Outra vaca no millo

14/01/2019
Itziar Ziga
Itziar Ziga

Activista feminista e xornalista. Licenciada en Ciencias da Comunicación, leva 25 anos militando no feminismo das marxes. Fixo parte de…

Ver perfil

Hai tempo decidín que xa tiña idade para tirarme á pose apocalíptica. Os escotes de vertixe locen sempre ben; o rollito no future, non. Claro que temo ás regresións históricas como muller, como feminista, como desviada, como anti-autoritaria, como basca. Encarno case todas as razóns do mundo para alarmarme cos bandazos da dereita. Lembro unha conversa con Paul Preciado en Barcelona, nunha desas horas violetas que evocan á brava Montserrat Roig. No 2008 lanzábanos a ameaza do PP con derrogar a lei de matrimonio gai e a de violencia de xénero se non repetía Zapatero nas urnas. Repetiu.

Agora sabemos que non o fixeron cando lles chegou novamente a súa democrática e previsíbel quenda. Pero a reacción perturbaba o ar, como agora. A nai do filósofo queer, unha muller católica de Burgos que votaba tradicionalmente aos populares, díxolle algo que nos conmoveu: non quero que vaian por ti. E se te perseguen, teranme en fronte. Brindamos pola hora meiga mentres constatábamos: non existe para nós o camiño de volta ao armario. Coma sempre, revolución ou morte. 

Reacción. A guerra non declarada contra a muller moderna é un libro publicado en 1991 pola xornalista neoiorquina Susan Faludi, marabilloso, pero irritantemente descatalogado desde hai demasiado tempo, onde debulla o neo-machismo político e cultural que invadiu os medios de masas na Era Reagan tras a revolución das mulleres nos 70. Reacción patriarcal fronte aos avances feministas, máis unha vez.

“Brindamos pola hora meiga mentres constatábamos: non existe para nós o camiño de volta ao armario. Coma sempre, revolución ou morte.”

Logramos socializar ao fin a sensibilidade contra a violencia machista estrutural e estámoslles tocando os seus privilexiados collóns. O último e grandioso 8 de marzo ía ter resposta patriarcal, ningún tirano se deixa destronar. Abriguémonos irmás, coa memoria das batallas do noso xénero, innumerábeis sufraxistas e electroshokeadas infúndennos coraxe. Molaría, por outro lado, deixar de regalar tanta propaganda contra/para Vox. E, máis unha vez: pero que putas ganas de librarnos de España. Vaia cruz.

Artigo orixinalmente publicado en Gara, traducido e publicado co permiso da autora.