Candieira activa redes de mulleres do mar

O proxecto de cooperación nace ao abeiro dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro buscando ampliar as oportunidades de emprego.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Compostela | 25 de outubro.  Mans que tecen, mans que cultivan, mans que cortan, que pescan, que aprenden, que serven e sosteñen a metade das cousas todas. Tamén do mar.

Candieira reúneas todas nun proxecto de cooperación que pretende dar folgos ao asociacionismo e emprendedorismo das mulleres do mar na Galiza. Mariscadoras, mariñeiras, redeiras e bateeiras deron conta ao longo destes últimos 17 meses do acompañamento da equipa técnica de Cidadanía –cooperativa galega especializada en políticas de participación– que guiou o proceso.

O plan nace ao abeiro de seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda) e é promovido institucionalmente a través da Orde do 3 de agosto da Consellaría do Mar, que destinou 321.427 euros do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca ao desenvolvemento sustentábel de zonas de pesca. Máis de 100 mulleres de diversos perfís –hai tamén armadoras, hoteleiras e até profesionais sanitarias– participaron nesta “rede de apoio e promoción”, que pasou por unha fase inicial de “moitas xornadas e obradoiros de ideas para testar as necesidades cada territorio”, explica a responsábel de comunicación de Cidadanía, Olalla Cociña.

Empoderar no laboral e no social

Após a primeira sondaxe, o proxecto deseñou as dúas liñas de acción nas que se ían bifurcar as actividades. Por unha banda, a iniciativa Embarca vogou en prol de que as participantes explorasen as posibilidades dos proxectos de turismo mariñeiro ou de procesamento do produto pesqueiro. Algúns lugares como no GALP Ría de Pontevedra xa contaban con pequenas actividades onde, por exemplo, as mariscadoras aprenden a turistas ou grupos de escolares as súas artes de pesca. “Nós temos a asociación e tentamos compaxinar o traballo co turismo, contándolle ás escolas sobre o noso traballo, que é sostíbel co medio ambiente, explicándolles que é totalmente artesanal e aseguramos traballo para despois”, conta Raquel Gómez, mariscadora e presidenta da Asociación Mulleres do Mar de Poio, que tamén recoñece as dificultades de promocionar estas actividades ao ter que conciliar con outros labores.

Ademais do GALP Ría de Pontevedra, Embarca tamén integrou mulleres do GALP Ría de Arousa, Vigo-A Guarda e Costa da Morte arredor do turismo mariñeiro. “A nosa pretensión é que onde haxa ou había xa experiencias deste tipo se compartisen”, comenta Cociña. Dese xeito, redeiras de Corme de Malpica e mariscadoras de Camariñas probaron por vez primeira unha iniciativa de turismo mariñeiro, intercambiando impresións e bebendo coñecementos sobre as iniciativas de turismo mariñeiro das súas compañeiras de Guimatur, en Cambados.  

Noutros GALP como o da Ría de Arousa traballouse no deseño comercial da iniciativa, acotando públicos potenciais e deseño de actividades. Outros, como Ría de Pontevedra, escolleu elaborar vistias guiadas focadas na posta en valor do marisqueo, amosando todo o proceso de recollida até a elaboración. Polo seu lado, as mariscadoras na ría Vigo-A Guarda elaboraran un mapa de recursos que se apoie na memoria e vivencias, e en como evolucionou o seu oficio e a súa historia máis recente. “Organizáronse varias visitas a IGAFA –centro de investigación centrado na acuicultura– e varias visitas de Guimatur –asociación cultural Mulleres do Mar de Cambados– para intercambiar experiencias, aprender unhas das outras, palpar as necesidades… moitas querían facer turismo mariñeiro mais non sabían por onde comezar”, di Cociña.

Abrindo sinerxias e aprendendo novos xeitos de facer, as participantes de Embarca aproban o éxito do programa. “A valoración é positiva sempre porque calquera cousa ligada ao asociacionismo, a reunirnos mulleres do mesmo sector de sitios distintos, e contar os nosos problemas, é moi positivo, revalorízanos máis, fai que se nos escoita e fainos sentir importantes”, explica Gómez.

A posta en común dos problemas, a creación de vínculos con outras mulleres na mesma situación e a resolución de problemas en chave colectiva son imprescindíbeis para continuar a avanzar como traballadora do mar. “Coñeces moita xente, pos as cousas en común, ves que teñen elas e tu non e podes pensar en incorporalo. Está ben falar, non estás atascada no teu mundo, ábreste a outra xente e aprendes, evolucionas moito”, conclúe a mariscadora de Poio.

Pola súa banda, as mulleres do GALP do Golfo Ártabro Norte e da Costa da Morte tamén experimentaron co programa Saberes e Sabores, destinado á innovación e transformación do produto pesqueiro desde o saber popular. “Outros grupos querían aprender a facer conservas, explotar o producto co que elas xa traballan”, explica Cociña. Desta forma, Candieira facilitou a visita ao CIFP de Coroso para que aprendesen nas aulas do Ciclo Básico de Industria Alimentaria como facer latas de conserva de fabas e ameixas, alén de varias receitas. Isto, unido ás aulas de formación con varios profesionais da cociña, axudoulles ás mariscadoras a se achegar a unha forma de traballar co produto que nunca antes puideran experimentar.

