Testemuño dunha vítima de contención mecánica
A única intención é que te rendas
TEIMA | Saúde mental sen cadeas – Capítulo 7
[Xornada de protesta organizada onte polo Movemento Galego de Saúde Mental na Coruña para chamar a atención sobre prácticas hospitalarias no complexo de Oza.]
A Coruña | 13 de xaneiro. Ía medio espido camiñando por unha rúa da Coruña. Parou un coche da Policía. Pídenme que os acompañe á comisaría, onde me poñen as esposas debido a un protocolo con cámaras, segundo o cal todas as persoas detidas nesa zona teñen que estar esposadas. Acepto poñelas. O motivo da detención é que me neguei a identificarme. Pasei a fin de semana no calabozo, ata o luns, que era cando abría o xulgado.
Os policías que me deteñen son os que me acompañan ao xulgado, pasando por varias estancias porque me negaba a identificarme. O último xuíz dáme dúas opcións ante o feito de non identificarme: seis meses en Teixeiro [no cárcere], ou ir ao hospital, xa que el pensa que me pasa algo.
Din ao xuíz o número de teléfono da miña nai. Lévanme en ambulancia. Chegamos ao hospital. Báixanme da ambulancia, na que me neguei a tomar un calmante que me ofreceron. A miña percepción de toda esa xente é ameazadora, hostil e, ao mesmo tempo, tranquilízame estar nun hospital xa que penso que alí me van a tratar, que é unha zona segura. Estabamos en urxencias, no CHUAC.
“O último xuíz dáme dúas opcións ante o feito de non identificarme: seis meses en Teixeiro, ou ir ao hospital, xa que el pensa que me pasa algo.”
Mandáronme esperar nun cuarto onde veu un médico que me dixo que me tiñan que sedar e atar. Eu negueime. Entón entrou a Policía tamén, no cuarto. Habería como sete persoas, entre persoal sanitario e policial. Cheguei ata a subirme as camas para impedir que me ataran. A miña dor principal xa non era a física, senón non entender por que esas persoas me tiñan que facer aquilo.
Finalmente, cando conseguiron atarme e sedarme, tivéronme alí tres días. Atado. Cada día, ao espertar, preguntábanme se me ían sedar “polas boas ou polas malas”. Era unha habitación con dúas ou tres camas. A sensación de impotencia de estar intentando razoar e ao mesmo tempo defenderme de sete persoas é moi frustrante, é moi forte, polos principios persoais de que a violencia non é o xeito de facer as cousas.
“Cheguei a subirme as camas para impedir que me ataran. A dor principal xa non era a física, senón non entender por que esas persoas me tiñan que facer aquilo.”
Do traslado a Oza non lembro de nada. Só a rutina de identificar onde están as miñas cousas, que tes que facer cada día (cousas como ducharse, lavar os dentes, etc.). Pero sen saber onde estás realmente. No tempo que estiven alí, o único que tiña sentido era esperar ás cinco, á visita da miña familia, e portarme como se supón que me tiña que comportar para saír de alí canto antes.
A contención non foi só unha contención física, foi tamén unha contención psicolóxica, mental, unha privación absoluta de liberdade, en todos os sentidos. A única intención é que te rendas, e o único que podes sentir é odio cara ao ser humano.
#SenCadeas
Cando morres de medo
Os médicos xa non poden garantir a saúde da poboación
Frío e vulnerabilidade en Conxo
Mañá sol e bo tempo? Contexto e axendas da saúde mental
Pacientes contra a lóxica da contención mecánica
Opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan