"O mural do Furriolo sorprendeume a min mesmo pola súa potencia"

ENTREVISTA | Xosé Vizoso

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google+
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email
Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Redacción adiante | Brión | outono 2020. En Brión, preto de Compostela, a comezos de outubro, cae un chuvascada que arrefría a tarde. Xosé Vizoso senta baixo o pendello que fai parte do taller. Hai unha mesa grande, un pequeno forno e o aparente desorde dun obradoiro con luminosas sorpresas coma un galo destinado a catavento e unha dama cubista e coqueta que espera deitada contra a parede de ladrillo entre unha billa e un enchufe. As pezas no taller esperan. Esperan as porcelanas de quixotes e sanchos, galos alborotados, frades e sardiñas. Vizoso é, aos seus setenta anos, un artista recoñecido, o último estandarte da liña Sargadelos, o posuidor dunha mirada e unha man que capturan o instante que un toxo ou un cabalo se paran sen deixar de moverse. No taller, as pezas están como un corredor de cen metros cando se levanta nos tacos de saída a piques de estourar.

Vizoso senta do outro lado da mesa grande e volve contar, paciente, a súa vida a anacos antes de entrar no asunto: a restauración do mural do Furriolo, no monte do mesmo nome, na Bola. Vizoso rematou o mural dedicado ás vítimas da guerra civil e do franquismo no 2006. E desde aquela o mural resentiuse nun emprazamento venteado e húmido. Case tres lustros despois, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova pretende rehabilitalo. “O primeiro que se necesita é a man dun pintor profesional. E pinturas para fachadas ou piscinas, dun material que dilata e se contrae segundo vaia frío ou calor. Limpar o que queda e volver pintar todo de branco. Despois haberá que volver pintar os debuxos. O ideal sería facer unhas plantillas e pintar sobre elas…”

Como se comprometeu vostede no mural do Furriolo?

Aser Álvarez fixérame unha entrevista para a Televisión de Galicia, e faloume do sitio e do que os da asociación Arraianos pensaban facer alí. Eles pensaran nunha prancha no chan. Cando vin o lugar, díxenlle que o mellor era levantar un muro, porque no chan non se vería nada… E así foi, construíron o muro, pintárono de branco e despois fun eu e nun día do mes de agosto completei o debuxo. Máis adiante, encargouse a placa de ferro co mesmo debuxo, que está do outro lado do muro, de cara o val.

Un berro de liberdade no medio do monte

O autor saca un programa de man dun exposición da súa obra no que o propio Aser Álvarez lembra como foi a cousa: “Froito da amizade e da súa xenerosidade, e tamén da vontade do colectivo Arraianos de facer memoria, naceu o Mural do Furriolo, “un berro de liberdade no medio do monte”, como dixo Isaac Díaz Pardo o día que o levamos a ver o lugar onde os fascistas mataron xente de ben, na estrada entre as Terras de Celanova e a Limia. Vizoso deseñou un mural de seis por dou metros que son uns cadáveres tirados nunha gabia, unha obra que tivemos que refacer dúas veces polas pintadas dalgúns fachas que aínda andan soltos por aquelas terras”. A ilustración mostra o mural dividido en sesenta cuadrículas de 50×50 centímetros, a base do que haberá que facer de novo.

Agora, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova comprometeu con Vizoso a recuperación do memorial. Volver contar a historia até que as ensinanzas prendan nas veciñas e nos veciños para que a loita das vítimas se honre como merece.

Mondoñedo

“Hai un nexo entre Mondoñedo e Celanova. Eu lembro cando neno que polo primeiro de marzo a xente ía en autobuses para celebrar o San Rosendo en Celanova. E cando me falaron dun mural de tributo aos represaliados, pois pensei aqueles que o foron en Mondoñedo. Non hai moito que lles fixeron alí unha homenaxe a Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez, que foron paseados en xaneiro do 38. Eu estiven namorado dunha neta de Siervo, Araceli, que despois marchou para Barcelona. Eu tratei moito a señora Xusta, a viúva del. Lembro aquela muller, sempre de negro, que andaba sempre cunha irmá de Siervo, as dúas de negro, e cunha cara triste que me daba moita pena… Graciano era latoeiro. Debían ser de Ourense. A un irmán del que vivía cerca da miña casa eu leváballe todas as semanas unha carretilla con cousas para a tenda que montaba na praza os xoves e os domingos. Tamén coñecín a Patricio Vijande, que foi concelleiro da Fronte Popular, e tivo tres condenas a morte, a primeira no 37, no mesmo xuízo que Sánchez Gacio, un avogado de moita sona que foi Gobernador Civil da Coruña uns meses. Tamén naquel xuízo fora condenado José Villamarín, que era tío do que foi o meu primeiro profesor de debuxo, Juan Puchades. Eu lembro os tres, da guerra falaban entre eles. En Mondoñedo mataron xente de alí e tamén presos que traían de Ribadeo. Matábanos no Mirador, e un deles escapou e foise para abaixo e chegou preto de Argomoso. Escondeuse nun alpendre e pola mañá o dono viuno e veu dar parte a Garda Civil. O fuxido estaba medio ferido e baixou un que lle chamaban o Lobo e pegoulle dous tiros. O Lobo foi policía municipal, eu funlle o enterro levando a cruz…”

Como empezou vostede a interesarse polas artes plásticas?

