Reflexións sobre o proxecto mineiro Touro: a zona de auto-rescate
Steven H. Emerman
Estou moi agradecido pola oportunidade de reflexionar sobre a recente decisión da Xunta de Galiza de rexeitar a proposta da mina de cobre Touro. A modo de introdución, son profesor xubilado de xeoloxía e agora consultor mineiro a tempo completo. Non me opoño á minería nin á minería a gran escala nin á minería de cobre nin de ouro nin de calquera outra materia prima. Opóñome ás catástrofes ambientais, aos desastres financeiros, ás violacións dos dereitos humanos e ás mortes accidentais de traballadores mineiros e veciñanza das comunidades.
En decembro de 2018, Isabel García Vila pediume que revisase os plans para a presa de relaves [residuos] para a mina proposta. Decotío pregúntanme: cal é o peor plan mineiro que revisaches? É difícil responder esa pregunta porque os plans mineiros poden ser deficientes de moitas maneiras diferentes. Con todo, nunca vira un plan mineiro que mostrase tanto desprezo pola santidade da vida humana como o plan para a mina Touro.
O proxecto era colocar a presa de relaves de 81 metros de altura a 200 metros pendente arriba da aldea de Arinteiro. A distancia desde Arinteiro non se mencionou explicitamente no plan, que tampouco contiña ningún mapa que mostrase a relación entre a infraestrutura mineira e Arinteiro. Cando as presas de relaves fallan por licuefacción, a inundación de relaves viaxa a unha velocidade mínima de 20 quilómetros por hora. Sobre esta base, Arinteiro sería enterrado en menos de 36 segundos. En Brumadinho (Brasil), a inundación de relaves viaxou a 120 quilómetros por hora, polo que Arinteiro tería seis segundos de vida. Mesmo se os relaves non sufriron licuefacción, un desprazamento da presa pode estenderse até dez veces a súa altura, ou 810 metros no caso da presa de relaves da proposta de Touro.
En xuño de 2019 visitei o sitio da mina xunto cos residentes de Arinteiro. Parámonos na aldea e miramos cara arriba pola empinada pendente onde se proxectaba levantar a presa. Parámonos alá arriba, no sitio da presa de relaves e miramos cara abaixo pola empinada pendente cara ás casas de Arinteiro. Aquí é onde o meu faltan palabras na vosa lingua para definir o que pensei. Non coñezo palabras máis fortes que tolemia e absurdo.
“Cando as presas de relaves fallan por licuefacción, a inundación de relaves viaxa a unha velocidade mínima de 20 quilómetros por hora. Sobre esta base, Arinteiro sería enterrado en menos de 36 segundos.”
Vale a pena considerar as regulacións mineiras en España en relación co resto do mundo. Brasil define como ‘zona de auto rescate’ (‘zona de autossalvamento’ en portugués), a zona na que cada persoa debe rescatarse a si mesma porque non haberá tempo para o rescate desde o exterior. A zona de auto rescate esténdese 10 quilómetros augas abaixo desde unha presa de relaves ao longo do curso do val, ou a distancia que a inundación de relaves cubriría en 30 minutos. O parámetro que sexa maior. Está prohibido construír unha presa de relaves onde haxa unha poboación en zona de auto rescate. As autoridades reguladoras poden aumentar a distancia a 25 quilómetros dependendo da densidade de poboación e do patrimonio natural e cultural afectados. Ecuador adoptou as mesmas regulacións. En China está prohibido construír unha presa de relaves dentro dun quilómetro augas arriba dunha área poboada.
O feito de que se propuxera un proxecto mineiro en España que en China sería ilegal debería ser motivo de pausa e reflexión.
Alegroume saber que a Xunta rexeitou o proxecto mineiro proposto. Con todo, decepcionoume un pouco que as razóns se relacionasen principalmente cos impactos nas augas superficiais e subterráneas, en lugar das ameazas inmediatas para a vida humana. A miña recomendación é que non se constrúa unha presa de relaves onde haxa unha poboación que resida dentro dos 25 quilómetros augas abaixo da presa. Baixo ningunha circunstancia.
Utah (EUA), 3 de marzo marzo de 2020.
O autor
Steven H. Emerman
Científico e propietario de Malch Consulting, empresa radicada en Utah (EUA) dedicada a avaliación dos impactos ambientais da minaría que traballa tanto para empresas do sector como para administración públicas e colectivos de defensa do territorio. É doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, e ten estudos en matemáticas (Universidade Estatal de Ohio) e un mestrado en xeofísica (Princenton). Foi profesor na Universidade de Utah Valley. É un experto en hidroloxía.
Touro
Cando Touro e O Pino dixeron “ata aquí”
Unidade e mobilización para parar Touro
Marchan. Os case mil días de Touro
Zona franca non rexistrable
Touro acumula contexto
Actualidades
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
1 comentário em “Un proxecto que tería sido ilegal en China”
Canta demagoxia e canta mentira…