“Se isto demora, a xente vai marchar para a sanidade privada”

Testemuños desde a primeira liña

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Testemuño de Pablo Vaamonde, médico de Primaria no Centro de Saúde de Labañou na cidade da Coruña dous meses despois do fin do estado de alarma que durou tres meses.

Coletivo Amanhecer | A Coruña, outubro 2020.  

Que mellorou?

A tentación é dicir que nada. Mais con respecto ao inicio da pandemia, a día de hoxe contamos con equipos de protección, acceso rápido a probas PCR e circuítos deseñados, estamos máis adestrados e coñecemos mellor como se comporta este virus. A resposta que se dá desde a Atención Primaria é correcta, pero escasa e insuficiente. Faltan medios… O servizo de Atención Primaria, que estaba nun momento moi difícil, xa estaba mal antes da pandemia, agora está peor do que estaba.

Que está peor?

Non hai máis recursos. En moitos centros, como o meu, estamos catro médicos facendo o traballo de seis cupos. Neste centro, reconverteron a consulta presencial, que é como debe ser unha consulta sanitaria, en telefónica ou telemática. É un déficit… porque a visión, a exploración, a anamnese forman parte importante do encontro médico-paciente e da resposta do facultativo. Seguimos carecendo de persoal e de tempo… Estamos moi sobrecargados, e cando falta un compañeiro, ter que atender a persoas que non segues xa é difícil, pero facelo de forma telefónica, aínda máis. Aumenta a incerteza na toma de decisións. Moitas veces, duplicas a consulta, porque non podes resolver por teléfono e tes que mandar vir o paciente.

A carga de traballo vén pola atención á covid?

Estamos moi centrados niso, si. Parece que é a única patoloxía que existe. Está enfermando e, seguramente, morrendo xente por outras patoloxías porque deixouse de facer o seguimento de enfermaría e o seguimento dos crónicos. Non pola nosa culpa… iso está en mans do concelleiro. Só ten que dicirlle ao informático que cambie a resposta que dá o sistema e cando se pida cita, que no canto de consulta telefónica saía consulta presencial. No meu centro, tamén nos ocupamos da detección de contactos ou de casos asociados. Estamos pedindo a cada positivo que faga un listado de nomes, apelidos e teléfono das persoas coas que tivo contacto desde os dous ou tres días previos. Nós non podemos facer o rastrexo, porque eu atendo máis de corenta pacientes diarios. O que lles dicimos aos positivos é, primeiro, que se illen no seu domicilio, e despois, que chamen ao teléfono dos rastrexadores, supostamente hai seis mil… para que eles valoren que contactos deben facer a proba. Non sei onde están os rastrexadores nin temos comunicación con eles. Non sabemos o que pasa despois…

Hai listas de espera na Atención Primaria?

Polo que me chega, en moitos centros xa as hai. E non só para consulta presencia, tamén para consulta telefónica.

É unha imprudencia non estar citando á xente a consultas presenciais?

Non podemos facelo de súpeto, pero si progresivamente. Temos que reiniciar a consulta presencial. Non podemos seguir tendo despois de tantos meses á xente sen poder vir ao centro de saúde a realizar exploracións, probas, seguimento de crónicos… Non pasa só nos centros de saúde, hai moitos servizos hospitalarios que estiveron tamén parados.

“Os medios son escasos e están centrados no covid e veremos un incremento doutras patoloxías de maneira inevitábel”

Por que está pasando isto?

Por que hai medo. Entre os profesionais, por suposto, e porque as autoridades políticas teñen medo a que nos centros se propague a covid. Ese medo é infundado. Nos centros de saúde podemos, sendo prudentes e con medidas de protección, facer consultas presenciais.

Como é de urxente reiniciar?

Creo que habería que facelo xa. Canto máis esperemos, máis difícil será o futuro da Atención Primaria, que debería ser o centro do sistema. Pero coas medidas actuais, o deterioro é rápido entre que temos pouco persoal, porque non se substitúe, e temos pouco tempo para outras patoloxías que non sexan a covid; entre iso e que ademais estamos poñendo unha barreira física… se isto demora, a xente vai marchar para a sanidade privada.

Todos?

Hai xente que contrata seguros privados, hai quen vai directamente a Urxencias e hai xente que se deteriora no seu domicilio porque non ten capacidade…

Lembrará os aplausos? Esperaba estar así cinco meses despois, sen persoal de reforzo, con sobrecarga de traballo?

