Rigor e distopía na Nova Onda

Tomás Rivera

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A Coruña | 4 de xuño. Arthur C. Clarke escribiu 2001, unha odisea espacial á vez que o guión da cinta de Kubrick. A novela publicaríase en 1968, un ano tras da estrea da película. A ficción científica achábase na auxe da Nova Onda, e varias premisas desa corrente anovadora penetran na obra de Clarke, mais o autor foi alén das modas para ofrecer unha historia ambiciosa e integral que remataría nunha tetraloxía escrita ao longo de trinta anos.

Todo comeza co relato A sentinela, escrito en 1948 e publicado en 1951, no solpor da Idade de Ouro da ficción científica. O seu protagonista, un explorador lunar, atopa un enorme obxecto piramidal no cumio dun monte da Lúa. Unha vez aberto amosa ser unha baliza, un sinal para os seus creadores de que a humanidade acadou un grao de progreso abondo para saír do seu planeta. O relato, sinxelo e pechado, será a base da historia posterior, película e novela.

Así, na era da psicodelia e dos argumentos de carácter social e introspectivo, Clarke serve unha trama que conxuga practicamente todos os piares da ficción científica, en particular da súa vertente dura:

A anticipación propiamente dita, especulando cun futuro de adiantos científico-técnicos que permiten á humanidade, no ano 2001, ter colonias na Lúa e estacións orbitais, e emprender longas viaxes aos confíns do Sistema Solar.

A vida extraterrestre intelixente, en forma de especies superiores primordiais cunha función de demiúrgos ou titores doutras especies do universo, entre elas a humana.

No seu optimismo, Clarke move á reflexión sobre un tema que nos preocupa arestora: a progresiva robotización e substitución do ser humano por máquinas no mercado laboral, mesmo nos postos cualificados e de toma de decisións.

Cómpre salientar que o optimismo no progreso mediante a ciencia e a tecnoloxía, e o tratamento das especies extraterrestres superiores como investigadores curiosos cun interese desafectado polas formas de vida non evoluídas, fronte ao seu papel habitual na ficción científica anterior, na que adoitaban supor unha ameaza maligna, son unha constante na obra de Clarke. Outros exemplos sobre isto último son A fin da infancia, de 1953, ou a saga Rama.

O emprego do Big Dumb Object, neste caso o célebre monólito. Na citada saga Rama usará novamente este recurso.

A distopía ─temática habitual da Nova Onda─, pois vemos que a Terra da novela está sumida en problemas de superpoboación, fame, polución, disturbios sociais e ao bordo dunha guerra nuclear.

O mito do Moderno Prometeo, ou o medo a que a intelixencia artificial, representada polo famoso computador HAL9000, remate volvéndose contra o seu creador, o ser humano. No seu optimismo, Clarke non acada a inquietante asfixia de Harlan Ellison no coetáneo Non teño boca e debo berrar, mais move á reflexión sobre un tema que nos preocupa arestora: a progresiva robotización e substitución do ser humano por máquinas no mercado laboral, mesmo nos postos cualificados e de toma de decisións.

A divulgación científica, achegando ao lector cuestións como a teoría da relatividade, a curvatura do espazo-tempo ou os buratos de verme, imbricadas na trama e nunha linguaxe sinxela. Este rigor científico traspasaríase á cinta de Kubrick.

E, malia que semelle un pleonasmo, o carácter «cósmico», tamén propio da Nova Onda ─malia que xa ven herdado de clásicos como Hope Hodgson en A casa no confín─, na parte final da obra, na que o protagonista, Dave Bowman, penetra no monólito e viaxa a velocidades lumínicas atravesando un universo dentro doutro, presenciando fenómenos galácticos ─unha pequena lección de astronomía de Clarke─ e un inmenso cemiterio de naves espaciais para chegar a un lugar fóra do tempo e renacer coma un ser inmaterial e omnímodo, o Neno das Estrelas.

Dividida en seis partes e narrada en terceira persoa (salvo a quinta parte, na que Bowman toma a palabra), 2001 comeza en África hai tres millóns de anos, cando un grupo do que semellan Australopithecus, aos que Clarke chama monos-humanoides, atópase no limiar da extinción pola súa falta de adaptación ao medio. Pero coa aparición, de socato, dun monólito transparente cuns estraños símbolos inscritos, desenvolverán o pensamento racional, a capacidade de planificar, de elaborar ferramentas, de cazar e de eliminar aos seus rivais, comezando a carreira da especie humana.

A historia salta ao século XX para acompañar ao doutor Heywood Floyd á Lúa, onde existe unha colonia internacional permanente. Mesmo coñecemos á primeira xeración de humanos nacidos fóra da Terra, novos crioulos alleos á unha vella metrópole que poida non visiten xamais. No cráter Tycho vese de atopar un gran monólito soterrado, a primeira evidencia de vida extraterrestre. Ao contactar coa luz solar, o obxecto envía un potente sinal aos seus creadores: foi atopado, o experimento coa humanidade foi un éxito.

Dous anos despois, a nave Discovery, tripulada por Dave Bowman, Frank Poole, tres membros hibernados e o devandito computador HAL9000, viaxa cara a Iapeto, a lúa de Saturno, destino do sinal emitido polo monólito lunar. E velaquí a clave de bóveda da novela de Clarke: só HAL coñece o verdadeiro fin da expedición, e será a natureza falible dos humanos o que o leve a consideralos un risco para a misión, a entrar en conflito coa súa programación e a eliminalos. Salvo a Bowman, que desconecta a HAL e penetra no monólito.

Estas son as grandes diferencias coa película: que tanto o comportamento do computador como o final, tan enigmático na cinta de Kubrick ─a metamorfose de Bowman no Neno das Estrelas─, quedan totalmente explicados na novela, na que Clarke non deixa fíos soltos, polo que a súa lectura é un complemento idóneo e moi recomendable para a total comprensión do filme.

Non é 2001 unha novela de personaxes profundos e complexos ─son apenas bosquexos vehiculares ao servizo da trama─ nin de linguaxe elaborada, pois Clarke sempre foi un escritor que deu preponderancia o fondo sobre a forma. Pero abondou para que, en conxunto coa cinta de Kubrick, achegara a ficción científica ─que naquel entón xa estaba na súa idade adulta─ ao gran público e para fornecer o seu prestixio literario, ao que autores como Clarke aportaron ademais o rigor científico que demandaban os amadores da póla dura do xénero.

Ilustración | Ximena González.

Tomás Rivera

Tomás Rivera

A Coruña, 1977. Foi redactor e crítico musical en medios independentes. Publicou relatos na revista Contos Estraños e actualmente faino en Tantrum, da que é membro fundador. Colabora con artigos e recensións en revistas como Windumanoth, Hyperspace ou Areal. Participa no podcast El Sótano de Radio Belgrado, coordina o colectivo Inicia Literaria, e administra o blog KindleGarten.

Twitter: @tomasrivera_

web: www.kindlegarten.es

50 anos de "2001: unha odisea espacial"

50 anos de "2001: unha odisea espacial"

Deixe um comentário

Deixe um comentário

Deixe um comentário