Nace o Movemento Arredista
Silvia Pardo (portavoz do BNG no concello das Pontes) e Noa Presas (deputada do BNG) leron o texto de presentación nun acto en Compostela.
Redacción adiante | A Coruña | 25 de marzo. “No texto de presentación avalíase positivamente o proceso constituínte, que nos permitiu consolidar o noso espazo político e sumar máis forzas e voces a un proxecto abertamente independentista, comunista e feminista con vocación de intervir en todos os ámbitos da sociedade. Farémolo desde as nosas posicións e con voz propia, mais sempre coa vontade de sumar forzas e afortalar a unidade de acción dos espazos frentistas de masas nos que participamos, particularmente no BNG e na CIG, onde seguiremos a xogar un papel fundamental”, explican as arredistas.
COMUNICADO
Hoxe, unha representación da Mesa Nacional desta nova organización, o Movemento Arredista, poñemos voz ao conxunto da nosa militancia para apresentar o proxecto que desde xa comeza a camiñar de forma pública.
A pesar das dificuldades que a situación impón á participación política, nos últimos meses insistimos en desenvolver o proceso consitutuínte “Sumarmos forzas pola ruptura” que lanzábamos en outubro do ano pasado. Desde entón, celebramos ducias de encontros, reunións e debates por todo o país, presenciais ou virtuais, co fin de contrastar coa base social do soberanismo a necesidade deste espazo político e as súas prioridades para os próximos anos.
Sabíamos que son tempos complicados para lanzar unha iniciativa como esta, pero se teimamos en sacala adiante a pesar de todo é porque pensamos que, precisamente, agora máis que nunca cómpre organizarse para dar unha resposta que permita evitar que o noso pobo e a nosa clase saian derrotadas desta nova crise.
Así, o pasado 28 de febreiro celebrábamos a nosa Asemblea Nacional Constituínte, onde aprobamos as nosas liñas ideolóxicas e organizativas, os nosos fundamentos, obxectivos e prioridades políticas. Igualmente, escollemos o nome desta nova organización e a súa Mesa Nacional.
A avaliación que facemos deste proceso é positiva, pois conseguimos cumprir en boa medida os obxectivos que nos marcávamos ao lanzalo: fomentar o debate no seo do soberanismo e potenciar no seu seo este espazo político abertamente independentista, que aposte polo socialismo e que sexa consecuentemente feminista. Contamos agora con maís militantes, máis ideas e máis forzas para desenvolver o noso proxecto político e intervir socialmente.
Nun momento político de incertezas, cunha xestión neoliberal da crise sanitaria e económica que ameaza as nosas vidas e ensina as costuras dun sistema que non dá valor á vida, é momento de reforzar a nosa análise anticapitalista e sumar forzas para aumentar a consciencia do noso pobo no camiño da construción da República Galega.
Hoxe a crise sanitaria amosou que o capitalismo é un sistema hostil á vida das persoas, que todo o peso do sustento do sistema recae na clase traballadora e moi especialmente nas mulleres. Que organizarse é a única maneira de facer fronte á destrución que produce este sistema criminal e que facelo en chave soberanista é o único camiño para a ruptura cun Estado e un réxime do 78 cada vez máis antidemocrático, construíndo pobos libres donos do seu futuro.
Queremos ser unha organización estratéxica, con vocación revolucionaria e centrada na construción de poder popular desde a base. Que desde as súas posicións e con voz propia aposte na suma de forzas e a unidade de acción, reforzando os espazos frentistas e de masas que permitan avanzar ao noso pobo, particularmente o BNG e a CIG. Que entenda o traballo institucional como un medio para a transformación social e a liberación nacional, e non como un fin en si mesmo. Que priorice a organización social, a mobilización e a acumulación de forzas a todos os niveis como vectores fundamentais de transformación.
Somos un colectivo baseado na militancia e no compromiso, máis flexíbel á hora de acoller as diversas formas de implicación que a crecente precariedade das nosas vidas nos impón.
Co nome que escolleu, a nosa militancia quere reivindicar a traxectoria daqueles soberanistas que, hai xusto agora un século, asumían sen complexos o horizonte dunha República Galega independente Aquelas militantes que por primeira vez se reivindicaron xa nos anos 20 como arredistas, como independentistas, encarnaban unha coherencia e unha audacia que neste momento consideramos máis necesaria que nunca.
Presentamos hoxe tamén o noso logotipo, que complementa graficamente a reivindicación nacional do noso nome coa reivindicación social que entendemos indisociábel. Por iso utilizamos a bandeira vermella, o máis antigo símbolo da clase traballadora que hai xusto 150 anos a Comuna de París converteu xa para sempre en emblema da loita polo socialismo.
Non podemos permitirnos o luxo de renunciar ás nosas aspiracións nin de adialas indefinidamente, queremos que o camiño sexa parte da transformación pola que loitamos e traballamos. Que cada paso que damos constrúa o horizonte cara o que camiñamos. Que a independencia, o socialismo e o feminismo sexan non só aquelo ao que aspiramos, senón aquelo que construímos no noso día a día.
Con conviccións firmes, cos pes na terra e coa certeza de que nos organizamos para construír aqui e agora unha humanidade mellor e unha vida máis digna para todas, continuamos erguendo as bandeiras de rebeldía que farán deste, ese outro mundo posíbel que arelamos.
#independencias
A oportunidade de construír unha sociedade máis xusta
Lanzar a independencia desde a base
Independência e Socialismo, binómio indissolúvel para vencermos
“Desacomplexadamente independentistas”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas