"Os gobernos tratan de marearte e aburrirte, pero hai que perseverar"

ENTREVISTA | Alberto Paz

Facebook
Twitter
Google+
WhatsApp
Telegram
Email

Erik Dobaño | Porto do Son, 22 de agosto. “Empecei como aprendiz aos 17 anos e cheguei a contramestre antes de marchar para Dinamarca no 86. Marchei porque empecei a saber algo do tema e entendín que as cousas non eran como nolas pintaba Noruega. De Dinamarca non teño nada malo que dicir. Pero Noruega non é o país que se vende por aquí… Alí fomos enganados da seguinte maneira: no ano 1957, os armadores de Noruega viñeron a España buscar persoal e o goberno español díxolles que si sempre que os mariñeiros foran ter a mesma cobertura que tiñan aquí, porque xa houbera problemas neses anos con casos de mariñeiros falecidos alá e as familias quedaran cunha man diante e outra detrás… os noruegueses comprometéronse pero non cumpriron. Daquela habería uns douscentos mariñeiros alá. No ano 1962 veu outra delegación, xa con representantes do Estado noruegués e do sindicato do mar. Levaron para alá 3.500 persoas. Tamén baixo promesa de convenio bilateral. Os salarios si foron os mesmos, pero os dereitos sociais, a cobertura, nunca a tivemos. No ano 63, Noruega pediu asinar un convenio, pero sobre dupla imposición. E asinouse como paso previo para o convenio en materia social. Así foi como os españois comezaron a pagar impostos alá. O 10% do salario, os casados; o 15% os solteiros. Pero nunca houbo convenio social. En 1970, o Estado español volveu solicitalo e houbo unha consulta a once organismos noruegueses e todos decidiron que non había que asinar, entre outras razóns, porque España era unha ditadura… A partir daquel ano, e despois dunha reforma fiscal en Noruega, empezamos a pagar impostos igual cos noruegueses, entre un 20 e un 30% do salario. Estabamos pagando por ter un posto de traballo. É como se hoxe se lles dixera aos estranxeiros que traballan aquí que teñen que pagar os impostos pero que non terán acceso nin á seguridade social nin a unha pensión cando se xubilen. Iso foi o que nós pasou. No 82 houbo outro intento, pero os armadores noruegueses impediron que se asinara convenio algún para os mariñeiros mercantes e para os das plataformas petrolíferas… despois empezaron co que chamaron segundo rexistro, no que incorporaban traballadores filipinos e doutros países con salarios máis baixos. E nós empezamos a retornar.”

Que reclaman vinte e pico anos despois?

Algo moi simple: ou que nos devolvan os impostos que nos cobraron de máis, ou que nos recoñezan os dereitos sociais que nos corresponden.

Pero Noruega négase…

Négase. Nin unha cousa nin a outra. Levamos dez anos, desde o 2008, como asociación. Pero a anterior directiva non era competente… Para empezar, é preciso falar noruegués e inglés con certa competencia para falar con representantes políticos e manexar documentación. Montaran unha asociación para intercambio cultural con Noruega! Se nin coñecemos o noso, que carallo imos intercambiar! E deron en declarar na prensa que cos noruegueses había que ir polas boas… En fin, o único que había que facer era reclamar o que é noso e facelo ben.

Non toparon moito traballo avanzado, entendo?

É que o primeiro que ten que facer un traballador cando vai a un país de fóra é coñecer os dereitos que ten. Eramos, a maioría, cachos de carne con ollos. Pouco máis. Cando dicías de reunirnos e reclamar, xa che saltaban con iso de eu veño aquí aos cartos e nada máis… Así pasou o que pasou. En 2014 collemos a directiva e o primeiro que fixemos foi entrevistarnos con Joaquín Nieto, director da OIT, e ao día seguinte, co embaixador de Noruega. E ese mesmo día, falamos co Ministerio de Asuntos Exteriores. Despois fomos a Noruega e entrevistámonos co Secretario de Estado de Asuntos Exteriores, co embaixadora da UE en Oslo, co director da Confederación de sindicatos noruegueses, co Defensor do Pobo noruegués e co noso embaixador. Botamos unha semana, e de cinco a nove da noite, ía ao Arquivo Nacional buscar documentación.

Montaran unha asociación para intercambio cultural con Noruega! Se nin coñecemos o noso, que carallo imos intercambiar! E deron en declarar na prensa que cos noruegueses había que ir polas boas…

Alberto Paz Viñas defende os intereses de miles de mariñeiros españois, a maioría galegos, uns oito mil no país, calculan. Alberto cambiou a forma de actuar dos ex mariñeiros de Long Hope e fíxolles entender que Noruega non vai ceder e que só mediante a presión política e a xudicial conseguirán facer valer os seus dereitos. A tenacidade de Alberto levouno por Parlamentos (galego, español, europeo), ministerios, embaixadas, organismos internacionais e mesmo a sentarse á mesa dos representantes diplomáticos do Reino de España en Oslo.

