O xulgado de Xinzo cita o ecoloxista ameazado por Coren para o 2 de marzo
Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 4
Erik Dobaño | Ourense, 24 de febreiro de 2020. Manuel García, do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), presentarase a un acto de conciliación con Coren o 2 de marzo nos xulgados de Xinzo da Limia. García prepara a súa defensa asesorado, entre outras, pola avogada da plataforma estatal contra a gandaría extensiva, Victoria Hormigos, despois de ter recibido a citación do xulgado a semana pasada e mentres colectivos ambientalistas galegos difunden un manifesto* de apoio no que advirten: “non pode ser que cando denunciamos práctica agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen se sente no banco. Non imos deixar que nos poñan a mordaza”.
Coren ameaza cunha demanda por 1 millón de euros a Manuel García, que vén denunciando xunto con colectivos ecoloxistas e diferentes científicos a contaminación das augas da Limia e a ausencia de tratamento dos residuos animais na maioría das explotacións gandeiras da comarca.
Manuel García pide aos actores implicados no problema da contaminación na Limia que “gasten máis enerxías, tempo e esforzo en ver como tratar os xurros, e menos en intimidar aos ecoloxistas”. A de Coren non é a primeira ameaza que recibe. Activistas do MEL e de Auga Limpa Xa (a plataforma que se formou para coordinar as accións de denuncia) xa tiveron un enfrontamento o pasado verán mentres informaban á veciñanza de Xinzo na rúa. Tampouco son os activistas os únicos que tiveron presións.
Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, desvelou nunha palestra a principios de mes en Ourense que recibira un escrito ameazante desde unha asociación de gandeiros que se ten mostrado especialmente belixerante contra aqueles que denuncian a contaminación. A mesma asociación tamén esixiu, e conseguiu, unha reunión con representantes dun partido político para pedirlles explicacións polas afirmacións dunha eurodeputada hai dous anos, cando diferentes partidos empezaron a prestar atención ás denuncias dos ecoloxistas.
Nesa palestra en Ourense, González prohibiu expresamente antes de comezar a súa exposición que se gravasen as súas palabras. Días antes, adiante.gal avanzara o contido do burofax de Coren a Manuel García no que a empresa advertía que procedería “al visionado de las grabaciones relativas a cualquier acto, conferencia o coloquio en el que usted o cualquier otra persona intervenga o haya intervenido y en el que se efectúe cualquier alusión a nuestra cooperativa”.
Agora, os ecoloxistas responden. Nun documento titulado Manifesto en apoio ao movemento ecoloxista da Limia que empezou a circular estes días na procura de adhesións, os ambientalistas galegos din que “parece obvio que con este tipo de actuacións o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas”.
E engaden, reafirmando os argumentos de García, González e outros, que “en Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermiabilizar, pasando así ao solo e contaminando os acuíferos”.
O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo, din os ecoloxistas nun manifesto de apoio a Manuel García.
“Sei que hai máis responsábeis”
Manuel García, a quen Adega acaba de distinguir co premio Osixeno, está recibir apoios desde diferentes partes do Estado e de ducias de colectivos do país. É consciente do risco a que enfronta se a demanda finalmente segue adiante, e procura expresarse con precisión. “Non me vou desdicir das miñas afirmacións sobre a cuestión dos xurros. Non lle teño manía a Coren. Non, non se trata diso. Sei que hai máis responsábeis. Nesta comarca, por exemplo, non dispoñemos dun código de boas prácticas agrícolas. Todos os organismos que tiñan que vixiar, pois non vixían. Nunca esixiron cumprir as normas que hai. A irresponsabilidade dos organismos competentes levounos a esta situación”, di Manuel sinalando as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
“O que pedimos”, continúa, “e que se traten os residuos e que non se supere a capacidade de carga gandeira da comarca porque se non o tratamento complícase”. E advirte que se esforza por comprender a postura de Coren, coa que traballan a meirande parte das grandes explotacións gandeiras da comarca. “Eles din que se teñen que investir moito en tratamento de residuos, quedan en desvantaxe coa competencia. Nos pedimos exactamente iso: que todos teñan que tratar, non só Coren e os seus socios teñen que xestionar os residuos, teñen que ser todos. A consellería ten que esixir iso a toda a industria. Estannos chamando veciñas de Rodeiro, en Lugo, que é o concello coa maior cabana porcina da Galiza… preguntando a ver como nos organizamos aquí para denunciar o que pasa. Os problemas da gandaría industrial non son só da Limia. Estamos porque todos cumpran a normativa, loxicamente”.
