Racismo e planificación urbana na Galiza post-covid19

Xaquín Pérez-Sindín López

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Vivimos tempos convulsos en canto a conflitividade social. A quen máis e a quen menos se lle fai un nó na gorxa vendo o vídeo do policía enriba de George Floyd, así que tal vez sexa un bo momento para reflexionar sobre o racismo en todas as súas manifestacións. Neste artigo abordo aquelas que teñen que ver con como a configuración das nosas cidades acaba por perpetuar determinadas inxustizas. Parafraseando a Bryan Lee Jr. –ver recente artigo en CityLab– para cada inxustiza no mundo, hai unha arquitectura que foi planificada e deseñada para perpetuala. Así que para reflexionar sobre como se manifesta o racismo na Galiza hoxe, cumpre preguntarse como foi e está a ser planificado o espazo das nosas cidades.

Hai uns días, La Vanguardia publicaba un artigo no que afirmaba que l’Hospitalet de Llobregat, entre Collblanc e a Torrassa, viven 53.119 persoas por quilómetro cadrado, e que era a zona máis densamente poboada da Unión Europea. Porén, ese mesmo ratio indícanos que no distrito 6 do municipio da Coruña (Calle Barcelona, Peruleiro, Agrado Orzán e As Conchiñas), residen 58.871,11 por quilómetro cadrado, unha cifra notablemente superior. Estamos a falar, ademais, da zona onde se asentou a poboación procedente das zonas rurais de Galicia nos anos sesenta e setenta (ver Mantiñán 2005), para irse gradualmente estendendo cara barrios adxacentes como Os Mallos (distrito 4). Falamos de persoas que se desprazaban como man de obra ás cidades para traballar no sector servizos, construción, carpinteiros, pintores, limpadores domésticos. Hoxe, eses mesmos barrios seguen a desempeñar a función de recepción de novos fluxos migratorios, desta volta procedentes do estranxeiro (africanos, sudamericanos), (ver Pérez-Sindín López 2019), sendo o barrio coas peores condicións de habitabilidade.

Na outra cara da moeda estarían barrios como a Zapateira, exemplo do que Mario Gabiria –pioneiro da socioloxía urbana en España e discípulo do gran Henri Levefre– acuñou como “little plot and garden houses” ou “ideoloxía clorofila”, é dicir, modelo de insaciable consumo de solo destinado a urbanizacións de vivendas unifamiliares –con campo de golf anexo– nunha zona de natural expansión da cidade.

A causa da reprodución destas dinámicas residenciais encontrámola, por unha banda, na estrutura urbana que nace en tantas cidades españolas despois da guerra civil. Durante as dúas primeiras décadas posteriores á guerra civil, Franco tentou gobernar o país como se dunha entidade económica independente se tratase, é dicir, fechado ao comercio.

Colas na farmacia e na panadaría na rúa Barcelona (Agra do Orzán) durante os primeiros días do confinamento. Na imaxe da cabeceira: identificación policial de dous mozos durante o confinamento nunha rúa do barrio. @adiante.gal
Terrazas de bares e veciñas paseando na mesma área da rúa Barcelona a semana pasada, durante a Fase 2 da desescalada. @adiante.gal

“Por anecdótico que poda parecer, non é de estrañar que España sexa, con diferenza, o país do mundo con máis ascensores, alén de ser un dos países con máis propietarios.”

Ao suposto interese por reconstruír a economía, como de facto aconteceu noutros países europeos, habería que engadir o apuntado por historiadores como Mendoza (2002) quen viron nesa etapa a culminación dun proxecto autárquico de base ideolóxica que, ademais, se mantería máis alá da posguerra. Nun sistema destas características e dominado absolutamente polo goberno central, o uso da terra agrícola era de suma importancia. Na práctica, o crecemento das cidades no Estado español foi dalgunha maneira cercado por parte dos planificadores urbanos co fin de preservar o uso agrícola das terras situadas na proximidade das cidades. En consecuencia, tal e como argumenta Módenes, profesor de xeografía humana da Universidade Autónoma de Barcelona, nunha entrevista en Quartz, en España favoreceuse unha urbanización compacta e densa. Densidade que algúns apuntan como factor de espallamento da covid.

A iso habería que engadir as políticas franquistas que incentivaron os investimentos masivos en nova construción que serían vendidas como pisos ou apartamentos individuais e que levaron aos novos residentes procedentes do rural a traer os seus aforros para investilos en “ladrillo” (ver Anna Cabré y Juan Antonio Módenes) Como chegou dicir o ministro de vivenda de Franco no ano 1957: “queremos un país de propietarios, no de proletarios” (fonte). Por anecdótico que poda parecer, non é de estrañar que España sexa, con diferenza, o país do mundo con máis ascensores, alén de ser un dos países con máis propietarios.

En décadas posteriores, a cidade vai absorber os novos fluxos migratorios a través de políticas neoliberais de sucesivos gobernos e municipalidades, o que faría que a estrutura urbana se mantivese practicamente intacta. Como diría o xeógrafo David Harvey, a estrutura da cidade reflexa diferenzas sociais de máis fondo calado. Barrios como a Agra do Orzán confirman ademais a proliferación de enclaves étnicos detectada por autores como Frutos e García (2016) en tantas outras cidades do Estado como resultado do bom migratorio sucedido desde o 2002 e, especialmente, durante os tempos da burbulla inmobiliaria. É dicir, barrios que, sumada toda a súa poboación no conxunto do Estado, poden representar un millón de persoas vulnerables debido á súa vulnerabilidade e status de estranxeiro ou de minoría étnica.

Retomando a pregunta inicial, como se manifesta o racismo na Galiza na era post-covid? Non fai falla ser urbanista para dármonos conta do difícil que tivo que ser o confinamento nos distritos 6 e 4 da Coruña, en comparación coa zona de, por exemplo, a Zapateira. A criminalización feita por programas de medios nacionais como o de Ana Rosa Quintana a propósito do incumprimento do estado de alarma na Agra do Orzán é, sen dúbida, un claro exemplo de racismo. Tamén as actuacións policiais desproporcionadas que non teñen en consideración as diferenzas nas condicións de habitabilidade dos diferentes barrios. Tamén os policías de balcón que, insultando aos seus propios veciños representan un claro exemplo de insolidariedade e protofascismo.

Copenhague, 8 de xuño de 2020. 

O autor

Xaquín Pérez-Sindín López

Xaquín Pérez-Sindín López

As Pontes, 1979. Doutor en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Traballou como profesor na Universidade Tecnolóxica de Gdansk, Polonia, entre o 2012 e o 2016. Actualmente realiza as súas investigacións na Universidade de Copenhague, Dinamarca. Entre as súas publicacións máis recentes: Segregación de la población de origen extranjero en una ciudad media del noroeste peninsular: El caso de A Coruña, en Ería: Revista cuatrimestral de geografía 39 (1) (2019) e, xunto a M.L. Blanchette, Understanding Public Perceptions of a New Pit Lake in As Pontes, Spain, en Mine, Water and the Environment, 1-10 (2020).

Deixe um comentário

Deixe um comentário