"Todas as loitas no rural comparten un obxectivo, que a xente non teña que marchar"

ENTREVISTA | Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

E. Dobaño | A Coruña, 7 de febreiro. Aurora Sola fai un descanso este xoves pola mañá durante o reparto de avisos da manifestación en defensa da sanidade pública galega que se celebrará o domingo en Compostela. Hai apenas uns días que concluíu o pechamento de traballadoras e mulleres no Hospital de Verín. Recuperaron o servizo de paridoiro, chegaron as pediatras e este venres naceron unha nena e un neno. Mais o traballo de Aurora e a xente da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei non remata aquí. Por iso anda a repartir carteis pola contorna e organizar a viaxe a Compostela. En Verín continúan a reclamar persoal, faltan enfermeiras, auxiliares, celadores; faltan médicos, anestesistas, cirurxiáns, traumatólogos; perderon o servizo de dermatoloxía… Toca seguir.

Que lle parece a prohibición por parte do Sergas de colocar carteis ou pegar carteis críticos coa xestión da sanidade nos hospitais e centros de saúde?

Parece que o Sergas, ou a Xunta, pensa que ten patente de corso. Prohibe expresións para nada ofensivas, mais utiliza os espazos e decisións como esta última aquí en Verín como parte da súa campaña electoral. Penso que é soberbia, prepotencia e que se burlan de nós.

Que lle diría esas mulleres da Costa da Morte que viron marchar unha pediatra e poden pensar que a solución para Verín foi desvestir un santo para vestir outro?

A decisión da pediatra foi voluntaria. Non foi un traslado. Pero o que lles digo e que tomen o exemplo desta comarca. Ás mulleres de Cee dígolles que se defendan igual que nos defendemos en Verín, que protesten, que salgan á rúa… porque teñen os seus dereitos e os argumentos que avalan a súa reivindicación.

Por que cre que gañaron esta batalla pola reapertura do paridoiro e a recuperación das urxencias pediátricas? Como conseguiron esa unión entre traballadoras e usuarias?

Porque levabamos anos loitando por recuperar servizos e desde a Xunta fixéronnos promesas que nunca se cumpriron. Así que, cando foi o das urxencias pediátricas e o paridoiro, a xente fartouse. Foi o colmo. Despois, está o noso traballo, o da plataforma. Fomos moi persistentes. Houbo moitas accións convocadas polas traballadoras que a xente apoiou. Penso que esas dúas cousas, o anoxo e a persistencia, conseguiron a unidade. Tiñamos claro que íamos insistir até sermos escoitadas. E esa determinación une. A xente sentiuse representada.

Pensa que a Xunta foi áxil para dar unha solución o problema do paridoiro porque Verín estábase a converter nun catalizador de outras moitas loitas en defensa da sanidade?

Pode que si. O certo é que o caso do paridoiro e a manifestación de novembro, que fora convocada antes de que se anunciara o feche, xurdiron nun contexto no que se está a denunciar en moitos lugares a falta de medios en hospitais e centros de saúde. Pero o que máis influíu no caso de Verín é que esteamos case xa en época electoral e ao PP lle preocupa perder votos nesta comarca. Valoraron o que suporía para o resultado na provincia de Ourense sufrir un golpe forte en Monterrei. Sabemos que houbo presión por parte dos alcaldes. E tivemos unha reunión co presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, e el mesmo dixo que o PP de Ourense estaba totalmente en contra do feche do paridoiro e que así llo manifestou a Feixoo. Agora ben, todas estas deberon ser xestións en privado. Desde logo, os alcaldes do PP non estiveron no pechamento no hospital. Nin se pasaron. A actitude dos partidos da oposición foi ben diferente. Estámoslles agradecidas, pois fixeron moita forza no Parlamento.

“Ás mulleres de Cee dígolles que se defendan igual que nos defendemos en Verín”

Que aprenderon dos responsábeis do Sergas que lles poida servir para futuras batallas?

Cando nos reunimos co conselleiro en Ourense saímos convencidas de que non se ían botar atrás. A decisión estaba tomada e punto. Non ían recuar. Penso que foi unha decisión política, pode que pensando en aforrar recursos a conta dunha comarca.

Que opina de José Luis Doval, o xefe de xinecoloxía da Área de Ourense?

