"Somos todos un, somos todos irmáns, porque a cultura une"

ENTREVISTA | Marco Pereira Oliveira

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Burela, 25 de xaneiro. Marco Oliveira continúa a súa formación ao tempo que se segue a facer cargo da produción de Grandes Vozes do Nosso Mundo espazo radiofónico especializado en difundir as músicas da lusofonía. Eis un extracto da súa conversa para adiante.gal.

Como comezou a gustarche a radio?

Na miña casa escoitábase moita radio musical. Ás veces tamén escoitaba a Radio Galega, mais na miña zona tiñamos Cadena Dial, e logo o grupo Radio Mariña decidiu poñer Los 40 Principales. A min gustábame a música, sempre. Se me preguntas agora que tipo de música me gustas, diríache que escoito de todo. Evidentemente, fascíname a música que poñemos no programa. De feito, ao principio eu pensei que a idea era algo de alto risco porque é música que a xente non acostuma escoitar. A xente escoita Los 40, Cadena Dial… E logo, catro pelagatos que escoitan Radio 3.

Como foi o paso de escoitar a radio a estar detrás dun micrófono?

Eu comecei a facer radio cun proxecto piloto en Radio Burela. Daquela estaba en primeiro de Bacharelato, cando tiña unha profesora de TIC, María Xosé Pardiñas, que tivo que adaptar moitos dos contidos da materia para min [Marco é invidente]. Decidimos levar a cabo un proxecto dun programa de radio. Fomos recollendo información e fixémolo. Dese programa só se emitiu un episodio. Estaba enfocado a falar sobre un artista concreto en cada entrega, contar curiosidades, reproducir as súas cancións máis coñecidas… Fixen un guión en braille, fun gravalo ao estudio e emitiuse. Emitiuse en xuño de 2012, hai seis anos e medio. Un par de semanas despois, en Radio Valadouro, fixéronme unha entrevista e falei con eles sobre unha idea para un programa de radio. Botámolo adiante. Chamábase Grandes Voces, a secas. Estaba orientado a grupos ou artistas de referencia, non tiña guión, era un pouco improvisado… Emitimos en directo desde xuño até o 13 de agosto de 2014 porque pechaba a emisora. En 2015 falei con Matías Nicieza, que levara o control no programa, de levar o Grandes Voces a Radio Burela. A audiencia escollía o artista que ía ser protagonista. Fixemos 19 programas. Isto parou en xullo, e en setembro foi cando entrei no Perdouro. Bernardo Penabade propúxome facer unha mudanza de formato. E sooume ben. Déuselle forma á idea até que en xaneiro de 2016, comezou a andar o Grandes Vozes do Nosso Mundo. Claro, estás habituado a escoitar outros estilos musicais e de súpeto atópaste con isto…

Antes non acostumabas escoitar música galega?

Antes do Grandes Vozes do Nosso Mundo era raro. Escoitaba moita música portuguesa por meus pais. Agora, logo de máis de 110 programas, nótase moito o cambio.

Estás máis seguro ao micrófono?

Moitísimo. O primeiro programa fora un desastre. Eu, despois de marchar a Santiago, non conto cos medios para facer o programa, mais elaboraba e redactaba o guión e enviáballelo. Logo, o programa da ponte da Constitución fíxeno eu con Edilson Sanches Tavares.

Foi mudando moito a composición da equipa desde o inicio?

Cando comezamos, locutabamos Elena Valle e máis eu. Na tempada seguinte chegou Silvera [Vicente de Oliveira], que foi desde setembro até xullo de 2017. Aí houbo un parón no programa até xaneiro porque foi cando fun a Lugo facer as prácticas do meu ciclo superior de Administración e Finanzas. Considero que estivo mal feito pola miña parte, mais nese momento non pensei que era totalmente factíbel facer como facemos agora [Marco Oliveira segue a elaborar o guión e os locutores son Edilson Sanchez e Matías Nicieza]. Logo das miñas prácticas, cando retomamos non paramos até o día de hoxe, sen parar. Despois marchou Silvera e continuamos Edilson e máis eu. Na redacción do blogue estivo Mónica Palacios, que agora está a cursar terceiro de Xornalismo, e despois estivo Sara Gil, que tamén é xornalista. Agora a responsabilidade do blogue repártese entre Bernardo Penabade e Gabriel André. Despois, as entrevistas foron organizadas entre Gabriel, Bernardo e eu, que xa me encargaba sempre da redacción e locución. Logo das revisións, imprimíao en braille.