“Cada vez que imos para un xuízo ou para unha protesta, a embaixadora convídanos a xantar ou a cear… a cousa xa empezou co anterior embaixador”, contra o ex mariñeiro, xa xubilado, nunha terraza fronte ao peirao de Porto do Son, onde vive e traza estratexias para teimar nunha loita que se converteu na súa vida, unha nova vida na palestra mediática. Este verán concedeu ducias de entrevistas. O problema segue enquistado. Noruega, efectivamente, non cede. E periodicamente a historia dos vellos mariñeiros que viaxan por Europa cunha pancarta en varios idiomas que di: Esiximos a Noruega o dereito a pensión, aparece nos xornais e nas radios en Galiza. Moi pouco no resto do Estado, nada en Noruega, onde son invisíbeis para a opinión pública. Unha estratexia de Estado, di Alberto.

“En Oslo, o ano pasado, coincidindo cos Nobel, adiantáronos unha hora o permiso para manifestarnos na rúa diante da Casa do Concello. Sabían o tempo que faría esa mañá e puxéronos o comezo da protesta para as dez. Pensarían que íamos aguantar unha hora e marchariamos. Nós sabiamos que nos colocaran nun lugar por onde non ían entrar as comitivas… pero debeu haber algún cambio de última hora por razóns de seguridade e pasaron todas as personalidades por diante nosa. Había máis de trescentos medios de comunicación. Ningún se achegou a nós, salvo Anxo Lamela, que é o correspondente de Efe. Ningún medio noruegués se achegou. Teñen prohibido facelo. Quen si se achegou foi un señor que se identificou como membro dos servizos de intelixencia do goberno noruegués. Viña preguntar até que hora íamos estar. ‘Pois até a hora prevista’, díxenlle e mostreille o permiso e pedímoslle unha prórroga para aguantar até as dúas. Ese día sairamos do hotel ás sete da mañá e fomos comer ás cinco da tarde. As sete tiñamos cea na Embaixada de España convidados pola embaixadora”.

Que papel ten xogado o Estado español na súa loita?

O que tiñamos era un goberno de estafadores. Non había capacidade de Estado ningunha. Estes o único que querían era que viñera Noruega e que nos puxera piscifactorías nas rías e así acabar de roubar o pouco que temos. O PP non quería enfadar aos noruegueses… Pero temos que facer autocrítica e nós, os afectados, non empezamos a actuar debidamente até hai moi pouco tempo. A influír nos representantes políticos debidamente. En maio fun presentar unha proposición non de lei ao Rexistro do Parlamento en Madrid e antes reuninme con todos os grupos para pedirlles que se apoiara por unanimidade, a mesma que conseguiramos no Parlamento galego. O PP non asinou.

E o novo goberno?

Temos boas sensacións. De partida, porque na primeira ocasión que Pedro Sánchez se viu coa primeira ministra norueguesa, Erna Solberg, este pasado xullo, trataron directamente o asunto. E tamén fomos recibidos por Borrell, o ministro de Exteriores, que dixo que atendería o noso problema. Veremos que pasa nos próximos meses, pero cando menos as intencións parecen outras.

Segue mantendo a fe nos políticos?

Eu téñolle fe a poucos políticos, pero desde o principio sempre pensei que Juan Fajardo, de Esquerda Unida, estaría até o final connosco. E ultimamente tamén lle teño fe a Vanessa Angustia, tamén de En Marea. Nos partidos da oposición en Galiza recoñécese que é unha inxustiza social o que Noruega nos fixo. Despois está Xosé Manuel Carril, que é do BNG, pero digamos que el nos prestou sempre apoio xurídico de maneira altruísta. Digamos que Carril e máis eu vimos sendo as caras máis visíbeis nesta loita.

Que aprenderon do trato con políticos no goberno e na oposición?

Mire, nós somos solidarios con todas as loitas. Onde nos chaman, imos. Estamos cos emigrantes retornados, cos pensionistas… É certo que hai moita xente movéndose. Pero eu penso que a xente tiña que ser máis persistente e tenaz… Non vale con facer unha manifestación un día. Hai que saír todos os meses, todo o que se poida. É un desgaste enorme? Pois claro. Os gobernos, de calquera cor, tratan de marearte e aburrirte, pero hai que perseverar. Tes que aburrilos ti a eles. E os políticos, cando están na oposición, inda podes contar con eles. Pero se chegan ao goberno, a maioría topan desculpas.

Non había capacidade de Estado ningunha. Estes o único que querían era que viñera Noruega e que nos puxera piscifactorías nas rías e así acabar de roubar o pouco que temos. O PP non quería enfadar aos noruegueses…

Alberto Paz está empeñado en rachar o silencio mediático arredor da súa loita en Noruega. E vai topando aliados entre activistas sociais noruegueses que comparten unha visión daquel país moi distinta á dominante en Galiza. Alberto tamén trata de rachar esa visión de Noruega como un paraíso moderno epítome do ‘modelo nórdico’ que impide un coñecemento preciso do inimigo e das armas que pode despregar. Coñece ben Noruega.