Eu non esperaba que isto tivese alcanzado a dimensión que alcanzou nin que durase tanto. Desexaba que rematase nun prazo breve. Non vou facer repaso dos erros. A abordaxe foi a adecuada, o confinamento funcionou para evitar o colapso da atención sanitaria no pico da pandemia. Conseguimos frealo. O virus non circulou daquela, pero hoxe si circula. Hai sectores da poboación que aínda están en pánico, e hai outros que teñen un comportamento frívolo con este asunto. Os medios son escasos e están centrados no covid, insisto, e veremos un incremento doutras patoloxías de maneira inevitábel.

Canto tempo lle dedica cada día a tratar a covid?

Nunha xornada normal, dedico a metade do tempo á covid e a outra, o resto de patoloxías. Hai días que pido unhas oito ou dez probas PCR.

Onde habería que incidir neste momento?

A estratexia pasa por detectar os casos rapidamente, illalos, rastrexar contactos e, no caso dos positivos, illalos… Temos que entender que imos convivir con isto durante algún tempo. O virus atenuouse en canto aos seus efectos, pero seguirá circulando, igual vén para quedarse. En Atención Primaria fan falta recursos e coordinación cos equipos de rastrexadores e con Saúde Pública, e habería que reforzar os equipos de epidemioloxía para que fagan seguimento. E hai que ir recuperando nos centros de saúde e nos hospitais unha certa normalidade. Iso hai que reclamarllo á Administración.

A batalla vai durar máis do que se pensaba… como está o persoal física e animicamente?

A situación é tensa, prolongada e ten carga unha emocional evidente e moita incerteza. Non hai prazos para volver á normalidade nin dispoñemos de terapia para curar. Os medios que temos para loitar contra o virus son vixilancia, detección, seguimento… Claro que estamos cansos; mais o desgaste forma parte do noso oficio.

“As consultas médicas baseadas exclusivamente na telemedicina son contrarias ás normas deontolóxicas”

Testemuño de Adolfo Telmo Pérez, médico de Primaria no Centro de Saúde de Tui oito meses despois de iniciado o estado de alarma que durou até xuño.

Adolfo Telmo Pérez publicou na revista Luzes a finais de abril a Carta aberta dun médico de familia ao presidente Feijóo. “Preocúpanos que pasará cando os centros de saúde vaian retornando a unha certa normalidade. Non volverá ser todo igual. Pasaron semanas nas que non puidemos facer o seguimento habitual de moitos enfermos. E preocúpanos non telos atendido e non sermos quen de atendelos. Imos necesitar máis persoal, máis investimentos. E preocúpanos porque vostedes só coñecen a palabra «recortes» e o só usan o termo «colaboración público-privada», o eufemismo co que tapan o desvío de enormes cantidades de diñeiro aos hospitais e fundacións privadas, parasitarias do público”, dicía.

Pasou o verán e Adolfo Telmo Pérez segue preocupado. Non ve avances por ningures (se acaso, os da privatización). A pandemia, acelerador de procesos, está empuxando á xente cara a sanidade privada. O centros de saúde viven ao bordo do colapso, a xente está mal atendida, a saúde da poboación empeora.

“Durante o estado de alarma, nos centros de saúde limitouse a asistencia como resposta ao avance imparable da pandemia e con obxecto de aplanar a curva e preservar o sistema sanitario. Tamén para evitar que os centros sanitarios se convertesen en lugares de transmisión da enfermidade”, declara ao adiante.gal ao rematar a xornada en Tui. “Foron tempos duros, os sanitarios pagaron con vidas e contaxios; foron tempos dos aplausos e do recoñecemento dunha sociedade que comprendeu que só uns servizos públicos fortes podían combater e vencer á covid19”.

Neste outono, a situación epidemiolóxica é diferente, advirte. “Chegou o momento de cuestionar as ferramentas. “A covid trouxo demasiada dor, cambiou as nosas vidas e tamén a asistencia sanitaria. Multiplicáronse as consultas telefónicas e reducíronse as citas médicas presenciais até extremos pouco defendibles nunha situación de ausencia de transmisión comunitaria sostida. A consulta telefónica suscitouse coa finalidade de evitar os contaxios. Pero ao pouco tempo alguén comezou a pensar que aquilo podería servir tamén para cambiar a práctica clínica. E a Xunta apuntouse á moda e á promoción da telemedicina. ‘A medicina do futuro’. Toda a medicina que se poida facer sen presenza física é medicina do futuro, dinnos”. Xa en abril, cando a pandemia aínda non remitira, o aparato de publicidade de Feijóo emitiu a boa nova: expertos do comité clínico da Xunta trazan un plan para recuperar a actividade ordinaria no Sergas (Servizo Galego de Saúde) que contempla aumentar amplamente a atención telefónica.

“Na teoría, a consulta telefónica é unha forma de acceso á Atención Primaria, unha parte da telemedicina, a máis básica, que debería aforrar tempo e facilitar os trámites aos pacientes e, por medio das vídeo-chamadas axudar nos controis e a resolver dúbidas. Con menos citas, debería aumentar o tempo que dedicamos aos pacientes. Nada diso se conseguiu. O Sergas limítase a redactar protocolos e deixa que a realidade se ocupe do resto. Non se reforzaron as liñas telefónicas nin aumentou o persoal, non se puxo en marcha o correo electrónico nin as vídeo-chamadas. E partiamos dunha situación de precariedade crónica e de falta de persoal. As axendas estaban saturadas desde primeira hora. Medrou a lista de espera, mesmo apareceu en sitios onde non a había. Calquera cita presencial faise a costa de facer oco onde non o hai…”

“O Sergas limítase a redactar protocolos e deixa que a realidade se ocupe do resto”

Adolfo está igual de farto, máis enfadado, que en abril cando lle escribiu ao presidente. “A consulta hoxe ten unha inmensa carga de traballo, atendemos todo o que podemos a base de aumentar as xornadas laborais. O persoal está ao bordo do colapso. Mais todo ese esforzo non é visible para a poboación”.

O médico mostra como se van abrindo as fendas no sistema diante duns usuarios que non entenden o que esta a pasar, aceleradamente… A urxencia subxectiva, “aquilo que precisamente debería evitar a cita telefónica”, aumentou porque a xente vai a Urxencias ou chega aos PAC solicitando atención presencial.

“As autoridades sanitarias non cren na cita telefónica nin na telemedicina. As consultas médicas baseadas exclusivamente na telemedicina son contrarias ás normas deontolóxicas. Xera incerteza e desigualdade. É imposible traballar con medo a que se nos escapen cousas A carga dá incerteza tórnase insoportable cando as consultas son todas telefónicas. E tampouco hai estudo ningún que sosteña que os centros de saúde son lugares de contaxio. A situación na Galiza, pola incidencia e a prevalencia do virus, é distinta a Madrid. A cita telefónica permite moitas cousas, pero tamén é unha barreira para moitas doentes”, resume Adolfo.

E chama a atención sobre o tratamento doutras patoloxías e enfermidades que se esqueceron pola covid19. “Temos que exixir que o Ianus (a aplicación de xestión sanitaria) permita facer listados onde se poida interactuar, é posíbel facer un listado de crónicos mai a app non permite engadir determinadas condicións, por exemplo: ‘diabético maior de 60 anos e sen control no último ano’. Habería que ir dando preferencia a determinados grupos e evitar que xente nova e sen patoloxías ameacen o persoal de administración, como esta sucedendo, con ir o PAC ou a Urxencias se non son atendidos inmediatamente. Débese abrir a cita presencial a maiores e crónicos. Cunha estrita orde en tempo de consulta para evitar aglomeracións de máis de seis pacientes por bloque e por tramos horarios. Así garantiríamos un mínimo diario presencial. Hoxe só unha de cada catro consultas é presencial”.

Na edición 2018 do Barómetro Sanitario (Ministerio de Sanidad) os parámetros máis apreciados en Atención primaria eran o trato do persoal sanitario, e a confianza e seguridade que transmite o médico e o persoal de enfermería. Todo iso, advirte Adolfo Pérez, “podémolo perder a golpe de consulta telefónica”. E prognostica: “ a barreira que crea esta situación é saltada como sempre polos que poden ir a unha clínica privada onde a golpe de euros aténdente axiña”.

“A xente non sinala á Xunta ou ao PP como os culpábeis, as críticas diríxenas a todo o persoal dos centros de saúde. A nosa forza está na xente, no seu agarimo e na súa proximidade, non podemos perdela… Non é o momento de discutir, e menos de impoñer, modelos de atención sanitaria sen contar cun debate na sociedade civil”, apela o médico que dá voz a un amplo sentir entre os profesionais.

Testemuños (marzo-abril)

#covid19

Deixe um comentário