Teima | Como se para unha mina – Capítulo 9 (Touro)
"Feitos"
A Xunta fai pública a resolución que asume a vitoria da veciñanza e para a mina denegando a Actualización do Proxecto de Explotación e Plan de Restauración da concesión de explotación San Rafael.
Redacción adiante | A Coruña | 15 de abril de 2021. “A Declaración de Impacto Ambiental negativa do ano pasado e agora esta resolución de Minas son dous documentos esenciais para dar ‘carpetazo’ ao proxecto”. explica unha portavoz do colectivo Mina Touro – O Pino NON, que encabezou a loita estes anos. “Todo o traballo das veciñas e veciños que se manifestaron en contra da mina, e os máis de 2.500 escritos de alegacións que se presentaron, axudaron a que isto rematase así. O proxecto tiña pouca concreción, denunciamos a ausencia de plans concretos, a falta de medidas de continxencia, a indefinición do grao de afectación, así como a inadecuación do mesmo á normativa de carácter urbanístico e, en especial, á ambiental e á agraria, ademais da afectación ás augas do dominio público hidráulico.”
A resolución da Xunta ten data do 24 de febreiro de 2021 e está asinada polo Xefe Territorial na Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
A resolución denega 1) a solicitude de aprobación da Actualización do Proxecto de Explotación da concesión de explotación San Rafael, num. 2946, nos concellos de Touro e O Pino, asinado pola enxeñeira de minas Cecilia Trancón Loureiro, e Juan León Coullaut Sáenz de Sicilia, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España en marzo do 2017 “con fundamento na declaración de impacto ambiental desfavorable do 30 de xaneiro de 2020”; e 2) a aprobación do plan de restauración da concesión de explotación San Rafael, num. 2946, nos concellos de Touro e O Pino, asinado en marzo de 2017 por María Castro Villar, licenciada en ciencias ambientais, e Giovanna Lunar Rodríguez, bióloga, “ao corresponder a un proxecto de explotación rexeitado”.
O documento, de 15 páxinas, ofrece una relación dos sucesivos fitos administrativos do proceso baixo o epígrafe FEITOS e seguintes. Este é o relato (resumido) do que pasou segundo a Administración galega:
19/06/1958
Outorgouse a Rafael Sáenz-Díez García a concesión de explotación San Rafael, co número 2946, para mineral de pirita de ferro, nos concellos do Pino e Touro, na provincia da Coruña, cunha extensión de 1828 pertenzas mineiras.
10/10/1974
Modificouse o título da concesión de explotación para incluír o recurso de mineral de cobre. Por resolución do 05/141/2003 ampliáronse os recursos explotables coa inclusión de áridos.
21/07/2011
Outorgáronse as demasías da concesión de explotación San Rafael, núm. 2946 de acordo coa disposición transitoria quinta da Lei 54/1980, do 5 de novembro, de modificación da Lei de minas, con especial atención aos recursos minerais enerxéticos.
09/03/2017
Autorizouse a transmisión da concesión de explotación San Rafael, núm. 2946, do seu entón titular, Explotaciones Gallegas, SL, ao actual titular Cobre San Rafael, SL.
31/03/2017
Eva Portela Gómez en nome e representación de Cobre San Rafael, SL, presentou unha solicitude de aprobación da “Actualización del Proyecto de Explotación vigente de Cobre de Touro” e da “Actualización Plan de Restauración de las superficies afectadas por la Actualización del Proyecto de Explotación vigente de Cobre de Touro”. O 20/04/2017, 11/05/2017, 03/07/2017 e 18/08/2017 presentou documentación adicional á inicialmente presentada.
A solicitude de Actualización do Proxecto de Explotación e Plan de Restauración da concesión de explotación está situada nos termos municipais do Pino e Touro, na provincia da Coruña e propón o reinicio da extracción de mineral de cobre. Indica que os xacementos estiveron en explotación por parte de Rio Tinto Patiño entre os anos 1970/1973 e 1986, período no que se extraeron 23 Mt de mineral de cobre nos ocos de Bama, Arinteiro, Vieiro e Brandelos.
O proxecto de explotación inclúe estudos xeolóxico, xeotécnico, hidrolóxico e hidroxeolóxico; proxecto de voadura tipo, documento de Seguridade e Saúde, estudo de acesos e alternativas de transporte; deseño de planta de tratamento, edificios, instalacións para o subministro de combustible e instalación do lavadoiro de maquinaria, así como proxecto de liña para subministro eléctrico.
O proxecto describe unha explotación mediante minería ao descuberto, por banqueo descendente, empregando perforación e voadura, carga e transporte á planta de tratamento para trituración, moenda e separación de concentrado de cobre.
[Prevese] a explotación de cinco sectores en dez ocos (Bama-Brandelos, Arinteiro, Vieiro, Monte das Minas e Arca) que abranguen seis zonas mineralizadas (…). Supón a mobilización de 267,1 Mt de rocas, 102,7 Mt de mineral cunha lei media de 0,41%, e 164,3 Mt de estéril. A recuperación final segundo proxecto é de 356.464 t Cu. A vida esperada da explotación é de 13 anos de produción e dous máis de produción (un ano adicional de funcionamento da planta a partir de aprovisionamentos) e rehabilitación. O ritmo proxectado é de 5 Mt durante os tres primeiros anos, ascendendo a 8 Mt en adiante.
Os 15 anos se dividen operativamente en oito fases distintas, diferenciadas pola extracción en distintas zonas e a operación de distintas entulleiras e depósitos de estériles de planta. A explotación afecta sucesivamente ás zonas de Arinteiro (anos 1 a 3), Vieiro (anos 1 a 5), Monte das Minas (anos 1 a 4), Arca (anos 2 a 13) e Bama-Brandelos (anos 3 a 12).
O proxecto contempla catro tipos de estériles: estériles potencialmente xeradores de augas ácidas (PAG), estériles non xeradores de augas ácidas (NAG), estériles procedentes da retirada de terras vexetais (que serán reutilizados na revexetación) e estériles de planta, todos eles potencialmente xeradores de augas ácidas.
O proxecto contempla dúas instalacións ou depósitos para a xestión dos estériles de planta (DEP), de utilización sucesiva. A de uso inicial (DEP1) consistirá nunha balsa de estériles de flotación construída en ladeira, denominada no proxecto depósito temporal de estériles de planta; está dimensionada para cubrir os requisitos de xestión de estériles de planta ata dispor da que se usa a continuación (DEP2). A DEP1 está deseñada para unha capacidade final de 34 Mt, en construción simultánea ao seu funcionamento. O dique será construído con estériles NAG, cunhas dimensións finais de 81 m de altura e 3187 m de lonxitude. Contempla drenaxe, recollida e canalización de auga baixo o depósito e o dique, e o depósito impermeabilizado con xeotextil baixo lámina de PEAD.
O DEP2 será construído sobre as cortas xa explotadas de Vieiro e Arinteiro, cunha capacidade de 69 Mt, e cun dique que eleva a cota final do depósito e incrementa a súa capacidade e altura final, de 55 m de altura (74 dende o punto máis baixo) e 2806 metros de lonxitude.
O persoal necesario para operación mineira, incluíndo planta, servizos auxiliares etc. se prevé en 418 persoas na primeira fase (5 Mt/ano) e 391 na segunda fase (8 Mt/ano). Se contempla a operación da mina a dúas quendas, mentres que a planta operará a tres quendas e sete días.
O investimento de financiamento previsto para o desenvolvemento da actualización do proxecto ascende a 1173,3 M€.
O proxecto inclúe un apartado de plan de restauración datado en marzo do 2017 (…)indica unha afección superficial de 690 Ha. En primeiro lugar, contén unha descrición da explotación mineira, da operativa por fases, e do entorno.
[Contémplanse] as seguintes instalacións de xestión de residuos mineiros:
- Primeiro depósito de estériles de planta (DEP1), con capacidade para 34 Mt. Conta cun dique de 81 m de altura e 3.187 de lonxitude.
- Utilización das cortas de Arinteiro e Vieiro como segundo e principal depósito de estériles de planta (DEP2), con capacidade para 69 Mt. Inclúe a construción dun dique para incrementar a súa capacidade, de 55 m de altura e 2.806 m de lonxitude.
- Entulleira PAG en superficie, para 58 Mt.
- Tres entulleiras NAG temporais, que se desmantelan na fase final.
O importe total previsto para a execución do plan de restauración e as medidas correctoras dos impactos ascende a 12.336.806,22 euros.
09/05/2017
Remitiuse copia do expediente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e o 12/07/2017 a documentación complementaria presentada posteriormente. A DXCACC respondeu o 26/07/2017 indicando que o proxecto se atopa entre os supostos recolleitos no Anexo I da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (grupo 2, punto a.1) e polo tanto procede sometelo ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, indicando os organismos aos que debería solicitarlles informe sectorial.
09/08/2017
Iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas, solicitándose os informes preceptivos establecidos polo artigo 23 da Lei 3/2008 ase como os indicados polo órgano ambiental. En concreto solicitouse informe ao Concello do Pino, Concello de Touro, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto Geológico y Minero de España, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega. O 21/11/2017 reiterouse a solicitude de informe peticións aos organismos que non remitiron o correspondente informe no prazo establecido.
18/08/2017
A solicitude de actualización dos Proxecto de Explotación e Restauración, así como o Estudo de Impacto Ambiental da concesión de explotación San Rafael, núm. 2946 someteuse ao trámite de información pública por acordo da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 18/08/2017, publicándose no DOG do 25/08/2017 e no taboleiro de anuncios dos concellos do Pino e Touro Moeche, segundo certificados do 21/08/2017 e 03/10/2017 respectivamente. Durante o período de información pública recibiron un total de 2.588 alegacións.
INFORMES
24/04/2018
A Dirección xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe datado o 24/04/2018 cuxa conclusión incide no baixo nivel de concreción do proxecto, ausencia de plans concretos de medidas de continxencia, e indefinición do grao de afección estimada, tales que impiden a avaliación sobre o Patrimonio Natural e a Biodiversidade. Destaca tamén a existencia dun risco moi alto para poboacións e medio ambiente. Requirindo aclarar estes aspectos.
15/05/2018
O organismo Augas de Galicia, emitiu un informe no que indica que:
“…dende este organismo informase que tal documentación resulta ser insuficiente e non axeitada para poder emitir, en base a ela, unha correcta valoración de todas as posibles afeccións que causaría a execución do referido proxecto sobre o medio hídrico.
Polo exposto, deberanse contemplar, analizar e xustificar na documentación todos os aspectos sinalados no presente informe, incluíndo os expostos nas consideracións dos informes da Área de Calidade das Augas e da Área de vertidos da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e do Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica desta Entidade.
A modo orientativo, e sen prexuízo da potestade deste organismo para demandar en calquera momento calquera outra documentación que se considere necesaria para permitir a correcta valoración de todas e cada unha das posibles afeccións as zonas de dominio público hidráulico e as súas zonas de protección, achégase ao presente informe o Anexo 1: Consideracións documentais orientativas…”
12/09/2018
Alberto Arsenio Lavandeira Adán, en nome e representación de Cobre San Rafael, SL, presentou a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental ordinaria.
25/09/2018
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe que ten carácter favorable, sempre e cando se adopten as medidas correctoras que o mesmo informe propón.
06/02/2019
O organismo Augas de Galicia emitiu un “Informe complementario”, datado o 06/02/2019, coa seguinte concusión:
“Vista a documentación complementaria aportada en relación á “Contestación de Cobre San Rafael, S.L. ao Informe de Augas de Galicia do 07/05/2018” informase que tal documentación fai referencia unicamente as CONSIDERACIÓNS DOCUMENTAIS ORIENTATIVAS referidas no ANEXO 1 do informe de Augas de Galicia emitido o 07/05/2018, quedando sen consideración outros aspectos relevantes sinalados no referido informe sobre os que non se aporta ningunha novidade, non entanto, emítense no presente informe, así como nos referidos no mesmo emitidos pola Área de Calidade das Augas e pola Área de vertidos da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de augas de Galicia e polo Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica da Xerencia de Augas de Galicia, consideracións o respecto que deberán ser tidas en conta, xunto coas emitidas no informe de Augas de Galicia emitido o 07/05/2018, os oportunos efectos procedementales.Estas consideracións emítense estritamente en base ó nivel de definición e de detalle co que conta actualmente o proxecto. Tal nivel, como se ten posto de manifesto, continua a ser insuficiente en moitos dos aspectos relacionados coa súa afección ó medio hídrico, motivando que, neste momento procedemental, non se poda asegurar que o proxecto non vaia causar impactos ambientais significativos.”
08/02/2019
A Dirección xeral de Patrimonio Natural emitiu un “informe sobre documentación complementaria” que repite, en liñas xerais, as conclusións do informe do 26/04/2018.
06/06/2019
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior emitiu un informe non desfavorable nin condicionado, que indica que esa dirección xeral deberá elaborar un Plan de Emerxencia Exterior, e previamente o titular da explotación deberá elaborar a Política de prevención de accidentes graves, o Sistema de xestión da seguranza, e o Plan de Emerxencia Interior, todo elo consonte ao Real Decreto 975/2009.
No trámite de consultas a organismos, ademais dos informes antes referidos, recibíronse outros:
A Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu un informe con valoracións diversas en relación co estudio de impacto ambiental.