Foi unha decepción para a toda a xente que o coñecía como un excelente profesional.

Penso que foi utilizado politicamente.

E de Félix Ruibal, o xerente da Área?

Para nós, el é o máximo responsábel de todo o que pasou. Pedimos o seu cese. Veu a Verín e non escoitou nin as nais nin as profesionais. Viu que a comarca estaba en contra da súa decisión, pero non escoitou. Agora que volve estar aberto o paridoiro, hai que lembrar que Ruibal sempre se opuxo. Ademais, descualificou ás profesionais dicindo que perderan pericia e que os partos non era seguros aquí.

E que pensa de Vázquez Almuiña, o conselleiro?

Avalou a decisión que se tomou en Ourense e aprobou o feche do paridoiro. Deu o visto bo a fechar un servizo imprescindíbel para esta comarca. E fíxoo sen escoitar á xente.

Que vai facer agora a plataforma para impedir que a loita se resinta despois deste éxito e tendo en conta que ides seguir reclamando que se restablezan outros servizos?

Despois da manifestación do domingo, esperaremos a que pase o Entroido. En marzo porémonos a traballar. Haberá unha asemblea aberta. Valoraremos o sucedido nestes últimos meses e poñeremos obxectivos a futuro. A xente está moi unida e toda a comarca está moi sensibilizada a respecto das eivas na atención sanitaria. Non pararemos até que se repoñan servizos e se reforce o persoal. A plataforma está moi viva.

O domingo ides ser protagonistas, que mensaxe levaredes á manifestación?
O que nos gustaría é que o berro de Verín non se pecha se estenda por toda Galiza. Desde A Mariña até O Barco. A Mariña non se pecha, O Barco non se pecha… En todas as loitas. É algo que uniu e que pode unir como símbolo da defensa da sanidade pública neste país.

O 1 de marzo o movemento feminista galego concentrará a súa xornada de reivindicación en Verín. Canta importancia lle dades desde a plataforma ao apoio que tivestes deste movemento?

Foi un apoio moi importante. Elas estenderon a nosa loita. Aquí, foi un respaldo moi forte para todas as nais que se viron agredidas. E o 1 de marzo servirá para que as mulleres e as traballadoras que conseguiron que o paridoiro de Verín volvese abrir terán ademais un recoñecemento real, in situ, por parte do feminismo galego. E estará ben como reivindicación do rural, de que precisamos servizos, futuro…

Que ten que ver a loita de Verín coa loita que nestes meses se está mantendo, aí ao lado, na Limia, contra a contaminación das augas?

Ten que ver coa resistencia a políticas que o que conseguen é destruír o rural, baleiralo. Todas as loitas no rural comparten un obxectivo, que a xente non teña que marchar. Nese sentido, todas estas nosas reivindicacións son unha mesma loita. E en Verín demostrouse que as mobilizacións masivas e persistentes serven para cambiar as cousas.

A entrevistada

Aurora Sola

Aurora Sola

Verín, 1960. Nai e avoa. Portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. Actualmente no desemprego. Traballou como xornalista para Faro de Ourense, a edición provincial de Faro de Vigo.

Defensa da Sanidade Pública de Monterrei

Verín

Verín Non Se Pecha

O Sergas anuncia que prevé a reapertura do paridoido “nos primeiros días” de febreiro.

Feixoo salva Verín de Feixoo

A primeira liña de batalla na defensa da sanidade pública diante do asalto privatizador estivo estas semanas en Verín. Aquí, o relato dunha crise na que hai que atender á cronoloxía para entender como Feixoo salvou Verín de Feixoo. O que non explica é se Verín se salvará do PP.

A entrevistada

Aurora Sola

Aurora Sola

Verín, 1960. Nai e avoa. Actualmente no desemprego. Traballou como xornalista para Faro de Ourense, a edición provincial de Faro de Vigo.

Verín

Verín Non Se Pecha

O Sergas anuncia que prevé a reapertura do paridoido “nos primeiros días” de febreiro.

Feixoo salva Verín de Feixoo

A primeira liña de batalla na defensa da sanidade pública diante do asalto privatizador estivo estas semanas en Verín. Aquí, o relato dunha crise na que hai que atender á cronoloxía para entender como Feixoo salvou Verín de Feixoo. O que non explica é se Verín se salvará do PP.