A Xunta mentiu ao Parlamento Europeo sobre a contaminación na mina San Finx
ContraMINAción revela os informes sobre as presas de residuos mineiros que a Dirección Xeral de Minas "pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos"
Redacción adiante | A Coruña, 13 de febreiro. “A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU”, asegura ContraMINAción no comunicado que publica na súa páxina web este xoves e no que dá a coñecer diferentes documentos que afectan á disputa sobre San Finx, entre eles, os informes sobre as presas de residuos mineiros “que a Dirección Xeral de Minas pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos”.
Os ecoloxistas advirten que a Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galiza, departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces remitiu aos organismos internacionais “informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas”, e sinalan que Tahoces e o seu departamento coñecían os estudos realizados por Augas de Galicia que confirmaban “non só o carácter mineiro das presas de residuos máis tamén o problema de contaminación continuada”.
En febreiro de 2019, lembra ContraMINAción, Augas de Galicia emitiu un informe sobre a titularidade das presas San Finx no que se constata que “que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Ao amparo deste informe, os ecoloxistas subliñan que a seguridade das presas depende dos órganos competentes en materia de minas, mais aseguran que “levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación”.

ContraMINAción apunta cara “as falsidades dos técnicos de minas e do propio Ángel Bernardo Tahoces” nun informe remitido á ONU en 2019.
Negando a responsabilidade sobre as presas
ContraMINAción apunta cara “as falsidades dos técnicos de minas e do propio Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces”, que no informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, “o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é ‘irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior’ mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que ‘o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”.
O propio Tahoces, din os ecoloxistas dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”.
Tahoces encomendou tamén informes para enviar ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo, din os ecoloxistas, entre eles un de 29/03/2019 asinado polo mesmo enxeñeiro Rafael Recuna, “no que volta a insistir que ‘as presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico’ senón que ‘probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”.
A Xunta de Galicia ten constancia da contaminación por metais pesados causada polas minas de San Finx polo menos desde 1990, ano no que as analíticas requiridas pola Fiscalía evidenciaron a contaminación que desde a mina baixaba en dirección á ría, lembra ContraMINAción. Mais en lugar de recoñecer a situación “constatada desde 2016 por Augas de Galicia con niveis de cadmio, cobre e cinc que superan amplamente os limites máximos legais permitidos”, quéixanse os ecoloxistas, o mesmo enxeñeiro Rafael Recuna no seu informe para a ONU “nega a existencia de augas ácidas de mina e cita un estudo realizado polo profesor emérito da USC, Fernando Macías, no que se conxectura sen base científica algunha a existencia dun fondo natural de metais que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias”.
O estudo de Macías pretendía xustificar que a empresa puidese “verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade de xeito perpetuo”, informan desde ContraMINAción. E engaden que o xefe do Servizo de Enerxía e Minas, Juan José Iglesias Suárez, “respaldou no seu informe a conxectura de que a contaminación se dá de forma natural”.
Augas de Galicia avaliou a validade e veracidade das conclusións do estudo de Felipe Macías. Nun informe de 240 páxinas, a Universidade da Coruña refutou os métodos e conclusións “evidenciando, como xa o fixeran as entidades ecoloxistas, que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira”, explica ContraMINAción.

Informes públicos
Na súa web, ContraMINAción publica hoxe os informes encomendados por Augas de Galicia, que “non só poñen en dúbida a actuación da empresa mineira e do departamento que dirixe o imputado Ángel Bernardo Tahoces, máis sobre todo a credibilidade dos traballos que Felipe Macías ven asinando para favorecer proxectos mineiros” como os de San Finx ou Touro.
Os ecolixistas lembran ademais que Steven H. Emerman, en calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas, cuestionou as conxecturas do estudo de Macías, e foi albo dun “duro” comunicado conxunto do Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (do que en Galicia é Decano o propio Xefe de Minas da Coruña Juan José Iglesias Suárez) e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia.
ContraMINAcción pregúntase agora se os mesmos colexios se pronunciarán hoxe “de igual xeito ante as consideracións feitas no informe sobre San Finx liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Javier Samper e cando a propia Xunta avalou na súa DIA [Declaración de Impacto Ambiental] negativa ao proxecto mineiro de Touro as alertas expresadas no informe de Emerman”.