“Botei moza alí. Despois dun ano decidín que quería seguir. Aprendín o idioma. Os primeiros contratos eran de nove meses, logo de seis… oito horas de traballo até o sábado ao mediodía. As horas extra anotábanse, todo ben organizado, ninguén sen sindicar, eran bos traballos. Ben pagado e con condicións decentes. Nunca ganei menos ca un noruegués. Tiven moza e, no canto de vir, moitas veces quedaba alí nas vacacións. Estaba máis integrado. Entre os nosos hai moitos que nunca pisaron Noruega, só os barcos. A vida sempre foi mellor en España, penso. Alí o salario era moi alto, pero pagabas moito de impostos. Os españois colleran mala fama nos anos sesenta. Alí había máis liberdade e… No traballo, os noruegueses odian a submisión. Se a lei di isto, di isto… Se vas a un país non vaias en detrimento dos traballadores do país. Non era ignorancia, era egoísmo… ‘eu veño aquí aos cartos’, dicían os nosos e esa frase resume a súa actitude. Nin aprenderon o idioma. Non había organización entre nós nin posibilidade de tela. Hoxe algo temos aprendido, pero hai que ser firmes nas posicións e nas accións. Coma eles”.

Tan enganados estamos con Noruega?

Pois si. Goza dunha imaxe de país democrático, respectuoso cos dereitos humanos, sensíbel cos países subdesenvolvidos… Pero por detrás vende armas, mantén certos tics propios dos réximes autoritarios e nós denunciámolos precisamente por non respectar os dereitos humanos. No noso caso produciuse unha diferenza de trato discriminatoria por razón de nacionalidade, vulnerando o Convenio Europeo de Dereitos Humanos. E queremos chegar até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, pero antes temos que pasar pola xustiza norueguesa, e alí están tratando de aburrirnos, de xuízo en xuízo, de instancia en instancia… sabemos que alí non imos ganar, Noruega nunca cedeu en todos estes anos, desde os cincuenta. Mais é un trámite necesario. Tempo que nos quitan, pero inda non nos aburriron.

E os políticos, aburríronse de pelexar con Noruega?

No Parlamento galego houbo unanimidade en apoio da nosa demanda até en cinco ocasións, a última hai só uns meses. Borrell, até este momento, cumpriu todo o que dixo que ía facer o novo goberno. A prensa recolleu a conversa de Sánchez coa primeira ministra norueguesa. Pedro Sánchez dixo que os dous problemas máis importantes naquel cumio da OTAN eran o Brexit e o noso problema con Noruega… iso está na prensa, na de aquí. Durante catro anos o PP nunca foi quen de convocar á primeira ministra de Noruega. Creo que desta alcanzouse outro nivel, non vai ser a panacea, pero é un avance.

Confiades máis na vía xudicial?

Xa sabemos que en Noruega non imos gañar nada. Agora mesmo, despois de pasar por un xulgado de Primeira Instancia e pola instancia de apelacións, temos pechada a vía civil. Pero xa tiñamos presentadas demandas pola vía social. Así que non puideron pechar todas as portas. O Estado noruegués gañou todo, pero nalgunhas cuestións pensamos que meteron a pata e poderémolas facer valer a futuro. Haberá cuestións que discutir no Tribunal de Estrasburgo. Teremos o próximo xuízo en febreiro e contamos con que a cousa en Noruega se estire até o próximo verán. Un ano máis. Pero seguiremos teimando, porque Noruega quitounos a pensión con malas artes, negouse sempre a asinar un convenio en materia social ao que está obrigada por acordos internacionais, e discriminounos con esixencias que non se lle reclamaron aos traballadores noruegueses… mesmo violando un artigo da propia Constitución norueguesa. Tamén hai unha violación do artigo 42 da Constitución española, en canto o Estado español non atendeu, non salvagardou os dereitos dos traballadores no estranxeiro. Resumindo: vía xudicial ou vía política? Digo que as dúas están aí, ningunha é imprescindíbel.

Como vai a loita tendo en conta que Noruega ten todo o tempo do mundo e vostedes, algo menos?

Estamos loitando contra o terceiro país do mundo en renda per cápita. Imos lento, pero imos ben.

O entrevistado

Alberto Paz Viñas

Alberto Paz Viñas

Noia, 1953. Ex mariñeiro. Portavoz da Asociación de ex marinos noruegos Long Hope. Fillo e irmán de mariñeiros emigrados, embarcou nun cargueiro noruegués en 1971 e botou quince anos traballando para armadores daquel país. En 1986, cambiou para Dinamarca. Vive en Porto do Son, onde se retirou antes de converterse en portavoz da plataforma á que lle dedica todo o tempo do que dispón.

Outras entrevistas

O entrevistado

Alberto Paz Viñas

Alberto Paz Viñas

Noia, 1953. Ex mariñeiro. Portavoz da Asociación de ex marinos noruegos Long Hope. Fillo e irmán de mariñeiros emigrados, embarcou nun cargueiro noruegués en 1971 e botou quince anos traballando para armadores daquel país. En 1986, cambiou para Dinamarca. Vive en Porto do Son, onde se retirou antes de converterse en portavoz da plataforma á que lle dedica todo o tempo do que dispón.

Outras entrevistas

Deixe um comentário