Unha das xornadas de traballo no programa ‘Saberes e Sabores’. Imaxes: Candieira.

A outra ramificación do programa Candieira é Aliadas, que explora a vertente asociacionista e procura crear unha rede forte de mulleres dentro dos GALP. “Nalgúns grupos xa hai agrupacións de redeiras ou mariscadoras, e noutros non había nada, polo que dependendo de cada territorio, fóiselles dando unha mínima base legal e económica para montar unha asociación”, debulla Cociña. Aconteceu coas mulleres do GALP Ártabro Norte e Costa Sostible –que engloba Fisterra e Ría de Muros-Noia–. Nesta última, por exemplo, xa existía unha asociación de mulleres que puido analizar o impulso e a promoción que precisaba, así como potenciais liñas de acción que podía tomar a partires de aí.

Porén, Aliadas non só se adicou a estimular a creación de asociacións, senón que tamén procurou o fortalecemento das habilitades sociais e comunicativas. No caso da Ría de Vigo-A Guarda, por exemplo, levouse a cabo o programa Nós aprendemos, nós ensinamos. As participantes reuníronse con profesionais do mar, técnicos e investigadoras de colecivos locais para construír un espazo de intercambio entre científicas e traballadoras do mar. Ecimat, CESIC ou WWF/Adena foron algunhas das entidades adicadas á conservación do medio natural e mariño que se achegaron ás mariscadoras para aprenderen unhas de outras.

“Para a xente do mundo da investigación é moi valioso ter o contacto diario dunha mariscadora porque está no mar todos os días. As investigadoras estúdano desde o punto de vista científico mais elas desde o punto de vista máis práctico, que é moi valioso para a ciencia”, explica Cociña, reivindicando un espazo onde xa se puxo a semente a través de sesións de formación e intercambio de experiencias.

Outra das actividades realizadas foi a elaboración dunha guía para o benestar emocional e físico das mariscadoras, por parte do GALP Ría de Pontevedra. “Tivemos a sorte de contar cunha enfermeira, unha antropóloga e unha profesora de enfermaría en Pontevedra que estaban a facer unha tese sobre as mulleres do mar, así que nas nosas sesións semanais foron xurdindo as enfermidades que temos, a artrose pola humidade, as dores no lombo, a alimentación, o descanso… e así xurdiu”, lembra Gómez. A guía, xa pública e de acceso para todas as mariscadoras reúne tamén unha serie de exercicios simples de quecemento para adicarlle cinco minutos antes e despois de traballar. “Aínda que custe incorporar algo novo a unha rutina, si que notas a mellora. Sempre andamos a correr e agora que lle damos importancia notamos os beneficios”, engade.

Un mapa emocional para se situar no mundo

Na recta final, e tamén dentro de Aliadas, estívose a traballar na visualización da memoria emocional. Os GALP Ría de Arousa, Golfo Ártabro Norte e Costa da Morte elaboraron os “paneis da memoria das mulleres do mar”, que foron expostos na presentación do pasado día 20 de outubro. Ángeles Mille é redeira, secretaria de Anmupesca e presidenta da asociación de redeiras O Fieital de Malpica de Bergantiños. A traballadora destaca a transcendencia deste proceso, que lles axudou a facer memoria e decatarse do valor da súa propia historia como mulleres do mar.

“Como en todos os traballos e todos os sitios, adicas tempo a facer as cousas e acabas non pensando mais profundamente nas túas experiencias porque as ves por riba, como algo cotián. Por iso cando falamos como nos pasou neste proxecto, vai pasando o tempo e vaste abrindo a contar e narrar as túas vivencias, lembrando tempos que igual tiñas algo esquecidos, cousas que tamén unen”, explica polo miúdo a redeira. Para que traballan, o que lles aporta o mar, os altos e os baixos e as tempestades da vida foron pasando por todas as conversas, dotando de valor o día a día das participantes.  “Serviu para facer un exercicio de memoria individual e colectiva, procurar mulleres referentes laborais ou familiares que teñen na memoria, poñer en común as súas vivencias, os seus fitos históricos como cando se creou a agrupación, cando conseguiron pedir o coeficiente redutor, a seguridade social…”, numera Cociña.

Alentar e acompañar, esas son as máximas coas que Candieira traballou ao longo destes 17 meses que culminaron co broche da apresentación da pasada semana no Museo do Pobo Galego. No acto do día 20 de outubro estivo a conselleira do Mar, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o presidente do GALP coordinador (Ría de Pontevedra) José Gómez Castro, alén das participantes e xerencias dos GALP correspondentes. “Creo que Candieira foi o inicio dalgo, elas foron collendo complicidade e seguridade co proxecto e agora comezará algo potente que elas mesmas poden montar”, indica Cociña.

Así, por exemplo, as compañeiras do Ártabro Norte poderán botar adiante unha asociación grazas á formación básica legal, económica e asociacionista que receberon por parte das súas compañeiras doutros GALP. Polo seu lado, as mulleres da Costa da Morte, da Ría de Arousa ou da Ría de Vigo-A Guarda poderán botar adiante proxectos empresariais tirando proveito dos recursos de turismo mariño ou da elaboración do produto pesqueiro que elas mesmas traballan. En conxunto, cohesionar o colectivo, por en valor o aporte destas mulleres e crear unha conciencia en cada unha delas da súa valía.

Deixe um comentário

Deixe um comentário