Crónica

Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?

Debate en Sarreaus sobre gobernanza e territorio.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Sarreaus, 4 de outubro.  Toño Corbal empeñouse hai máis de vinte anos en non deixar morrer a aldea e ten montada unha revolución en Lodoselo, no concello de Sarreaus, na Limia. O instrumento é o CDR O Viso –en Galiza os CDR non defenden unha forma de organización política, senón unha forma de vida posíbel tamén por inventar–. Os CDR como o de Toño Corbal non son anti-sistema, pero vogan contracorrente.

O sábado organizaron unha xornada de traballo en Sarreaus. O economista Edelmiro López Iglesias encargouse de despregar o mapa. A conferencia foi una lección maxistral (e sintética) do que é o rural do país.

López Iglesias ten experiencia na Administración, sabe o difícil que é inventar novas formas de vida e por iso se declara “posibilista”. Pero o mapa é detallado e amplamente compartido polo auditorio de recuperadores do rural.

“Galiza non é unha sociedade rural. Xa non”, comeza, “e o rural deixou de ser agrario, pero aínda non é outra cousa”. Segundo di, “o factor fundamental de todos os cambios que se produciron no rural está na acelerada caída do emprego agrario”. E ofrece un dato: nas últimas tres décadas, “desde a integración na UE”, a redución foi de case o 90%: de 415.100 ocupados en 1985 a 45.600 en 2015.

As área rurais esténdense por catro quintas partes do país, pero nelas só habita o 27% da poboación e “os labregos só xestionan un terzo dese espazo”. A desagrarización, explica o economista, foi tardía (respecto de Europa) “pero abrupta”.

“Basicamente o que sucedeu foi unha substitución de capital por traballo sen que iso fose acompañado por mudanzas na estrutura de propiedade da terra. Iso levounos a un sector agrario que mellorou a produtividade, pero en termos comparativos segue tendo enormes debilidades. A máis grave é a debilidade da industria agroalimentaria. Noutros países o desenvolvemento da industria compensou a progresiva desaparición das actividades agrarias. En Galiza, este desenvolvemento foi sumamente limitado. O indicador máis expresivo é que temos unha balanza agroalimetaria deficitaria: producimos menos bens agraoalimentarios dos que consumimos”.

Consecuencia destas debilidades, o PIB por habitante no rural é baixo, mais a capacidade de gasto é maior grazas as transferencias sociais (fundamentalmente, as pensións). “Esa dependencia das familias das pensións veu substituír á dependencia histórica das remesas da emigración”. Mais o rural segue producindo emigrantes. En parte, polas deficiencias no acceso aos servizos básicos “para a poboación e as empresas”, o que limita as posibilidades de emprego, e conduce ao avellentamento e ao despoboamento.

Porén, advirte López Iglesias, “os problemas demográficos do rural non son a orixe senón o síntoma das debilidades socioeconómicas destas áreas”. A solución, advirte, está nos elementos socioeconómicos. E neste punto o mapa xeral empeza a mostrar cores que reflicten realidades sociais e económicas moi distintas.

rural, despoboamento, A Limia, agricultura, ordenación do territorio, solo
Mapa dos usos do solo (parroquias). Arriba, á dereita, mapa de densidades de poboación.

O mapa das tres Galizas é froito dunha investigación de Eduardo Corbelle e Rafael Crecente sobre os cambios nos usos do solo entre 1985 e 2005. “A característica que resume este período é a expansión da superficie arborada e a diminución da superficie dedicada ao uso agrícola ou gandeiro”, escriben os autores, que distinguen tres zonas no país rural: as áreas costeiras, caracterizadas polo dominio da forestación e da urbanización; as áreas de montaña, con dominio das cubertas naturais, que aumentan como consecuencia da falta de actividade humana; e unha área intermedia “na que a actividade agrícola e gandeira non só se mantén senón que, mesmo, se incrementa”.

López Iglesias atribúe esta heteroxeneidade a factores como a especialización, o nivel tecnolóxico, o tamaño das explotacións e a proximidade a mercados de traballo urbanos, entre outros. E explica como a diverxencia entre o rural activo do interior do país e o rural abandonado do este e do sur ten que ver tamén con cuestións climáticas (as secas) e edafolóxicas e mesmo con factores institucionais como as diferenzas no sistema de herdanza entre Lugo e Ourense.

Hoxe, o rural-urbano do Eixo atlántico caracterizase pola influencia dos mercados de traballo urbanos, densidades demográficas elevadas e intensamente forestado. O rural-activo vén definido por comarcas cunha base agraria, en especial gandeira, “sólida” e densidades medias-baixas. O rural-abandonado (as serras orientais de Lugo, metade oriental e sur de Ourense, a dorsal galega) fica lonxe dos principais núcleos urbanos e ten densidades inferiores a 15 habitantes por quilómetro cadrado e o solo está marcado polo forte peso da superficie de mato.

