Touro acumula contexto

Teima | Como se para unha mina – Capítulo 5 (Touro)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Touro, 2 de novembro. Pode que hoxe na Limia se constitúa a seguinte plataforma veciñal, desta volta, para denunciar o problema da contaminación do río, consecuencia da presión da gran industria agroalimentaria. Por todo o país proliferan os colectivos que se defenden contra as agresións das que ninguén nos defende: en Coristanco foi antes a mina e agora os eólicos, na bisbarra de Compostela o lixo, na Limia os xurros e os herbicidas, en Touro a mina. En Touro parou onte Lidia Senra, a eurodeputada, que esta mañá andará de visita por Vilar de Santos, na Limia. Senra abrigou a charla dunha compañeira de loitas.

Yayo Herrero é unha especie de Naomi Klein española. De feito, ten compartido algunha vez escenario coa xornalista canadiana. Como Klein (ou Susan George) a nivel global, Herrero dedícase no Estado a espallar unha boa nova: outro mundo é posíbel. Lidia Senra (e outras) tentan facer o mesmo no país.

A conferencia de Yayo Herrero en Touro ten un alto valor propagandístico, que é o que precisa a loita que aquí manteñen as veciñas e veciños, sempre menos dos necesarios, que esta noite escoitan á activista madrileña crear contexto, dotar á pelexa contra a mina de cobre que quere reactivar Atalaya Mining de argumentos, inxerila nun movemento global de resistencia. Contarlles, ao fin, que non están soas, que hai moitas outras ollando para estas aldeas. Herrero vén rachar esa sensación de illamento e tamén aplacar a angustia. “O medo só é paralizante se non sabemos cara onde saír correndo”, di ao final.

Herrero fala unha hora e pico sen mirar os papeis. Fía un discurso persuasivo que se sustenta nalgunhas premisas compartidas: somos dependentes do ecosistema e dos nosos corpos, pero o capitalismo e a súa cultura desenvolvéronse de costas ás bases materiais da vida humana, este modelo económico declarou unha guerra á vida, porque nada pode crecer dun xeito ilimitado: nin un bosque nin unha cidade nin este sistema.

“Vou facer un exercicio de amargura”, advirte. E relata unha cadea de prognósticos aterradores: o pico do petróleo en 2006, o do uranio, para 2060, a taxa de retorno enerxético das renovábeis é un terzo inferior á do petróleo, a da enerxía solar, dez veces menos, estas fontes poderán atender as necesidades humanas mais non ao ritmo de consumo actual. “Haberá que aprender a vivir con menos enerxía”. E no contexto a loita de Touro toma sentido: “para levar adiante esta transición enerxética precísanse minerais, minerais para facer placas solares, coches eléctricos, desenvolver a cuarta revolución industrial… e por iso as loitas polo control do solo intensificouse, asistimos a unha pugna polos recursos, pero o cobre tamén pasou o seu pico, o do litio e o do platino están próximos”.

Yayo Herrero sitúa a audiencia do gran salón do Pazo de Andeade fronte a unha disxuntiva: ou solo para producir ou solo do que extraer. E sinala que nesa guerra contra a vida tamén van ganando os ricos, que a pegada ecolóxica dun país como o de Kuwait é tres veces a de Noruega, pero se todos vivísemos como os noruegueses, farían falta catro planetas.

Di Herrero que nesa guerra se saquean recursos e se expulsa xente da súa terra. O relato empeza a resultar próximo aquí. E di máis: “a verdade material do capitalismo global é puro fascismo, hai unha concepción supremacista, e o que daquela foi a loita polo chamado espazo vital, hoxe devén na loita por acumular recursos que permitan soster esa pegada ecolóxica”. No planeta de hoxe volve haber xente prescindíbel, “pero no Norte os recursos do Sur seguen entrando, o que non entran son as persoas”.

“A verdade material do capitalismo global é puro fascismo, hai unha concepción supremacista, e o que daquela foi a loita polo chamado espazo vital, hoxe devén na loita por acumular recursos que permitan soster esa pegada ecolóxica”, di Yayo Herrero.

E conclúe o trazo cunha constatación desalentadora: ás esquerdas non fixeron unha análise material completa, estamos nun capitalismo estancado e mentres a clase traballadora caeu na “fase da concertación”, as políticas públicas de esquerda seguen insistindo en que hai algo que repartir. “Esas políticas son inútiles”, sinala, “só van abrir a porta ao neo-fascismo”.

