Repensando lealdades na Non-Fronteira

Un documental describe a idiosincrasia da Raia seca a partir da memoria do contrabando, da guerra e da represión e o carácter raiano.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Miriam González, Monterrei, 30 de outubro. “Entre os ricaces viñedos de Verín, no garimoso val de Monterrei agasallado polas abas das medas ourensás e aberto polo decorrer do Támega ás irmás terras portuguesas” situase unha Raia volátil.

Na pluma de Otero Pedrayo percíbese a mesma magna visión que o autor trasmontano Bento da Cruz deixou gravada cando escribiu: “que lixeireza de aire, amplitude de horizontes, suavidade de paisaxes! Se é certo que o paraíso existe debe ser coma este”. Non hai mellor presentación posible para describir a Non-Fronteira que é a Raia Seca entre Galiza e Portugal.

“A Raia é o nome galego da nosa Fronteira, a Fronteira indica que fas fronte, pero a Raia é o límite imposto aos pobos raianos. Raiano é aquel que vive na Raia dun lado ou doutro”, explicaba o Padre Fontes na súa casa en Vilar de Perdizes, no transcurso dunha escura maña de decembro do ano 2017.

Hai moitas clases de fronteiras, pero esta da que estamos falando é unha “fronteira entre dous Estados e tres Nacións”, segundo afirma a antropóloga Paula Godinho . “A relación con Madrid no que toca a Galiza está caracterizada por unha relación de dominación, e temos iso nos poemas de Rosalía, temos iso en moita da literatura galega e tamén temos esa percepción cando lemos a iconografía da Galiza. A relación con Portugal acabou por quedar dulcificada, xa que Portugal sendo un estado nación independente, non tiñan ningunha relación de dominación con Galiza”, sinala a antropóloga.

Son estes, lugares moi complexos, conforman as periferias para os poderes estatais e eríxense coma os centros para os seus habitantes, unha duplicidade de visións que sen dúbida entra en colisión cando se trata de escoller entre as lealdades. Máis dunha vez, Madrid e Lisboa tiñan dificultade en garantir a lealdade da Fronteira. Quer por razóns económicas, quer en situacións de crise, quer en situacións de guerra e de alistamento militar, as poboacións repensaban e repasaban as súas lealdades, que non se inclinaban cara o poder distante que era exótico porque era de fóra: era un poder, en definitiva estraño á convivencia local apuntaba Paula Godinho.

Esta Raia é unha zona onde se crearon vinculacións moi potentes dende os anos remotos, e foi forxada a esencia que impregnaría ó propio carácter raiano, cunha inclinación libertaria. “Os raianos sempre tiveron aversión ao poder preestablecido, nunca se relacionaron nin se uniron a el. Non querían saber nada nin de Lisboa nin de Madrid”, apunta Carlos Silva na fermosa cidade de Chaves. Podería bautizarse como un territorio de antíteses: ateigado de controis policiais que enfrontaban a intelixencia conxénita dos que naceron raianos, que van cruzar a Fronteira cada vez que sexa preciso. “Non é que esteas contra o poder, simplemente é algo molesto”, anotaba dende Verín o historiador Xerardo Dasairas.

“Os raianos sempre tiveron aversión ao poder preestablecido, nunca se relacionaron nin se uniron a el. Non querían saber nada nin de Lisboa nin de Madrid”, sinala Carlos Silva.

Alí pasábase a fronteira para ir bailar, para casar… Son numerosos os casamentos dun e doutro lado da fronteira. Cruzaban a fronteira para procurar a cura en momentos de crise do corpo. Polo tanto, nos momentos de festa, ou de doenza a fronteira está aí como recurso, afirma Godinho. “Houbo cantidade de curas galegos que durante moito tempo servían en Portugal, non tanto ao revés. Había un cura que cruzaba na barca de Feces de Abaixo e ía a Vilarelho a dar a misa, hai moitísimas anécdotas coas que poderíamos encher libros e libros”, declara Xerardo Dasairas cando fala precisamente desta Fronteira case tenue para os Raianos.

A medida que se percorren os camiños da Raia para tratar de recuperar aquilo que foi vivido alí, a contradición entre perspectiva estatal e local non é evidente pois non se trata dunha cuestión que haxa que analizar ou procesar. “Alí, na terra ignorada do mundo, na terra sen historia que comezaba en Galicia e viña a rematar, axena a fronteiras e idiomas, dentro de Portugal, a vida do pobo escuro tiña as mesma expresións fundamentais e o mesmo instinto de perpetuidade, as mesmas ansias de alegría e o mesmo ceo común a toda a especie, coma se os lugares que os lobos, de noite, cheiran, se atopasen situados no centro do planeta”. O autor raiano Ferreira de Castro detalla maxistralmente esa falta de contradición, pois a ligazón das poboación coa súa pequena patria, a Raia, foi sempre transcendente aos límites debuxados nos mapas ideados nas capitais. O pobo raiano tiña aspiracións de unión con toda a humanidade.

“A lingua alí non é o castelán, non é o portugués e seriamente tampouco é o galego”, sinala Paula Godinho.

