"O monte corre moito, e a gran industria tamén"

Santi Rodríguez, labrego rebelde no tempo de Facebook, soña desde a súa aldea no val de Ramirás con fórmulas para resistir nun modo de vida que xa saltou unha xeración, a dos pais.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Cartelle, 31 de agosto. “Xeadas tardías, choivas a destempo, saraibadas como nunca se viran acá… e agora un vento saíndo da nada rebentando todo… Pois está quedando un bo ano para pensar friamente se realmente isto merece a pena. Demasiados rivais, así a loita faise moi inxusta”, escribe Santi Rodríguez no seu Facebook un par de días despois de falar co adiante.gal.

“A maneira de pensar e a idea de felicidade que hai, o modo de vida que nos meteron por todos os sitios é completamente contrario ao que podes ter no rural”, reflexiona esta mañá de domingo, o último de agosto, no patio que é xardín e horta e viña, na casa do final da aldea diante dunha colección de cabazas secas.

No val de Ramirás que contorna ao Arnoia, en Vilar da Ponte, Cartelle, que recibe case de costas o sol da mañá e mira de fronte a faldra tendida do monte San Paio, o mozo que antes foi carpinteiro e vendedor de móbeis e non lle topa sentido a traballar só por ter cartos para vivir, loce aros e corte de pelo punkarra, un tipo ancho, forte e teimudo, un labrego nos días de Facebook que berra na Rede porque non ten tempo para facelo noutro sitio e traballa en domingo porque o monte non para de medrar e ameaza con enterrar un modo de vida que xa se saltou a xeración dos pais. Os pais viven alí, na casa. A nai, que tivo o bar na aldea de arriba, Santa Baia de Anfeoz, traballa con el. “Foi difícil de criar, era moi rebelde”, conta. “Agora ségueo sendo, pero xa é home e hai que aturalo”, di rindo.

Foron os avós maternos, en Lamedo, unha aldea río arriba, os que criaron dez fillos sen ter que emigrar e viviron sempre da terra, das patacas, do leite, do aceite. A nai que traballou na fábrica de Iberolato, case chegando a Celanova, até que pechou a finais dos oitenta, deixando á comarca espida, e o pai tamén sen traballo. O pai seguiu nos camións, noutras empresas. A nai puxo o bar e estivo outros vinte anos. Os outros dous fillos, os pequenos, estudan e botan man da terra cando hai que botala.

Santi é rebelde, labrego no tempo de Facebook; e antisistema, porque viste, pensa, fala e labra contra o sistema industrial que ameaza unha herdanza. A agricultura sen agricultores. Leva uns anos labrando contra o avance do monte. Mira máis alá das cabazas secas e brancas, arredor da casa e vai sinalando. “Por riba da fonte, nesa ladeira, era viña; alí, naquela carballeira, hai quince anos tiña a egua pacendo, a ver se preparamos para os polos e as pitas; da outra parte, porque limpamos nós para as terras… que se non, monte. Teño 34 anos e cando era rapaz baixaba por un camiño até o río. Agora está o principio do camiño. O resto, monte”.

Labra coas mans e co axuda de dunha burra (a Cuca). O outro, o Cuco, xa vai vello, case 40 anos, e anda buscando sombras para deitarse. Ten pouca maquinaria, o terreo non o permite, pero sóbralle vontade e paciencia. A burra é a maquinaria máis pesada. Ten un motocultor pequeno. Un par de veces ao ano, chama o tractor. Gasta cincocentos euros. Vive da horta. Pementos, tomates, berenxenas, acelgas… no verán; verdura, cebolas, allos… no inverno. Baixa todas as mañás a dúas tendas en Ourense, agora empezou cos polos e os ovos, pero só a particulares. Non vai ás feiras nin moito aos mercados. “Salvo o dos sábados en Allariz, o resto non funcionan”. Nun ano bo, produce 13.000 quilos de patacas entre as fincas de Cartelle e a de Lamedo. Empezara alí, na terra dos avós maternos, cun rabaño de cento e pico ovellas. Deron en enfermar, e despois os cans salvaxes. Durou un ano e medio e volveu para un proxecto de horta cuns socios. Dous anos e pararon. Despois púxose el só. Con terras da casa e dos veciños. Sen química nin selos de cualidade. “O selo é probar e, se queres, vir ver como se produce”. En Vilar, a maior parte do ano só hai catro casas abertas, dez veciños. Santi tampouco ten invernadoiro. É unha illa dentro do seu concello, o único labrego de menos de 50 anos. Un dos poucos labregos. Ningún berra tanto no Facebook. Topou cómplices: os de Carabuñas (licor de sabugueiros, de Vilar de Santos ) Alicornio (licores) e Mimá (horta) os dous en Allariz. “Empezamos a ter unha boa relación. Interesante. Ten boa pinta”.

