O mito da España imperial
Eduardo Rodríguez
“…Sin las Navas de Tolosa, la batalla de Lepanto y Carlos V, creo que todas las señoras que están en esta sala vestirían el burka…”
Javier Ortega Smith, no Parlamento europeo, en marzo de 2019.
Volve o mito da España imperial. Ben é certo que nunca desapareceu por completo (Rajoy nalgunha ocasión defendeu que España era a nación máis vella da actual Europa, xa que xurdiría cos Reis Católicos), pero o terrible é que agora ese pasado vai ser usado como arma que arroxar. O pasado que xustifica do presente, o pasado como o alicerce do futuro.
Un dos trazos clásicos nos estados fascistas xurdidos na Europa de entre-guerras foi a procura de referencias históricas que servisen de piares nos seus réximes. Hitler -co seu III Reich- será o continuador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Mussolini resucitará a gloria do Imperio Romano, ou as lexións da Garda de Ferro de Antonescu copiarán a ostentación dos vellos exércitos de Roma.
No caso do fascismo patrio, o discurso histórico (apuntalado por historiadores como Ricardo de la Cierva) foi moi simple, como deben ser estas mensaxes: existe unha identidade española que parte da Idade Media, sendo o reino visigodo unha proto-España con solución de continuidade ata os nosos días. Unicamente o desembarco dos musulmáns a principios do século VIII supuxo un paréntese, aínda que serviu para forxar o carácter español no proceso da Reconquista. Así, unha España unitaria, defensora do catolicismo e a tradición -representada simbolicamente no franquismo co xugo e as frechas, o escudo imperial, e todo o relato ultracatólico- será o noso paradigma histórico.
Umberto Eco, na súa teoría do Ur-Fascismo (fascismo eterno), alerta que unha das sinais do fascismo -entendéndoo como un fenómeno totalitario e atemporal-, é o culto á tradición e ás raíces. Neste sentido Vox é un exemplo de manual, aínda que para presentarnos ese pasado glorioso haxa que retorcer a Historia ata formar a imaxe desexada.
O listado de falacias históricas que se manexan para presentarnos unha España unitaria e católica sería moi extenso, mais facilmente desmontábel: a invasión árabe do 711 en realidade foi a participación de tropas bérberes norteafricanas a carón dunha das faccións de nobres cristiáns que loitaban pola coroa do reino visigodo (por dicilo doutro xeito, un dos bandos desa guerra civil ábrelle as portas peninsulares a un Imperio Islámico en plena expansión); a reconquista de Granada non foi tal porque a actual Granada non existía antes da presenza musulmá na Península; os Reis Católicos non unificaron as súas Coroas para formar España, xa que foi unicamente unha unión dinástica (cada territorio será independente, coas súas leis, institucións, fronteiras e aduanas); ou Carlos V estivo moito máis preocupado de conseguir a Coroa imperial que de administrar os seus territorios peninsulares, un dos moitos que recibiu en herdanza. As revoltas dos Comuneiros en Castela ou as Xermanías na Coroa de Aragón dan testemuño diso.
A maiores da manipulación de datos históricos, a idea dunha nación española cunha orixe medieval é unha aberración historiográfica. Non podemos trasladar un concepto xurdido da Ilustración como é o de nación ata a Idade Media. A realidade política que xestionan os monarcas da casa dos Austrias é a Monarquía Hispánica, non España, sinxelamente porque daquela existían reinos e súbditos, non nacións e cidadáns.
A irrupción de Vox, en definitiva, suporá un revival de tópicos que a historiografía ten máis que superados, pero que politicamente aínda se poden amortizar. En breve Santiago Matamoros asomará a súa cabeza do cubo do lixo no que levaba moitas décadas agardando tempos mellores, preguntando se xa chegou a hora de saír.
Eduardo Rodríguez
Vigo, 1972. Arqueólogo e profesor de Historia no ensino secundario. Autor de diversos artigos en revistas especializadas sobre historia e arqueoloxía de Galicia, e do ensaio As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Concibo o pasado e o patrimonio cultural como unha inmensa fonte de gozo, como un incomparábel xerador de emocións.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións