Unidade e mobilización para parar Touro

Xocas Rubido

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

O proxecto era unha ameaza non só para a contorna inmediata da antiga mina, senón tamén para ría de Arousa que está situada a uns 60 quilómetros Ulla abaixo. A gran dificultade que tivemos foi dar a coñecer de xeito convincente á sociedade da ría o perigo dunha contaminación silandeira que chegaría diluída nas augas do Ulla e que non se ve. Asemade, tivemos que coordinar o traballo social con numerosos colectivos radicados no interior, lonxe da nosa ría.

Estes foron os dous desafíos aos que nos enfrontamos e que significaban un salto cualitativo para sermos capaces de transmitir o perigo real existente e levar adiante actividades organizativas nos trece concellos da ría, ao mesmo tempo que coordinabamos e planificabamos iniciativas conxuntamente cos outros colectivos (antimina, sindicatos, ecoloxistas…).

O balance destes dous anos e medio de traballo é moi positivo e deixa canles de comunicación fluídos e unha unidade entre a xente do mar e do interior descoñecida ata o de agora, que nos dá unha maior capacidade de resposta no caso de que Atalaya Mining intente unha nova agresión ao noso territorio e á nosa forma de vida.

A unidade e a mobilización social amosaron que é posible parar un megaproxecto dunha multinacional mineira, a pesar da súa capacidade económica e de influencia política no goberno da Xunta de Galicia e nos medios de comunicación.

Nestes case tres anos, as consellerías de Industria e Mar abandonaron a obrigada posición institucional de neutralidade –por causas aínda non desveladas– e foron as promotoras e divulgadoras das excelencias deste proxecto, defendéndoo en reunións cos sectores produtivos como se foran a propia empresa e esquecendo, a señora conselleira Rosa Quintana, a súa obriga institucional de defender os sectores produtivos da ría de Arousa.

Polo tanto, non é certo que fose só unha decisión técnica, porque existía un posicionamento político favorable ao proxecto que motivou un alongamento do procedemento de avaliación de impacto ambiental fóra dos prazos establecidos na propia normativa e tamén a permisividade nos tempos para que a empresa alegara e achegara documentación.

Como podemos explicar, neste contexto, unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa?

Manifestación no Obradoiro contra a mina, o 10 de xuño de 2018 [@PDRA]. A imaxe de portada: contaminación nun regato próximo á mina en marzo de 2019 [@Cornado MINA NON]

Definitivamente, influíu a proximidade electoral nun escenario de incerteza e debilidade do partido no goberno que era consciente dos custes ambientais e sociais que supuña a aprobación do proxecto e da súa repercusión no eido electoral.

Desde logo, un factor clave foi a mobilización popular acadada que constatamos no apoio de 45 concellos á moción contra a mina –na maioría dos casos por unanimidade– e na multitudinaria manifestación o 10 de xuño de 2018, que rematou nunha praza do Obradoiro na que non collían as e os manifestantes. Outros factores foron a activación da Fiscalía de Medio Ambiente e a presión da UE. Lembremos que a Presidencia da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo (PE) foi coñecedora da DIA antes que as afectadas; e que o PP está intentando por todos os medios posibles evitar que se desprace unha comisión do PE para investigar a situación da minaría na Galiza. Mais, definitivamente, influíu a proximidade electoral nun escenario de incerteza e debilidade do partido no goberno que era consciente dos custes ambientais e sociais que supuña a aprobación do proxecto e da súa repercusión no eido electoral.

Realmente, aínda que formalmente a DIA declara insostible o proxecto, o bafo que alimenta esa resolución é o custe político-electoral da insostibilidade socio-económica e ambiental. Quen asume os custes de quince anos de actividade cunha contaminación que tarda só 12 horas en chegar á ría de Arousa?

Lembremos que o 10% das descargas españolas de pesca fresca e case o 70% da produción española de mexillón prodúcense na ría de Arousa; o sector pesqueiro e marisqueiro xera arredor de 170 millóns de euros anuais en primeira venda e produce e reparte moita máis riqueza –entre a poboación– que os beneficios –para os accionistas– declarados por Atalaya Mining nos seus 15 anos de actividade na mina de Touro-O Pino.

Gañamos parar este proxecto concreto agora, mais a concesión mineira segue aí e temos que estar preparadas ante a posibilidade real –en función do prezo do cobre– doutro proxecto co novo goberno que saia das eleccións autonómicas do 5 de abril e, ademais, cunha lexislación máis favorable. A megaminaría é como unha sambesuga que, oportunista, nos chucha o sangue, debilítanos e enférmanos, róubanos e deixa a súa pegada contaminante para as xeracións futuras.

Polo tanto, celebremos este triunfo colectivo e sigamos adiante nas nosas xustas demandas en defensa dos bens públicos –terra, ríos, rías, auga, paisaxe– que son o sustento dos nosos sectores económicos e as raigames do asentamento da poboación, mais tamén da nosa identidade como pobo e da nosa cultura.

Sigamos adiante, esixindo responsabilidades porque a antiga mina xa leva 33 anos contaminando as augas superficiais e soterradas da contorna, os afluentes do río Ulla e as zonas ZEC, sen ter autorización de vertido.

Sigamos reclamando a restauración completa da mina e da súa contorna.

E, finalmente, sigamos loitando para conseguir a cancelación dos dereitos mineiros que son a base de calquera proxecto futuro.

O povo é quem mais ordena.

Vilagarcía de Arousa, 17 de febreiro de 2020. 

O autor

Xocas Rubido

Xocas Rubido

Presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Este texto reflicte as valoracións da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) ao respecto da denegación do permiso ambiental á empresa Cobre San Rafael-Atalaya Mining, impulsora dun proxecto de megaminaría a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino.

Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

Outras valoracións

Zona franca non rexistrable

Unha reflexión de Ana Varela, do colectivo ecoloxista Petón do Lobo, sobre o futuro da loita veciñal contra o proxecto mineiro en Touro e O Pino.

Prados, bosques e explotacións gandeiras en Bama.

Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)

As máscaras. O engano. O veleno nas mans de quen chega para arrincar os metais metendo os dedos por baixo da nosa pel e turra. Os camións a pisotear o resto. O roubo, o espolio, a precariedade e o engano; as botas da morte na nosa cara. Canto tardan en sandar as feridas dunha guerra?

Deixe um comentário

Deixe um comentário