O Concello do Pino emitiu un informe no marco das súas competencias, sen obxeccións distintas da obriga de obter autorización sectorial, aínda que realizando consideracións diversas.
O Concello de Touro emitiu un informe no marco das súas competencias, sen obxeccións distintas da obriga de obter autorización sectorial, aínda que realizando consideracións diversas.
A Federación Ecoloxista Galega alega que non conseguiu os datos administrativos para valorar as supostas consecuencias dun proxecto pretendidamente máis amplo que o sometido a información pública. Considera que o proxecto de explotación presentado non se corresponde coa explotación pretendida, argumenta fraccionamento de proxectos debido á existencia no entorno de permisos de investigación para substancias iguais ou similares. Alega ocultamento da verdadeira dimensión do proxecto de explotación pretendido. Mestura as alegacións con solicitudes de acceso a información ambiental, con mencións a causas de caducidade.
Por outra banda expón que non se debería autorizar un proxecto de explotación sobre unha superficie en proceso de restauración e que a afección ambiental do proxecto de explotación actual sería moito maior que a da realizada nos anos 70-80.
A Sociedade Galega de Historia Natural realiza consideracións relativas a aspectos medioambientais enmarcadas no procedemento de Avaliación ambiental.
Os informes foron remitidos a Cobre San Rafael, SL para que manifestase canto considerase oportuno en defensa dos seus intereses. Como consecuencia destes informes incorporou ao expediente diversa documentación complementaria.
20/09/2019
A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un Informe favorable.
Durante o período de información pública recibíronse un total de 2588 escritos de alegacións. tanto favorables ao proxecto por motivos socioeconómicos sempre que se cumpra a lexislación aplicable, como contrarias ao proxecto aducindo motivos eminentemente medioambientais.
Entre os escritos de oposición, basicamente idénticos no seu contido e en moitos casos presentados varias veces polos mesmos alegantes, establécense, ademais de motivos medioambientais, que teñen sido analizados no procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental polo órgano medioambiental, os seguintes motivos de oposición relacionados coa tramitación do procedemento administrativo e a lexislación propiamente mineira.
Entre outras cuestións plantéxanse dúbidas sobre (…) a falta de xustificación da viabilidade do proxecto e da solvencia da empresa (…). En canto á suposta falta de xustificación da viabilidade do proxecto e da solvencia da empresa, a documentación presentada xunto a solicitude contén información suficiente para determinala.
30/01/2020
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto Ambiental da Actualización do proxecto de explotacion da concesión derivada do permiso de investigación “San Rafael núm. 2946”, nos concellos de Touro e O Pino (A Coruña), promovido por Cobre San Rafael SL, de sentido desfavorable, ao considerar que o proxecto non acredita a ausencia de afeccións significativas sobre o ciclo hídrico e sobre as masas de auga afectadas nin conta coa conformidade do órgano competente; nin acredita a integridade da ZEC “Sistema fluvial Ulla-Deza”.
A Declaración de Impacto Ambiental do 28/01/2020 considera que o proxecto da concesión derivada do permiso de investigación “San Rafael número 2946” nos concellos de Touro e do Pino, situados na provincia da Coruña, promovido por Cobre San Rafael S.L (2017/0084) non acredita a ausencia de afeccións significativas sobre o ciclo hídrico e sobre as masas de auga afectadas nin conta coa conformidade do órgano competente; nin acredita a integridade da ZEC “Sistema fluvial Ulla-Deza”, polo que se formula desfavorable, por non quedar acreditada a ausencia de efectos significativos sobre o medio ambiente, de conformidade co disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
No expediente administrativo consta un informe no que se establece que, con independencia do resto dos aspectos, o resultado desfavorable da Declaración de Impacto Ambiental debe ser determinante sobre a resolución que recaia na solicitude de Cobre San Rafael, SL, de aprobación da actualización do proxecto de explotación vixente de cobre de Touro, e o seu plan de restauración.
08/02/2021
Os servizos técnicos adscritos á xefatura territorial informaron sobre a solicitude de actualización dos proxectos de explotación e restauración.
24/02/2021
Resolución pola que se denega a aprobación da Actualización do Proxecto de Explotación e Plan de Restauración da concesión de explotación San Rafael, num. 2946, nos concellos de Touro e O Pino.
#Minaría
Atalaya Mining insiste; Touro resiste
Un proxecto que tería sido ilegal en China
Marchan. Os case mil días de Touro
Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas