentes países. Temos o obxectivo de facer recomendacións para políticas de mellora da gobernación das migracións. Eu sempre digo que hoxe en día temos a tendencia de xestionar a migración como un fenómeno que aparece de súpeto, como unha emerxencia. A través dos estudos pódense desenvolver políticas para gobernar as migracións de forma positiva. Hai situacións que se solapan. Por exemplo, hai migrantes que á vez poden ser refuxiados por situacións de conflito pero que tamén poden ser migrantes climáticos e poden vivir tamén dunha discriminación por xénero ou por orientación sexual. Ás veces ter unha política ríxida non sempre axuda. Temos que buscar a maneira de reflectir na política a complexidade do fenómeno migratorio. Os estudos cualitativos dan unha idea desa complexidade. Os estudos cuantitativos tamén son necesarios. Non pode haber unha política sen investigación previa. A maioría das políticas migratorias non funcionan porque son políticas que se fixeron baseadas en opinións, non en estudos. Esas políticas atenden ao que quere hoxe o público e en como satisfacelo para seguir no poder.
O que hai que conseguir é limitar as razóns que obrigan ás persoas a deixar os seus fogares cando non queren deixalos.
Daquela, non hai políticas a longo prazo?
Na ONU, que esta composta por países de orixe, países de tránsito e países de destino da migración, existe a necesidade de atopar unha solución que conveña a todos os países membros. Non podemos ter unha visión nacional senón global. Por iso necesitamos estudos: para enfocar as políticas. Por iso temos tamén os 17 obxectivos de desenvolvemento sustentábel que están baseados nunha visión de mundo máis positiva, con menos desigualdades. Estes obxectivos teñen políticas de fondo baseadas en estudos. O problema é convencer a todas as partes para desenvolver políticas que vaian cara a estes obxectivos, que son o plan común que temos. Efectivamente, os estados non teñen unha visión de longo prazo, senón de medio ou curto prazo, o que vai dunha elección de goberno a outra, e por iso as políticas non sempre son as que se necesitan a longo prazo, e sen unha planificación a longo prazo non hai sustentabilidade.
Cal é entón o punto de equilibrio entre as políticas globais e as nacionais ou locais?
Os estados teñen a posibilidade de elixir as políticas baixo as cales actúan e teñen que encabezar calquera proceso de desenvolvemento sustentábel. É dicir, a loita contra o cambio climático, contra as desigualdades, teñen que encabezala os estados, aínda que logo os cidadáns por suposto fagamos nosa parte. Hai gobernos que son máis favorábeis a uns obxectivos que a outros, pero isto non pode ser unha escusa para os demais gobernos para non cumprir o que asinaron ou para non cumprir os obxectivos que previamente se fixaron en foros internacionais como as cimeiras do clima.
A crise migratoria, que é unha crise construída política e socialmente, ten o paradoxo de que hai xente que a pesar de fuxir do terrorismo, é identificada como terrorista.
Para que serven estas cimeiras? Moita xente cre que serven para pouco ou nada…
A Unión Europea, é verdade e hai que dicilo, sempre encabezou o proceso de acción contra o cambio climático e, por exemplo, ten a visión de cambiar á UE dunha rexión que importa enerxía para unha rexión que crea enerxía sustentábel a través da posta en marcha de políticas enerxéticas sustentábeis. Isto é moi bo, e as medidas para logralo seguen o camiño sinalado polas cimeiras do clima. Produciuse o acordo de París no 2015, logo viñeron os da COP22 e da COP 23, e celebrarase a COP 24 en Polonia en decembro deste ano. O quecemento global existe pero sempre hai algo que podemos facer para retardar este proceso e o papel que teñen os gobernos é crucial.
É responsábel Europa do aumento das migracións tanto climáticas como políticas?
Falamos de responsabilidades cando hai unha migración forzosa. E todas as partes que contribuíron a un conflito teñen a súa parte de responsabilidade. Esta non é a excepción. Cando hai unha migración que é unha libre elección da persoa non hai responsabilidade nin hai culpa. Todas as persoas temos dereito á mobilidade e á procura dunha vida máis digna. Todos temos dereito a atopar o noso lugar no mundo, porque o mundo non é propiedade privada de ninguén. Xunto ao tema da responsabilidade tamén está o tema dos paradoxos. Por exemplo, moitas persoas en Europa temen que cos inmigrantes chegue o terrorismo, cando moitas desas persoas veñen fuxindo xustamente do terrorismo. A crise migratoria, que é unha crise construída política e socialmente, ten o paradoxo de que hai xente que a pesar de fuxir do terrorismo, é identificada como terrorista nos países de acollida pola percepción pública, por ser dunha relixión determinada, por exemplo. Isto hai que desmontalo.
Agora que menciona o tema da relixión, que pasa cando o choque cultural cos migrantes é moi forte, por exemplo no aspecto relixioso?
Esta é unha percepción moi interesante respecto do choque de valores. Temos a percepción de que entre diferentes relixións hai choques de valores, cando en realidade investigouse respecto diso e concluíuse que este choque de valores é o mesmo que existe hoxe en día en todas as sociedades entre unha cultura máis progresista e unha cultura máis conservadora. O choque cultural non é un feito relixioso senón un choque de mentalidades diferentes, unhas máis progresistas e outras máis conservadoras e isto haino en todos os países e en todas as relixións. Outro tema é en que, por exemplo ao falar da desigualdade de xénero, parte da relixión católica empuxa cara a certo machismo tal e como outras relixións tamén o fan. Temos que reflexionar sobre un cambio que se necesita a nivel mundial e repensar algúns dos nosos esquemas mentais. Hai unha gran desigualdade de xénero a nivel mundial, non só a nivel relixioso. O machismo existe en todo o mundo, é un tema global, non un fenómeno limitado a certas categorías culturais ou relixiosas.
A entrevistada
Valeria Bello
Italia, 1980. Doutora en Socioloxía e Política pola Universidade de Florencia, e mestrado en Relacións Internacionais pola Universidade de Boloña. Investigadora do Instituto de Globalización, Cultura e Mobilidade da Universidade das Nacións Unidas (UNU-GCM). Profesora na Universidade Pompeu Fabra, en Barcelona.
Autora de International Migration and International Security. Why Prejudice is a Global Security Threat (Routledge, 2017). Entre as súas últimas publicacións están, ademais, Interculturalism as a New Framework to reduce Prejudice in Times of Crisis in European Countries, na revista International Migration (Vol. 52, n. 2, 2017). No 2016, publicou Mediterranean crises: how many and for how long?, en openDemocracy; How to Walk the Talk to End Forced Migration?, en Global Policy; e Mygration Story: Italian Roots and Winds of Change, accesíbel en unu.edu.
Outras entrevistas
A entrevistada
Valeria Bello
Italia, 1980. Doutora en Socioloxía e Política pola Universidade de Florencia, e mestrado en Relacións Internacionais pola Universidade de Boloña. Investigadora do Instituto de Globalización, Cultura e Mobilidade da Universidade das Nacións Unidas (UNU-GCM). Profesora na Universidade Pompeu Fabra, en Barcelona.
Autora de International Migration and International Security. Why Prejudice is a Global Security Threat (Routledge, 2017). Entre as súas últimas publicacións están, ademais, Interculturalism as a New Framework to reduce Prejudice in Times of Crisis in European Countries, na revista International Migration (Vol. 52, n. 2, 2017). No 2016, publicou Mediterranean crises: how many and for how long?, en openDemocracy; How to Walk the Talk to End Forced Migration?, en Global Policy; e Mygration Story: Italian Roots and Winds of Change, accesíbel en unu.edu.