O MGSM pide cambiar de goberno para mellorar a saúde mental na Galiza
“Hoxe, o primeiro problema a resolver para a mellora da saúde mental en Galicia é político, é o goberno do PP de Feijóo. Cómpre cambialo”, afirma o Movemento Galego da Saúde Mental.
Redacción adiante | A Coruña | 6 de marzo. “Foron incumpridas obrigas básicas dos gobernantes”, sinala o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) nun comunicado remitido onte no que fai balance dos 11 anos da xestión do goberno popular no eido da saúde mental. Entre elas, “protexer a saúde da poboación, previr que as persoas enfermen, tratalas e coidalas para que se recuperen son obrigas fundamentais de gobernantes responsables”.
O MGSM considera que a xestión “estivo politizada” e alimentou “o sectarismo profesional”, e mesmo nestes anos se facilitou “o aumento da adicción da poboación e a súa intoxicación masiva con psicofármacos”. Tamén indica que se produciron “mortes por omisión do cumprimento do deber dos gobernantes”.
O documento, que pode consultarse completo na súa páxina web, distribúe as críticas ao goberno en dez ámbitos que van desde a des-planificación á ocultar información sobre o estado de saúde da comunidade, da vulneración dos dereitos até a planificación e traspaso a entidades privadas da atención ás persoas máis vulnerables.
Sen plan estratéxico e con información agochada
Entre outras cuestións, o texto lembra como o goberno Feixoo paralizou o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, incumpriu a promesa de crear a unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia do sur, prevista para o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; obviou as denuncias de prácticas de contención mecánica na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (“corrixida cando foi sacada á rúa a denuncia da mesma”), e se opuxose “á proposta parlamentaria de actuación acorde coas orientacións do Consello de Europa, para avanzar na superación das contencións”.
Como caso “máis escandaloso” de información agochada, os profesionais da saúde mental que fan parte do Movemento, sinalan a negación diante da opinión pública da “importancia dos datos que informaban do incremento dos suicidios” e lamentan “o rexeitamento das propostas da oposición política e dos movementos sociais para que a Xunta elaborase o plan de prevención tal como reclamaba a OMS”.
“Sen pudor Feijóo subordinou a necesidade de prevención sanitaria ao seu interese político. E cando, por fin, elaboraron o plan despois de mobilizacións na rúa, este só quedou en mero papel, sen orzamento, sen responsable e sen plan de execución”, asegura o documento. Neste punto, o MGSM acusa ao Conselleiro de Sanidade de “mentir” respecto da tramitación do plan cando dixo “que xa se atopaba en elaboración”.
“Chamamos a toda as persoas sensibles e preocupadas por este estado de cousas na saúde mental a que contribúan coa súa participación á elección do goberno que Galicia necesita”, conclúe o documento.
As condicións asistenciais e a politización dos cargos
Tamén lembra as denuncias sobre as condicións residenciais e os tratamentos inaceptábeis no Psiquiátrico de Conxo (Santiago) e no Hospital de Calde (Lugo). “O caso máis grave coñecido, aínda en investigación polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, é o do Hospital de Conxo”, que provocou a intervención do Defensor del Pueblo. Os MGSM refire ademais circunstancias de externalización de residentes de longa estadía nos hospitais psiquiátricos a residencias privadas; e móstrase moi crítico coas designacións de profesionais “politicamente submisos ao partido gobernante como xefes de servizo ou outros mandos intermedios-baixos”, poñendo como exemplo “o que estivo a ocorrer coa xefatura de servizo de psiquiatría da Área Sanitaria de Pontevedra, onde mesmo resolucións xudiciais foron confrontadas inutilmente polos gobernantes (…) para tentar impedir que quen tiña os maiores méritos e capacidade para dirixir o citado servizo ocupara a praza na que estaba acantonado un fiel político do PP”.
“En termos xerais atopámonos cunha dotación de profesionais sanitarios que chega a ser do 50% dos recursos estimados como necesarios para unha atención adecuada á saúde mental, segundo o previsto nos plans que se elaboraron hai máis de trinta anos”, subliña o documento, e engade: “se a isto sumamos o dano sufrido pola Atención Primaria de Saúde, temos unha imaxe sanitaria temible da saúde mental da poboación galega”.
O malestar de profesionais e usúarios chega até o tratamento informativo do labor do departamento de Sanidade do goberno galego, que cualifican como “propaganda” e refiren casos “absurdos” como o do proxecto Master Mind de tratamento da depresión mediante tele -medicina, “do que non se volveu saber pero que ocupou páxinas en medios de comunicación cando se intensificaban a crise económica e os recortes”.
Privatizacións
Especialmente crítico é o MGSM na denuncia da privatización da atención á saúde mental, “unha constante desde hai anos”. Entre outras prácticas, “mediante a existencia de listas de espera nos servizos que fan buscar solucións ás usuarias en consultas privadas de Psicoloxía Clínica ou Psiquiatría para recibir a atención á que teñen dereito no Sergas pero que non se lles dá”. Ben a través do “encargo de orientacións de actuación sanitaria (planificación) a entidades privadas establecendo relacións e recibindo consellos de empresas existentes para facer negocio coas necesidades de saúde da poboación (forma parte disto o encontro realizado pola titular da Consellería e os cargos de xestión intermedios en saúde mental do Sergas coa Fundación Bamberg baixo o patrocinio da industria farmacéutica)”. Ou ben con concertos con entidades privadas para “a prestación de atención psicolóxica a usuarios do Sergas afectados por diversas enfermidades ou para dar prestacións que son proporcionadas á sua vez no Sergas, externalizando a prestación e creando así a posibilidade de relación clientelar co partido gobernante”.
“Este é, a trazo groso, o panorama en saúde mental despois de once anos de goberno do PP de Feijóo”, resume o documento, e conclúe cunha petición expresa á veciñanza: “Chamamos a toda as persoas sensibles e preocupadas por este estado de cousas na saúde mental a que contribúan coa súa participación á elección do goberno que Galicia necesita”.
Saúde Mental
Até chegar a algures
“É difícil lexitimar o propio malestar”
Cando morres de medo
Que farías ti se te atan?
Frío e vulnerabilidade en Conxo
Mañá sol e bo tempo? Contexto e axendas da saúde mental
Pacientes contra a lóxica da contención mecánica
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas