Piden que a Xunta emprenda de vez a restauración da explotación mineira no Monte Neme

Petón do Lobo solicita á Valedora do pobo que prema á Consellería de Industria para actualice e acometa o plan de 2014, cun orzamento de case 800.000 euros.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña | 6 de marzo.  A finais de 2017, a Plataforma pola defensa de Monte Neme, un colectivo organizado ese mesmo ano, lanzou un post no seu bloque cun decálogo de consellos para os visitantes diante do aumento da afluencia de curiosos a unha área que fora publicitada nunha campaña de Turgaliza como destino turístico e que a esa altura convertérase xa nun emprazamento para instagramers.

“Non estamos en contra do turismo”, advertían os ecoloxistas, mais alertaban da “falta de medidas de seguridade” e outros perigos (támaras, pendentes, augas contaminadas e non recomendábeis para o baño), así como do descoñecemento das características do espazo por parte dos visitantes. “A maioría dos comentarios e fotografías céntranse e refírense ás balsas da explotación Rima, as que se atopan máis ao norte, e son descritas como antigas minas de volframio, destacando ó seu carácter lunar, marciano ou coma de outro mundo, a cor turquesa das augas e as súas vistas”, resumía o post, que daba conta das reaccións que se espallan pola Rede: hermoso, guapísimo, pasada, galifornia, galiciamola.

Agora, esta mesma semana, a Asociación ecoloxista Petón do Lobo vén de presentar diante da Valedora do Pobo unha nova reclamación dos ambientalistas. Nun escrito asinado o luns 2 de marzo polo seu presidente, Ismael Pérez, a asociación presenta unha queixa por vulneración do art.45 da Constitución “pola falla da restauración mineira” e pola ineficacia “das medidas adoptadas ata o de agora pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria en relación a súa restauración e medidas de seguridade”.

Máis de dous anos despois de que a Plataforma pola defensa de Monte Neme lanzara a alerta aos visitantes ante o desinterese da Administración pública galega, a situación na área mineira segue sendo a mesma. Os turistas, curiosos e inconscientes, seguen chegando.

Na canteira do Monte Neme, onde antes, durante a II Guerra Mundial, o rei foi o volframio, sacou cuarzo e áridos a empresa Leitosa até o 2012, mentres recibía subvencións do Igape por valor máis de 1,2 millóns de euros entre 2002 e 2006. Dous anos despois do cese da explotación, o 10 de febreiro de 2014, unha das balsas colapsou e verteu 24.000 metros cúbicos de lodos que afectaron a veciños das parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). A firma entrou en quebra e pechou en 2016 sen ter compensado aos acredores. En 2019, cinco anos despois de que a Xunta presentara a demanda contra a aseguradora AXA -Leitosa xa estaba en liquidación desde 2013-, os afectados cobraron as indemnizacións: en marzo, 140.000 euros en total, no caso das once veciñas de Aviño; e en agosto, tamén cobraron os afectados de Razo e o propio Concello de Carballo.

Vista de balsas na área mineira. Imaxes: Plataforma Monte Neme e Petón do Lobo

No Monte Neme fican outros asuntos por resolver. Na súa queixa diante da Valedora, Petón do Lobo lembra que a canteira e a mina de volframio, seis explotacións en total, “deixaron ao aire libre e sen medidas de seguridade algunha varias balsas no cumio do monte” que precisan unha rexeneración ambiental. Os ecoloxistas sinalan que a concesión non dispoñía dun plan de peche e restauración da contorna da canteira xa que a anterior lexislación non o esixía, e como en 2014 foi aprobado o plan de peche da explotación -anunciouse en marzo de 2014 cun un orzamento de 794.000 euros, pero nunca se chegou a executar- no que a Xunta requiriu á concesionaria a rehabilitación da contorna mineira.

“Ante a falta de resposta das sociedades afectadas, Minas comezou a executar as medidas de seguridade na zona”, lembra o escrito. Así, en outubro de 2019, a Dirección Xeral de Minas encomenda a Tragsa instalar medidas de seguridade cun gasto de 147.000 euros. “Colocou un valo metálico de 2,5 metros de altura, suxeito en postes ancorados en formigón, pechando con valo cinexético un perímetro de 1,5 quilómetros”, subliñan os ecoloxistas. O prazo de excusión: dous meses.

Fíxose a obra, pero mal, denuncia Petón do Lobo diante da Valedora. “O peche perimetral da canteira de áridos, que actualmente alcanza 1,5 quilómetros, está incompleto nuns 200 metros á entrada das instalacións e o valado violentouse xa en varios puntos, polo que de novo as fins de semana a zona volveu a transformarse nun rosario de curiosos (…) dado que a Xunta non previu a necesidade de vixiar de maneira permanente o recinto, como se é a norma noutras concesións mineiras de titularidade privada”.

Non se coñece ningunha campaña da Administración autonómica galega que contrarrestase aquela, nefasta, de Turgaliza. Non consta campaña masiva algunha nese sentido desde outros niveis da Administración.

Por iso agora, Petón do Lobo pide a Valedora que medie para que inste á Dirección Xeral de Enerxía e Minas á execución directa do plan de restauración do ano 2014, por un importe de 794.000 euros, “ante a imposibilidade de cobro ás empresas responsables por estar estas xa disolvidas xudicialmente”. Piden os ecoloxistas que se actualice aquel plan para proceder “á drenaxe e selado das balsas mineiras e as antigas minas de volframio, en tanto en canto cómpre con urxencia eliminar estas para frear o incesante goteo de visitantes e turistas que chegan incluso a bañarse nestas, poñendo a súa vida e saúde en perigo, e todo elo a fin de garantir a seguridade e saúde das persoas que visitan o lugar e descoñecen os riscos e perigos aos que se expoñen ao facelo”.

A zona “non ten ningún valor natural, todo o contrario, tal como está e o que representa non é motivo de orgullo por como se procedeu nel e como se xestionou”, avisaban desde a plataforma en 2017. “Non se pode sacar peito dun entorno e paisaxe espectacular, cando realmente o que están a ver os turistas é unha mina ou canteira abandonada sen rehabilitar”, laiábanse. Non se coñece ningunha campaña da Administración autonómica galega que contrarrestase aquela, nefasta, de Turgaliza. Non consta campaña masiva algunha nese sentido desde outros niveis da Administración. O Monte Neme non é unha atracción turística no estado actual, concluía o decálogo para turistas da plataforma, “non deixa de ser unha zona descoidada e en estado de deterioro”.

“Non ten ningún valor natural, todo o contrario, tal como está e o que representa non é motivo de orgullo por como se procedeu nel e como se xestionou”, advirten desde a plataforma aos turistas e curiosos.

Unha mina abandonada coma ducias delas no país (*). Poucas se rexeneran. No caso do Monte Neme, a estimación do investimento necesario que facían desde a Cámara Mineira era, hai uns anos, de 1,5 millóns. O que non hai é un cálculo sobre os centos de turistas que recibe a mina, nin sobre os perigos aos que se expoñen eles nin a pegada que deixan sobre o terreo. Un problema (enriba dunha montaña deles) que se iniciou sobre a mesa de traballo dun publicista… polo medio (ese monte de problemas): unha empresa en liquidación, unhas concesións que seguen vixentes(**), unha vertedura, un preito da Administración contra unha aseguradora, resolucións da Administracións que fican papel mollado, negocio para Tragsa, que tampouco soluciona nada, traballo para a Valedora, a Dirección Xeral de Minas (Tahoces) que deixa que se lle acumule o traballo, e a pegada na terra e na veciñanza.

 

(*)Mentres, no Parlamento Europeo segue aberta unha investigación na Comisión de Peticións referente ás minas galegas, impulsada polos colectivos ecoloxistas, entre eles Petón do Lobo, nas que se inclúen as explotacións do Monte Neme e outras, como San Finx, polos reiterados incumprimentos da Administración pública da normativa europea en cuestión de minaría. 

(**)“As concesións aparecen caducadas no Rexistro catastral mineiro, pero non consta que a Xunta fixera a declaración formal da caducidade”, explican desde Petón do Lobo. “Non consta no DOG”.

 

Outras novas

Deixe um comentário

Deixe um comentário