Melancolía e autoestima

En lugares como Sarreaus andan fronteira entre o rural-activo e o rural-abandonado, e este avanza. Toño Corbal, que foi neno de aldea ao que empezaban expulsar do rural desde a escola, sabe que nada volverá ser como foi. Pero en 1985, cando o país rural daba en mutar aceleradamente, fundou xunto ao cruceiro de Lodoselo una asociación cultural que tres décadas despois é o CDR. A vella escola rematou convertida en (metade) tanatorio, (metade) centro social. “O rural non se suicidou, matárano”, gosta dicir.

Tampouco mira con melancolía para aquel rural ourensán do Pereiro de Aguiar familiar Edelmiro López Iglesias. E di que hai que deixar de pensar as políticas públicas desde o punto de vista de “salvar o que se poida”, e comezar a pensalas adaptadas “ás condicións e demandas actuais da sociedade galega”, que xa non é rural.

rural, despoboamento, A Limia, agricultura, ordenación do territorio, solo
López Iglesias, o sábado pasado en Sarreaus.

Pensar no rural inxerido no capitalismo actual, di o economista. En Sarreaus, onde os servizos sociais están ben fornecidos grazas ao empuxe do CDR O Viso, a maioría dos convidados pensan que si, que ese rural é posíbel. Juan Carlos Soto, tenente de alcalde nunha pequena aldea de Ávila (vinte e pico veciños) di que alí estano facendo porque recuperaron a autoestima. De autoestima tamén falan os portugueses Davide Teixeira, da Cámara de Montalegre, e Antonio Montalvo, axente de desenvolvemento no Alto Támega. Chaman a atención sobre a cuestión da gobernanza, da distancia entre o territorio e quen o xestiona e a necesidade de irse adaptando aos cambios (empezando pola mudanza climática). Nesa liña de adaptarse ás demandas da cidade e empurrar nas políticas públicas andan tamén en Tempo da Aldea, unha cooperativa de oitenta socios, que se creou co respaldo da comunidade de montes alá en Rebordechán, na Cañiza. Pero entre a burocracia, os corzos e o xabarín empuxan máis e os dous cooperativistas terminan por confesar que son eles quen se senten “en perigo de extinción”. Expulsados, como José María Cófreces que teima con outros, eles si moi a contracorrente, en terras de Castro Caldelas.

E di Cófreces que non, que a riqueza está no rural, “por iso nos queren expulsar e por iso as grandes empresas compran terras”.

“Levamos décadas de economía de mercado, e non deu solución ás áreas rurais. É máis, unha das estratexias de desenvolvemento desta economía é a expulsión da xente do rural”, comparte Cófreces. E por riba nas escolas ensinan que “a riqueza é o Estado do Benestar e que se crea nas cidades”. E di Cófreces que non, que a riqueza está no rural, “por iso nos queren expulsar e por iso as grandes empresas compran terras”. Por iso o plan de futuro non pode facerse, conclúe, “baixo os parámetros da economía de mercado”, posibilistas.

O debate fica aberto. López Iglesias xa marchara, pero deitou sobre a mesa unha constatación inquietante, que ten que ver coa gobernanza e co sistema de expulsión e espolio. Quen ordena o territorio? Nas comarcas do rural-abandonado, é inevitábel aceptar que a xestión será realizada no futuro en grande medida por persoas ou empresas non residentes? “Nunha economía de mercado, antes lle dicíamos capitalismo, as que acaban marcando as tendencias da actividade económica son as empresas privadas, máis ou menos condicionadas polo marco regulador público. Se hai ámbitos nos que o sector público, a sociedade no seu conxunto, renuncia a súa capacidade de regulación, acabarán sendo as empresas as que determinen as actividades económicas e a ordenación do territorio. Iso pode ter consecuencias negativas ou non”.

1 comentário em “Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?”

  1. O rural galego desaparece, e a administración pública axuda a que iso pase. Pechando escolas porque hai poucos nenos, pero, ¿quén se vai afincar no rural tendo as limitacións que hai para levalos nenos a garderias ou escolas?
    Pero conectamos o rural con redes de datos de alta capacidade, ¿onde? ¿nas cabeceiras dos concellos? ¿e a que coste?
    ¿E o transporte público? ¿aínda tedes diso na vosa aldea? na miña non.
    ¿E os cuartelillos da Guardia Civil? un cada 50km, por decir algo. Por moito que se esforcen, a velocidade de resposta vai ser demasiado lenta.
    E así con tantas cousas

Deixe um comentário

1 comentário em “Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?”

  1. O rural galego desaparece, e a administración pública axuda a que iso pase. Pechando escolas porque hai poucos nenos, pero, ¿quén se vai afincar no rural tendo as limitacións que hai para levalos nenos a garderias ou escolas?
    Pero conectamos o rural con redes de datos de alta capacidade, ¿onde? ¿nas cabeceiras dos concellos? ¿e a que coste?
    ¿E o transporte público? ¿aínda tedes diso na vosa aldea? na miña non.
    ¿E os cuartelillos da Guardia Civil? un cada 50km, por decir algo. Por moito que se esforcen, a velocidade de resposta vai ser demasiado lenta.
    E así con tantas cousas

Deixe um comentário