No salón grande do Pazo de Andeade medio cento de veciñas e veciños convertidos en activistas para que unha mina non os enterre en vida buscan alento en Yayo Herrero. Acumular contexto está resultando asfixiante. Alguén entre o público di que, visto o visto, é mellor apagar e marchar. Pero Herrero, e todas as mulleres que a abrigan na charla, non se renderon aínda.

Yayo Herrero, onte no Pazo de Andeade, con Eduardo, veciño de Arinteiro e un dos impulsores da plataforma contra a mina.

“Teremos que aprender a vivir con menos e cun reparto máis xusto. O século XXI porá a proba a moral da Humanidade. Ou se produce un reparto radical da riqueza ou o que teremos será fascismo”

“Nós somos quen de resistir crises e, tamén, de crealas. Sabédeo”, advirte a activista. E anima a loita pola “hexemonía”. Metéronnos en tres guerras: a guerra convencional que se libra en Siria e noutros lugares do mundo polos recursos, a guerra polos dereitos sociais e políticos que se libra en todo o mundo, e unha guerra antropolóxica.

“Na disputa da hexemonía económica é onde imos máis avanzadas. Non é certo que non haxa alternativa. A escala local, a escala meso e a escala macro hai propostas elaboradas desde hai tempo. Igual non temos a folla de ruta completa, pero si sabemos como mudar o mix enerxético, como producir alimentos saudábeis, como cambiar o modelo de transporte, as urbes, as casas… Pero todas elas atacan ao poder e aos seus beneficios. Hai que ser conscientes de que isto é un conflito e que os que acaparan poder e riqueza non se van desprender delas con agrado”, di Herrero.

Por iso a política, pero a política hoxe está chea de trampas: “A min non me dá igual quen goberne, pero ou temos maiorías organizadas que queiran e desexen os cambios, ou aínda que cheguen as persoas dos nosos soños ás institucións, non van poder facer practicamente nada. Primeiro porque as institucións xa son neoliberais en si mesmas e están deseñadas para impedir cambios. Hai que facer desobediencia institucional, e para facer desobediencia institucional fan falta maiorías sociais que queiran e desexen os cambios”.

O combate máis complexo por cada unha das tres hexemonías dáse sen embargo no eido da hexemonía cultural. “Teremos que aprender a vivir con menos e cun reparto máis xusto. O século XXI porá a proba a moral da Humanidade. Ou se produce un reparto radical da riqueza ou o que teremos será fascismo”. As mulleres e os homes de Touro que se moven contra a mina xa coñecen, por se non coñecían dabondo, cal é o mapa do mundo no que pelexan. Os mapas son necesarios en calquera batalla, tamén para parar unha mina.

As redes de Touro

Laura R. Cuba | Compostela | 2 de novembro.  As redes sociais convértense nunha trincheira mais desde a que loitar e concienciar o país sobre o crecente problema da megaminaría na Galiza. Na Plataforma contra a mina de Touro e O Pino téñeno claro: “Vivimos nunha sociedade na que estamos conectados cada día co mundo a través dunha pantalla, e fomos conscientes desde un principio da importancia e impacto que poden ter as redes á hora de difundir un problema como o noso”. Quen fala é Rubén Souto Santo, responsábel da estratexia de comunicación dixital da plataforma, con presenza en Facebook e Twitter.

Desde o principio, hai máis dun ano, o colectivo abordou a necesidade de loitar tamén no terreo comunicativo e decidiu crear o logo co que axiña sería identificado –unha recoñecíbel caveira sobre unha paisaxe con fondo vermello–. Sen unha experiencia previa nesta clase de organizacións e mobilizacións, a veciñanza de Touro e O Pino, unha agrupación de persoas “preocupadas, con diferentes traballos, posicións e coñecemento do proxecto”, tiña un nexo en común, unha idea fixa e clara. “Debemos unirnos e traballar para evitar que este proxecto se leve a cabo”, resume Souto.

Cada quen na plataforma aporta o seu gran de area, “non só a nivel formativo, senón tamén no tempo que dispón”. No caso das redes sociais, é unha persoa cunha profesión ligada aos medios de comunicación quen se ofreceu –no momento inicial– a realizar o labor de tecer e estender o alcance do colectivo na Internet. O deseño desta primeira estratexia foi evolucionando a medida que a plataforma ía medrando e, con ela, a cantidade de xente involucrada que participa, colabora e aporta contidos e axuda para estas tarefas. Agora mesmo, outras dúas persoas comparten responsabilidade con Rubén Souto na xestión das redes sociais.

A plataforma defínese como “un espazo apolítico e de loita”, un principio que filtra ás súas estratexias dixitais. Conscientes da necesidade de ser unha fonte fiábel, procuran a máxima imparcialidade e unha base documental forte.

Compaxinando cos propios traballos, o equipo coordínase a través dun “contacto cibernético continuo”, botando man da intuición e guiándose sempre pola resposta do público. O crecemento nas redes foi exponencial e paralelo ao da propia plataforma, que rapidamente comezou a incorporar novos membros. O boca a boca e a partilla nas redes sociais foron responsábeis directas do éxito. “Paralelamente a iso está tamén o vídeo que Lentes Diverxentes realizou para promover a manifestación e o que realizou a plataforma de Arousa”, enumera Souto, quen rememora a repercusión nacional das pezas e a estampa inesquecíbel “do Obradoiro a rebentar, deixounos a todos sen palabras. Foi unha das grandes manifestacións galegas da década. Un día no que literalmente as redes ferveron: máis de mil seguidores novos, likes e compartidos a moreas”. A día de hoxe a conta en Twitter –@minatouropinono–, activa desde outubro do ano pasado, vai por riba dos 2.200 seguidores. En Facebook, superan xa os 7.700.

minaría, Touro, Obradoiro, Compostela

A plataforma defínese como “un espazo apolítico e de loita”, un principio que filtra ás súas estratexias dixitais. Conscientes da necesidade de ser unha fonte fiábel, procuran a máxima imparcialidade e unha base documental forte que sempre está apoiada por informacións externas ou contidas no propio proxecto. Os perfís de Facebook e Twitter de son logo unha xanela na que as usuarias e afectadas se poden asomar para ver “todos os eventos nos que participamos, os avances, as trabas e o estado dos nosos ríos, amosado de xeito documental”, sinala Souto. Quitando aquelas xornadas nas que a plataforma participa nalgún evento ou manifestación, o equipo de redes limita o número de publicacións relevantes a dúas diarias “para que a información teña presenza e dure no tempo”, contan.

“A verdade é que contamos cunha masa incríbel, cada membro da plataforma convértese en investigador ou xornalista á hora de atopar recursos como novas, publicacións no DOGA ou documentos gráficos que utilizamos na rede”, detalla Souto. Perante a cifra de charlas, presentacións, proxeccións, exposicións e actos diversos nos que participa a plataforma, o feito de contar cun dispositivo móbil chega a ser unha baza de valor incalculábel, tornando calquera asistente do colectivo “en xornalistas e cámaras” para a causa. Alén do traballo “non profesional”, desde a plataforma destacan tamén destacan o labor de Xosé Antón Bocixa Rei, xornalista e documentalista. “Converteuse desde un principio na ollada profesional do problema”, destaca Souto. Bocixa, que tamén é creador de Encrobas a ceo aberto, dirixiu o documental Touro – O Pino: a ameaza do cobre e acompaña a plataforma en cada paso. “Sen dúbida, deixará moitos documentos para o recordo, e quizais dentro duns anos poidamos velo e lembrar como conseguimos parar un titán e instar a Xunta a restaurar a desfeita que levamos vivindo trinta anos”, reflexiona o responsábel de estratexias de comunicación dixital.

Coordinación con outras plataformas

As sinerxias da veciñanza seguen tamén o curso dos ríos que acaban por desembocar na ría de Arousa. Alí, co río Ulla, tamén desemboca a contaminación con metais pesados que chega desde Touro. Souto destaca a coordinación coas compañeiras da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. “Levan moitos anos xuntos, traballando e loitando e son un gran exemplo para nós”, engade Souto. O apoio e a consulta mutua adquire unha dimensión multidisciplinar no caso. “Mentres que a nosa misión se focaliza no proxecto da mina, o traballo da PDRA abrangue moitas máis áreas”, recoñece. Noticias, material gráfico, preguntas e dúbidas voan dun extremo a outro. “Aínda que a nosa loita collese notoriedade polas dimensións do proxecto, non podemos esquecer que outros proxectos destrutivos están minando Galiza e son cada vez máis as veciñas que se levantan para loitar”, conclúe Souto, que agora deberá coordinarse tamén con outro grupo no que se veñen de integrar na Rede de Plataformas Compostela Ulla Tambre. Moitas veciñas activistas da rede estaban onte en Touro escoitando a Yayo Herrero.

Deixe um comentário

Deixe um comentário