As cosmovisións simbólicas que aqueles incipientes estados-nación do Século das Luces comezaron a proxectar mediante as nacionalizacións non tivo o éxito que cabía esperar por parte dos seus deseñadores, pois “esta é unha zona cunha cultura oral, e esa cultura oral é máis difícil de nacionalizar, porque hai que nacionalizar unha lingua. A lingua alí non é o castelán, non é o portugués e seriamente tampouco é o galego: é unha lingua que fai qué as persoas se entendan”, sinala a antropóloga Paula Godinho. Aínda hoxe en día, dende a perspectiva galega, se poden observar os diferentes acentos entre as varias xeracións dos veciños portugueses. Canto máis nos afastamos no tempo e máis distante queda a escolarización obrigatoria, máis parecida é a súa fala á lingua que empregan os raianos galegos.

Como sentenciaba o Padre Fontes, “o pobo é o mesmo, a cultura e a mesma e a fala é igual. Entendémonos falando, cada un co socate diferente, pero as mesmas palabras. Aquí temos unha marca de identidade que non teñen en Porto e que non teñen en Oviedo, que non teñen noutras terras. É unha identidade que nos marca, que nos diferenza, e fai que sexamos únicos no mundo”. A cercanía entre os pobos raianos, algúns a escasos douscentos metros facía posible que “estas aldeas da Raia teñan unha complicidade tan grande que o padroeiro do lado galego, en Rabal é o Santo Antonio de Lisboa, e o padroeiro de Vilarelho da Raia é o Santiago eu creo que nesta troca nacional de santos, tes moita percepción do que é esta cultura de fronteira”, declara a antropóloga.

Nesta terra esquecida, “os concellos e xuntas resolvían problemas locais: os veciños non estaban a espera de que os Estados viñeran arranxar os seus asuntos”, apunta a antropóloga.

A posición xeográfica afastada dos centros de poder favoreceu a que nas aldeas da Raia estiveran presentes durante moito tempo formatos de organización comunitaria onde había raianos do lado galego e portugués que chegaron a acadar formas de Xustiza propias “só se levaba a alguén a Chaves ou ata Verín, se o crime por exemplo era de morte, pero moitas das cousas eran resoltas nos consellos veciñais. Dun e doutro lado da fronteira, os concellos e xuntas resolvían problemas locais: os problemas económicos e de coidado das zonas comunais das aldeas. Os veciños non estaban a espera de que os Estados viñeran arranxar os seus asuntos”, apunta Godinho.

A vinculación traducíase tamén en intercambios de traballos agrícolas e cooperación entre os habitantes dun e doutro lado. Había unha organización económica que non entendía a liña fronteiriza como un impedimento. Esta actividade produtiva fronteiriza transcendía ao propio límite e era empregada favorablemente para ambas partes.

As imaxes que ilustran a reportaxe pertencen ao documental ‘A memoria da Raia’.

A pesares da vinculación transcendental que aínda hoxe se pode percibir, os esforzos dos Estados-Nación por impoñer a súa lei non desistiron e mesmo conseguiron crear certos conflitos entre os veciños. Durante todo o século XIX e concretamente mediante o Tratado de Límites de 1864 fíxose efectivo o último acordo que establecería a limitación fronteiriza entre os dous estados. “Os homes de estado van ter que decidir unha fronteira. É certo que ían escoitar as poboacións e pasaron por esta Raia Seca, sobre todo os representantes de Portugal. O representante de Madrid era un home da Corte, os portugueses eran militares e estaban acostumados a andar no terreo pero o de Madrid non se despraza ás aldeas e adoitaba permanecer en Verín. Eles miraban para esta zona a partir dos centros, a partir de fóra, a partir da cima. É certo que ían escoitar, pero parecía que cando as escoitaban as decisións xa estaban tomadas”, explica Godinho.

“Déronse fenómenos moi curiosos, por exemplo na zona do Barroso do lado portugués hai a perda dun terreo que despois é compensado polo Estado español ao Estado portugués na zona de Estremadura. Dende o punto de vista dos centros, retirar nun sitio e compensar noutro era aceptable. Pero hai que ter en conta os habitantes do Barroso quedaron sen unha zona onde levaban ao gando a pastar. Na zona de Vinhais e da Mezquita sucede o inverso, e a compensación tamén é feita para Estremadura. Todo isto provocou conflitos entre as poboacións locais”, engade.

O transcurso histórico e os condicionantes políticos que viñan das capitais acusaron a característica da mobilidade nesta Fronteira. “Despois de 1864 chegouse a conclusión de que se debería traspasar o Couto Mixto para España e os pobos promiscuos: o Cambedo da Raia, Lamadarcos e Soutelinho da Raia para Portugal. Neses mal denominados pobos promiscuos, “existía unha xustiza e unhas leis propias, só que había un gran inconveniente, os refuxiados, os fuxidos da xustiza de Montalegre, refuxiábanse alí neses pobos, porque non se lles podía tocar”, afirma Carlos Silva.

“Na realidade a Raia foi dos territorios máis abandonadas tanto en Portugal como en España. Se nos temos algunha cousa nesta rexión, non foi gracias a Lisboa nin a Bruxelas foi grazas aos nosos emigrantes”, sentencia Carlos Silva.

“Só na conxuntura do século XIX e que Madrid e Lisboa nos documentos de preparación do Tratado usan o termo ‘pobos promiscuos’. Son aldeas que teñen a liña de fronteira no medio. Sobre estas aldeas conseguimos atopar referencias en documentos do século XVI e até nalgunha cousa anterior. Son referidas como aldeas mixtas que é o que elas eran. É moi diferente chamar mixto que promiscuo, porque cando chamas promiscuo estás a valorar e mixto é so descritivo . Creo que clarificar a Fronteira dende o punto de vista de Lisboa e Madrid era non deixar situacións dubidosas; localmente non había ningunha dúbida, os veciños do Cambedo, os veciños de Soutelinho da Raia e os veciños de Lamadarcos sabían perfectamente onde comezaban e onde acababan as súas aldeas”, aclara Paula Godinho. A liña da Fronteira pasaba polo medio das propias casas, este factor era moi beneficioso para calquera transacción económica a nivel internacional entre os dous estados sen ter que pagar os impostos aduaneiros. Tamén era unha vía de escape para fuxir do recrutamento militar obrigatorio.

“Lamadarcos era a maior destas aldeas, e tiña unha igrexa do lado español e outra igrexa do lado portugués, aínda está alí, estivérona recuperando. Existe unha continuación dese sentimento. Recentemente falando cuns señores de Lamadarcos dicíanme: nós temos unha igrexa que é galega. O feito de ser un pobo promiscuo antigamente, e que houbera moita xente co coñecementos e con lazos con outras poboacións limítrofes, galegas, axudou a moita xente durante a guerra civil. Cando foron as persecucións da República, cando se implantou a República de Portugal en 1910, houbo moita xente que fuxiu”, engade Carlos Silva.

A Raia era un lugar de refuxio. Para os raianos escapar era mais fácil, non só por ter a fronteira ao lado tamén pola cercanía humana cos seus veciños. Aínda que a Raia Seca teña unha miríade de enlaces, o que prevaleceu como característica fundamental fora da area foi a práctica do contrabando.

Para os raianos aínda existe un estigma sobre os contrabandistas, xa que máis alá da Raia había unha asimilación entre o contrabandista e o ladrón: “Nós éramos contrabandistas pero xogábamos os nosos cuartos”, dixo Elmiro en Vilarelho da Raia. “Eu e todas as persoas que viviamos nesta Fronteira éramos todas contrabandistas”, reafirma así o señor Arlindo a declaración do seu veciño.

A Raia é un lugar no que se mesturan moitos mundos, é unha area definida e vinculada por unha Fronteira que más alá de poder dividir ao mesmo pobo foi empregada polos raianos e raianas para poder sobrevir ás derivas das súas respectivas políticas nacionais. “Na realidade a Raia foi dos territorios máis abandonadas tanto en Portugal como en España. Se nos temos algunha cousa nesta rexión, non foi gracias a Lisboa nin a Bruxelas foi grazas aos nosos emigrantes”, sentencia Carlos Silva.

O documental

'A memoria da Raia'

A Raia ten memoria, ten voz e ten a súa propia historia. O proxecto documental A memoria da Raia pretende rescatar esa idiosincrasia propia. Tras máis de dous anos percorrendo os camiños da Fronteira vai a ver a luz unha peza audiovisual que trata de mostrar mediante as declaracións dos raianos e as raianas cómo se sentiron neste lugar a Guerra Civil española, o movemento de refuxiados que escaparon cara Portugal e a actividade dos guerrilleiros que combateron ao Franquismo ata mediados dos anos corenta. Se algo se pode advertir e que toda esa unión ancestral se traduciu na maior das solidariedades nos momentos de crises colectivas; e desde orde xurdiu o contrabando, como un mecanismo para poder vivir nunha época escura para o pobo raiano.

A peza audiovisual dunha hora de duración foi dirixida por Iris Justo Rodríguez e Miriam González Francisco e centrouse na zona que comprende aos concellos galegos de Verín, Oímbra, Cualedro, Monterrei, Riós e Viladevós, e da parte portuguesa as Cámaras Municipais de Chaves e Montalegre. Neste documental faise un repaso da represión na posguerra e da cultura do contrabando. Na parte final do mesmo analízase precisamente que significa ser raiano, ser a fronteira pois como nos dicía Carlos Silva: “Desculpen nós somos raianos, e a nosa visión das cousas é moi diferente”.

Miriam González

Miriam González

Raiana de Monterrei. Xornalista licenciada na USC. Especializada en Rusia e o espazo postsoviético.

Maxíster en Comunicación da Defensa e dos Conflitos Armados (UCM), Máster en Fenomenoloxía Terrorista (Universidade de Granada) e Máster en Estudos Internacionais (USC). Colaboradora no Instituto Español de Estudos Estratéxicos, no Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e en Geopolítica.ru.

Fotógrafa e comunicadora audiovisual. Codirectora con Iris Justo Rodríguez do documental A memoria da Raia.

Deixe um comentário

Deixe um comentário