Como ves o futuro do programa?

Penso que estamos no camiño axeitado. Obviamente, gustaríame que continuase a medrar a nivel de audiencia e que a xente o coñecese máis. Se o puidese levar comigo a unha emisora, por exemplo á Radio Galega, pois sería perfecto.  

Unha persoa que foi moi importante para ti é Cristina Ramudo, que che axudou non só cos guións en braille para a radio, senón tamén ao longo da túa vida académica.

Si, desde primeiro da ESO até o segundo ano de ciclo superior. Estivo presente durante toda esa etapa da miña vida. É unha persoa que para min foi como os meus ollos, sempre o digo. Tiven moita sorte de dar cunha persoa tan competente coma ela. Co programa, ela axudábame na impresión dos guións en braille.

Como te ves agora na facultade?

Levo pouco tempo, aínda non podo falar moito. Os profesores que tiven este cuadrimestre polo xeral son bastante bos. Evidentemente, hai que loitar contra os prexuízos que hai arredor da miña cegueira, mais é cuestión de que os compañeiros se vaian habituando. Enténdoo tamén porque por unha banda son xente bastante máis nova cá min, á maioría sácolles sete anos… E tamén penso que aínda hai xente que ten medo a achegarse e preguntar. Quero dicir que, cando alguén ve unha persoa con discapacidade visual ou de calquera tipo, pode preguntar sen medo. No meu caso, a min gústame que se me pregunte e dar a coñecer como me fun desenvolvendo. Non considero que sexa un problema preguntar, sempre que o fagas desde o respecto. O que non nos axuda é o medo.

“Non somos especies doutro mundo, somos seres humanos. Eu fago moitas bromas e ríome de min mesmo. Axuda a que a xente perda o medo a preguntar.”

Eu moitas veces fago bromas co problema que teño, ríome de min mesmo… E hai xente que se estraña, mais teñen que habituarse porque é a mellor forma de levar algo así. Cando era máis novo, máis pequeniño, sentíame máis acomplexado, mais polo xeral pasado o tempo fun mudando a miña maneira de entender a miña doenza ocular e agora chega o punto de rirme de min mesmo e de soltar burradas, con humor. Iso tamén axuda a que a xente perda o medo a preguntar. Hai que naturalizar as cousas, non somos especies doutro mundo, somos seres humanos. E así, tomándoo con humor, son moito máis feliz agora do que era antes.

Marco Oliveira, o mes pasado en Burela.

Que noticias consultas, normalmente?

Eu normalmente as de La Sexta. Podo ver as da TVG, mais deprímenme. Vexo La Sexta porque dentro do malo que hai, se cadra é o mellor, desde o meu punto de vista. Está claro que non é o imparcial que debera ser, evidentemente, porque está aí a editorial Planeta e… claro. Xa nos entendemos. Está o Wyoming, está o Dani Mateo… É absurdo que agora ande a pedir desculpas. Quen se sentira ofendido, é o que hai. España nunca foi un país de, entre aspas, “picardía” e “rir de todo”?

Depende de sobre que fagas bromas? Temos o caso de Cassandra Vera cos chíos sobre Carrero Blanco.

Claro, a min é que esta xente que tivo que ver co franquismo non me dan mágoa, sinceramente. Estamos nunha deriva… Non son un experto nestas cousas, mais eu aínda sigo crendo nesa visión das dúas Españas do 36. Teño esa sensación de que segue vixente, de que ficaron moitas cousas pendentes por facer. O tema das vítimas do franquismo paréceme persoalmente unha vergoña de que en pleno 2018, logo de tantos anos de suposta democracia, esteamos nesta historia aínda. Ou que exista unha fundación que enaltece a memoria de Franco.

Idealmente, cal debera ser idealmente o papel do xornalismo?

Pois, evidentemente, informar, e informar de todo. Sen manipulacións, sen informacións manipuladas, sen que se oculte nada. 

