Que a prostitución non fracture (máis unha vez) o movemento feminista
Ximena González
A Audiencia Nacional, ese tribunal nacido ao abeiro do TOP franquista, vén de anular os estatutos do sindicato OTRAS (Organización de TRAballadoras Sexuais) e o feminismo continúa a confrontación aberta desde o anuncio do seu rexistro no Ministerio de Traballo en agosto deste ano.
Este debate histórico no que lle custa superar os bloques abolicionista vs. regulacionista alumea comunicados e adhesións a ambos lados. Por un lado asociacións, colectivos e feministas abolicionistas a título individual pedían á xustiza a ilegalización do sindicato. Por outro, desde posicións regulacionistas e abolicionistas pedíase non xudicializar. A modo de exemplo, dicíase nun recente documento: “co presente manifesto, as persoas abaixo asinantes reivindicamos a enorme diversidade de posicións e de sensibilidades respecto a este debate. E pedimos que non se utilice unha pretendida unanimidade do feminismo como aval de ningunha medida legal que poda afectar ás condicións materiais de vida de moitas persoas que traballan neste sector –en todas as súas variantes: prostitución, bailarinas, actrices, teléfono erótico, etc. Non, sen polo menos abrir un espazo de diálogo onde todas as posturas podan ser escoitadas en igualdade de condicións”.
Precisamente porque a vida de moitas mulleres se atopa no medio do debate cómpre renunciar aos bloques históricos e atopar outra forma de mirarnos e falar para combater os inimigos que sabemos temos en común: o patriarcado e o capitalismo. E afrontar unha realidade incontestábel: hai mulleres que exercen a prostitución que reclaman seu dereito a organizarse e unhas condicións materiais de vida dignas. Non parece que negar esta realidade ou repetir as posicións teóricas (coas que por certo seguramente ambos bloques concorden) sen dar respostas á realidade de hoxe teña servido de moito.
“Cómpre renunciar aos bloques históricos e atopar outra forma de mirarnos e falar para combater os inimigos que sabemos temos en común: o patriarcado e o capitalismo”
O problema central deste debate é que nace viciado e medra vinculado a un sistema xudicial que non debera ser o árbitro das discusións feministas nin as súas decisións unha medalla que colgarse por parte de ningunha de nós. Pasamos o 2018 denunciando o carácter machista e misóxino da xustiza, caracterizámola como xustiza machista/patriarcal, e sentenza tras sentenza ocupamos as rúas para denunciar que a falta de formación e sensibilidade e as consecuencias disto anularon a nosa confianza no sistema xudicial. La Manada, Juana Rivas, violacións que se cuestionan pola vida da agredida, xuíces/fiscais/avogados que insultan ás agredidas a micro aberto, maltratadores con custodias das súas fillas, mulleres sen protección, acusadas e revictimizadas, vidas en perigo por un sistema xudicial que non esta do noso lado.
Logo, como é que podemos pensar nese mesmo sistema como árbitro dos nosos debates? Que feminista pode saír á rúa contra unha xustiza machista un día e presentarse ante ela o día seguinte e celebrar unha sentenza como un triunfo dunha posición política que se quer transformadora. É así como queremos dar este debate?
“Ler as vitorias en chave de razón xudicial sitúa ao feminismo baixo a vontade do sistema que ten que combater. Os debates feministas non poden ser arbitrados polo sistema xudicial español.”
Os proxenetas como patronal fronte ás mulleres como traballadoras autónomas.
Un debate deste calado non pode darse en torno da legalización ou non do sindicato OTRAS. Non podemos aproveitar, non deberamos, a fenda lexislativa existente en torno á prostitución para cimentar os novos bloques en torno deste caso concreto.
Porque o caso OTRAS non nos serve a ningunha.
Ás abolicionistas, porque o problema da demanda de organización das putas non se acaba coa legalización dun sindicato ou a ilegalización deste (previsíbel pola lexislación española nesta materia). Porque fronte ao sindicato OTRAS, con claras relacións con colectivos de empresarios da prostitución, proxenetas, como Aprosex, están as putas que reclaman a súa autoorganización e o seu dereito a exercer un traballo autónomo [RedTradSex], eliminando da ecuación aos proxenetas e demandando no debate unha voz que non debería ser ignorada.
Ás regulacionistas, porque a posición en torno a este sindicato non debera ser a posición no debate global. Hai moitas sospeitas dos vínculos entre organizacións de traballadoras e o empresariado da prostitución e a industria do sexo. Porque non reclama autonomía para as traballadoras senón explotación capitalista baixo unha patronal que, na sociedade e nas condicións materiais en que vivimos, vai ir en contra e non a favor dos dereitos destas mulleres. E porque o dereito a organizarse das mulleres non pode decidilo unha lexislación misóxina como a española.
Ambas posicións afánanse a través de todas as tribunas públicas en reclamar como propia a “vitoria” ou “fracaso” do sindicato OTRAS lendo as decisións xudiciais en chave de reforzo ou desgaste das diferentes posicións políticas. E perdendo de vista que ler as vitorias en chave de razón xudicial sitúa ao feminismo baixo a vontade do sistema que ten que combater.
Construírmos unha alianza contra a trata
Con todo e iso, se para algo serve este debate é para constatar que o feminismo esta decidido a combater a trata, mas aínda fica por saber se esta disposto a asumir o traballo incansábel e a firmeza necesaria que require enfrontarse a unha sociedade na que a prostitución vinculada á trata é un sistema de opresión tan absolutamente normalizado que non lembro cando foi a última vez que se colocou na axenda esta cuestión como central.
No ano 2015 o Partido Popular modificou o artigo 187 do Código Penal suavizando o proxenetismo, algunhas voces [Comunicado de Themis, mulleres xuristas] sinalaron este feito como unha “despenalización de facto” pois pasou a penalizarse “só” en caso de existencia de explotación a través da redacción do artigo, que di: “En todo caso, entenderase que hai explotación cando concorra algunha das seguintes circunstancias: a) Que a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica. b) Que se impoñan para o seu exercicio condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas”. E deixouse en mans dos xuíces valorar cando beneficiarse do traballo sexual dun terceiro é explotación.
Mais esta cuestión non abriu un debate público nin xerou as reaccións que este caso esta provocando, mesmo entre as abolicionistas; e quizais debera ser este o aspecto a abordar no inmediato en relación á prostitución: eliminar aos explotadores e a quen se beneficia economicamente do traballo sexual de miles de mulleres.
Para poder abordar debates teóricos do que queremos para o mundo no que vivimos primeiro temos que escoitarnos e entender que hai millóns de mulleres en situacións de vulnerabilidade, e moitas, moitas realidades e condicións materiais de vida que precisan ser afrontadas non desde a confrontación e si desde o entendemento e a procura de punto de encontro. Eu son das que creo que viviríamos mellor nun mundo sen prostitución e que ese é o futuro que debemos construír, mas teño que claro que da man da xustiza patriarcal e ignorando as voces de moitas compañeiras obreiras nesta loita non imos frear a trata nin mellorar a vida de tantas.
Eu non podo alegrarme de que se defenda como vitoria as posicións que veñen da man de quen encadea disidentes, lamina a nosa liberdade de expresión, obedece ao poder da banca e despreza ás mulleres cada vez que ten ocasión. E se algunha se cre hoxe máis libre porque a xustiza machista lle dá a razón, equivócase. Ningunha seremos libre ate que todas o sexamos.
Ourense, 22 de novembro.
Ximena González
Activista social e membro da Marcha Mundial das Mulleres. Co-editora de adiante.gal e socia promotora de Adiante S. Coop Galega.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
A estratexia de teletenda no debate da prostitución
Que a prostitución non fracture o movemento feminista
A fábrica de putas
Nin voluntarias nin libres nin felices
Contra os espazos de impunidade machista
A escravitude do século XXI
Ningunha muller nace para sindicalista
Ler devagar: muller-sen-valor-humano
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
1 comentário em “Que a prostitución non fracture o movemento feminista”
moi bo o artigo. Grazas Ximena.