O tipo que había que parar

Cheikh Fayé

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ahmed Sékou Touré é unha figura controvertida. Naceu nunha familia pobre, foi expulsado da escola cando neno, pero aos 34 anos era alcalde de Conakri, a capital, e dous anos despois, presidente da primeira república en independizarse de Francia: Guinea Conakri. Durante tres décadas consentiu un campo de concentración no que morreron miles de persoas e algúns dos seus opositores.

Revolucionario marxista nos cincuenta e setenta baixo o paraugas da URSS, achegouse aos Estados Unidos e faleceu naquel país mentres se sometía a un tratamento médico en marzo de 1984. O campo de Boiro pechouse xusto despois da súa morte.

Ahmed Sékou Touré era un mandinga, pertencía á familia do rei Samory Touré, fundador do imperio Wassaoulou en terras do que hoxe son Guinea, Malí, Serra Leona, Burkina Faso e Costa do Marfil no último terzo do século XIX. Samory Touré foi un conquistador musulmán que resistiu a invasión dos franceses. A disputa comezou polo ouro. Durante dúas décadas freou ao exército colonial. Pero en 1891 foi capturado e deportado a Gabón onde morreu, segundo algúns, asasinado.

Así que Ahmed Sékou Touré era musulmán e pobre na época de entreguerras e na escola revelou un carácter rebelde. As crónicas din que foi expulsado por protestar pola comida que lles daban. Afastado dos estudos, púxose a traballar e rematou nun deses empregos aos que estaban destinados os africanos nas colonias: empregado do servizo de correos.

Pero Ahmed Sékou Touré era rebelde e bisneto dun rei. Fundou un sindicato, o primeiro sindicato nas colonias francesas. E mesmo intentou consolidar unha organización sindical que abranguera ás distintas colonias. Nesa altura comezou unha intensa actividade política en conexión con outras loitas diante do inimigo común: Francia. Era un tipo que había que parar e por iso a Administración colonial bloqueou a súa promoción en correos.

Había que paralo e por iso impedíronlle dúas veces, en 1951 e en 1954, que sentara na Asemblea Nacional de Francia como representante de Guinea. Pero optou á alcaldía de Conakri, gañou as eleccións e foi admitido na Asemblea. Sékou Touré converteuse nun revolucionario radical, e en certo modo foi tamén un produto da colonización.

No ano chave da súa vida, 1958, Ahmed Sékou Touré tiña 36 anos de idade. Guinea foi o único territorio colonial francés que renunciou a formar parte da comunidade franco-africana que impulsaba De Gaulle. Sékou Touré foi un dos líderes da campaña do “non” no referendo que os franceses gañaron no resto de colonias. Pero en Guinea o argumento que triunfou nas votacións de marzo foi o da independencia. O imperialismo explota, rouba e espolia as riquezas africanas, pensaba Sékou, e a comunidade franco-africana só é outra forma de dominación, paternalismo. Reclamaban igualdade, independencia. Ese mesmo ano, Guinea Conakri declarouse estado independente e Ahmed Sékou Touré era investido en outubro presidente.

“En 1951 e en 1954, impediron que sentara na Asemblea Nacional de Francia como representante de Guinea. Converteuse nun revolucionario radical, e en certo modo foi tamén un produto da colonización.”

A reacción de Francia foi espir ao novo estado. Retirou todos os funcionarios, tamén o apoio económico e alentou unha oposición interna. Mesmo os franceses atacaron o papel moeda que o novo estado creara co símbolo do elefante. Os franceses imprimiron moeda falsa para desestabilizar a economía. A democracia podía dicir unha cousa, pero os negocios non ían pararse de brazos cruzados diante das urnas. No contexto da Guerra Fría, o novo estado, illado na rexión de África occidental, abrazou a axuda soviética. Entraron en xogo as forzas da xeopolítica. E tamén a violencia: o campo de Boiro.

@JFK library

Xeopolítica. Sékou Touré axudou a Kwame Nkrumah, como vimos no episodio anterior, na loita anticolonial en Ghana ao sur, e aos revolucionarios da Guinea portuguesa, no norte, con Amílcar Cabral (o noso próximo protagonista na galería de leóns africanos) entre os seus líderes. Os portugueses chegaron a bombardear Conakri en 1970 como represalia. Como antes Nkrumah, Amílcar Cabral buscou refuxio en Guinea Conakri, onde morreu asasinado en 1973. O aparato mediático de Occidente cargou contra Sékou Touré desde todos os flancos. En realidade, Sékou era o tipo que había que parar porque animaba as loitas de liberación nunha rexión moi rica.

O campo de Boiro. A década dos sesenta e setenta foron anos violentos e a Guerra Fría tamén se cobrou as súas vítimas nos campos de batalla do Sur. Sékou Touré escapou de varios atentados, algúns din porque coñecía cousas que outros non coñecían, segredos do Islam, aseguran. O campo de Boiro foi a resposta do novo estado. Abriuse en 1958 para illar e sancionar aos opositores que animaba o imperialismo francés. E non se pechou até que morreu Sékou Touré, un ditador para Occidente. Nas loitas na África poscolonial cruzábanse moitas loitas. Estaba a relixiosa, estaba a dos ricos e os pobres, a loita entre etnias (Sékou Touré era un mandinga dos Sou Sou, moi enfrontados aos Peul, da etnia alpolar, que tiñan os seus propios candidatos para dirixir a independencia), estaban as forzas da Guerra Fría, e estaba en Guinea Conakri a guerra polo ouro, a bauxita, os bosques… Francia marchara de alí, mais seguía precisando e ambicionando aquelas riquezas. Todas esas loitas mestúranse no episodio que marca a etapa final de Sékou Touré.

Boubacar Diallo Telli. Diallo Telli era un guineano que fixo carreira na Administración xudicial francesa en Senegal e que en 1957 foi promovido ao cargo de secretario xeral do Grand Conseil de l’Afrique-Occidentale française. Era o home que estaban preparando para facerse cargo de Guinea Conakri. E cando xorde o novo estado, Diallo Telli regresa para ocuparse da representación diante da ONU. En 1964, foi elixido como primeiro secretario xeral da OUA (Organización da Unidade Africana). Volveu a Guinea a comezos dos setenta para ocupar a carteira de ministro de Xustiza. Pero en 1976 caeu en desgraza, foi acusado de alta traizón e confinado no Campo de Boiro. Hai quen aprecia un complexo de inferioridade en Sékou Touré diante dun intelectual e político de talla internacional como Diallo Telli. Celos? Seguramente algo máis. No xogo xeopolítico da época, Senegal, o Senegal do meu admirado Sédar Senghor, un líder do perfil de Telli, moderado, educado en Francia, católico, tamén pensaba que Sékou Touré era un tipo que había que parar. Diallo Telli morreu en 1976, de fame, no campo de Boiro.

A rendición. Despois da morte de Kwame Nkrumah (1972) e a de Cabral ao ano seguinte, illado entre dous estados, Senegal e Costa de Marfil, en boas relacións coa metrópole, Sékou Touré baixou os brazos, achegouse definitivamente aos Estados Unidos e asumiu a doma francesa. 

A Coruña, 9 de novembro.

Cheikh Faye

Cheikh Faye

Gade Escale (Senegal), 1962. Inmigrante. Vive na Coruña desde 2003. Comezou a escribir o blogue Senegaliza hai tres anos, e en 2017 publicou Ser Modou Modou (AS-PG), con textos dese blogue. Mantén unha colaboración periódica en Sermos Galiza e eventuais noutros medios dixitais.

Senegaliza

Os leóns africanos