Cres que, do mesmo xeito que un goberno tecnocrático, é posíbel facer un xornalismo técnico, sen ideoloxía?

Sempre vas ter un pouco esa idea de estar no mundo, mais tamén hai logo xornais que son moi descarados. Casos como El Mundo, que ten unha ideoloxía moi marcada. E ao contrario tamén acontece. A ver, eu leo de todo. Por exemplo, da Galiza tento ler xornalismo en galego, e aí só atopo Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Praza Pública… E pouco máis. O resto xa son locais, como Crónica 3 ou o Xornal da Mariña, que pertence a Galicia Confidencial. E despois coa Galega, moitas veces pregúntanme por que non a vexo, mais é que me deprime.

O persoal está agora en greve.

Si. Eu sígoo moito, sigo a páxina de Defende A Galega e léoos moitos. Realmente, estou de acordo co que fan. Tampouco vexo a Sánchez, o director da corporación, con moitas ganas de cambiar. É un pouco como ten pasado en Telemadrid ou como pasaba ata fai pouco en Televisión Española.

Din que o xornalismo está en dobre crise. A propia crise económica e a crise do sector, que non logra adaptarse ás mudanzas tecnolóxicas e estruturais do oficio. Ti que opinas?

Eu non creo que o xornalismo estea morto. Sempre vai facer falla. Ademais, agora están a saír diarios dixitais como El Diario, Infolibre… Son xornais nacionais de referencia e só en formato dixital. Logo tamén podemos meter El País, que se adaptou ben mais segue editando en papel. Penso, logo, que o xornalismo non está morto. Vai seguir a facer os eu labor social, ou polo menos intentándoo. Cando oes que os medios españois están nun dos postos máis baixos dos ránkings europeos en canto a liberdade de expresión pois… Iso nótalo, ademais, ves que El País deixa de ser unha esquerda marcada cara a un centro, ou mesmo de chegar a dar puñaladas a Pedro Sánchez cando as primarias do PSOE, esa ansia de falar de Venezuela… Hai un interese por detrás, vaia.

“Non creo que o xornalismo estea morto. Sempre vai facer falla.”

Dicía Antón Losada…

A min encántame Antón Losada. Escoitábao sempre en Las mañanas de Cuatro, dábame a sensación de que recollía todas as sensibilidades políticas. Non se vetaba ningunha sensibilidade.

Pensas que non se debe vetar ningunha opinión, nin as que son abertamente fascistas, machistas, homófobas…?

[ri] Aí xa entramos nese xogo no que moitos entran de dicir que, se estás de acordo co independentismo, tamén tes que estar de acordo con que exista Vox. E non, porque o independentismo non é racista de por si. Estamos tirando moito de demagoxia nese aspecto. E mesmamente con xente da miña idade, coidado.

Detectas unha deriva reaccionaria en xente da nosa idade?

Hai xente que si, mais tamén o mellor de todo é que así que lle comezas a discutir con argumentos, calan a boca. É dicir, hai moita xente que non ten argumentación para discutirche certos temas. Eu podo pecar de ter falta de argumentación, porque aínda me estou abrindo ao mundo. Os meus pais son inmigrantes portugueses e defendían o Partido Popular e claro, ao oír iso na casa, interiorízalo. Logo, ao medrar, cando xa comecei a manexar as tecnoloxías, a ler e a me informar, decateime de que non era así. De feito, agora na casa, explícolles e danse conta ao ver os datos de que non é como pensaban.

Ves logo que, unha vez a confrontas con datos e información rigorosa, a xente desiste desas posturas. Pensas que é porque os medios de comunicación actual non nos dota de criterio?

Si, e para mostra, un botón: os debates de La Sexta. Eduardo Inda é un tipo que o único que fai é insistir sobre Venezuela, faltar ao respecto e morder. Ou Federico Jiménez Losantos. Eu hai veces que xa río por non chorar. É xente que che di que da xente de Podemos hai que protexerse cunha pistola. E a el non lle pasou nada por dicir iso, que se pode valorar como unha ameaza de morte. Logo, como te limpes coa bandeira de España, a que che cae enriba.

Ben, dicía que Antón Losada explica que hai un escoramento xeneralizado cara á dereita. Contra isto, cres que o xornalismo pode ter un papel colaboracionista no caso dos grandes medios? Ou cres que tamén pode ser resistencia a esta tendencia?

Por poder penso que si que se pode, mais hai que roer moito. Vivimos nun Estado no que, se falar fóra de… Ben ves o que lle pasou a Ignacio Escolar cando sacou o tema dos másters. Atopámonos de cara co poder. Hai que andar con pés de chumbo porque a liberdade de expresión dentro do xornalismo, e volvemos ao principio, existe mais asumindo moitos riscos. Vese a falla que hai neste país, e penso que a xente debera reflexionar sobre iso, porque non é normal nin lóxico.

“Vivimos nun Estado no que hai que andar con pés de chumbo, porque a liberdade de expresión no xornalismo existe mais asumindo moitos riscos. A xente debería reflexionar sobre iso, porque non é normal nin lóxico.”

Como che gustaría que fose o teu futuro no xornalismo?

Na radio. A min gústame comunicar oralmente. Para min a radio sempre foi un medio que me acompañou desde pequeniño. Escoitaba moita música, moitas noticias… Sempre quixen estar onde estaban as persoas que escoitaba, falar de música ou do que fose, iso dáme igual. Con tal de ter un micro diante, eu son feliz.

Agora concedéronche o premio a Estudante Galeguista do ano. Como foi para ti recibir o premio?

Eu vin a convocatoria en Internet e pensei, por que non? Por que non intentalo? Levo o proxecto da radio, que promove mediante a música a nosa música e a cultura dos países da lusofonía. Por así dicilo, levamos a nosa cultura ao resto dos países e traemos a cultura deses países ao noso… e un día pola mañá en outubro recibo un correo electrónico deles dicíndome que fora o gañador do premio. Sempre pensei que pagaba a pena traballar a prol da nosa cultura e máis de todo o que ten que ver con ela, mediante a música e a radio, mais agora con isto aínda máis. E as miñas aspiracións de futuro van por aí. Son optimista a respecto do futuro. Aínda que o mundo se abra aos teus pés, sempre hai que ser optimista. Máis tarde ou máis cedo, o noso traballo vai ser valorado. Síntome moi orgulloso de formar parte disto, de ser unha das cabezas deste proxecto que é Grandes Vozes do Nosso Mundo, que leva a nosa música e a nosa cultura ao resto dos países do mundo, e trae de volta a cultura e a música deses países ao noso. Somos todos un, somos todos irmáns, e debemos estar todos unidos, porque a cultura une.

O entrevistado

Marco Pereira Oliveira

Marco Pereira Oliveira

Burela, 1993. Estuda o seu primeiro ano de Xornalismo en Compostela. A Assembleia Nacional Galega acaba de nomealo Estudante Galeguista do Ano. Marco abre a primeira edición deste recoñecemento que valora "o uso da língua galega na mocidade, a excelência académica e o compromisso e ativismo em defesa da cultura e da sociedade galega". Antes de chegar a este punto, pasaron moitas cousas. A educación primaria e secundaria, as adaptacións para a súa deficiencia visual conxénita, o ciclo de FP en Administración e Finanzas, as primeiras veces diante dun micrófono, asimilar as dificultades dunha diversidade funcional, superalas, o programa Grandes Vozes do Nosso Mundo, o amor pola radio.

Xornalismo

O entrevistado

Marco Pereira Oliveira

Marco Pereira Oliveira

Burela, 1993. Estuda o seu primeiro ano de Xornalismo en Compostela. A Assembleia Nacional Galega acaba de nomealo Estudante Galeguista do Ano. Marco abre a primeira edición deste recoñecemento que valora "o uso da língua galega na mocidade, a excelência académica e o compromisso e ativismo em defesa da cultura e da sociedade galega". Antes de chegar a este punto, pasaron moitas cousas. A educación primaria e secundaria, as adaptacións para a súa deficiencia visual conxénita, o ciclo de FP en Administración e Finanzas, as primeiras veces diante dun micrófono, asimilar as dificultades dunha diversidade funcional, superalas, o programa Grandes Vozes do Nosso Mundo, o amor pola radio.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário