Crónica

"Se veñen é porque estamos"

O Festival da Poesía do Condado dedica unha palestra a falar do recorte de liberdades.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Salvaterra do Miño, 1 de setembro.  Que o Festival da Poesía do Condado dedique unha palestra a falar do recorte de liberdades un sábado abafante nun castelo medieval a pé de raia di moito de como andan as cousas no Reino e de como a cultura popular vai sendo cada vez menos un enfeite da vida e máis unha necesidade “para que o homem possa construir-se em consciência, em verdade e liberdade e em justiça”, segundo deixou dito unha das grandes poetas do outro lado do Miño/Minho, cuxa cita serve de frontispicio ás xornadas que se celebran este verán do outro lado da raia, en Melgaço e Monçao estes días. Na Casa do Conde do castelo de Salvaterra falaron Fernando Blanco (Esculca), Ses, Antom Santos (Ceivar) e o ex deputado catalán David Fernández (CUP).

E foi Ses, que deu ela soa unha conferencia mentres se poñía e quitaba a camisa e se acomodaba e reacomodaba na cadeira, indignada e minuciosa, a que sinalou o perigo da normalización dunha actitude estética e creativa no que o exilio de Valtonyc é a epiderme do problema. “O perigoso non é que a min ti me pegues unha malleira aquí e me mates. Porque iso é evidente, é evidente que iso é violencia machista. O perigoso é a anorexia. O perigoso é cando eu me mato sen necesidade de que ti me toques polos dogmas e preceptos que ti me impós. E isto é o que sucede actualmente na arte…”

Ses referiu o proceso de empobrecemento cultural no ámbito da música e lembrou que hai vinte anos “o que petaba no mundo musical eran señoras como Rosana, Alanis Morissette, Tracy Chapman… que eran señoras vestidas e con guitarra. Mesmo Shakira, daquela, ía vestida, acordádevos, e dicía cousas”; e describiu o proceso como o síndrome Shakira: mingua o discurso, mingua a roupa, aumentan as curvas… “Houbo unha desideoloxización, si; pero o máis perigoso é que os propios músicos asumiron que se pode facer arte apolítica, e por riba iso é o que confire o éxito e o prestixio social, porque a arte convertese nun medio para conseguir iso”. Ses resumiu a cousa cunha anécdota persoal. “A única vez que me deron unha resposta sincera á pregunta de por que facían as letras en inglés foi: ‘e que se as fixeramos en galego ou castelán teríamos que dicir algo”.

Fernando Blanco, de Esculca, foi máis conciso e subliñou as mudanzas na resposta social á represión. Sinalou que os encarceramentos de políticos cataláns tiveron o efecto de recuperar a cuestión dos presos comúns e dos cárceres e mesmo salientou que “de forma xenérica” a sociedade reaccionou diante de leis como a lei mordaza; mais Blanco advertiu que “a represión vén de moito máis atrás e non simplemente pola imposición de normas”.

O avogado explicou que a reacción social foi máis ben “cosmética” e apenas foron augas revoltas para oportunistas políticos. No caso galego, Blanco citou a ilegalización de Causa Galiza en 2016 e a morna reacción da sociedade galega. “Durante ano e pico a sociedade galega tivo limitada a súa participación electoral e a súa reacción foi tibia respecto a outras reaccións de solidariedade diante de procesos represivos en Euskadi ou Catalunya”.

A intervención de Ses, con Fernando Blanco á súa dereita.

“A única vez que me deron unha resposta sincera á pregunta de por que facían as letras en inglés foi: ‘e que se as fixeramos en galego ou castelán teríamos que dicir algo” (Ses)

Como fuxir da represión?

“Da represión nunca imos fuxir. A única maneira de fuxir dela é a retirada e a desmobilización e o pechamento na vida doméstica. Temos que familiarizarnos con ela por crúa que sexa, e estar certos de que con profundas conviccións, con fraternidade e plena conciencia do camiño que temos que percorrer, é un grande obstáculo que se pode vencer”, dixo Antom Santos no remate da súa intervención antes de recibir o agarimo dunha sala chea que rendeu tamén homenaxe a Maria Osório, que recuperará a liberdade esta mesma semana despois de seis anos na cadea.

Santos encadrou o actual proceso represivo no Estado español dentro dun contexto político e social marcado polo securitarismo, “o discurso que nos retrotrae ás épocas da man dura e que conta co respaldo do bloque social maioritario”, e o medo, “desde o que é fácil xerar o odio”. Santos acoutou o tipo de represión do que ía falar e distinguiu entre a represión ignorada, contra as capas máis indefensas da poboación, “que non ten caducidade”; outra, a específica destes meses en Catalunya, “a que desata un Estado cando unha parte importante da poboación se rebela contra as leis”; e unha outra que é a que sofren os movementos contestatarios. Santos indicou que a diferencia “da represión do abuso polo abuso que se fai contra os pobres”, a represión dos movementos “tende á eliminación do adversario político, que nun contexto ditatorial sería física, mais nunha democracia formal persegue a extinción do movemento”. No caso galego, dixo Santos, “a batalla está en táboas, porque o Estado golpea, pero o independentismo resístese a abandonar o escenario político“.

Ao independentismo galego élle fácil comprender as denuncias que hoxe fan rapeiros, tuiteiros, a esquerda política institucional e outros actores. “A denuncia de que estamos loitando polas nosas ideas pero non hai ningunha garantía legal que nos permite exercelas en liberdade e en igualdade de condicións co resto, iso é o que viviu o independentismo historicamente”, dixo Santos, que sinalou que a represión “non busca simplemente encarcerar ou arruinar socialmente a uns militantes, senón que do que se trata é de enviar unha mensaxe a esa parte da sociedade que se podería adherir a aquelas teses”.

Antom Santos, con David Fernández á esquerda.

“Da represión nunca imos fuxir”, sostén Santos, que pediu un debate serio dos custes persoais que cada un está disposto a asumir e insistiu en que o colectivo é o alento e o sustento das persoas que sofren directamente a represión.

“É fascismo! Pódese dicir xa?…”

“O problema que ten o Estado español con Catalunya é que alí hai unha comunidade política ben trabada con criterios de reciprocidade e apoio mutuo que sabe o que está en xogo”, explicou o xornalista e ex deputado das CUP, David Fernández, “e o obxectivo é o mesmo: romper o tecido comunitario que é o que constitúe a base da resistencia social e política“.

Ademais da homenaxe a Maria Osório, tamén houbo un recordo para os presos políticos cataláns (e pola noite despregouse un gran lazo amarelo nas murallas do castelo). David Fernández constatou na súa quenda algunhas circunstancias respecto do que pasa en Catalunya: “estamos baixo a doutrina do shock, alargouse a excepción, seguimos intervidos pola Facenda española e despois do 1 de outubro produciuse alí unha derrota múltiple do Estado español: derrota loxística, porque non foron quen de evitar que puxéramos as urnas; derrota na rúa, onde gañou a decencia do pobo; derrota mediática no resto do planeta; derrota cibernética…”. De todas esas derrotas apenas temos constancia aquí, porque a represión tamén se exerce desde a comunicación de masas, “porque a represión sempre operou con propaganda e con silencio”.

“O problema téñeno cando hai un bloque social que agrupa ao cincuenta por cento da poboación que non se pode nin reducir nin folclorizar nin illar: cando hai unha comunidade política auto-constituída e en resistencia” (David Fernández)

O ex deputado sinalou que na actualidade, no Estado español, combínanse tres lóxicas represivas: o delito de autor, “á xente xúlgana non polo que fai senón polo que é”; a doutrina de seguridade nacional, “o inimigo está dentro”; e a doutrina de tolerancia cero, “inaugurada por Giuliani en Nova Iorque confundindo a guerra contra a pobreza coa guerra contra os pobres”. Neste contexto, David Fernández preguntouse por que está pasando o que pasa, por que hai un goberno na cárcere e no exilio?. “Isto é fascismo! Pódese dicir xa?”. A sala asentiu con outro aplauso. “A historia nunca se repite, pero está empezando igual…”, dixo.

Fernández lembrou tamén que hoxe moita máis xente cae na conta de que a represión vén de moi atrás e que non dixeran nada cando se pechaban xornais en Euskadi, cando se practicaba a tortura e o denunciaban organismos de dereitos humanos, cando se ilegalizaban partidos políticos e moi poucos levantaron a voz, ou cando se abren os CIEs contra a inmigración e se constata que os cárceres non son máis ca un pozo de pobres… “esas lóxicas clasistas que están detrás da represión e de cada reforma do Código Penal español que o único que fixo foi que a fogueira fose máis alta e queimase a máis xente”.

“O problema téñeno cando hai un bloque social que agrupa ao cincuenta por cento da poboación que non se pode nin reducir nin folclorizar nin illar: cando hai unha comunidade política auto-constituída e en resistencia”, rematou, “como dicían os tupamaros: se veñen é porque estamos”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário