"Non me produce máis medo ca outras patoloxías antes"

Testemuños desde a primeira liña (I)

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informaba hoxe, 16 de marzo, de que 9 pacientes positivos por coronavirus permanecen ingresados en UCI (1 máis co día anterior), 49 están en unidade de hospitalización (16 máis) e 181 no seu domicilio (33 máis). En total, realizáronse 1.680 probas de diagnóse, 290 máis a respecto das que se rexistraron até o día anterior.

O seguinte testemuño anónimo corresponde a unha enfermeira con máis de dez anos de experiencia que presta os seus servizos nun hospital dunha cidade galega no que hai pacientes ingresados con coronavirus.

A UCI limpa é como se lles chama nalgún sitios ás unidades que non son de referencia. Así que hai dúas UCI no meu hospital. Xa estaban de antes. O que se fixo foi determinar que os casos de coronavirus ingresasen naquela. Nós atendemos a UCI onde non están os covids. A outra UCI está nunha planta distinta á nosa.

Empezamos a recibir información hai unhas semanas. Penso que foi cando se empezaron a detectar os primeiros casos en Madrid [o primeiro caso en Madrid foi anunciado o martes 25 de febreiro] que chegaron circulares ao correo electrónico con indicacións sobre que tipo de máscara había que utilizar. Está a típica máscara cirúrxica, que é verde por diante e fina, de papel, esas son as que utilizan habitualmente. Esas só serven para protexer aos demais da nosa persoa. Se eu estou contaxiada, poño iso e transmito menos. Mais non me vale para eu non coller nada… O que nos dicían era que había que empezar a utilizar as FFP2 en porta, que son as Urxencias, e nas UCI con pacientes de coronavirus. Teñen máis filtros para o paso do aire e son as que recomenda o Goberno. Son as típicas para usar en casos de patoloxías respiratorias que son contaxiosas.

Por riba destas están as FFP3, que aínda non se está a utilizar porque o Goberno di que en principio non é necesaria, que sigamos coa FFP2 que é a que se está usando en Europa.

Tamén nos mandaron utilizar batas impermeábeis, dous pares de luvas e gafas pechadas polos laterais. Iso foi o que nos dixeron cando comezaron os casos en Madrid.

Tamén chegou algunha información algo difusa sobre normas básicas e os protocolos que se estaban a seguir noutros sitios. Por dicilo dalgún xeito, era como a Constitución, o básico, mais iso había que desenvolvelo en normas concretas e específicas porque cada sitio é diferente e ten unha estrutura diferente. Digamos que o plan básico tivémolo a primeira semana de marzo.

Empezamos a recibir instruccións máis concretas a partir de que se soubo que á UCI dos covids chegara un posíbel caso. O ingreso producírase durante a fin de semana, que transcorreu con normalidade. Pero o luns, día 9, cando chegamos había alí certo barullo formado por este tema.

En realidade cando se estableceu o protocolo específico no meu hospital foi entre o día 9 e o día 10 de marzo, cando houbo as reunións masivas co persoal e se definiu como había que mover os pacientes polos corredores, a través de que elevadores e eses detalles. Está todo regulado.

Na nosa UCI seguimos coas máscaras cirúrxicas, pero a nosa responsábel ten gardadas as FFP2. Faino porque houbo sitios onde misteriosamente desapareceron. Non tería problema en facilitárnolas, porque xa vimos que no caso aquel de posíbel covid, que ao final resultou negativo, alí había material dabondo.

Sei polas compañeiras da outra UCI que teñen de todo. Non hai problema co material. Poderá ser mellor ou peor. Pero hai. Non temos, claro, o escafandro dos chineses, esa coa que van completamente pechados. É a que temos aquí en España. Que eu saiba, polo que comentan, nas UCI estamos ben de material. Pero abaixo en Urxencia seica hai máis problemas porque son moito persoal.

As máscaras duran oito horas. Ti colles unha FFP2, poslle teu nome e cando pasan as oito horas volves por outra. Sen problema. Urxencias é diferente. Hai moitísimo máis persoal e as máscaras acábanse antes.

Polo de agora non hai problema de camas na UCI dos covids, o circuíto está feito e non está ocupado. A ver como vai a cousa esta semana. En principio sitio hai. Polo de pronto, que eu saiba non é algo diferente ao que pasa cando hai unha gripe.

Nós somos contactos. E a orde do Ministerio de Sanidad, xa non é cousa da Consellería de Sanidade, di que os contactos que non xeren síntomas non se lles fai proba. E seguen traballando. Até hai uns días, todo contacto pasaba inmediatamente a estar en corentena. Agora non. Ti es un contacto e tes que seguir traballando. Coidámonos nós e coidamos do resto. O que che din é que tomes as medidas necesarias, a máscara, as luvas… Iso si, estamos moi avisados para que no momento que teñamos síntomas advirtámolo para que se nos fagan as probas. Pero, por protocolo, a todo contacto sanitario non se lle fai. A verdade é que non estou moi preocupada por esta cuestión. Teño claro que non ten sentido mandar para a casa a todos os sanitarios que tivesen contacto cun positivo. O que si ten sentido é que todo o mundo se protexa e, se tes síntoma, avisar.

Houbo xente que se foi de corentena por ter sido un contacto, pero estou foi antes da semana pasada. Esta última semana estamos todos traballando. Que eu saiba, ningún compañeiro meu está de baixa.

A idea é que a nosa UCI quede como UCI limpa para atender outras patoloxías que non sexan os covids. Polo de pronto a nosa supervisora está moi enriba de nós. Témolo todo claro. E o que fixo falta, sempre o houbo. A supervisora danos toda a información. Supoño que o que lle contan desde arriba, o que lle afecta a ela, claro, non o global. É lóxico que se non imos recibir os covids non teñamos unha información tan precisa.

En Urxencias andan.. non exactamente en obras, están modificando un pouco a distribución dos espazos para recibir os covids por outra vía a parte do resto de pacientes. En calquera caso, desde arriba estase a preguntar que fai falta, para que non falte de nada. A día de hoxe podemos resolver ben cos medios que tempos. Pero hai que estar preparadas.

Nas UCI vivimos como nunha nube. Atendemos os pacientes que temos. As portas están pechadas. Se vén xente de fóra, é un auxiliar o que lle ten que abrir a porta. O que eu vexo é están entrando acompañantes dun en un. Creo que non temos problemas con iso. Os pacientes non protestan e as familias tampouco. As Urxencias están practicamente baleiras. Non hai a masificación habitual. Sei que nos Centros de Saúde teñen máis problemas e non contan con tantas medidas de protección. En xeral, hai máis respecto. Alégrame moito. Será tamén medo, pero por unha cousa ou por outra, o caso é que está pasando algo que non pasaba.

Nós, o persoal, seguimos as informacións e o que están a facer noutros países. Vendo o que utilizan e o que non utilizan, como se moven, que lles pasa… É para saber a que nós imos enfrontar cando chegue. Vemos que traballan con certa normalidade como se traballa cos pacientes de UCI con problemas respiratorios.

É certo que se espera un aumento de casos para estas dúas próximas semanas e logo un freo como consecuencia das medidas de confinamento. Teremos que ver como vén. Apandar co que vaia entrando.

Agora hai que lle insistir á xente con cuestións de educación sanitaria. Que laven as mans, que non haxa concentracións masivas, nin nos centros de saúde… Eu vou traballar e cando chego deixo a roupa e métome unha ducha. Pasan as horas e pensas: ‘sigo ben’… Non me produce máis medo do que me puideron producir antes outras patoloxías.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Sitios de interese

Ministerio de Sanidade

Guía COVID-19

Consellería de Sanidade

Consulta online Coronavirus

Consellería de Sanidade

Como protexernos

Teléfono de información

900 400 116

Testemuños

“A humanidade acaba de receber o que pode ser considerado como o maior alerta da História”

“Uma economia é simplesmente o jeito que tomamos conta um do outro, que todo trabalho real é um trabalho de cuidado. Como podemos convencer uma população moralista que a coisa mais importante a fazer agora é trabalhar menos?”, diz David Graeber à revista Disenz numa das últimas entrevistas do pensador britânico, que morreu a 2 de Setembro, e na qual reflecte sobre a pandemia e a sociedade do trabalho, entre outras questões.

Así colapsa un centro de maiores

Esta é a reconstrución en base aos testemuños de familias e traballadoras dos dez días nos que se desatou a crise na primeira residencia de maiores galega que sufriu un brote masivo. Entre o 18 e o 27 de marzo o virus cambiou para sempre a Residencia San Carlos de Celanova.

A Xustiza alcanza á xestión das residencias de maiores

A familia dunha anciá falecida nun centro da Coruña presenta unha querela contra dous altos cargos de Política Social mentres a Fiscalía de Ourense toma declaración ás traballadoras das residencias de Celanova e O Barco.

Deixe um comentário