Eu sempre andaba debuxando. Ía a uns ultramarinos e collía un montón de papeis pardos e púñame a debuxar… debuxaba a todo o que pasaba. Por desgraza non conservo ningún daqueles debuxos. Cando me nomearon fillo predilecto, Puchades escribiu un texto recordando aqueles debuxos. Despois na escola, cando a mestra mandaba facer as contas eu dáballe a volta a lousa e púñame a pintar cabalos. Os cabalos eran a miña obsesión. As San Lucas é a feira máis antiga da Galiza, terá para aí oitocentos anos… Despois con Puchades tamén probei co barro, e tallei algunha peza.

Como foi que entrou en Sargadelos?

No 68 rematei o bacharelato e levei o primeiro premio nacional de escultura. Lembro que lle pedín a soldadora eléctrica a un ferreiro que viñera de Bretoña, ao principio burlábanse del e chamábanlle o queimaferros. Pero foi aprendendo e traballou moito con ferramentas de labranza. Puchades tamén facía cousas cos Leiva, que tiñan unha ferretería. Na casa non había cartos para que eu fose a Madrid estudar Belas Artes, pero Puchades viu un anuncio en prensa no que pedían xente para formar como decoradores para a planta de cerámicas que estaba en construción. Fun facer o exame. Unha semana despois chegou a carta de Cerámicas do Castro convidándome a ir á planta piloto con todos os gastos pagos e cinco mil pesetas de dietas. Estiven un mes. Despois volvín para a casa, con pezas de louza, e cando rematei aquelo chamáronme para ir para a planta de Cervo. Vin construíla case desde o principio. Eramos sete. Sargadelos inaugurouse en maio do 70. A finais dos oitenta vin co Isaac [Díaz Pardo] para o edificio de San Marcos, en Compostela, o que foi o Instituto Galego de Información. Estabamos Díaz Pardo e eu nun edificio de seis mil metros cadrados.

A confianza

En abril de 1988, La Voz de Galicia recolleu un comentario moi eloxioso de Isaac Díaz Pardo sobre Xosé Vizoso. Entre outras cousas, dicía: “Iste mindoniense ten moitas virtudes que as puramente artísticas. A súa admirable disciplina para concebir, proxectar e realizar formas non crearon nel ningún tipo de narcisismo, tan frecuente nestes casos, que axiña tropezan coas demais disciplinas que participan no deseño industrial. El sabe darlle a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César. É por demais un hábil buscador de información para lle dar significado e situar no tempo a obra que realiza”.

No ano 72, nunha carta a Luís Seoane, Díaz Pardo mostraba o seu pesar porque Vizoso tiña que incorporarse a filas para cumprir o servizo militar. “Síntoo o de Vizoso, pois creo que é unha persoa valiosa para a fábrica”, respondeu Seoane. Vizoso fixo a mili en Ferrol. Pasado o tempo, un colaborador de Díaz Pardo contoulle a Vizoso que aquel lle confesou un día: “Hoxe caeume un agasallo do ceo, o Vizoso rematou a mili e quédase en Sargadelos”.

“Cheguei o cuartel de Ferrol en xuño do 72. Despois dos sucesos de marzo, a situación era tensa. Ás tres ou catro da mañá tocaban a “generala” e alí saiamos todos cargos con armas, e íamos polo Inferniño, onde vivían os obreiros, facerlles unha demostración de forza. As gardas eran dobres e había patrullas por fóra cos fusís, os cemes, cargados e con orde de disparar…”

“Naquela altura Díaz Pardo estaba esgotado… era moi traballo. El estaba moi centrado. Foi ese ano cando se empezou coa serigrafía no Castro; despois montouse unha galería en Barcelona. O home non paraba.”

Vizoso conversa paciente sobre a historia de Sargadelos anterior a Díaz Castro, e conta o episodio da morte de Antonio Ibáñez -comerciante, fundador da primeira siderurxia do país, impulsor da primeira cerámica- que foi arrastrado por cabalos despois de que o Exército inglés tomou Ribadeo en 1809 e o acusase de “afrancesado”. Lembra que Díaz Pardo conta en Galicia y el resto del mundo como os alemáns e o Banco Urquijo se apropiaron dos caolíns de Fazouro nos anos cincuenta.

Toda esa historia está detrás, de maneira moi consciente, de calquera traballo de Vizoso, que se resiste a definirse como artista, e mesmo a sinalar algunha das súas obras. “Dos galos estou satisfeito si. Son catro figuras que levan trinta pezas cada unha e as mesmas pezas valen para as catro. E do mural do Furriolo, tamén. A verdade é que me sorprendeu a min mesmo cando o vin rematado. Pola potencia que tiña o conxunto. Parecía un berro, é certo. Son dúas cores en realidade, o vermello está o mínimo. Ten forza: as mans atadas, as cabezas estiradas cara atrás…”

Vizoso conclúe agradecendo John Thompson que falase contra o abandono do mural anos atrás. E pide que se recupere. As figuras desgastadas esperan por esa mirada e esa man que lles devolva a tensión. O berro.

O entrevistado

Xosé Vizoso

Xosé Vizoso

Mondoñedo, 1960. Artista plástico, escultor, cartelista, debuxante. Colaborador de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos desde 1968 e no Instituto Galego de Información. Autor do mural do Furriolo, memorial de homenaxe ás vítimas do golpe de Estado de 1936, da guerra e da represión franquista na comarca de Celanova.

Memoria Celanova

Outras entrevistas

O entrevistado

Xosé Vizoso

Xosé Vizoso

Mondoñedo, 1960. Artista plástico, escultor, cartelista, debuxante. Colaborador de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos desde 1968 e no Instituto Galego de Información. Autor do mural do Furriolo, memorial de homenaxe ás vítimas do golpe de Estado de 1936, da guerra e da represión franquista na comarca de Celanova.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário