"O meu inimigo é o Partido Popular"

ENTREVISTA | Paula Quinteiro

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Compostela, 15 de maio. A peza básica na construción dun escándalo mediático é a redución da persoa a unha marca que defina todo o seu carácter. A Paula Quinteiro, os medios de comunicación públicos e privados que espallan a axenda do poder, definírona como vándala. Unha palabra.

Está é Paula Quinteiro (en seiscentas palabras):

Naceu no barrio do Calvario, en Vigo, nun mes de maio. Os seus pais son funcionarios. A nai, no Instituto Oceanográfico; o pai, profesor de Educación Física. Viven nun piso. Paula, filla única, soñou con vivir nunha casa. Como as das avoas e os avós, que viviron na aldea. Xa morreron. A familia da nai é de Valoiro (Lobios), xunto ao Limia, ás portas do Xurés. Paula e os pais pasan algunha tempada alí. Van menos por Tui, onde a familia do pai. Quedan fincas por alí; familia queda pouca nas aldeas. Paula foi ao instituto no Manuel Antonio, un dos catro do Meixoeiro. Fora ao colexio en Bembrive, no camiño do traballo do pai, por iso o Manuel Antonio. Gustábanlle os debuxos de Shin Chan, a natación e, sobre todo, a patinaxe. Conserva algunha das amigas do instituto, pero desde que se politizou seu círculo máis próximo é o das compañeiras e compañeiros. Na casa falábase de política, en galego; a nai e o pai sempre estiveron activos, cando menos mobilizábanse, inda que non estaban nin sindicados nin militaban. Cando rematou o instituto pensou en estudar xornalismo ou ciencias políticas, pero decidiuse por enfermaría porque lle gustaba o trato coas persoas maiores. Paula di que anos despois, cando empezou a traballar nun centro de día con enfermas e enfermos de alzhéimer, comprendeu o sacrificio das coidadoras. Apenas lembra como a nai coidaba do avó. No centro de día empezou traballando como auxiliar de enfermaría e como coidadora nalgunha casa. Lembra que a súa promoción tardou máis anos que as inmediatamente anteriores en acceder ás listas da sanidade pública. No 2014, Paula entrou na lista pool, unha lista na que se puntúa extra polas condicións do traballo: chaman sen antelación, a calquera hora ou día, e as enfermeiras poden ir a un servizo ou outro… Unha lista para traballar 12 días ao mes, a cambio de estar localizábel as 24 horas e sen poder renunciar a ningún dos contratos, pero ben pagada. Paula tivo algún mes de 27 días (tres de descanso). De media andaba polos 1.200 euros de ingresos. Pero algún mes chegou ao dobre. A súa nómina hoxe no Parlamento (a que figura no portal de transparencia de Podemos é de xuño do ano pasado) é de 4.051 euros, pero dona 715 ao partido e outros 715 a Impulsa, un programa de becas de Podemos. Até chegar a deputada, tivo centos de contratos e a súa vida laboral impresa é “un bo tocho, a contrato por día…”. Di que os ritmos de traballo son moi altos nos centros de día e, polo que sabe, nas residencias de maiores, e recoñece que as prestacións son malas: “moitas veces parece unha especie de cadea de montaxe”. A bagaxe no privado serviulle para chegar ao Cunqueiro e non sorprenderse do que alí pasaba. “Digamos que empecei no público cando a sanidade pública xa estaba mala. Para min aquel estrés era o normal. Traballar a correr…”. O Álvaro Cunqueiro é un caos, resume. A política activa para Paula empezou co 15M. Acababa de cumprir os 21 anos. Coñeceu xente, participou un tempo da plataforma Ecoar en Vigo, integrouse nos Anticapitalistas e nos colectivos feministas que se ían creando. Non son moitos, os anticapitalistas. Pero ela pensa que foron os que souberon ler o 15M, “o que había de impugnación ao bipartidismo e ao sistema, e tamén ás formas de organizarse dalgúns outros partidos ou sindicatos de esquerdas”. Os anticapitalistas, explica, tomaron como referencia política o Maio do 68 e o 15M tentando establecer modelos de participación horizontais, amplos e en relación constante cos movementos sociais. “Non tutelar, estar, pero estar de igual a igual”. Paula ten 28 anos e leva 19 meses no Parlamento galego.

Non hai moito berraba ‘non nos representan!’ nas rúas e agora está aquí, nesta sala do Parlamento, con acta de deputada. Como se levan esas contradicións?

Non vivo unha contradición. Simplemente, hoxe son máis consciente de algo que xa tiña interiorizado respecto dos límites da política institucional. Por si mesma non serve, pero si pode axudar a construír ese poder popular fóra. Trato de aproveitar as oportunidades que ofrece este espazo como altofalante. Para min é iso: un espazo máis para seguir militando, e con máis tempo para dedicarlle á política que cando traballaba de enfermeira.

Como ve Podemos neste momento?

Cometéronse erros desde Vistalegre I pensando en facer esa máquina de guerra electoral. Había un potencial moito maior… O debate é hoxe saber que entendemos por unidade popular, como construír iso. E aí teriamos que estar xente organizada e xente non organizada, e poñernos a falar xa das políticas públicas que queremos levar adiante. Decidir que alternativa somos, máis alá da alternativa de goberno.

E como ve a situación de En Marea?

En Marea é un espazo moi complexo. E non se trata de como ten que ser a organización, senón como construír a unidade popular en Galiza. E aí quen debe ter o peso fundamental son as mareas municipais. O que a min me gustaría que fora En Marea, e penso que non se está camiñando nesa dirección, é iso que as veces teorizamos como partido movemento. Penso nun partido permeábel á sociedade, nunha estrutura horizontal, aberta, onde todos os cargos sexan rotativos e que se feminice de verdade.

Se pide iso para En Marea, que pide para Podemos?

Pido o mesmo.

Paula Quinteiro. Vigo, 1990. Deputada por Pontevedra

Non vivo unha contradición. Simplemente, hoxe son máis consciente de algo que xa tiña interiorizado respecto dos límites da política institucional. Por si mesma non serve, pero si pode axudar a construír ese poder popular fóra.

Falemos do 17 de marzo. Por que acode ao lugar no que se ía celebrar o plenario de En Marea cando xa anunciara que non participaría? Non o considera unha falta de respecto á organización?

Fíxose esa lectura dunha maneira demagóxica. Participara en todos os plenarios até este. Desta volta, decidín non facelo por unha cuestión política, non por faltar ao respecto…

Pero o que se interpretou como tal non foi a súa decisión de non participar, senón a de ir alí cando xa anunciara que non ía participar. A que foi?

Había compañeiras e compañeiros que querían falar con xente que estaba no plenario e por iso fomos. Nin lle faltei ao respecto a ninguén nin tiven intención de provocar a ninguén.

Que pasou despois aquela noite?

No momento da identificación íamos camiñando. Segundo nos dixeron despois, a identificación foi porque un dos rapaces levaba un pucho verde. Era san Patricio e regalaban puchos verdes por todo Compostela. O de que se romperan uns retrovisores dixéronnolo despois.

Cal foi o problema durante a identificación?

Pois varias de nós dixémoslle a aquela persoa que se identificara e listo. Estaba ensinándolles o carné aos policías, e nun momento levárono ao chan. Foi cando me acheguei. A situación estaba sendo tensa e intentei mediar.

No atestado atribúenselle unhas frases. Lémbraas?

A verdade é que non recordo ningunha desas frases. Ningunha delas, e desde logo tampouco se corresponden coa miña intención que era a de mediar.

Que lembra?

Pasou todo moi rápido. Eu achegueime como persoa, non como deputada. Alguén dixo que eu era deputada. Entón mostrei a miña acreditación e o carné por se me querían identificar a min tamén. Un dos axentes dixo que o gardara. Despois falei cos axentes e explicáronme que non bastaba con ensinar o carné nas identificacións. Eu díxenlles que tampouco vía necesario tirar a alguén o chan.

Ten constancia de que alguén do teu grupo rompera os espellos daqueles coches?

Non.

Arrepíntese de algo daquela noite?

Non. Pero están sendo uns meses moi duros… non me arrepinto porque actuei movida polo que entendía que tiña que facer naquel momento como persoa. Non actuei como deputada, actuei como persoa. E se non o tivera feito así, quizais me sentira peor hoxe. Non fixen nada moralmente reprobábel.

Paula Quinteiro. Vigo, 1990. Deputada por Pontevedra

Non actuei como deputada, actuei como persoa. E se non o tivera feito así, quizais me sentira peor hoxe. Non fixen nada moralmente reprobábel.

Cando comprendeu que aquilo ía ser un problema?

Despois da Semana Santa. Antes, preocupoume, pero pensaba que pararía todo durante as vacacións. Eses días paseinos cos pais e eles estaban convencidos de que a cousa acabaría aí… agora séguenme dando todo o apoio do mundo. Non queren que dimita.

A quen recorreu en primeiro lugar?

A Luís [Villares]. Aquel mesmo domingo [ao día seguinte] e despois ao resto do grupo parlamentar. O luns xa con todos.

Que lle dixeron?

Pois ao principio ben. A comunicación do propio día xestionámola conxuntamente. Decidimos que eu non saíra a explicar o que pasara e esperar a ver. Démoslle importancia, si; pensabamos que o PP podía utilizalo pero até un punto… daba para o que daba. Pero o mércores empezaron a circular rumores, que si un vídeo, que si dous, que si tres… Nesa semana animicamente estaba moi mal. En perspectiva, hoxe penso, oxalá saíra o vídeo. Que se vira. Non teño nada que agochar.

Cando se rompeu esa coordinación na comunicación?

Pois co comunicado da coordinadora. O grupo parlamentar tiña unha liña e saín a falar o que acordáramos. Pedín desculpas por se alguén se sentira ofendido pola mediación. Daquela inda non estaba funcionando o relato do vandalismo. Pero o mesmo día a coordinadora decidiu enviar un correo aos inscritos pedindo a miña dimisión. Sigo sen entendelo.

Como se sentiu cando Beiras, primeiro, e despois Villares saen pedindo tamén a súa cabeza?

Sorprendéronme. Segundo pasa o tempo, os feitos vanme dando a razón. Entendo que naqueles días podían pensar que igual incorrera nun delito e veríame complicada nun procedemento xudicial… Intentei relativizar aquelas opinións. Sempre defendín que eran as opinións de dous compañeiros máis e por iso centreime nos apoios que estaba recibindo doutros.

Pero como pode resistir cando o líder e portavoz parlamentario está pedindo a súa cabeza?

Con dificultades persoais. Pero teño un apoio maioritario no grupo parlamentar e moito de fóra, no resto do espazo. O portavoz debería transmitir as opinións do grupo. Para min é un compañeiro máis e non comparto a súa opinión.

Despois de dous meses, quen pensa que construíu este escándalo?

Foi unha mestura de todo. Ao PP veulle moi ben porque parece que non se aprobou a lei de saúde e a xente andaba mobilizándose. Nesas semanas o oitenta por cento dos titulares da política galega foron o caso Paula Quinteiro. Obviamente o PP soubo explotalo, e as últimas declaracións de Rajoy evidencian unha utilización. Creo tamén que a coordinadora de En Marea se equivocou. E despois están os medios de comunicación, algúns, que fixeron titulares tendenciosos e insistiron nas asociacións indirectas: “un grupo de Paula Quinteiro”.

Paula Quinteiro. Vigo, 1990. Deputada por Pontevedra

Ao PP veulle moi ben porque parece que non se aprobou a lei de saúde e a xente andaba mobilizándose. Nesas semanas o oitenta por cento dos titulares da política galega foron o caso Paula Quinteiro. Obviamente o PP soubo explotalo.

Por que optou vostede polo silencio como estratexia de defensa?

Din declaracións o día que saíu a nova e ao día seguinte. Despois decidín manter o silencio por responsabilidade, porque creo que o único que gaña con todo isto é o Partido Popular. Entendín que os medios de comunicación o que querían é colocarme na confrontación cun sector de En Marea, non lles interesaba escoitar as explicacións, que estaban dadas aqueles dous primeiros días.

Por que decidiu falar agora?

O punto de inflexión foron as declaracións do Presidente do Goberno. Non foi ambiguo, como outros antes con vinculacións indirectas. Non, el acúsame directamente de romper retrovisores. E moita xente pensará que Mariano Rajoy non vai mentir, por iso a mentira é tan grave. É moi preocupante que o Presidente do Goberno minta con esa impunidade.

Nalgún momento pensou en dimitir?

Moitas veces. A nivel estritamente persoal tería aforrado moitos desgustos. Eu sei que ao rematar aquí volverei incorporarme ás listas de contratación do SERGAS e hai traballo. Pero iso sería darlle unha vitoria ao Partido Popular. Sería como dicir que poden mentir e colocar un relato falso, que poden inventar unha noticia e mallar con ela un tempo e conseguirán a seguinte dimisión.

Vai dimitir se llo piden nesa consulta ás bases?

Non. O que me motiva a resistir é que o PP non gañe esta batalla.

Acabe como acabe, a cousa vai acabar mal para En Marea. Como ve o partido de aquí ás municipais?

Igual parezo inxenua. Sigo apelando a unha solución dialogada entre todas. É evidente que dentro do espazo hai diferenzas políticas. Pero hai que dar eses debates politicamente e ver que modelos de organización defendemos e no que estamos de acordo e non que non. Toca unha reflexión profunda.

Cantos inimigos políticos ten?

O meu inimigo é o Partido Popular.

Ningún outro?

O Partido Popular. As dereitas, en xeral.

A entrevistada

Paula Quinteiro

Paula Quinteiro

Vigo, 1990. Diplomada en Enfermaría. Deputada no Parlamento de Galiza. Traballou no sector privado antes de incorporarse ás listas do SERGAS. Foi enfermeira con contratos temporais até a súa proclamación como deputada en outubro de 2016. Fai parte da executiva de Podemos Galicia e do Grupo Parlamentar de En Marea.

O Entrevistado.

Paula Quinteiro

Paula Quinteiro

Vigo, 1990. Diplomada en Enfermaría. Deputada no Parlamento de Galiza. Traballou no sector privado antes de incorporarse ás listas do SERGAS. Foi enfermeira con contratos temporais até a súa proclamación como deputada en outubro de 2016. Fai parte da executiva de Podemos Galicia e do Grupo Parlamentar de En Marea.

Deixe um comentário

Deixe um comentário