Santi, coa ‘Cuca’.

“A xente da miña xeración busca o que eles chaman comodidade. Estar cun salario fixo. Eu dixen non a iso. Si, somos poucos. Traballo o dobre de horas e gano máis ou menos o mesmo que gañaba. Pero sacrificamos moito da nosa vida para que o que producimos chegue a máis xente. O mesmo se lle meto o selo ecolóxico quito horas. Pero non quero ir a un tipo de clientela, quero chegar a toda a xente. Quero que poida comer un bo produto o fillo dun camioneiro, coma min. Prefiro iso a que o coman catro. Somos poucos. A maioría das mozas e mozas desta xeración volveron emigrar. De volta para onde estiveron os pais: Suíza”.

O futuro, o lume e o clima

Este último ano, Santi participou en tres dos catro talleres da Escuela de Acción Campesina, un colectivo peninsular con inspiración da Vía Campesina. Como membro do Sindicato Labrego, estivo en encontros en Andalucía, Castela e Euskadi. Escoitou a Jeromo Aguado, “o guerrilleiro palentino que anda con ovellas e polos en medio dos cerealistas de Tierra de Campos”. Aprendeu métodos para “mover o rural” e xa en setembro empezará a dar charlas en Ourense. “Porque en Ourense o máis urxente é a concienciación dos consumidores. Para que poida haber explotacións como as nosas, ten que haber demanda”.

De Jeromo Aguado escoitou iso da agricultura sen agricultores, o perigo da gran industria, a ameaza para un modo de vida que corre tanto como o monte. “Si, a gran industria tamén”. Na comarca apenas quedan granxas de leite, das que sostiñan a fábrica de Iberolato e un mundo. Hai algunha explotación de vacas para carne en extensivo, “interesantes”, di Santi, “pero ás veces dá pena que as cousas se fagan máis para recibir cartos da PAC que por ideais”. En xeral, opina, a terra en Ourense está desaproveitada, excepto na zona da Limia, “por iso só falamos da Limia, da industria, algún almacenista intenta facelo ben. Que non teñen mans? Pois é que cando te metes na roda industrial e tes que xogar a eses prezos, para que compense, o único é pagarlle salarios de 500 euros á xente e por iso a xente non traballa, claro”.

“A gran industria é a que move o prezo. Se ves a pataca a 50 céntimos neste e naquel outro súper, pois a xente cre que o prezo e ese”.

Santi remoe o aprendido na Escola campesiña. As dimensións da explotación, máis alá dos beneficios da PAC, non son tan importantes como a concienciación do consumidor, que é, advirte, o que ten que entender os mecanismos que rexen o negocio da alimentación. “A gran industria é a que move o prezo. Se ves a pataca a 50 céntimos neste e naquel outro súper, pois a xente cre que o prezo e ese. O consumidor non debería estar tranquilo sabendo que come polos que se crían nun mes ou patacas que case podemos dicir que son artificiais porque nesas industrias teñen a mesma produción veña o ano que veña”. Por riba, o sistema industrial é do único que se preocupan as Administración. “Cada vez está máis beneficiado. Dos últimos datos que vin da PAC, os de 2016, na comarca de Celanova, cando había xa esas explotacións de vacas en extensivo, con mozos, ben montadas… o maior beneficiado foi o matadoiro de coellos. Levaron uns douscentos mil euros. Iso resume como funciona a PAC e de quen se preocupan a Administracións”.

“Demasiados rivais, así a loita faise moi inxusta”, remoe Santi no Facebook. O monte, a industria, a insensibilidade do consumidor. O monte, por exemplo. Hai uns anos Vilar estaba rodeada. Hoxe, unha soa explotación, a de Santi, serve para que os arredores da aldea estean limpos. “Non estamos para moita festa, pero no rural hai futuro se se actúa rápido. Isto leva moitos anos de abandono e nas aldeas que boten vinte ou trinta anos sen cultivos, haberá que gastar cartos para volver a facer terra… a este ritmo, non haberá máis que para explotacións forestais. O lume non beneficia a ninguén, salvo a algúns moi concretos; non, non frea o avance do monte. E máis, nalgunhas zonas, parece que volve con máis forza despois de arder”.

Santi traballa de luns a domingo. Está en pé ás sete da mañá e, despois do reparto diario, ás dez está na terra ou atendendo aos animais. En inverno e en verán mentres hai luz. “Dependo só de min, gústame o que fago e gozo do entorno, da calma, teño tempo para matinar nisto e naquilo… paso o día pensando mentres vou traballando”. Na Escola campesiña e no cavilar cotiá, Santi foi topando un sentido ao que fai, unha dirección. Por iso remata pedindo unha discriminación positiva para os labregos que resisten ao monte e á industria, porque non só producen doutro xeito, do mesmo que producían os avós, sostíbel. Non contaminan e ademais absorben parte do que outros contaminan. “A miña burra non bota o fume dun tractor, pero si que temos que respiralo os dous”, di Santi, e lembra que esa forma súa de cultivar é dura porque o clima “anda tolo e non se pode planificar”, que se antes se botaban as patacas en marzo era porque en maio non había xeadas… Pero hoxe en día. “Eu acordo invernos duros, co xeo. As estacións foron desaparecendo. O mesmo agora tes xeo en abril, un día. Temos invernos máis quentes. O verán vaise case até novembro… polo día, pero pola noite vai frío. Nin se sabe ben cando tes que facer a matanza”.

illas

2 comentários em ““O monte corre moito, e a gran industria tamén””

  1. A dispoñibilidade de terra hoxe é infinita polo abandono.
    A pega é que a maioria das terras agrarias abandonadas foron colonizadas por árbores e para revertir esa situación e recuperar esas terras para labradío compre limpar e destoconar, rippear e arar de novo.
    Non axudaron tampouco aquelas axudas dos 90 para reforestar terras agrarias.
    Así, hoxe, sobra floresta e urxe recuperar terras para a agricultura.
    O páramo humano tamén é mais que evidente e apenas niguén escolle ser agricultor polo esforzo que supón ademais da exposicion a un clima cambiante. Noraboa a Santi por saber enfrentarse as grandes dificultades, e adaptarse non sen grande esforzo, remando contracorrente neste mundo complexo.

  2. O segredo do éxito asenta na ‘teima’ por ser fiel a un mesmo. A propia identidade…. porque diferenciarse do resto é o que funciona.
    Por certo… totalmente dacordo en que Allariz é un bo sitio para a venda. Gran lugar para abrir ou facer negocios.

Deixe um comentário

2 comentários em ““O monte corre moito, e a gran industria tamén””

  1. A dispoñibilidade de terra hoxe é infinita polo abandono.
    A pega é que a maioria das terras agrarias abandonadas foron colonizadas por árbores e para revertir esa situación e recuperar esas terras para labradío compre limpar e destoconar, rippear e arar de novo.
    Non axudaron tampouco aquelas axudas dos 90 para reforestar terras agrarias.
    Así, hoxe, sobra floresta e urxe recuperar terras para a agricultura.
    O páramo humano tamén é mais que evidente e apenas niguén escolle ser agricultor polo esforzo que supón ademais da exposicion a un clima cambiante. Noraboa a Santi por saber enfrentarse as grandes dificultades, e adaptarse non sen grande esforzo, remando contracorrente neste mundo complexo.

  2. O segredo do éxito asenta na ‘teima’ por ser fiel a un mesmo. A propia identidade…. porque diferenciarse do resto é o que funciona.
    Por certo… totalmente dacordo en que Allariz é un bo sitio para a venda. Gran lugar para abrir ou facer negocios.

Deixe um comentário