Será Verín o ‘Prestige’ de Feijóo?

Ximena González

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google+
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email
Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

En novembro de 2019 Feijóo seguía coa senda das súas políticas neoliberais na Galiza, falto de oposición que conseguise articular un discurso alternativo e escondido tras os millóns de euros que manteñen La Voz de Galicia ao seu servizo. Aínda pensaba que podía continuar co desmantelamento da sanidade pública coa mesma impunidade coa que traballa nesa tarefa dende 2009.

Así, día o 22 dese mes, o xefe de xinecoloxía do CHUO (Hospital de Ourense), José Luis Doval, e o xerente Félix Rubial -nomeado xerente da EOXI de Ourense logo de ano e medio de recortes e conflitos na EOXI (área sanitaria) de Vigo que se saldaron cunha dimisión en masa do 80% dos xefes de servizo dos centros de saúde de Vigo, folgas en atención primaria, manifestacións en defensa da sanidade e unha boa chea de peticións de dimisións- aparecen diante dos medios para anunciar o peche das urxencias pediátricas e o paridoiro de Verín.

Félix Rubial, que nesa comparecencia asumía o mandato da Xunta e de Feijóo de acelerar os recortes no hospital de Verín explicaba que a “redución drástica” de partos na comarca e a “idade avanzada” das nais recomendaban garantir un servizo de máxima calidade e seguridade e non era posíbel facelo en Verín segundo os informes científicos dos que dispoña a Xunta de Galiza. [O barco estaba danado mas o fuel, o pouco que había, non ía saír do casco. A prioridade era a seguridade e para iso ían afastar o barco das costas. Lembrades?]

Nos días posteriores o xefe de xinecoloxía e o de pediatría do CHUO, Santiago Fernández Cebrián, afanáronse en explicar onde for preciso -desde nunha reunión coas mulleres de Verín mas sobre todo na prensa de Feijóo- que o único que impulsaba esta decisión era a seguridade de crianzas e mulleres. As voces das matronas, as enfermeiras e as xinecólogas de Verín non tiñan validez fronte a estes grandes xefes de área que coa axuda mediática tentaban impoñer o relato dos retallos.

[Decidiron arrastrar o barco fronte á costa cando todo indicaba que sería unha decisión catastrófica…]

E foi neste punto que a loita contra os recortes sanitarios e a loita feminista confluíron para darlle a Verín unha forza imparábel e dimensión nacional, para darlle á mobilización un obxectivo: reabrir o paridoiro.

A estratexia empregada dende a EOXI de Ourense foi deitar sospeitas sobre a profesionalidade do persoal sanitario de Verín, conseguindo unha resposta unánime de matronas, e xinecólogas que se colocaron ao lado das nais, as outras “culpábeis” e da plataforma da sanidade pública da comarca de Monterrei, xa mobilizada previamente fronte aos continuos recortes do hospital.

E pasou que o feminismo leva tres anos medrando e incorporando debates habitualmente pouco presentes nas reivindicacións ou os discursos máis públicos e a maternidade é un deses debates como tamén o é a centralidade da vida e dos coidados. E non hai nada máis central para a vida que a chegada á vida e non hai nada tan político como o persoal e poucas violencias hai como a obstétrica, que ameaza ás mulleres sobre a seguridade do seu parto e o nacemento das súas crianzas.

“O feminismo leva tres anos incorporando debates habitualmente pouco presentes nas reivindicacións ou os discursos máis públicos, e a maternidade é un deses debates como tamén o é a centralidade da vida e dos coidados”

Así entre as matronas, as xinecólogas de Verín, a plataforma da sanidade e o feminismo comezaron a desmontarse os falaces argumentos da Xunta. As nais, o centro desta mobilización, deciden desobedecer, e facelo parindo en Verín, forzando con cada parto a contradición dos traslados ao CHUO, a falta de pediatras, o despropósito do protocolo, a violencia de separar nais e crianzas.

Elas soas gañan o debate público. Logo, mobilizacións en Verín, Compostela e en todo o país acompañaron o peche no hospital de Verín e varias accións no CHUO resaltando aos culpábeis. [Nacen Nunca Máis e Burla Negra, para denunciar aos responsábeis e sacar á luz as mentiras do Goberno. 100% Mentireiro dicía o cartaz coa cara de Rajoy.]

Nunca o motivo do peche foi a seguridade.

As forzas parlamentares fixeron a súa parte, a de abrir o debate no Hórreo. Mas a comarca de Monterrei non detivo nin un só dos 60 días o peche das veciñas no seu hospital, Nadal e reis polo medio, e o feminismo deulle dimensión nacional e colocou a violencia obstétrica e o dereito a un parto respectado no centro do discurso.

Xa non se trataba de por que se pechou o paridoiro -hoxe sabemos que o problema era a contratación de pediatras non a “idade” ou a “seguridade” das mulleres-, senón de que tiña que seguir aberto.

As rúas gañaron o debate e a Xunta de Feijóo só puido pasar o último mes do conflito procurando unha solución e unha saída que lle permitira lavar algo a súa imaxe. [Consumado o desastre só queda a xestión do discurso para que o presidente e o partido non fiquen soterrados polo fuel que anega as costas. As miles de voluntarias que se achegan ás praias limpar xa saben da magnitude do desastre, os medios perderon a batalla polo discurso.]

“As mobilizacións dentro e fóra de Verín demostraron que é posíbel desmontar as mentiras do poder impulsando unha resposta dende os sectores profesionais e a sociedade organizada”

Múdase a xerencia do hospital, anúnciase a contratación dos pediatras, reabre o paridoiro. Feijóo aínda non entende nada e constátase cando responde sorprendido polo “interese da xente por parir en Verín”. Pretende vender xestión, mas xa todas sabemos que a sanidade esta en perigo e o presidente tamén exerce dende a improvisación.

A loita pola reapertura do paridoiro e o restablecemento das urxencias pediátricas de Verín convertéronse en símbolo e nun bo exemplo de que a mobilización social pode reverter recortes e facer recuar as posicións dun goberno de maioría absoluta algo no que nunca acabamos de crer dende 2009.

As mobilizacións dentro e fóra de Verín demostraron que é posíbel desmontar as mentiras do poder impulsando unha resposta dende os sectores profesionais e a sociedade organizada e facer fronte á maquinaria de manipulación mediática a través tamén de discurso e medios locais e alternativos. Falta saber se as forzas políticas serán quen de transformar toda esta potencia nun movemento capaz de mudar o signo da Xunta de Galiza.

O feminismo pola súa parte decidiu darlle un valor maior, o de inspiración para alentar á desobediencia e á mobilización social ao longo do país. Facer da loita das mulleres e nais de Verín un símbolo de resistencia e de vitoria fronte ao neoliberalismo que xoga coas nosas vidas e fronte á dereita que goberna o país. Por iso este 1 de marzo os máis de 50 colectivos que conforman Galegas 8M chaman a encher Verín na manifestación nacional de 2020. Porque desde a mobilización social podemos mudalo todo.

Ourense, 27 de febreiro de 2020.

A autora

Ximena González

Ximena González

Activista social e membro da Marcha Mundial das Mulleres. Co-editora de adiante.gal e socia promotora de Adiante S. Coop Galega.

Feminismos

Deixe um comentário

Deixe um comentário