Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Sinalaba Federici na Semana de Filosofía que a resistencia do común debía entenderse máis como unha lóxica que coma unha experiencia. É dicir, coma uns principios dende os que formular máis que como unha serie de contidos que aplicar. Así, engado, a pesar do que popularmente se entende, a resistencia pasa a ser activa: non atura, non resiste. Fai.

Empapad@s como estamos da cultura do resentimento escravo, tendemos a considerar impuro operar nos acontecementos que se dan e que rexeitamos. A alma bela hegeliana horrorízase ao pensar en emporcar as súas mans contraefectuando algo que aborrece e permanece na antítese da dialéctica, negando o que sucede, actitude que non muda esa realidade. Contraefectuar é facer algo distinto a partir do que se dá, atopar as súas liñas de fuga. Para iso está ben comezar por analizar a semiótica do acontecemento, de maneira que se localicen as aperturas a partir das que crear ese outro estado de cousas. 

Así, en referencia á sentenza ditada no caso de La Manada (de humanos), explícannos que, para que o abuso sexa agresión, debe haber intimidación, é dicir, unha coacción evidente ou consciencia na vítima a respecto das consecuencias que se poden dar no caso de resistirse nunha situación de perigo. Non valeu o medo a non poder fuxir, de momento, como proba de intimidación. Non parece valer unha precognición. Así, violentar sexualmente a unha muller que non teña plena consciencia da situación e do risco derivado dela, polo motivo que sexa, non será máis que un abuso. É, por certo, a lóxica xurídica que se aplica a respecto doutras especies, ao que a bioética lle retruca que esa suposta inconsciencia pode e adoita incrementar a angustia.

En referencia á sentenza ditada no caso de La Manada, explícannos que, para que o abuso sexa agresión, debe haber intimidació. Non valeu o medo a non poder fuxir, de momento, como proba de intimidación.

Pero un maxistrado non só vía ausencia de violencia nos vídeos gravados, senón que observaba un ambiente de festa e goce no vídeo. A conciencia de “facer mal” non está nin no maxistrado nin na Manada nin nas súas familias, que defenden que os acusados “non fixeron nada”, a pesar de que nos whatsapp se recoñece continuadamente a intención e polo tanto a consciencia de violar. Pero non existe conciencia de facer mal porque forzar a unha muller non está mal. Esa é a cultura na que sobrevivimos. Non só é que non estea mal, é que resulta divertido. Acaso non vemos as noticias sobre subornos con prostitutas e orxías até o Tánatos entre as altas esferas? As clases baixas repiten as fantasías realizadas da elite e ese é o modelo de ocio para iniciados na masculinidade.

A lei primeiramente emana da norma social, do costume, do nomos. E se o nomos é patriarcal, clasista e racista, a lei así será. Despois o personaxe nada alegórico da xustiza aplica esas leis interpretando os feitos e a súa adecuación aos textos xurídicos, elaborados polos suxeitos hexemónicos para amparar a súa visión e, polo tanto, distribución da realidade, para soster a súa superioridade e perpetuar a segregación d@s subaltern@s. Pois a lei emana primeiramente do costume que existe e chegado o caso do costume que se desexa impor, é dicir, non só do ser, senón tamén do deber ser que alguén pauta. Sobrados exemplos disto atópanse na historia europea dos últimos séculos: iso é o que significa que o suxeito abstracto que se presentou como universal é en realidade a representación dun home branco misóxino e de alta estirpe.

Pero non existe conciencia de facer mal porque forzar a unha muller non está mal. Esa é a cultura na que sobrevivimos. Non só é que non estea mal, é que resulta divertido. As clases baixas repiten as fantasías realizadas da elite e ese é o modelo de ocio para iniciados na masculinidade.

Chamáronnos ignorantes pola reacción ‘desmesurada’. Ven violencia e anacronismo nas nas manifestacións. Pero imos comprendendo os marcos conceptuais… Que vaian comprendendo eles que estamos fartas, que as novas sensibilidades, como din algúns, ou as xa vellas reivindicacións a respecto da condición da muller, esixen mudar os paradigmas culturais e xurídicos. Mais que non nos empreguen como escusa para soster un discurso de endurecemento penal xeneralizado (teñamos presente o tanto que queren abrir o debate sobre a cadea perpetua). Polo que a nós respecta, definamos nós o deber ser. Esta muda no pacto social é unha cuestión transversal, si: até Cospedal diferiu da aceptación do nomos patriarcal como lei, até Ana Botín semella unha activista…

Iso si, aprendemos unha cousa da dor: o respecto non se mendiga, esíxese. E a liberdade conquístase, con esforzo.

Rebeca Baceiredo

Rebeca Baceiredo

Ourense, 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía e con estudios en arte contemporánea. Escribe sobre sistemas de representación e réximes de poder. Os ensaios filosóficos xiran, esencialmente, en torno aos modos de subxectivación e a obra máis literaria aposta pola deconstrución do suxeito-autor.