A prudencia e as analíticas
Aínda que os científicos conseguiron establecer unha conexión plausíbel entre as malas prácticas no tratamento dos xurros e a contaminación das augas por nitratos e outras substancias como o amoníaco, tamén perigosas para a saúde humana e dos animais e os solos, a xustiza esixen as súas propias evidencias.
“Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaron ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para intimidar a que se atreva a falar”, constata o manifesto dos ecoloxistas galegos.
Así que o recurso á xustiza pode ser unha oportunidade para dar a coñecer en todo o país e mesmo no Estado a batalla que se está a librar na Limia, mais tamén unha arma en man das grandes industrias e dunhas Administracións que habitualmente defenden os intereses destas para clausurar a protesta… sen encamiñar unha solución ao problema.
Por iso as precaucións.
Porque o problema segue vivo e as augas, contaminadas.
“As analíticas seguen a dar altas concentracións de nitróxeno, a Xunta sabe que vai vir castigo do Ministerio de Transición, cunha máis que previsíbel declaración de augas vulnerábeis”, lembra Manuel García. E ademais sinala que a planta de Sarreaus, a primeira planta de tratamento das catro prometidas pola Xunta que se ía poñer en marcha, porque é unha planta que xa funcionou no seu momento, abrirá máis tarde do esperado. “Necesitan un novo estudo de impacto ambiental, porque o proxecto cambiou e non serán quen de inaugurala nos primeiros meses do ano”.
“As analíticas seguen a dar altas concentracións de nitróxeno, a Xunta sabe que vai vir castigo do Ministerio de Transición, cunha máis que previsíbel declaración de augas vulnerábeis”, lembra Manuel.
“A Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou dos da gandaría en extensivo”, di o manifesto en circulación.
A principios de mes, no foro da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, Manuel García e Serafín González revelaron que están baixo ameaza, mostraron as probas das ameazas, confesaron que teñen medo, mais non pararán. Entre o público, varios representantes políticos mostraban coa súa presenza o apoio ‘moral’ aos ameazados. Todo dentro dunha estraña normalidade dun país anormal no que as advertencias sobre prácticas industriais perigosas que danan as augas e poñen en risco a saúde da veciñanza, dos animais e dos solos rematan coa xente normal nun xulgado mentres a Administración e os opositores seguen no xogo do simbólico en permanente campaña electoral e as empresas ao seu, o negocio.
* O borrador do manifesto está circulando e recibindo adhesións e o texto definitivo presentarase estes días, segundo informan colectivos ecoloxistas,
Proximamente: capítulo 5 – Moratoria
A Limia
“Parece que Coren quere aplicar por si mesma a lei mordaza”
ENTREVISTA | Manuel García, labrego de Rairiz de Veiga, ameazado por COREN cunha demanda civil de 1 millón de euros por “intromisión ilegítima en el derecho al honor” da empresa.
Un plan contra a Limia
Granxeiros, ecoloxístas e a oposición ao PP denuncian que a agroindustria carga nos produtores a xestión dos residuos co consentimento da Administración.
“O modelo de Coren xera moitos residuos que se depositan na Limia sen aterse á normativa vixente”
Lidia Senra fai un repaso da súa actividade nas instuticións europeas, confesa certo desapego da UE, pero di que a esquerda non pode abandonar o Parlamento Europeo.
Lumes, porcos e políticos
O plan que lle contan esta mañá ás veciñas e aos emigrados da Xironda consiste en plantar cereal nas terras sen explotar.
“Os encoros son un fracaso”
“No BNG non estamos en contra da agricultura, pero si que hai que darlle un tratamento aos residuos. Mesmo hai posibilidades de crear emprego con esa labor… A culpa xa non é só do labrego, a Administración non está facendo nada. Eu creo que a Xunta está porque en Ourense se queime o monte e esmorezan os ríos. Non lles importa porque non hai tantos votos.”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas