Este domingo a Consellería de Sanidade informou ao mediodía de que na Galiza se tiñan rexistrado 2.925 positivos de covid, deles, 122 pacientes estaban ingresados na UCI e 707, hospitalizados en diferentes unidades. Até ese momento, contabilizábanse 61 falecidos a causa da enfermidade e 153 altas hospitalarias.
O seguintes testemuños corresponden a dous médicos de Atención Primaria, un deles, traballa no centro de saúde que da servizo a un barrio nunha gran cidade; o outro, traballa nun centro de saúde dunha vila mediana. Ambos están en contacto no día a día con casos de sospeita de covid.
Os primeiros avisos que nos mandaron na última semana do mes pasado ou na primeira deste mes de marzo daban instrucións bastante vagas e falaban de medidas moi laxas. Como este [que reproducimos abaixo] que di que sen síntomas pódese facer “vida normal” e non se precisa “tomar medidas”. Este mandouno o SERGAS. Eu fixen un cartel que coloquei no meu centro e mirábase con desconfianza. Nel pedía que se deixase de acudir ao centro para consultas que se puidesen adiar. Había cousas que indicaban que había que potenciar o distanciamento social. Dáme a impresión que se actuou tarde. [médico Atención Primaria nunha vila]
[m. vila] Hoxe [martes desta semana pasada] tivemos un cambio nos protocolos. Xuntaron varios centros de saúde e hai moito traballado administrativo. Todos os días a consulta é a mesma xente, cincuenta ou sesenta persoas. Chámalas unha a unha por teléfono. Tes que resolver outras cousas: receitas, sintrón… Chegaron tamén as primeiras confirmacións de casos positivos de coronavirus. Estanse a facer máis probas, por iso aparecen.
[médico Atención Primaria nunha cidade] Habilitamos na planta baixa un espazo dedicado á atención das persoas que veñen con sospeita de contaxio. No meu centro avisamos para que todo o que fose posíbel adiar, se adiase. Falo de consultas de enfermaría, receitas. E facemos outro tipo de intervención de xeito telefónico.
[m. cidade] No circuíto específico para as sospeitas dispoñemos dos equipos de protección, a verdade é que non os utilizamos moito nas primeiras semanas, non os necesitamos. En recepción xa lle fan unha serie de preguntas antes de derivalo a esa consulta específica. Se ten tose, febre, se tivo contacto… Non temos ningún médico asinado ao servizo, avísase ao médico de cabeceira habitual. Aí explórase e valórase e, en función diso pídese ou non a realización do test. A petición facémola a Medicina Preventiva. E o normal estes días é que programen a proba para esa unidade á que se pode achegar en coche.
[m. cidade] Procuramos ter a menor presenza física posíbel, pero a xente segue enfermando doutras cousas, claro. Non temos pacientes graves, pero hai avisos a domicilio, pacientes encamados, algúns precisan curas… Temos que ir ás casas, pasar visitas, coas medidas de protección necesarias. Utilizamos EPIs, luvas e máscaras cirúrxicas. Estamos para atender unha poboación dunhas 14.000 persoas. Somos 6 médicos pola mañá e dous pola tarde. Sabemos que no barrio hai algúns casos de positivos, pero até onde eu sei, foron diagnosticados fóra do noso centro. Coñezo un caso dun hospitalizado e varios de xente en corentena na casa, mais están ben.
[médico Atención Primaria nunha vila] Faltan EPIs, máscaras hai… sendo obxectivo, non houbo falta de material. Había certa preocupación por se non chegaba, mais non houbo escaseza até o momento. O noso centro é moderno, dispón de dúas entradas e, ademais, con porta dupla. Todos os casos que veñen con problemas respiratorios agudos e tose, xa se separan xa desde a entrada. Fixemos un equipo especial para os covids. Estamos dous médicos do centro e agora coa fusión, engadiuse un máis por cada un dos outros dos centros. Estamos catro máis o persoal de enfermaría. O resto de médicos e enfermeiros están noutra planta. Case todo o que tratan é por teléfono.
[m. vila] Imos ver como vai evolucionando o asunto de xuntar toda a atención aos covids de varios centros de saúde nun só centro. Aquí xuntáronse tres, e obrigas á xente doutros concellos a ter que coller o coche e vir até aquí, case á mesma distancia que teñen ao Hospital. Supoño que a Atención Primaria neste caso está a funcionar un pouco para aliviar aos hospitais. Nunha cidade penso que ten máis sentido porque as distancias non son tan grandes.
[médico Atención Primaria nunha cidade] Na Atención Primaria, que era a porta de entrada o sistema, a vida cambiou moito. Antes tiñamos unha sobrecarga de traballo en asistencia presencial, agora é fundamentalmente unha asistencia telefónica.
[m. cidade] O sistema sanitario non está deseñado para este tipo de actuacións, así que estamos diante dun test de estrés. Tendo isto en conta, penso que a resposta do sistema está sendo boa. E a poboación tamén está respondendo ben, entenden que haxa que demorar probas. Ninguén puxo problemas por iso. O sistema terá que resistir até que cheguemos ao pico, pero por oitos modelos matemáticos que se apliquen, só saberemos que teremos chegado aí cando a curva empece a estabilizarse e descender.

“Estamos estresados, preocupados, hai moita xente que o está a pasar mal, xente que se vai o paro, outra que ten medo de ir traballar e piden a baixa. Hai moito medo na sociedade.”
[médico Atención Primaria nunha vila] Os números reflicten a nosa capacidade de ver esta pandemia. O incremento esta sendo moi moderado, digamos, se nos comparamos con Madrid, por exemplo. Nos estamos vivindo nunha especie de illa. De momento. Estamos estresados, preocupados, hai moita xente que o está a pasar mal, xente que se vai o paro, outra que ten medo de ir traballar e piden a baixa. Hai moito medo na sociedade.
[médico Atención Primaria nunha cidade] Penso que nós aquí na Galiza corremos menos risco. Entendo que os problemas de Madrid ou Barcelona teñen a ver coas grandes aglomeracións de poboacións, moita xente que vive moi xunta, grandes infraestruturas de transporte colectivo onde a transmisión era moi sinxela ao comezo e onde vén moita xente doutros países e puido entrar por calquera sitio. Aquí, penso, o número de contaxios e falecidos debería ser moito menor.
[m. cidade] Hai medo, mais tamén existe un certo sentido solidario de que sairemos disto se estamos todos xuntos. Polo que nos toca aos sanitarios, temos que asumir que esta é a nosa profesión e ten os seus riscos. Asumilo non é fácil, e menos nunha situación destas, porque o medio tamén é moi contaxioso. E hai decisións que tomar que son moi complexas, se só queda un aparello e dúas persoas que entubar, por moitos protocolos e criterios, iso é duro.
[médico Atención Primaria nunha vila] Eu vivo case no centro da vila, todos os días hai eses minutos de aplausos. A xente diche que te coides. A xente estase a portar ben. As medidas están funcionando ben. Os froitos do confinamento veranse nestas dúas semanas. Tampouco quedaba moita actividade que pechar, pero si, vexo ben o tema da construción.
[médico Atención Primaria nunha cidade] Coas medidas o que se persegue non é impedir que chegue o virus, que xa está aquí, senón que circule e provoque un elevado número de contaxios de maneira simultánea e iso poida colapsar servizos clave neste caso como son as Urxencias, as UCI e os servizos de Medicina Interna e Infecciosos. Entendo que neses servizos están acostumados a tratar bacterias que son moito máis agresivas que este virus, están extremando as medidas, pero saben ao que se enfrontan e como facelo.
[médico Atención Primaria nunha vila] Farían test a un terzo do equipo. Tivemos contacto con dúas persoas maiores, de noventa e pico de anos que acudiron ao centro por outras patoloxías. Despois diagnosticáronse outros a través do teléfono. E hai un bo traballo epidemiolóxico no Hospital, porque en todos os casos determinaron a orixe, dous deles con orixe foránea: en Madrid e en Italia.
“A outra lección que todas e todos debemos tirar é a nosa fraxilidade como especie. Cando estabamos a falar de vivir douscentos anos, case da inmortalidade…”
[médico Atención Primaria nunha cidade] Isto ninguén o prevía. Mais parécenme correctas as medidas que se foron tomando. Illamento, contención máis intensiva, estado de alarma… Pero os profesionais que están en maior risco non somos nós; son os dos hospitais, nas UCI e nas Urxencias, así como nas residencias de maiores. Penso que as medidas quitaron moito traballo dos centros de saúde, temos analíticas que non se poden demorar, controis de sintrón e demandas puntuais normalmente por cousas menores.
[m. cidade] Termos un sistema sanitario público forte, ben dotado e con profesionais ben formados, e con acceso a toda a poboación é unha bendición… pero eu iso xa o sabía. Nos Estados Unidos de América, por exemplo, e lamentabelmente, estou convencido de que hai un pozo negro no que caeu xente que está contaxiada e non pode facer probas porque non ten cartos para pagala. Aquí non pasa iso. Toda a poboación ten acceso e iso protéxenos. Esa debería ser a primeira conclusión que tiren os políticos que cuestionan este sistema de cara ao futuro. Porque no futuro, cando pase isto, seguirá habendo tuberculose, gripe e enfermidades crónicas.
[m. cidade] A outra lección que todas e todos debemos tirar é a nosa fraxilidade como especie. Cando estabamos a falar de vivir douscentos anos, case da inmortalidade… de súpeto aparece un bicho que nin sequera é un bicho, é un virus que precisa parasitar células humanas para sobrevivir, bota abaixo con todo iso.

